domingo, 2 de setembro de 2012

A empatía do poder


O silencio é figura en música e puntúa na escritura, certo; de te illar do mundanal ruído, como dixo o poeta, poderías ouvir o sentir da natureza: nos rueiros das aldeas de Caldelas xa non roxe ninguén; a natureza volve ao seu, imperando o dominio dunha comunicación sutil e silandeira na flora e mais na fauna autóctona, imperceptible aos ollos e ouvidos dun foráneo co sentido alporizado polo remuíño da vida moderna.
A xente importante, con creto de seu, sabe escoitar con empatía aos que máis saben e adoitan falar pouco: Buda leva un mangado de anos, controlando a metade da humanidade sen falar ren; Deus falou unha vez, mais daquela xa pasaron 2000 anos.
Os oficiais do exército teñen as cantinas separadas da tropa co gallo de conservaren o halo da autoridade. Os xenerais non frecuentan as cantinas: é a soidade dos mandos.
O Goberno disque fala pouco de cómo se está amañando o rescate que virá no inverno, cos santos inocentes; que don Mariano fala con palabras comedidas, certo, co gallo de non alborotar ao galiñeiro dos especuladores, e isto está moi ben. Pero, ai! o que dis hoxe, non comulga na misa de mañá, e isto, don Mariano, dóenos. Escoite, de falares, coida que as túas palabras sexan mellores co teu silencio, que o peixe morre pola boca, e non me veña axiña, ou máis tarde, que onde dixen digo, quixen dicir Diego.
Así que o equipo do PP vai perdendo seareiros polas reviravoltas do equipo técnico, perdendo no campo do xogo político, coa prima cara arriba, facendo levedar unha morea de desvinculados, os novos ateos, os que van por libre, porque non se fían dos predicadores de falsas promesas, perdida a fe mariana, renegados antes da benquerenza e bo talante de ZP, manco o sistema, pois, de oficiantes con creto, empoleirados cadaquén no seu púlpito ou na poltrona de cinco mil euros ao mes, disque ‘pasándoa canutas’, moucos ao murmurio do sentir dos cidadáns, fartos e cansos, pegados á crúa realidade de saberen o que vale un café, atrapados no ‘corralito’ das preferentes ou enganchados á hipoteca que non poden seguir pagando. Están a percorrer os tempos, pois, dunha longa seca e non se albisca no horizonte político unha nova estrela que tire do carro ibérico.
O próximo voto para vostede, don Amancio Ortega, fundador do imperio Inditex. Mentres, mire por nós e que Deus llo pague.

domingo, 29 de xullo de 2012

Parada de Sil, as vacas non son verdes


“A FAO calcula que o sector gandeiro emite máis gases de efecto invernadoiro –o 18% – có  sector dos transportes.” Axiña de ler o titular xurdiu a seguinte conversa na sobremesa do Restaurante O Curtiñeiro de Parada de Sil.

O Galarito de Viana: “Manuel Rivas fala nun libro de “Un millón de vacas” que seica había por entón en Galicia, mais agora xa non se ven pacendo nos lameiros, nin se escoitan as chocas, repenicando, tilín, tolón, nas corgas e pasteiros á beira dos regatos; nin nas touzas, comendo nas carqueixas, tampouco se escoitan os carros cantareiros polas corredoiras”.

O Raposo do Covelo: “Pois, habelas hainas, que che están recadadas nas granxas, marcadas e clasificadas con códigos de barras; inseminadas coa mao fría do veterinario, medicadas con píldoras e mais outras caralladas: caldo de cultivo dunha próxima rebelión de vacas”.

O Xoán da Xaquina: “Galicia non a recoñece nin a nai que a pariu. De cando neno, non había un momento lecer no campo, un día co arado arando unha leira, outro coa aixada na horta, coa fouce rozando na toxeira, coa macheta na demouca e así.”

O Pepe de Donín de Baixo: “As vacas eran como da familia. De cando neno, nunca vin unha vara aguillada; nin un carallo malsoante, “mecagoental”! dispensando; nin un berro, “vaca vén to”! Pola contra, o pai acostumaba facerlle cóxegas, mentres lle cantaba coplas, rimando ripios cargados de benquerenza que aínda hoxe lembro: ‘/Escarrancha as patas, Morita /que o leite que se dá non se quita/ Camiña lixeira, Cachorra/que paras o mundo con esa pachorra/’ e así. As vacas ollábano de esguello, movendo o rabo; ás veces, gustaban tanto dos aloumiños do meu pai, que lles pingaba o leite dos tetos”.

A vaca Rubia, portavoz das vacas do país: "Muueno, non botamos tantos eructos nin estamos a soprar tantas flatulencias, como están a dicir os de “Greenpeaceque as vacas non somos verdes. Muuuu! como se nos vira o demo: que se antes adoeciamos coa tolemia, que agora somos fedorentas, só nos queda abrazarnos ao Hinduísmo: Muuuu! Estamos ata os mesmos tetos, co leite ácido. Na última Xunta de Vacas, vacasrubias@xunta.es, despois de rumiar un feixe de alternativas, decidimos poñernos de cornos fronte o ERE de vacas que se matina. Só pedimos á patronal unha cousa: Non queremos trato co veterinario, nin probar bocado de trevo branco, nin tomar píldoras de taninos, nin aceite de pescado, disque co gallo de minguar o gas metano causante do quecemento do planeta, que todo isto é unha trola das gordas, cousa dos políticos, demasiadas bocas a pacer no past@, xa sec@, do eido ibérico: o ERE para os “paquistaníes” (“e estes pa qui están”?) Muuu…!"

luns, 9 de xullo de 2012

O Bosón de Higgs




 Edición Digital. La Región.
 “El hallazgo de la 'partícula de Dios' abre una nueva era para la ciencia. La comunidad científica asegura que es el 'bosón de Higgs', que permitió la formación del universo y de todo lo que existe.” (Isabel Saco. Ginebra, 05-07-2012). 






