martes, 19 de outubro de 2010

Percorrido do Sil antes do embalse I (+ enlace co video da obra)

O catamarán, embarcación formada por dous cascos laterais unidos por unha plataforma, prendeu os motores e axiña comezou a virar a proa cara abaixo, amodiño, mais ós poucos espreguizou que metía medo... un bocado máis arriba, a ponte de Paradela que xungue Caldelas coa terra de Lemos. O guía turístico despois da benvida e dos datos da derrota da viaxe, enmudeceu un bocado. Eu, mentres, continuaba a ollar as viñas de Doade descolgadas en socalcos, que por esta ribeira chamamos pataos, coa boca pecha e os ollos abertos, pensando nas miñas cousas, pois os que xa peiteamos canas estamos a cada pouco, dálle que dálle, cavilando como fan os burros que a maioría son filósofos.

O catamarán está arribando á altura da ribeira da Teixeira: este tramo do río recibía o nome de o Cachón, lugar onde verte as augas fuxidías a fervenza do regato dos Vaos. Naquela, os mozos de caldelas que andaban na cava das viñas mataban o tempo de repouso, ó final de cada fila de cepas, de troula mentres esperaban ós últimos en arrivaren á cabeceira de cada patao, berrando aturulos de 'benquerenza' ós mozos de lemos: "Ai, hooo...! A túa nai cando pariu cantos rellos trouxo, hooo...?", dispensando os vulgares falares. Noutra banda, só chegaba o resón entrecortado da mensaxe polo ruxerruxe da auga que baixaba de présa, a cachón: hooo...tro...hoo!"En chegando ó final da fila, eran momentos de falar a berros ós veciños doutra ribeira,  de tirar da petaca e de liar un pitillo para darse un aire, que ós mozos ben lles cumpría ergueren os ollos da terra e poder albiscaren un futuro con porvir, que noutra banda está o lugar que lle chaman a 'porta doada', e máis lonxe o camiño de ferro que parte dende Monforte cara Barcelona, Bilbao... Europa. 'A loita coa gancha', un dos mandamentos dos riberaos, dende o amencer ata ó solpor, amolegáballes as costas, mais a mente teimaba con outros quefaceres máis doados e mellor pagados: abofé que o choio dos devanceiros estába comido do demo, un rural de ninifundios onde non había máis que repartir, de socalcos, traballando coma burros ou, se queres como heroes, e para que... "Ai, hooo..! Caldeláos, baixade ó medio do río, de terdes c..., que para todos vós abonda un de nóóós...! –era a réplica en liña de Lemos con Caldelas. Outras veces, competían en guindaren coios máis lonxe ou quen era o máis destro en 'caparen' o río con cachos de tellas ou cunha lasca de pedra que rebotaba, brincando varias veces na auga, abrindo sucesivas ondas que ían  morrendo pouco a pouco nun lene ronsel. 

A media máquina, co ruxerruxe dos motores respetando o entorno, o catamarán chegou á desembocadura do río Mao. Axiña virou á babor, para meterse con tento pola súa garganta ata parar en liña entre Cristosende e Barxacova. Ollando ó redor coma un periscopio: viñas, hortas, soutos, amieiros, carballos, sabugueiros. Tirando cara arriba polo río pequeno, a pasarela á beira do Mao, a antiga fábrica de luz, covertida nun albergue, subindo un pouco máis, a únha carreiriña dun can, a parroquia castrexa de San Lourenzo coas tumbas antropomorfas de seu no lugar de san Vitor, preto das fervenzas de augas brincadeiras que baixan dende a ponte de Conceliñas atizadas polas basoiras das meigas. O barco parou un bocado para contemplar este lugar tranquilo, onde se pode escoitar ata o mesmo silencio peneirado coas voces da natureza: chíos e rechouchíos dos merlos, pardais e xílgaros... un recuncho perdido do mundo; de cando en vez, o canto dun galo, un ladrido dun can. Dous mozos remaban en cadansúa canoa polo medio do río, sentindo dende o barco o choupeo monótono das palas, ó caeren nas augas quedas da presa. Neste lugar, onde fondea o barco, no río virxe de antano, había unha humilde ponte de madeira que xunguía as dúas aldeas devanditas e mais o muíño hidráulico do Sergio, onde acudía de cando neno dúas veces por mes a moer un saco de millo, cebada ou  de centeo montado na mula da casa, chuliño coma un oito. O vilariño de A Ponte desapareceu asolagado baixo estas augas, agora mortas.

O catamarán, despois desta corta escapada de cabotaxe, virou retornando lixeiro ó río grande: o Sil, o pai de todos. Á babor: a Central do Regueiro, Meixide, Porto, A Barxa, San Fiz, Sacardebois, Chandrexa e alá enriba: a capela de Triguás. A estribor: Amandi, As Forcadas, Pinol, Sampil, Cimadavila, Santuario de Cadeiras, Portabrosmos e mais A barca de baixo.

