Corren aires frescos nos tempos de hoxe: ventos lixeiros que veñen gañando rango dende hai unha manchea de anos. Non se trata dun aire estacional de pasar pasaxeiro. Non. Abofé que mesmo che parece unha ventada recorrente que quixer borra-las pegadas da fe e maila memoria dos nosos devanceiros.
Memoria escrita nos libros dos mosteiros e, mesmo, nas pedras das catedrais das urbes, que debuxaron iconas e perderon a gravidade material, tirando delas os pináculos e mailas agullas con vocación de gaña-lo ceo. Sen esquecer, no medio rural, os beneficios das capelas, dos oratorios e dos petos de ánimas. Quedan as imaxes sagradas das pedras dos cruceiros, que limparon dos camiños os maleficios de bruxas e de diaños noitébregos. Pedras que falan soas doutros tempos gloriosos, mais agora “nas pías da auga bendita dos mosteiros, comen os porcos e beben os cans” –espetoume este verán un paisano da Ribeira Sacra ó pé do mosteiro de Santa Cristina, afundido no silencio, orat et laborat, do Canón do Sil.
Los católicos están dejando las iglesias vacías.
Xa non rezamos ás reliquias de San Pantaleón nin imos na busca do Santo Grial. Parécennos estar trasnoitados os curas célibes e as sores, virxes; as guerras santas, as bulas papais, os xubileos e mailos anos santos; tampouco corren os tempos de debulla-los rosarios dolorosos, gozosos ou gloriosos; nin se escoitan, dende hai anos, nos internados de seminarios e noviciados as ladaíñas e mailos latines que eran de seu, nin os cánticos gregorianos de misas de angelis do coro de voces brancas de escolanías.Dime que pintan hoxe os cilicios, os escapularios, os velos, as velas e mailos velorios?
El número de nuevos adeptos disminuye y el de de personas, que deja de creer en la Iglesia, aumenta.
Lugares de rezo e de tormento. Salvadores da nosa alma: curas, freires e freiriñas, bispos e beatas, ceos, purgatorios, púlpitos e confesionarios, limbo de xustos e de dindáns, autos de fe, condenas, responsos, inquisicións, san benitos penitentes, infernos de tormento eterno e esmolas para o culto están pasando a mellor vida.
El barómetro del CIS afirma que sólo el 13% de los católicos va a misa.
Mandamentos de Deus, mandamentos da Igrexa, mandamentos do catecismo, encíclicas dos Papas, sermóns guías do camiño a seguir da nosa conciencia para o seu curro redentor.
Duns anos a esta parte, ventos transvesais iconoclastas e laicistas corren polos eidos do saber, polas tribunas e palestras, polas ciencias e conciencias:"Non cómpre invocar a Deus para acende-la mecha e pór en marcha o Universo", agrega Hawking no seu libro The Grand Design.
Ningún comentario:
Publicar un comentario