O outro antonte, o avó colleu o telescopio do neto, que viñera de Madrid nas vacacións deste verao para ollar as estrelas dende a atalaia da Cabeza da Meda ou dende o alto do campanario da capela de Triguás, na Ribeira Sacra de Parada de Sil, que tanto luceiro iluminando á noite da movida madrileña non deixa ver o ceo e, mentres estaba o vello mira que te mira, díxolle o rapaz acabado de chegar da capital:
–Avó, que estás a mirar tanto?
–O triángulo –contestoulle o vello– estou ollando que non vexo a cara de Deus co seu ollo no centro, o triángulo de Deus; din que está no ceo: estou a ver o Carro, a Osa Menor, a Estrela Polar...    
–Onde andará?
Avó, que este aparato non é o telescopio espacial Hubble –lle dixo, partíndose coa risa e, como era estudante de Bioloxía, volveu do coche cun microscopio electrónico que lle regalaran os pais pola notas da fin do curso.      
–Se non ves a Deus co telescopio, búscao con este microscopio, que tampouco é o microscopio Titán Cubed,Pero que de seguro poderás albiscar a través del que Deus está acochado nas leis da natureza, nas pegadas que deixou a mao do Creador no máis grande e no máis miúdo, porén quizais chegará un día que o “Gran Colisionador de Hadróns” (LHC) publique a boa nova: “Temos noticias da partícula másica, do “Bosón de Higgg”, da partícula de Deus, dos enlaces perdidos, ata hoxe partículas escuras, que forman o burato negro que haberán de completar o modelo estándar da física, simulando co choque de partículas do acelerador de 27 quilómetros de diámetro, eventos ocorridos durante o “Big Bang”, teoría que intenta dar unha explicación da orixe e da expansión do Universo”. Esta boa nova produciuse hai uns días –lle dixo o demo do rapaz, deixando ao avó desnortado e sen fala, teimando en escudriñar o ceo. Casa de Viana, Parada de Sil.

martes, 12 de xuño de 2012

Apuntes sobre la Casa de Viana

                                                                    Fotografía de José Luis Pérez Prieto
El lugar             

El topónimo 'Viana' alude al emplazamiento del lugar al lado de una vía, en nuestro caso el camino que subía a la montaña desde la ribera del Sil, y que aún perdura.

            La primera referencia escrita de Viana se encuentra en un documento notarial de 1435, redactado en gallego, por el que el monasterio de Montederramo afora a varias voces “o noso lugar e bienes de biana”. Desde entonces aparece en numerosas cartas de foro. Sabemos por ellos que en 1565 vivía allí Ysabel de Viana, con su familia, y que en 1600 se construyó una casa en el lugar Juan Ramos, abad de Sacardebois. De este época son las partes más antiguas de la actual Viana, que todavía se conservan. 

           
            El Abad Juan afora “o noso lugar e bienes de biana.”
                    Primera referencia de la casa, año 1435.

La casa

Las construcciones más antiguas corresponden a la actual 'casa vella', ocupada hasta mediados del siglo XX por los caseros. Se trata de dos piezas independientes, de dos alturas y perpendiculares entre sí, dispuestas en torno a un patio. 

Conservan dos bonitos parladoiros. De esta época, también quedan dos columnas de orden toscano, que guardan las marcas de cantería y que hasta principios del siglo XX sostenían la estructura de un corredor de madera. Cabe fechar todos estos restos en el siglo XVI, con 1600 como la fecha más tardía. Por esta época el lugar recibía ya el nombre de 'Casa de Viana'.
                              
 


Cuando la casa pasó al linaje de Páramo en 1677 comenzaron los trabajos de ampliación, que se desarrollaron en varias fases, según puede advertirse en la estructura muraria y queda manifiesto en las fechas grabadas en algunos dinteles (“Año 1718”; “Año 1729 oy no fian aqvi”, etcétera). A principios del siglo XVIII se cerró la casa con un alto muro en torno a un nuevo patio al que se accedía por un portón para carros. Por estas fechas también se dotó a la casa de agua corriente, que discurría por un canal de piedra desde su origen en el manantial de Marabán.

           

  
        
         El monasterio de Montederramo afora la Casa
                de Viana por cuatro gallinas, año 1677.

A principios del siglo XIX la casa adquirió su estructura definitiva: un recinto protegido por una cerca de piedra, que da a un patio principal, también empedrado, al que vuelca una pieza cuadrangular con un gran tejado a cuatro aguas —culminado en su cumbrera con un sencillo remate ornamental barroco— a la que se adosan una serie de construcciones, formando dos alas que se cierran sobre otro patio. En la década de  1920 se sustituyeron los dos corredores de la casa por bonitas galerías vidriadas. También resultaba singular una pequeña torre del siglo XVII, de apenas 2 x 2 metros de planta, que fue demolida en el siglo XX. Junto a la casa se erguía la gran bodega del mayorazgo, construida en 1770, de la que hoy sólo quedan ruinas.