Os ribeiráos destas pintorescas aldeas plantadas cun ciprés, dunha e doutra banda do Sil, ollaban tristes, de cando o encoro, mentres choraban bágoas dos ollos, como se ía enchendo o embalse: as augas ían cubrindo os pataos das viñas, os eidiños, os soutos, hortas, muíños, capelas, pontes e fontes, fornos e ata a mesma casa onde naceran pequenos e mais grandes, sen esquecer os que moraban dende antano no cemiterio da parroquia de san Martiño de Sacardebois. Como che estaba contando, en primeiro lugar, a auga cubría as viñas e mailos eidos que había por baixo das casas; logo, comezaba a entrar nas adegas e cortes de porcos e mais ovellas; ó día seguinte, xa se deslizaba coma unha serpe intrusa pola gateira da porta da casa; en poucos días, ía rubindo polas paredes ata cubrir as fiestras das alcoba e así, deste xeito, centímetro a centímetro, gañando rango, ata cubrir os tellados, asolagados por completo baixo as augas invasoras. En san Fiz, só quedaba sen cubrir o viraventos do campanario da capela co galo cativo, marcando un destino descoñecido para os ribeiráos, quedando ás vistas como testemuño do que fora antano este lugar e como sinal de aldea desaparecida, convertida dun día para outro nun cemiterio de lembranzas.

A construción do encoro de San Estevo (Video da obra), inaugurado por Franco en 1955, cambiou, non só a paisaxe da ribeira de Parada de Sil, senón tamén as costumes e modos de vida de moita xente coa emigración a outros lares de lonxe.

xoves, 14 de outubro de 2010

Un domingo de agosto



Mes de agosto; daquela, un lameiro de 10 carros de herba derivou hoxe nunha incipiente carballeira, abofé que choveu de abondo dende entón; os anos pasados mesmo fixeron medrar os carballos lindeiros da poula.
O meu pai andaba cos homes segando a herba no lameiro de Caborriba, preto de Forcas. De cando en vez os segadores de gadaña paraban para afiar, darse un aire, liar un pito da petaca ou botarlle a man ó pescozo da bota para mollar a palleta.
Estando entretidos nestes pormenores, parolando de cousas de aquí e de acolá, de súpeto dixo Celso, suxeitando a gadaña coa man esquerda, mentres a dereita tentaba a pedra de afiar no cabazo que colgaba do cinto: “Estámosche todos en pecado mortal, por non acudirmos á misa e traballar un domingo: de morrermos hoxe, todos ó inferno”.
–Certo como hai Deus. Está na doutrina da Igrexa e nos seus mandamentos que predican os curas –confirmou o meu pai.
–Os curas… os curas son uns ateos! –sentenciou Cándido, un rapazolo a piques de ser chamado a filas, con poucas ideas no seu caletre e as máis delas desbotadas por confusas.
–Os que din seren ateos, son os que máis falan de Deus –puntualicei eu, mentres esparexía a herba dos liñós, seguro do que dicía, por ser daquela seminarista dos últimos anos de latín.
Entón Ernesto da Miranda, un home de casca amarga, asucado de engurras dende que servira á República de cando a Guerra, sen parar mentes, berrou dende o fondo do lameiro, enarborando a gadaña coma un toleirán, fiel ó principio racionalista cogito, ergo Deus non est :“Non hai Deus por ningures, me cago en sandiolo”!, blasfemou, sen reparar na contradición.

E coa firmeza da tese do Ernesto, reforzada coa gadaña, concluíu a espontánea discusión teolóxica. Calados como mouchos, os homes continuaron a segar cada quen o seu liñó cara abaixo ata mollar os pés no regato de Senra, mentres se deixaban ouviren os machos, co seu zunzún metálico e persistente, reclamando favores ás carricantas femias ó solpor de aquel domingo de verao. Parada de Sil, o corazón da Ribeira Sacra.

luns, 11 de outubro de 2010

Alto está, barbas ten...



Alto está, barbas ten e, cando lle dá por rir, perde todo o que ten. A xente de Sacardebois, na Ribeira Sacra, vive alegre como unhas castañolas. En troques, os que moramos noutros lares xa non che estamos para asar castañas,tantos anos buscando a vida co estrés que é de seu aquí, na diáspora, onde ninguén nos vai quita-las castañas do lume. Se te botas a durmir como unha castaña no ourizo, mesmo che vai estalar unha castaña na boca ou apañar unha castaña no medio do cocote, pois hai xente máis falsa e mentireira ca unha castaña podre, non vale logo que estoupes a rifar como unha castaña bolerca. Abofé que non. Manda castaña! Que ben viviamos antano, sendo pobres sen un can no peto, pero ricos por dentro cun prato de caldo de nabizas, unhas castañas asadas, un vaso de viño novo e mais uns cerrotes encima da prancha da cociña, mentres botabamos unha brisca de seis para xogar un cuartucho de figos pasos  e que chova, manda castaña cos tempos fuxidíos...!

xoves, 7 de outubro de 2010

Pensamentos dun veño ó carón da lareira



1.- Din que é a alma
Mes de novembro. Sacardebois. Día tristeiro, de defuntos. Entre catro homes levaron ó Félix perante o altar, a render contas ante o Altísimo. A néboa que suaba o río, mentres viña rubindo devagar, brincando os pataos das viñas para se meter polo ventanuco da igrexa. O cura lavoulle as culpas co hisopo. Os familiares do finado choraban, rompendo o silencio plúmbeo da cerimonia.
    O defunto entón, reconfortado cos responsos, abriu un ollo e destilou unha bágoa de despedida. A néboa pousou encima da caixa do defunto, envolvéndoa co seu manto frío. Logo, escapou bufando coa bágoa do Félix polo fachinelo da igrexa. Din que é a alma.