El linaje

El linaje principal de la Casa de Viana, el vinculado a sus mayorazgos, es el de Páramo. Los Páramo tienen un origen antiguo pero, en general, discreto. Su solar está en la parroquia de san Esteban de Folgosa, en O Corgo, cerca de Lugo. El Padre de la Gándara (Armas y triunfos de los hijos de Galicia, Madrid, 1662) los considera «buenos hidalgos» y vincula su origen a la casa de Nóvoa. A lo largo de los siglos XIV y XV, los Páramo desempeñaron cargos de alguna importancia en la ciudad de Lugo (canónigos, sobre todo) y estuvieron presentes en algunas batallas (hubo Páramos en las órdenes de Alcántara y San Juan de Jerusalén). Sin embargo, su fortuna no llegó hasta mediados del siglo XV, con el capitán Pedro Díaz de Páramo, que sirvió fielmente a los Reyes Católicos y, en compensación, recibió el señorío de la Torre de Piñeiro, que aún se conserva.


           
 A principios del siglo XVI, el linaje del capitán Pedro de Páramo se había desgajado ya en dos ramas: una, la principal, sigue hasta hoy ocupando el pazo de Piñeiro; la segundona, de la que procede la Casa de Viana, se emplazó en la zona de Sárria y Monforte. A ella perteneció Diego de Páramo, que fue notario, primero del monasterio de San Esteban de Ribas de Sil y, después, del conde de Lemos en Monforte, villa donde aparece empadronado en 1554 como 'hidalgo notorio'. Del conde de Lemos recibió el lugar de Tabouzos, cerca de Amandi, donde levantó casa y mayorazgo.



        Nombramiento de don Ambrosio
        Gómez forero mayor de la Encomienda
                de Cristosende, año 1761.
           

El licenciado don Francisco de Páramo nació en la Casa de Tabouzos en 1630. A mediados del siglo XVII se hizo cargo de las parroquias de Sacardebois y Pradomao (donde su familia poseía bienes). En 1677 recibió, por foro del monasterio de Montederramo, el lugar de Viana, a cambio de una renta simbólica anual de cuatro gallinas y dos “perniles de a seis libras cada uno”. Don Francisco fue el verdadero patrón de la Casa de Viana. A su muerte poseía, además de Viana, los foros de los lugares de Mouca, Calvos, Casalta en Chandrexa, Espartida, Verengo, Cofradía y Pradomao, entre otros, que legó en su mayor parte a su sobrino Diego, nacido ya en la Casa de Viana.

            El patrimonio de la casa se vinculó a través de tres mayorazgos, fundados en 1747, 1770 y 1787, a los que, mediante dotes, se añadieron en 1790, el  pazo de Bustelo (Busteliño, La Limia), y en 1825, la Casa de Pombeiro (Peares, Lugo), correspondientes, respectivamente, a los linajes Rodríguez de Nóvoa y Feijóo de Losada (con bienes también en el coto de Gorgoloza, en Xinzo de Limia).

            El mayorazgo perduró hasta 1885. El apellido de Páramo se perdió en 1871, sustituido por los de Casares y Miranda.


Algunos personajes de la Casa de Viana

Francisco de Páramo. Licenciado en Cánones. Fue abad de Sacardebois y Pradomao. Se conservan algunas de sus cartas personales, que dan fe de que se trataba de un personaje bien relacionado. Testó en 1705.

Diego Vázquez de Páramo e Inés da Pía (hija de Alonso da Pía, de la casa del mismo nombre en San Salvador de Neiras). Fundaron en 1747 el mayorazgo principal de la Casa de Viana.

Licenciado Felipe Antonio Vázquez de Páramo. Fue abad de San Lorenzo de Barxacoba. Mantuvo un importante pleito en la Curia romana sobre sus privilegios eclesiásticos. Fue un hombre soberbio y pendenciero (llegó a estar en la cárcel de nobles de San Lorenzo), que obligó a gastar grandes sumas de dinero a sus padres y a su cuñado Ambrosio Gómez, mercader de paños. Atesoró un notable patrimonio, que vinculó en un mayorazgo en 1770.

Licenciado Manuel Gómez de Páramo. Fue abad de varias parroquias, entre ellas la de Sacardebois. Construyó la gran bodega de la casa. Fundó mayorazgo en 1787. Parece ser que fue este cura el que se trajo desde Portugal, en una carreta, el plantón del famoso pino de Viana, que fue el árbol más alto de Galicia hasta su caída en la década de 1950.

Fray Alberto Gómez de Páramo. Monje bernardo. Profesó en el monasterio de San Martín de Madrid, donde hizo amistad con su prior, el Padre Sarmiento, que le cita en alguna de sus obras. Fue fray Alberto el que conminó a aquel a escribir una etimología de Sacardebois, desacreditada hoy, según la cual el topónimo proviene del término 'Riboira Sacrata'.

Juan Gómez de Páramo. Hidalgo y mercader de paños. Fue Procurador Síndico General de la jurisdicción de Montederramo. Casó con María Prieto, hija de Juan Antonio Prieto, también acaudalado mercader, y doña Agustina Fernández, hija de un hidalgo de La Tellada, en la Limia. Murió en 1798.

 

José Gómez de Páramo y Nóvoa (1799-1871). Fue comandante de la milicia nacional de Parada y La Teijeira, además de terrateniente. Fue también juez y alcalde constitucional de Parada del Sil. Casó con doña Manuela de Losada, que aportó en dote la Casa de Barrio de Pombeiro, en Lugo. Fue receptor de impuestos en la ribera, lo que le produjo la bancarrota, por lo cual tuvo que pedir prestados 10.000 reales a los'Canelas', de Lama, entonces conocidos prestamistas.


      
   
  Apeo del foro de Mouca a favor 
 de don Francisco de Páramo, año 1697.

Fernando Miranda (1780-1851). Doctor en Derecho y experto en foros, magistrado, corregidor de Orense, alcalde mayor de La Coruña, diputado y ponente de la Constitución de 1837. Fue un arrojado liberal. Sufrió las represalias de Fernando VII. Fue un buen orador y dejó una buena impresión en el Congreso (en sus intervenciones dejaba a veces caer chascarrillos y cuentos en gallego, siempre apropiados, que gustaban bastante a las señorías). Durante su etapa como juez de Castro Caldelas defendió la permanencia del partido judicial en Caldelas, evitando durante su mandato su traslado a Trives. Fue también el artífice de sonoros pucherazos, siempre a favor de los liberales. Fue amigo íntimo de Vicente Martínez Risco, alcalde liberal de Castro Caldelas y abuelo de Vicente Risco.

José Ramón Miranda (1827-1902). Hijo del anterior y de Bernarda Gómez de Páramo. Casó con su prima Dolores Gómez Losada. Licenciado en Derecho, alcalde de Xunqueira de Ambía, juez, jefe del Fomento de Orense, diputado y gobernador civil, cargo al que renunció. Fue uno de los masones más activos de la época en Galicia. Su logia se reunía en la trastienda de la librería de su primo Vicente Miranda, en la calle Paz, en Orense. Desde allí atacó con vehemencia al obispo con ocasión de la polémica entre este y Curros Enríquez, protegido de la logia. Su militancia llegó a tal extremo que durante su época de alcalde, y coincidiendo con la Primera República, llegó a proclamar un Gobierno popular de sesgo masónico. Tuvo un tío canónigo en La Habana y un nieto cura que acabó enterrado junto a él, en un singularísimo panteón decorado con jeroglíficos francmasones.

Tomás Casares (murió en 1855). Licenciado en cirugía por la Universidad de Santiago. Fue el primer médico titulado de Parada de Sil, donde vivió.

Pedro Gómez Losada,  José Ramón Casares Gómez e Isidro Prieto fueron jueces municipales de Parada.


Otros antepasados y familiares de la Casa de Viana

Linaje Páramo

Luis de Páramo. Fue canónigo en León e Inquisidor de Sicilia. Fue el autor de la primera y más importante historia del Santo Oficio (De origine et progressu Officii Sanctae Inquisitionis, eiusque, dignitate & utilitate, de 1598). Es  mencionado por Voltaire en su Diccionario filosófico.

 
 Pedro de Páramo, canónigo de la catedral de Lugo en 1561.

Alonso de Páramo era en 1640 comendador de la Encomienda de Quiroga por la orden de San Juan de Jerusalén.

Agustín de Gravenvós Vázquez de Páramo estaba en Madrid en 1742, como discípulo del arquitecto Diego de Villanueva. En 1758, ya independizado, se declaraba 'maestro de hacer coches' del Palacio Real.


     
            Testamento de don Juan Gómez 
            de Páramo, año 1789.


Casa de Barrio de Pombeiro

Pedro Fernández de Sernande. Arcipreste del valle de Ferreira y comisario del Santo Oficio a mediados del siglo XVI. De su mismo linaje fueron Gaspar de Arce, arquitecto del los Escolapios de Monforte a finales del siglo XVI, y Diego de Porras y Temes, obispo de Calahorra a mediados del siglo XVIII.

Francisco Rodríguez do Barrio fue oficial de la Marina. Murió durante el sitio de La Habana, en 1764. Se conservan muchas de las curiosas cartas que escribió desde allí.


Andrés Díez de Losada, 'o fidalgo de Presa'. Descendiente de la Casa de Maside, en Pantón. En 1702 participó en la célebre batalla de Rande, en la que la armada combinada angloholandesa hundió la flota de Indias, cargada de tesoros. Estuvo en el batallón de 'hidalgos pobres', es decir, aquellos que no tenían dinero para pagarse el caballo.

Santiago de Losada. Hijo del anterior. Decidido a salir de la pobreza, se dedicó a la usura y, ayudado por un matrimonio ventajoso (con Jacinta Bernarda Rodríguez do Barrio Figueiras-Lobera), en efecto lo consiguió. Gozó de lujos inauditos para un hidalgo de aldea: candelabros y vajilla de plata, tallas religiosas, tapices e incluso un cabriolé que, a su muerte, legó a un criado.. Fundó en 1766 la capilla de san Antonio Abad, que vinculó a la Casa de Barrio de Pombeiro. Esta capilla conserva aún un pequeño y bonito retablo barroco. 

               
                   El monasterio de San Esteban da permiso
                   para la construcción de la capilla de
                  San Antonio Abad de Pombeiro, 1766.


Casa de Bustelo

Roque Cid de Nóvoa fue oficial de la Marina. Desapareció hacia 1750 en Orán, durante las campañas militares contra los piratas berberiscos.

Licenciado Juan Antonio de Lama y Nóvoa. Tuvo importantes cargos eclesiásticos. En 1798 fundó la capilla de san Antonio en el pazo de Bustelo, decorada con una bonita serie de óleos sobre la vida de San Antonio, que aún se conservan en la casa.

Vicente Miranda. Licenciado en Derecho. Regentó la que por entonces (mediados del siglo XIX) era la librería más importante de Orense, situada en la calle Paz, y en cuya trastienda se reunía la logia masónica de la ciudad. Su padre, homónimo, fue comandante de los carabineros de Orense y tuvo un papel destacado en la represión de las facciones carlistas que pululaban por la provincia. Se vio inmerso en bastantes hechos de armas y, por su heroísmo, fue condecorado por Isabel II en 1837.


Casares de Parada de Sil

Francisco Casares fue 'tallista escultor', según el catastro de Ensenada de 1756. Llegó desde Cantabria a Parada, donde trabajó. Vivió en Fondodevila. Es el autor del retablo barroco del monasterio de Santa Cristina, hoy en Sacardebois. De él proceden todos los Casares de Parada de Sil.