2.- Fuches a Santiago? Fun, porén non o vin coas casas
Remataba o verán. Ó anoitecer, está o Antonio da Miranda, satisfeito, na porta da súa palleira chea de herba cunha aixada na mao cavando un reguiño, porque comezaban a pingaren as tellas do beirado. Axiña caeu auga más porfiada, choutando a chuvia no chan coma os pardaus pican no gran, e díxolle o Benxamín de Senra dende o alto do cabalo que ía cara Forcas, erguendo a cabeza para esculcar o negro neboeiro que cubría o lugar: "no setembro, xa sabes, ou secan as fontes ou tira a auga coas pontes".
    Onde máis chove de toda Galicia é en Santiago. Fuches algunha vez a Santiago? Fun dúas veces, aínda que non o vin coas casas –contestoulle o Antonio da Miranda.

3.- Ós dezasete anos fun o pai dos pais
Conta o señor Vitoriano de Mouca, no libro A cinsa do vento, unha tardiña de verao sentado nunha saca, pois a pedra espida –dicía– roe moito o cu: "con dezasete anos, aínda un rapazolo, botei polo mundo trala roda de afiar. Dende entón, fun o pai dos meus pais". Os pais deixáronnos os camiños para andar, non tiñan outra cousa.

4.- Na pía da auga bendita, beben agora os cans
Os tempos van mudando. Mosteiros, capelas, petos de ánimas, cruceiros. Lugares de rezo e de tormento. Salvadores da nosa alma: curas, freires e freiriñas, bispos e beatas, ceos, purgatorios, limbo de xustos e de dindáns, penitencias, autos e infernos. Pero duns anos a esta parte, a xente xa non mira por gañar o ceo. 
    Están a correr, nas tribunas e palestras actuais, aires iconoclastas e laicistas: na pía da auga bendita dos mosteiros, comen os porcos e beben agora os cans.

5.- No fiadeiro de Aguil, dúas vellas e mais un candil
Aquí non roxe ninguén. A vida está comida do demo. Os adiantos chegaron tarde: Deus dálle panos a quen non ten mocos. A xente moza emigrou e as aldeas van morrendo. Seica que van erguer unha Residencia da Terceira Idade no concello de Parada do Sil para meternos alí a todos. Ós vellos. Aínda che quedamos ben deles, pero din que andamos ciscados polos vilariños das parroquias. Buscan reducirnos. 
     Goberno matina en pechar as aldeas e en atrancar a estrada con cancelos. Quérennos varrer dos lugares, que nos tiren ó río e que nos coman as troitas! Están falando de substituírnos por xabarís, lobos e cabras...pero aínda quedarán as pedras, que falan soas.

6.- Ós vellos, o que nos cómpre agora é calor
Os vellos quéixanse baixiño, mais seguen traballando: saben eles o que se lle esqueceu ó demo. Os anos pasan. Son malos compañeiros. Vida, mentireira, canto me prometiches, cona que te pariu, fúcheste nun sopro! Ó cantar o galo, prendo o lume e meto as maos no fogón. Coas maos quentes coma roxóns, xa podo comezar a rebulir pola casa, malia que o meu fatigado e solitario corazón hai anos que non quece co cariño e agarimos de ninguén. Este inverno, está coma entumecido.Un mal día, cálaseme.
    Ós vellos, o que nos cómpre agora é calor.

luns, 4 de outubro de 2010

El otoño en la Ribeira Sacra por Antonio Carreño


En la Ribeira Sacra ya estamos en pleno otoño, el conocido estío en las referencias de nuestros clásicos, en los aledaños del camino de Santiago, continuamente transitado ya cunde la neblina en las mañanas musgosas. El aire adquiere una prístina densidad, y un vibrante airecillo, a veces tenue, aturde las hojas más livianas que, en breves giros, caen pausadamente. Los tupidos erizos de los castaños prometen una rica cosecha por estos agros que yo camino, en esta mi aldea, a la caída de la tarde. La uva mencía, por las pendientes de Sacardebois y Cristosende, aún con un suave tono morado, incrementa día a día aroma y azúcar, y ya ennegrecida, pasados los meses, será alivio, consuelo y jolgorio, con las delicias de un vino marcado por su origen sacro y ribereño. A un tiro de piedra, al otro lado del Cañón del Sil, la robusta iglesia de Cadeiras, cuya música festiva deja una cadencia en eco por las oquedades del Cañón. Se conmueven las piedras. Y el gavilán, espantado, se aleja revoloteando, río abajo, hacia los apacibles sotos que bordean el vetusto cenobio de Santa Cristiana. Con razón: Ribeira Sacra. Antonio Carreño, La Región.

sábado, 2 de outubro de 2010

Festa do Magosto, en San Martiño de Sacardebois

 
Festa do Magosto, en Sacardebois, declarada a mellor festa rachada da contorna. Ofrecemos: unha fogueira de cozos de castiñeiro para quenta-lo campo da festa e poder quecer, bailando, ó seu redor; puñadas de castañas asadas para quenta-las maos e adoza-la boca; orquestra para escoitar, ollar e danzar deixándote levar polos arrolos do mellor tinto da Ribeira do Sil, gratis; chourizos asados ó inferno, quentiños, dentro dun chusco de pan preparados pola Rosita e mais outras mulleres da parroquia de campaneiros e papeiros co gallo de non choraren as barrigas de naturais e foráneos, tamén gratis; e, mesmo, un mangado de apertas a tódalas persoas que veñan a visitarnos á festa do magosto, ó abeiro dunha longa carpa, non se vaian a presentar para afoga-la festa as chuviscadas do outono.