Casimiro Casares. Nieto del anterior. Fue regidor del Ayuntamiento de Parada del Sil en la época en que estuvo en manos de los liberales, con José Gómez de Páramo a la cabeza. Casó a su hijo Tomás Casares, médico, con la hija de aquel, Ramona Gómez Losada, heredera del mayorazgo de la Casa de Viana, con lo que el apellido Casares pasó a intitular el linaje.


Casa de la Gorgoloza

María Feijóo de Losada. Heredó la Casa de Barrio de Pombeiro por su matrimonio con su primo Miguel de Losada. Fue la abuela de Manuela de Losada, casada en Viana con José Gómez de Páramo.

Juan Antonio Feijóo de Losada. Padre de la anterior. Señor del coto de Gorgoloza (Xinzo de Limia). Fundó la capilla de Los Ángeles en 1756, que vinculó a su casa. Esta capilla tiene aún un retablo barroco y conserva las sepulturas del linaje. También fue patrono de otra capilla en el convento de Santo Domingo de Orense, en la que están enterrados los padres de Benito Jerónimo Feijóo —con los que estaba emparentado—, y donde se casaron en 1936 Dolores Casares Miranda e Isidro Prieto, de la Casa de Viana.

Diego Feijóo de Losada. Colegial en Santiago. Licenciado en Cánones por dicha universidad en 1625.

Rvmo. Padre Luis Feijóo de Losada (1681-1745). De la Compañía de Jesús. Catedrático de la Universidad de Salamanca. Docto e ilustrado, escribió un Curso philosophico, famoso en su época, que fue encomiado por el Padre Benito Jerónimo Feijóo en su Teatro Crítico Universal.

                                                                                                                               Eduardo A. Prieto González, 2012.

xoves, 31 de maio de 2012

Sacardebois, o berce da Ribeira Sacra

Cara arriba, a Casa de Viana (cliquea na casa para ler o artigo de Antonio Carreño, na Región) con séculos de historia, que fora patrimonio do mosteiro de Montederramo, aforada por catro galiñas ao Priorado de San Adrián a pagar por cada San Martiño; no medio, a parroquia de Sacardebois, etimoloxía que se perde nos tempos dos celtas; no alto, a carballeira de Maraván e mais a mesta fraga do Covelo: garduñas, raposos, cobras, lagartos, xabarís, gabiáns, xílgaros, merlos, bubelas, carrizos, esquíos e mais o cuco dando as horas no mes de maio; nos rueiros e camiños vellos, no solpor, as meigas en procesión de santa compaña; nos picoutos, as lendas dos mouros e mais o cemiterio de San Vitor con medio centenar de tumbas escavadas nas rochas dos tempos do Medievo; cara abaixo, fontes de augas santas, cheas de maxia e de encanto, vellos muíños hidráulicos parados no tempo, fervenzas cantareiras, pasarela de madeira á beira do Mao; ao pé das casas, hai dúas vellas caladas sentadas nos faladoiros, terreos con chichos, leitugas e tomates, hortas con cereixas, peladillos e pavías e mais un can ladrando, nenos xa non se dan por estes lares; nos regatos, corgas e mais un pequeno lameiro onde pasa as horas un burro canso; embaixo, espalladas entre as viñas colgadas en fileiras de pataos, a aldea de Calvos e mais Leiravella, marcadas cada unha co seu ciprés de afiada agulla gótica; bicando o río, a Barxa e mais o Porto; asolagadas polas augas invasoras do encoro de Santo Estevo, as aldeas de San Fiz, Meixide e mais a aldea de A Ponte de Barxacova; no medio da barriga do Sil, o catamarán asucando as augas quedas cara ao Canón onde se acocha o mosteiro de Santa Cristina; noutra banda, xa en terras de Lemos, o santuario de Cadeiras, Amandi e mais Doade... Parada de Sil, unha terra con lentura, o berce da Ribeira Sacra.

venres, 18 de maio de 2012

O fiadeiro de Parada de Sil


          Biblioteca do Concello de Parada de Sil

Día das letras galegas: poesía popular nas noites dos fiadeiros.
       Artigo de Mari Carmen Alvarez Paredes, Torbeo.                                                                       

               Eu xunguín os meus boíños
               e leveinos á arada
               e no medio do camiño
               olvidóuseme a aguillada,

                eu volver, volvín por ela
                pero de moi mala gana.
                Meu cabaliño, cabalo,
                meu cabaliño redondo,

                que te me dera no cima
                como te teño no fondo.
                Meu cabaliño, cabalo,
                é moi malo de entender:

                que lle vou levar a herba
                e no ma quere comer.
                Eu cantar, cantaba ben,
                pero gracia tiña pouca,

                quedoume no lavadoiro
                onde fun lava-la roupa...

Para máis información, cliquea no blog de Torbeo.

mércores, 2 de maio de 2012

Os esquecementos

 
                                Castiñeiro senlleiro de Emtrambosríos

Aquí, na miña terra, tiran ó lixo a memoria dos antepasados: antigos documentos de conciliacións entre os meus paisanos firmados por quen fora xuíz de paz do concello, don Isidro Prieto de Viana, atopados hai uns anos por un profesor xubilado, mentres camiñaba as súas soidades o día San Martiño en compaña do seu amigo Troco, o can orfo do 'Tres'.

     Papeis que observara o mestre hispanista bailando ó compás do vento, caprichoso el nunha calva do monte, preto do colmeal de paredes de lousas que hai por baixo de Sardela, e disque puidera agarrar unha puñada de follas soltas brincando á carreira coma un cabrito á procura de cazar algún, tras permanecer quieto á espera dun intre de calma do Nordés.