En resumo: lume de cozos de caracochas centenarias, música de orquestra ó compás de fermosas cantantes que bailan, lixeiras, a corpo solto, abano de foguetes de cores que soben ó ceo disipando neboeiros, castañas asadas das últimas pingas chimpadas polo vento, chourizos asados na brasa de cozos de cepas vellas, viño novo de mencía do Outeiro e mais apertas cumpridas que che han de quenta-lo corazón, quizais triste pola caída da folla ou magoado polos pasadíos brotes verdes, xa murchos, da recuperación económica que, segundo parece, nestes lares vai abrollar serodia. Ven ó Magosto de San Martiño de Sacardebois: a mellor terapia para a crise. O día 10 de novembro 2012.


Unha fogueira de cozos,
de caracochas, ardendo.
Festa dos druídas,
é o inicio do inverno.

Estoupan os foguetes,
nos eidos, ermos.
Estoupan as castañas,
na cociña quente de ferro.

Brasas de cozos de cepas vellas,
chourizos asados, lume do inferno.
Viño novo, mencía, das Albeanas,
xerro de Gundivós, espumando, dos cubetos
 



mércores, 22 de setembro de 2010

A mestra de Barxacova


 A señorita Enedina, este ano no setembro, xa non volveu a facerse cargo da escola unitaria de Barxacova, pero na aula, impregnada dos recursos do ensino, aínda se notaba a presenza da súa aura: a bata branca salpicada de borranchos de tinta, colgada do gancho do armario; un tinteiro seco, encima da mesa; o mapa de España coas provincias espalladas pola pel do touro ibérico, colgado da parede; o encerado, con cachos de xices na repisa; a Enciclopedia Álvarez: un libro por cada grado, alí no fondo do armario, coa porta a medio abrir. Outros poucos libros de historias exemplares completaban a biblioteca da escola unitaria de Barxacova. Na parede, un crucifixo e mailos retratos de Franco e de José Antonio. Encima da mesa da recatada mestra, descansaba unha vara pelada de castiñeiro bravo.

A Mestra Nacional, dona Enedina Folgoso da Pena, cumprira 70 anos o curso anterior: tiña merecida a xubilación que lle brindaba o Estado. Un bo día, chamaron á fábrica da Fenosa que había á beira do río Mao que tiña teléfono conectado con Monforte, e don Xesús, o director da mesma, mandou recado para que acudise alguén de Espartida á parada do coche de liña que ían mandar da Delegación una nova mestra. Honorio, de pouca presenza, e mais a súa muller, Aurora, tamén pequeneira pero máis lucida de mente, unha das familias máis educadas e devotas do lugar, vestiron camisa limpa e subiron, lixeiros, camiñando pola pista ata o apeadeiro do coche de liña, que acostumaba pasar ás sete e pico da tarde. Na espera do bus, a parella de Espartida estivo a parolar de como haberían de falarlle, pero estando entretidos con estes pormenores, arribou o coche de liña Barreiros coa señorita Melinda. E con ela, chegou a revolución a Barxacova e mais a outros lugares ciscados pola Ribeira do Sil, dado que a sona espállaa o vento das faladurías de acó acolá de maneira caprichosa, chegando a ser a mestra de Barxacova tema de conversas nos faladoiros dos cruceiros, nos atrios das igrexas á saída da misa, nas cantinas tomando o vermú e ata ó carón dos mesmos potes que andaban a destilar augardente.

Namentres, o revisor rubía pola escaleiriña ó teito do bus na procura da equipaxe da señorita, o chofer abriulle a porta e tendeulle a mao para descender do autobús coma unha princesa, non se fose a mancar. Deseguida, Honorio pegou os ollos nela, non atinando xeito de como  saúdala.

–“Usted debe ser la nueva maestra” –díxolle Aurora, tímida, mentres lle tendía a mao.
–“Me llamo Melinda” –contestoulle con dous bicos.

Honorio, cunha maleta en cada mao, seguía de pé cos ollos abertos como pratos, pasmado, pois estaba a pensar para os seus adentros: 'como podería haber mulleres tan ben feitas e así de fermosas, con aquel pantalón pirata que lle estaba cinguir a cintura de avespa, aqueles ollos arrebatadores que che engaiolaban o sentido, co vaivén de nádegas de femia lúbrica que lle gusta insinuarse, a medio vestir con aquela blusa branca cun talle de menos a piques de saltarlle os botóns, arresquilada de máis, remarcándolle o contorno dos peitos, prominentes, como querendo brincar fóra das cazoletas'.

–O meu home, Honorio.

A señorita Melinda, xenerosa ela de por si, estampoulle dous sonoros bicos que o deixaron aínda máis aparvado, axiña lle veu unha risa nerviosa, que mesmo che daba vergoña ver a un home de pelo en peito, arruinando o orgullo de seu desta maneira. Comezaron a baixar a petada: Honorio apandaba coas maletas por detrás das mulleres; a cada pouco, pousaba para fitar, mentres se daba un aire, a silueta curvilínea e insinuante da mestra que camiñaba, paseniño, sorteando os coios sobre zapatos finos de medio tacón.

Esta familia acomodou á nova mestra no mellor cuarto da súa casa: unha alcoba pisada con táboas de castiñeiro, paredes brancas e con faiado novo, un leito amplo de matrimonio con sabas de liño amidonadas, unha mesiña de noite cunha lámpada de luz difusa e mais un armario. Unha soleada ventá daba á propiedade dun home garboso que acudía á miúdo, cos seus fillos mozos, a coidar a viña de máis de vinte cavaduras que se alongaba dende as casas brincando de patao en patao ata mollar os labios do río, alá embaixo, ó pe do muíño do Sergio no vilariño de A Ponte, hoxe afogado polo encoro.

Dende o corredor de madeira, podía escoitar as fervenzas do río pequeno que baixaba brincadeiro, ás présas, atizado polas escobas das meiga dende máis enriba de Pradomao. Noutra banda, Cristosende, vila empoleirada no cumio dun outeiro: a unha muller tan fermosa cumpríalle esta linda paisaxe.

O día seguinte abriu a escola de Barxacova. No recreo, a señorita quentou auga para o leito en po. Pola tarde, encima da rebanda de pan centeo, un cacho de queixo de vola para os miúdos e logo, para rematar o día, cantaron unha canción de Rosalía de Castro: “Adiós ríos, adiós fontes, adiós regatos pequenos…”
Os nenos chegaron ás casas marabillados coa nova mestra.

–“A señorita Melinda non pega”–dicían os nenos ás súas nais.

“Non che me gusta nada esta mestra, como dona Enedina non vai vir ningunha, con bicos e garatuxas non aprenden os nenos as táboas de multiplicar, só cunha boa vara...! Non coñezo ningunha boa mestra que non tivese cara de can” –era a opinión dos vellos do lugar.

Ó segundo día, a clase de Ciencias tivo lugar nun eido que estaba a pasteiro e con varias árbores froiteiras ó pé das paredes: laranxeiras, cerdeiras, pavieiras. Os nenos estudaron os varios tipos de folla: caducifolias ou perennes, lanceoladas, dentadas; os pétalos e sépalos das flores; agarraron tamén tres grilos para contárllelas patas e mais unha vacaloura. Os raparigos, ó arribaren ás casas, estiveron a dicir que pola tarde foran a un eido apañar bechos coa mestra e que colleran unha vacaloura con cornos.

Os pais seguían desconcertados con esta nova mestra que non rezaba o rosario nin cantaban a listaxe dos reis godos. De onde saíu esta mestra...? –preguntaban.

Ó terceiro día, empolerouse encima dun pupitre para descolgar o crucifixo, a José Antonio e mais a Franco e axiña os pechou no fondo do armario. Logo, procurou a vara de dona Enedina, que endereitara a tantos nenos que naceran paiolos ou torcidos do caletre, e espetouna nun cesto como titor dunha laranxeira de catro follas.

A sona de dona Melinda espallou fóra de Barxacova. Abofé que a nova mestra ensinaba moito coa dozura e cariño de seu, sen esquecer a vida social: era a primeira en ir a comulgar os domingos feita unha Berenguela, camiñando paseniño coma unha modelo, tocada cun velo branco cara ó altar, alegría das rosas, coa cabeza ergueita, deixándose ollar por todos e engaiolando ata ó mesmo cura. E disque ata ó mesmo Mudo de Bouzas  lle escoitaron deletrear algunhas palabras soltas: "gua-pa! mira que estás ben re-ma-ta-da"! seica que berrou o Mudo rompendo o silencio que é de seu dentro dunha igrexa, neste caso na parroquia de san Martiño de Sacardebois.

            Se había que rubir ó alto dunha cerdeira, alí se empoleiraba ela cunha cestiña a coller cereixas, competindo vistosa e alegre co domingolirón sen preocuparse de coidar as posturas propias dunha señorita recatada: aberta de pernas, a carranchapernas a cabalo dunha póla e ata arrefucía a saia para estar máis solta entre as gallas da cerdeira, deixando ver a entreperna e mailas bragas rosas ós homes que acudían a súa beira como as abellas acoden na vendima a emborracharse de pracer nos cestos das uvas. Ós nenos, regaláballes caramelos; ós mozos, ofrecíalles as cereixas que lucía pendentes das orellas e da súa boca de fresa, regalando algún bico que outro, así como non quere a cousa, mentres ofrecía as cereixas: bicos, cereixas... elixir dos deuses.

A señorita era sabedora de como facer rabiar ós mozos. Non estaba de acordo en que ós gozos dos homes se lles chamase pecado nas mulleres. Gozar é darlle á natureza o que nos pide, que nin farrapos de gaita debe ser pecado. 'Teño que confesar, padre, que non me podo resistir a pecar no sexto mandamento da lei de Deus' –lle dicía ó cura, mentres a recibía en confesión.

Os máis guapos e garbosos andaban inquedos e celosos, matinando no momento e no lugar, onde podela obsequiar cunha aperta de corpo enteiro; malia de seren moitos os mozos a participar nos xogos da mestra, poucos eran os elixidos para xogos máis íntimos... Abofé que cos afortunados, eran fabas contadas, non se mostraba nada rañicas no namorisco, pola contra, a señorita a miúdo lles pedía recuncar nas caricias, nos escárceos e nas apertas cumpridas de corpo enteiro. Ó picarlle o sangue, amosaba agarimosa coma unha gata e bondadosa como un sol que dá, gratis, luz e calor por onde pasa, dado que desexaba compartir con eles o tesouro da súa mocidade; cando dela se tratar, non sería ela de poñer cancelas ó amor, nin a que se arredase ós triunfos de Venus. Abofé que non.

–“Quieres que conserve mis encantos para el otro mundo: lo que vayan a comer los gusanos que lo disfruten antes los humanos” –comentoulle outro día no confesionario ó párroco de Chandrexa, que montaba a cabalo dunha moto Derbi e que dicía misa sen sermón nin misericordias, de présa, como se tivese que ir apagar o lume.