     O primeiro referíase ós dereitos das vertentes das augas dun lameiro ladeiro na aldea de Forcas; outro, dos litixios herdados da familia pola servidume de paso dos carros de herba na colleita do verán pola propiedade que lle facía marcaxe no regato de Senra, lugar coñecido por Caborriba, preto da aldea de Miranda; estoutro, por causa do baile, no luar da noite, dos marcos de pedra lindeiros que dividían unha leira grande de centeo de catro ferrados de sementeira que fora dos pais en dúas leiras pequenas a repartir entre as dúas fillas as cales, atendendo o testemuño escrito, seica non se podían ver nin sequera nas fotos da primeira comunón, dende aquel día que lles tocara facer as contas de dividir: que se unha de vinte, se levaba catro; a outra de trinta, quería levarse dez, e as contas non saían craras na proba do nove. A última folla falaba da achega a un acordo entre dúas partes polos cartos que deberían estiñar unhas navalladas traizoeiras recibidas por un ribeirao nunha nádega, estando de troula na verbena de Triguás, por causa de facerlle as beiras a unha moza, guapa de cara e lucida de peitos, comprometida dende a escola co fillo vinculeiro dunha casa de moita fachenda de Cadeliña que seica perdera a cabeza nu arrouto de ciúme e que, como resultas, fora preso pola garda civil.

     Papeis vellos, con memoria, tirados ó lixo coa ocasión da mudanza ó novo edificio do Concello que se acabara de erguer á beira da capela de San Ramón, que recollen o devir diario dos veciños, que son os feitos da intrahistoria dunha cultura rural que foi e que xa non é.

      Isto, de certo, non pasaría en América, diría don Antonio Carreño. Melloraron as estradas, iso si, o teléfono, a traída da auga, apareceron as casas rurais, os restaurantes e mailos os furanchos nas adegas, o catamarán asucando o río Sil, que non é pouco, porén seguimos sendo uns pailáns de corredoira, más curtos de miras cás toupeiras dos eidos.

      Bótase en falta unha cultura integradora que valore o que é de noso: non só o mosteiro de Santa Cristina e mais a necrópole de San Vitor, tamén as formas de vida de antano, os costumes, as lendas dos mouros, o valor engadido da natureza da nosa flora e fauna, os ríos, as fervenzas que baixan ruxindo nos regatos onde antano se acicalaban as meigas para os feitizos por onde pasaban acochados os camiños de ferradura cara ós muíños vellos e xa me gustaría a min ser outro Cunqueiro para escribir das bontades da nosa gastronomía tradicional que foron os fogóns repousados das nosas avoas.

     Unha terra encantada, a do noso concello, quizais lixeira, con certeza minifundista, pero abofé toda ela con lentura suficiente, non só para facer medrar as patacas na cortiña do Val, que tamén foi para alentar, tras moitos anos, o noso patrimonio inmaterial, que de tal niño tal paxariño, como diría o outro.

     Disque estes lares á beira do Sil teñen un non sei que, quizais, un tesouro acochado dende os rituais dos druídas que recende un sentir máxico de arte e de poesía; unha terra con alma en forma de aura coroada de vivencias pasadas de onde abrollan doados contos e xorden misteriosas lendas maquinadas, unhas veces, polas meigas e mais outras polos mouros que moraron, dende os tempos de María Castaña, nos picoutos de acá e de acolá desta Ribeira Sacra que tivo o seu berce nesta contorna.

mércores, 25 de abril de 2012

Cristosende, unha aldea da Ribeira Sacra

Aqueles pequenos lugares que agochan tesouros de cada día, porque todos viven felices neles e non os cambiarían por ningures, estarán hoxe representados por Cristosende (A Teixeira – Ourense), vila emprendedora que se adapta aos tempos modernos, onde amais de galegos tamén se instalan ingleses e cataláns.

                                  
      Os habitantes de Cristosende (video tvg) convértense en narradores por un día de como é posible facer os soños realidade, como o caso da inglesa Débora “Lady Cristosende”, que traballa na horta e sente este lugar e os seus veciños como da súa familia; a tecedeira “fashion” que se namorou do tecido galego e dá clases no tear, casada cun cesteiro, namorado da cor canela da Ribeira Sacra; a familia que medra unida, xuntando bebés e avoas, e o retornado que prefire a vida tranquila pero de moito traballo que desenvolve na vide: “Temos moito que facer, pero realmente se vive devagar”.

        Nestes pequenos lugares é onde podemos apreciar como é a xente, as tradicións, iniciativas e usos sociais que realizan en comunidade, a través de historias que transmiten un sentimento común de pertenza, de familia, de benestar no rural e de orgullo da terra. Un mapa de situación indica os territorios escollidos e os seus habitantes como narradores, dispostos a ofrecer un retrato diferente do mundo rural, afastados das imaxes tópicas do envellecemento, cunha mensaxe optimista e vital dos que viven felices na súa contorna. (Texto e video orixinais de Grandes Lugares TVG)

martes, 24 de abril de 2012

Concello de Parada de Sil

“Parada de Sil, modelo para un máster de desarrollo rural”, aparece este titular na Región (21/04/2012)

Algo especial debe ter o meu concello, cando a Universidade de Córdoba reparou neste cacho de terra de minifundios con lentura para os contos de mouros e de meigas, que se espalla á beira do río Sil, para que sexa merecedora de visitas e de estudios como modelo de desenrolo rural.

En primeiro lugar, podemos destacar unha natureza incrible noutras latitudes, certo: dous ríos, o Sil e mailo Mao; dúas áreas recreativas: a do Pradomao e mais o río pequeno de Barxacova; unha carballeira dentro dunha fraga autóctona: Maraván en Sacardebois; un souto entre tantos: souto de San Andrés en Chandrexa; un animal do monte da variada fauna que se acocha na mesta fraga da Ribeira: o raposo; unha árbore senlleira: o vello castiñeiro de Entrambosríos; un miradoiro: Os balcóns dos mouros; un canón entre paredes de rochas: o canón do Sil; pataos de viñas ben traballadas: as viñas de Trabazos; unha aldea con ciprés debruzada no río Sil: Calvos de Sacardebois.