Noutra ocasión, na cantina do Carreño, cun sorriso malicioso, en tanto o comía cos ollos, disparoulle outro dardo envelenado: “Te crees muy seguro con ese alzacuellos, pero un buen día también caerás en mis redes” –rosmoulle nunha orella, cos labios húmidos do vermú vermello, facéndolle cóxegas coa punta da lingua no pescozo, mentres acendía un sorriso coma unha rosa de primavera cos ollos pillos, escintilando bolboretas.

'Dona Belinda, ai! Que elegante, que simpática, sensual, agarimosa, refinada, gustosa, caprichosa... Pareces unha ninfa' –dicía o cura de Chandrexa, cando se escoitaba en confesión matinando en colgar a sotana.

Cando abría o ollo do sol, despois da primavera, íase bañar espida nos remansos do río Mao, como fada ou ninfa das augas. De tardiña, lavaba as peciñas das prendas íntimas de lencería fina no lavadoiro da fonte e púñaas a tender nas estacas da viña, onde daba a ventá da súa alcoba e por onde baixaban unhas escaleiriñas do corredor da mesma casa. O propietario da viña, un tipo de señor antigo, rico, cincuentón, bo mozo e con moita parola, ollaba o espectáculo, ó tempo de pensar que o invento das bragas, que naceran co santo propósito de acocharen as partes íntimas da muller, debeu saír o seu deseño do maxín do mesmo demo, que  pecan estas pezas máis de indecentes que doutra cousa, coma mantiñan, xa en tempos de antano, os freires dominicos, que coidaban das nosas almas coa sabedoría que dá o latín e mais a filosofía escolástica de Tomás de Aquino: “'De mulieres...' as mulleres mozas, que calzan nas súas partes pudendas estas peciñas de cores, pecan e fan pecar a máis homes cas que seguen na antiga usanza de andar coa vulva ó aire, con perdón; pois ademais do pecado de acción hai que engadir os pecados de pensamento e da intención dos mozos por matinaren en retirarlles o velo da cousa” –recordaba esta cita apócrifa para os seus adentros aquel home que usaba sombreiro de pano que mandou a un dos sete fillos a estudiar latines no seminario.

O último día de xuño de 1959, desto xa medraron os carballos, a señorita Melinda, doce coma a mel e linda coma unha flor, baixou outra vez a bañarse nas pozas do río Mao, que hai á beira da ponte.Un mozo, ó se decatar de que se encamiñaba ó río, seguiulle os pasos para espreitala núa detrás dunha cañota retorta dunha caracocha que hai nun souto ó pé do río pequeno. Ollou, con gusto, como se ía desprendendo da roupa: primeiro foi desabrochando a saia; logo, a blusa, un botón, outro botón, amodo, sen présas; por último, o suxeitador. Bragas non se lle viron. Despois, foise metendo pouco a pouco dentro das augas virxes que facía ben pouco traballaran río arriba movendo moas de muiños e de que pasaran triunfantes polo ollo da ponte de Conceliñas. Deseguida, comezou a nadar, gozando no seu hábitat, mergullando entre as troitas, pero de súpeto, desapareceu nas fervenzas de escuma, non volvendo saír nunca máis a flote.

O mozo, de nome Timoteo, aínda hoxe xa velliño lembra o que declarara no posto da Guarda Civil de Montederramo: “La señorita Melinda nadaba como una sirena; la última vez que se sumergió debajo del agua, dio un fuerte grito, se revolvieron las aguas y desapareció debajo de la espuma sin dejar ni rastro ni sombra como si la llevase el diablo”. Isto é o que reza no atestado.

sábado, 18 de setembro de 2010

Ha llegado el otoño.


La furia de Helios, dictador del verano, se va apagando poco a poco, mientras Cronos, infatigable, montado en su caballo alado, sigue dando vueltas con su cabello de plata, soplando en las hojas del calendario, cuando Eolo duerme, arribando al puerto de abrigo donde los días menguan y las noches crecen. Su hija, Eos, de rosados cabellos, extiende de amarillo, verde y ocre su manto sobre las viñas de Amandi despertando a los mirlos, que se levantan en vuelo, trazando senderos negros entre nubes errantes para perderse por la boca del Cañón del Sil de la Ribera Sagrada. Las vendimiadoras entonan canciones, mientras se paran a picar en un racimo de dulce mencía, desgranando las cuentas del tiempo, infinito.

venres, 17 de setembro de 2010

A familia do bacoriño


'A Xenerosa' da Cofradía, Parada de Sil, traía de camiño outro fillo máis que xogaría na casa co número sete. A familia moraba nun chozo, sen faiar, sen terras que traballar nin ovellas que coidar: no poleiro, só cacarexaban dúas pitas co cu desplumado e mais dúas poliñas de rabo corto.

   Traballaban a medias uns eidiños, eso sí, porén malia de seren persoas sen casa nin brasa, abofé que se querían coma dúas ruliñas, porque como di o outro: o cariño verdadeiro disque entra polo mexadeiro.

   O pai dos nenos, de pouca presenza, que se houber de escoller entre home, homiño, macaco e macaquiño, poría o dedo no homiño; esmirrado de figura e achaparrado de estatura, atendía de cotío polo alcume, coa retranca de seu, como 'o Calcaterras'; poucas veces por Plácido, que era o seu nome de pila.

   A Xenerosa, en troques, regordeta e lucida en carnes, muller botada para adiante, vitalista, resplandecía co seu sorriso contaxioso, que lle saía de dentro, do corazón: ría tanto coa cara como coas tetas, dota ela de expresión corporal, inundando de alegría á recua de fillos, clónicos, alegres e rebuldeiros, con ollos grandes e coa boca chea de dentes, brancos e afiados coma puntas de navalla.

   'O Calca' adoitaba saír ó xornal ás casas grandes de fachenda na época da sementeira e mais da colleita, porén os invernos, ameazaban de cotío longos e famentos: éche a condición do xornaleiro, ó non ter meda nin palleiro.

   Unha noite, ó solpor volveu do traballo cun bacoriño metido nun saco, triste e raquítico, por ser o derradeiro da camada e xa non atopar un teto libre por onde se enganchar á vida: un regalo da Casa dos Ferreiros, que simulaban dar o que tiraban ó lixo. O porquiño, os primeiros días, compartiu unha miguiña de leite co último fillo que lle tocaba aleitar Xenerosa: e saíu cara adiante! Viviu coma un máis, comendo cachelos do pote e cos mesmos agarimos das outras crianzas. Pasaron uns meses. Chegado o outono, pola fresca, xa andaba ceibe polos camiños rillando nas castañas pingueiras da ventada das noites de novembro, presumindo, todo farruco de papada e de pernís contornados, que abofé daba gusto velo.

   No cu da noite, roncaba feliz encima dun saco ó pé do leito dos nenos máis miúdos: ás veces, baixaban do camastro a facerlle cóxegas e mais aloumiños, entón o bacoriño abría a boca e ría deitado no chan, estarricado como un cachorro mimoso, ollando ós nenos satisfeito, gustoso daquela vida regalada.

  Porén, como non hai boa vida que dure cen anos, cumpriuse o refrán: a cada porco lle chega o seu san martiño. A mediados do novembro, o Plácido viuse na obriga de cravarlle o coitelo, con perdón, mentres os nenos choraban os sete chorares, aínda que, todo hai que dicilo, ó cheirarlles no nariz a papada fritindo  na tixola, cambiaron os choros polos sorrisos de ollos abertos coma pratos, esperando como paxariños a bicada coa boca aberta, cantando nos intervalos da espera: 'alegría, alegrote, que o rabo do porco está no pote'.

   Mais, durou pouco a fartura na casa da Xenerosa. Por san Valentín, a nai non atopou nin un triste óso para facerlle un caldiño de grelos ós cativos, famentos, que distraían a larota en abriren a boca  tragando as folerpas que, a modo de maná, caían do ceo. Despois dos xogos coa neve, aínda con máis ganas lles roían as barriguiñas os ratos da fame, brillando á luz do candil coma lucecús: os dentes brancos e afiados dos rapaces contrastaban co pote ennegrecido que colgaba do pao da lareira.

   Entón, o Plácido non aguantou máis os choros dos seus fillos, recordando o dito do señor Vitoriano de Mouca: 'as ganas de comer fai á vella correr'. Cómpre botar fóra da casa e buscar a vida como sexa, porque as bágoas con pan xa non serían bágoas, pensou. Acochado polo manto da néboa, que cubría os camiños e mailas casas da parroquia, o Calcaterras entrou a roubar na casa dos Ferreiros: retirou a tranca da porta da palleira con tento, erguéndoa un chisco por mor de non renxer. Entrou con tento. Ollou polo miúdo. Removeu as pallas de centeo dun recanto e alí, debaixo, estaba o tesouro en forma dun picouto de patacas. Colleu un saco de esparto que había colgado dun pau e encheuno, ás presas e a feito. Atoulle a boca cunha brazada que sacou dunha chanca e, mal como puido, cargou co saco e foi saíndo, devagar, coa cabeza dobrada no peito, minguándolle a estatura media cuarta, que de por si, non era moita: viña vindo, a modiño, ledo, pensando nos cachelos con iscos; paso a paso, paseniño, non for que un desafortunado tropezón cunha pedra do camiño, quizais como resultas da brincadeira dun malévolo diaño, o saco o esmagase contra o chan.

   De súpeto, neste intre de pensamentos agridoces, amosou o Teodoro no alto da escaleira da súa casa, parece que escoitara andar no ferrollo da porta. Arre demo! –exclamou– mentres estaba a ollar como un saco de patacas, medio tapado pola néboa pecha daquela mañá de febreiro, así polas boas, íase indo camiño arriba ó rente do chán, perante o seu nariz. Isto é cousa de bruxas, me cago en diola! –xurou, estrañado– ó tempo de brincar da escaleira e plantarse diante, co gallo de comprobar o demo, alí acochado debaixo do saco. Plácido só puido ver unhas chancas ferradas de xigante, que lle cortaban o paso. Axiña lle entrou un arreguizo polo corpo de abaixo arriba e non puido evitar un berro de misericordia: déixeme pasar, ho! Tarde píache, maricón! –lle respondeu o Ferreiro, máis malo cós piollos, home barrigón coma unha caracocha, alto coma un piñeiro, peito dun boi, que podía cargar un burro ó lombo, as mans grandes e negras eran pas de enfornar o pan.

   Vaite cara atrás a ceacú, desanda os pasos intrusos no meu lar! e baleira as patacas no seu sitio! logo vén que che hei de dar un recado –díxolle con cara de ferreiro, casca amarga gravada nas meixelas de tantos anos de oficio, traballando na forxa, mentres lle empuxaba no saco, a golpes, como debe ser, que con esta xente canto máis baixes a cabeza máis ensinas o cu –pensaba o Ferreiro– mentres o obrigaba a voltear como se for unha res coa aguillada de dous luceiros afiados e encendidos de carraxe.