Patrimonio cultural: un oficio, o barquilleiro; un belén artesanal, o belén da capela de San Ramón, obra de José María Campo; un mosteiro románico, Santa Cristina; un cruceiro de camiños, o cruceiro de Forcas; unha ermida, Triguás; un cenobio, San Adrián; unha asociación cultural, Ouro do Sil; unha gran necrópole medieval, San Vitor de San Lourenzo de Barxacova; unha espada da prehistoria, a espada de Forcas; un muíño de mao de orixe celta, o que se atopou na Caldebaixo de Sacardebois; unha casa grande con testemuños escritos dende antes do século XVII, Casa de Viana; unha recuperación para o concello, a vella fábrica de luz como albergue; un blog, Contos da Ribeira Sacra; doutores académicos: Dr. Lamelas de Forcas, o catedrático don Eugenio Prieto do Valado, o doutor en Psicoloxía don José Luis Graña Gómez de Calvos; un intelectual lopista coa encomenda da raíña Isabel, La Católica, don Antonio Carreño; un alcalde como ben cultural, patrimonio de tódolos veciños, don Francisco Magide.

Para os momentos de lecer: de mercares viño de mencía, Adegas Valcar; un restaurante, O’ Cortiñeiro; de gozares coas camiñadas, a pasarela de madeira á beira do río Mao; de navegar nun cruceiro, o catamarán asucando o río Sil; unha camiñada polas corredoiras e camiños vellos á beira dos regatos do Sil, a andaina da castaña; unha festa rachada, festa do magosto de San Martiño de Sacardebois; para durmires coma un anxo, casa rural O’ Torgal ou na Casa dos Castiñeiros e, se vas para vello, farto xa de tanta andaina, hai un sitio reservado para ti na Residencia Luces do Sil con vistas á Cabeza da Meda, a dous pasos do ceo. (Para saber máis do noso Concello, do que foi e xa non é, pica co rato en "Un país de lerias").

xoves, 19 de abril de 2012

A Xenerosa de Parada de Sil

A Xenerosa da Cofredería traía de camiño a criatura que faría o número sete, o último 'sí' para completar a escala de nenos, con intervalos dun ano, que percorrían arreo os seis, como seis notas musicais, saltando os banzos do arpexo da fame, dando a nota 'mí': abrindo a boca esperando a bicada uns tralos outros nas horas de manducaren o pouco que houbera na artesa da cociña.

Esta familia da ribeira, que moraba nunha casa sen faiar dun cabrito da montaña, vivindo de prestado acubillo das augas entre catro paredes afumadas dun sequeiro, cantaba: "Venid y vamos todos con flores a María, que Madre nuestra es..." ou rezaba os misterios dolorosos do rosario para disimular a larota dos nenos, en troques de cenaren unhas papas de fariña de millo ou unha rebanda de pan cunhas lascas de touciño: os chourizos que se enchían duraban pouco colgados dos lareiros da cociña, só dúas tristes morcillas de colondro, encetadas polos ratos, quedaban como mostra da matanza do marrao que lle regalara Isidro de Viana, pois seica nacera o derradeiro da camada e xa non apañou teto onde se enganchar, polo que xa non quedaba outra que crialo ó cacho.

A tapa da artesa, no recanto da cociña, tamén levaba dous días aberta, porque xa non había nada que pechar dos ratos. A familia da Xenerosa amencía triste, a velas vir: no poleiro só cacarexaban dúas pitas acatarradas co cu pelado e mais dúas poliñas de rabo corto; o pai, cos brazos caídos sen terras que traballar, nin ovellas que botar ó monte, pasaba o día desnortado, matinando en roubarlle unha cesta de patacas ó señor Avelino do Val que tiña un picouto delas nun recanto do alpendre acochadas con palla, mentres non atinaba o camiño por onde tirar na procura de gañar uns pesos; a muller rodeada de bocas cheas de dentes branquiños e afiados como puntas de navalla, en troques, facía milagres saíndo na procura dun cacho de pan e mais un cacharro de leite ás casas con fachenda que repartía ós raparigos no fondo de seis cuncas de barro.

Esta parella de ribeiraos de Parada de Sil, pobre en herdanzas, pero rica en descendencias, traballaban uns eidiños dun leitón, uns recantos de nada para a sementeira dunha puñada de chichos, un rego de allos e mais outro de leitugas, porén, malia de seren a Xenerosa e mais Plácido unha parella sen casa nin brasa, abofé que se querían coma dúas ruliñas, porque como di o outro: 'O cariño verdadeiro entra polo mexadeiro'.
.

luns, 9 de abril de 2012

O río dos olvidos

Os escravos romanos, un bo día dos tempos antigos, colocaron una lousa no foro de Roma, logo plantaron outra diante da primeira, despois outra e mais outra e así, lousa tras lousa sementaron de vías o imperio. Despois de moitas andainas de conquistas de terras bárbaras, os milites romanos chegaron ós limes de Gallaecia, o río Limia.

Ante diem sextum kalendas Martias, 138 a. C., os soldados romanos quixeron ver no río Limia ó río Leteo, o río dos esquecementos da mitoloxía grega, de maneira que se negaron a cruzalo por medo a perderen a memoria da súa afiliación. Di a lenda que ante o plante do seu exército, o xeneral Décimo Bruto, alcumado ‘Galaico’, máis bruto cós arados romanos de pau de freixo que araban as leiras, pasou á outra banda enarborando un estandarte como sinal de vitoria e que, axiña, comezara a berrar a listaxe dos soldados que esperaban noutra orela do Río d’ Olvido, facéndolles ver que a auga do Limia non estaba preñada de encantamentos coma a do río Leteo.