   Así e todo, o Plácido coa carga ó lombo, aínda tivo que aguantar unha longa ladaíña de ameazas e mais outras trécolas e séculas que coma unha gavela de toxos lle estaban a ferir o corpo e mais a alma, restando do seu haber as poucas forzas que lle ían quedando, o malpocado: por que me roubas, desgraciado, despois de regalarche o marrán; por que, carallo, non te cortas os collóns, se non podes manter a tanta canalla pequena; non oíches na escola o conto da cigarra, malandrín, que andaba de troula e pándega no verao e no inverno, veña carallo a pedir ou roubar ós ricos, hai que deixar pan do verao para o inverno que segundo te procuras, así duras, non é, mamón?

   E sucedeu que ó emprender o camiño de regreso, de baleiro, saíndo pola porta da palleira, coa cabeza gacha e corazón entumecido, berroulle o Teodoro, co fin de fodelo e machicalo do mesmo xeito que unha chanca esmigalla unha noz: hei, carallo, Milhomes! Atende un chisco que te vas sen o recado para a Xenerosa –lle dixo coa retranca dun ser ruín e malvado.

   Entón, alancou tres pasos, achegándose ó carón de Plácido. Isto que quede entre nós –lle deitou na orella– pero dime cal é o sétimo mandamento da lei de Deus? Non furtarás– contestoulle– coma un neno lle habería de responder ó señor cura–. Está ben, certo. Agora, escoita e non te vaias esquecer desta outra doutrina, díxolle coma o mesmo demo, mentres lle retorcía unha orella: un gato pódelle roubar o queixo a un rato, non é? mesmo comer o rato dun bocado, certo, pero en que catecismo ven que un rato lle roube a comida a un gato? nin está no Catecismo do Labrego –lle berrou, feríndolle o cerebelo co martelo do tímpano.

   Plácido escoitábao, calado, desexando escapar de alí a fume de carozo. Entón, o Teodoro abrazoulle a cintura cunha man, do mesmo xeito que abrazan os osos, e coa outra arreoulle un sopapo nos fociños. Este é o recado que che quería dar para a Xenerosa, que me está a tocar o nabo con ese xeito que ten de rir, que me  perde o sentido... dende hoxe, recordarás o sétimo mandamento e agora vaite por onde viñeches! xa quedas confirmado, lle sermonou coma un bispo.

xoves, 9 de setembro de 2010

As novas de San Vitor




O Concello de Parada de Sil, de acordo co Patrimonio, está levando a cabo unha limpeza, estudio e valoración arqueolóxica do lugar chamado As tumbas de San Vitor na parroquia de San Lourenzo de Barxacova con sorprendentes achados.Para saber máis, cliquea no enlace Voz de Galicia.

martes, 7 de setembro de 2010

O tempora, o mores! –Cicero dixit.



Corren aires frescos nos tempos de hoxe: ventos lixeiros que veñen gañando rango dende hai unha manchea de anos. Non se trata dun aire estacional de pasar pasaxeiro. Non. Abofé que mesmo che parece unha ventada recorrente que quixer borra-las pegadas da fe e maila memoria dos nosos devanceiros.

Memoria escrita nos libros dos mosteiros e, mesmo, nas pedras das catedrais das urbes, que debuxaron iconas e perderon a gravidade material, tirando delas os pináculos e mailas agullas con vocación de gaña-lo ceo. Sen esquecer, no medio rural, os beneficios das capelas, dos oratorios e dos petos de ánimas. Quedan as imaxes sagradas das pedras dos cruceiros, que limparon dos camiños os maleficios de bruxas e de diaños noitébregos. Pedras que falan soas doutros tempos gloriosos, mais agora “nas pías da auga bendita dos mosteiros, comen os porcos e beben os cans” –espetoume este verán un paisano da Ribeira Sacra ó pé do mosteiro de Santa Cristina, afundido no silencio, orat et laborat, do Canón do Sil.

Los católicos están dejando las iglesias vacías.

Xa non rezamos ás reliquias de San Pantaleón nin imos na busca do Santo Grial. Parécennos estar trasnoitados os curas célibes e as sores, virxes; as guerras santas, as bulas papais, os xubileos e mailos anos santos; tampouco corren os tempos de debulla-los rosarios dolorosos, gozosos ou gloriosos; nin se escoitan, dende hai anos, nos internados de seminarios e noviciados as ladaíñas e mailos latines que eran de seu, nin os cánticos gregorianos de misas de angelis do coro de voces brancas de escolanías.Dime que pintan hoxe os cilicios, os escapularios, os velos, as velas e mailos velorios?

El número de nuevos adeptos disminuye y el de de personas, que deja de creer en la Iglesia, aumenta.

Lugares de rezo e de tormento. Salvadores da nosa alma: curas, freires e freiriñas, bispos e beatas, ceos, purgatorios, púlpitos e confesionarios, limbo de xustos e de dindáns, autos de fe, condenas, responsos, inquisicións, san benitos penitentes, infernos de tormento eterno e esmolas para o culto están pasando a mellor vida.

El barómetro del CIS afirma que sólo el 13% de los católicos va a misa.

Mandamentos de Deus, mandamentos da Igrexa, mandamentos do catecismo, encíclicas dos Papas, sermóns guías do camiño a seguir da nosa conciencia para o seu curro redentor.

Duns anos a esta parte, ventos transvesais iconoclastas e laicistas corren polos eidos do saber, polas tribunas e palestras, polas ciencias e conciencias:"Non cómpre invocar a Deus para acende-la mecha e pór en marcha o Universo", agrega Hawking no seu libro The Grand Design.