Caprenius Rusticus, berrou o nome do primeiro soldado, que fora recrutado cun rabaño de cabras nos montes etruscos.
Aulus Reburrus, berrou outro nome, un mozo repetidor da ESOR da Academia Palatina, recuperado para o exército.
Florius Amor Eunucus, enganchado pola leva mentres atizaba o lume das virxes vestais.
Flacius Flaccus, o miles que estaba a tentar coa man se un oso do Val da Limia lle comera a chicha do óso dunha canela.
Veranius Ostianus Postumus, levado polo cónsul patricio para a campaña do Xeneral Galaico, cando coidaba das hamacas na praia da Ostia, con perdón.

A seguir, os miletes romanos cruzaron a raia do río. Mais como a lenda debía continuar por moitos anos, un soldado, raro coma el só, poeta para máis inri, que recitaba versos beatus ille entre campaña e campaña de loita cos celtas, despois de atravesar o río Limia, amosaba estar perdido, matinando no carpe diem e nos tempus fugit e mais noutras lerias que escoitara a Horacio.

–Canta a túa filiación, soldado! –díxolle o xeneral Brutus.
–‘Ninguén’ é o meu nome –contestoulle a secas.
–E logo, non te chamas Vinicius Caldius?

Vinicius: ‘doce viño do olvido’. Caldius: ‘o demo que fai ferver os caldos nas adegas, onde se evaporan os recordos para se converteren en esquecementos’ –dixo polo baixo aquel soldado, triste e descarreirado.

Seica que Vinicius Caldius fundara Antioquía, a cidade romana esquecida no fondo da lagoa de Antela. Daquela xa medraron os carballos, certo, así que non esperes que cho explique polo miúdo, que xa non me lembro de tal remota historia.

venres, 10 de febreiro de 2012

Cousas de vellos

Ao cantar o galo no poleiro, arreguizada a miña cara como cu de pita choca e curvado o carrelo das costas polo peso dos anos, baixo paseniño ao alpendre co gallo de arranxar unha puñada de uces para prender o lume; logo, mentres as achas de carballo van suando a humidade de seu, as miñas maos, engurradas pola artrose, pouco a pouco, poñéndoas do revés e do dereito encima do lume, van quecendo até estaren tan quentes coma os roxóns que preparaba a Xenerosa despois de cada matanza na procura da manteiga.

Entón, coa sangue xa morna, comezo a rebulir polas alcobas da casa, abrindo as ventás para descubrir as teas de araña arrecunchadas nas esquinas do teito, abaneándoas primeiro cunha fileira de carallos e mais outros improperios que lles vocifero a xeito de disparos de metralleta, que son os berros roncos de meu, cando estou cabreado –tódalas mañás arrinco así con ganas de guerra– e logo métolles a vasoira de frouma no corazón da rede para escangallarlles a arquitectura de simetrías matinadas para cazar, non sexa o demo que un día quede atrapado nas redes enmarañadas unhas coas outras, me envurullen ó redor coma a un mosquito a xeito de cínfano-momia, tecéndome a medida o sudario de seda para durmir no cadaleito co fío que as arañas van cichando polas glándulas fieiras, cando están a teceren as trampas ou preparando a mortalla dalgún infeliz caído na rede brillante de cristal pegañoso.

Demo non digas...! Si, digo, que non quero servirlles de xantar, atado con camisas de forza, mentres vexo como me van chuchando as entrañas e mailos miolos que están por baixo da tapa da cabeza. Xa me dirás ti como vou tirar para adiante así, seco coma unha folla de bacallau, camiñando como alma en pena, sen que me alcumen na rúa de: ‘pasmón’, ‘pantasma’, ‘paiolo’, ‘monicreque’ e, mesmo, de ‘piollo resucitado’ andando pola rúa coma un toleirán, debuxando eses sen saber por onde tirar, lucindo de cachola unha cabaza baleira, cos miolos sumidos, como se for con ela buscar auga da fonte, eh?

Trala sobremesa, acostumo remexer nos queixóns do aparador do salón, buscando lembranzas nas fotos vellas; outras veces, dáme por rebobinar o tempo cara atrás, despregando os atados de papeis de barba testamentarios dos meus devanceiros, que me gustaría a min tamén testar: vacas, leiras, viñas e, mesmo, casas grandes con alpendre, forno e forxa, porén coma non teste o testo coa pota do caldo, outra cousa non teño, aínda que, ao meu fillo 'Fidalgo' podíalle dar a encomenda de que plante este epitafio: “Vente, aquí non hai crise”, que valer non vale nada, porén con certeza lle quitaría as dores de cabeza, a piques de estoupar facendo números polo vinte de cada mes e, mesmo, lle saldaría dun golpe o peso da hipoteca, porque aquí por debaixo os problemas da terra xa non pesan: Sit terra levis! –reza na porta do campo santo.

Así, deste xeito, rebulindo nas miñas cousas, sermonando comigo, conversa que arreo me dá a razón e me fai compaña, son capaz de pasar toda a santa mañá, facendo que fago, sen face nada de proveito, porén estes quefaceres de meu, ao cabo do día, tamén che dan canseira, quedando fatigado de corpo e coa mente ofuscada, como burro vello que xa no entra en rego, mañá volverei coa mesma.

Tódalas noites, despois de prepararlle as trampas aos ratos cunhas codela de queixo, baixo ao alpendre. O gato xa non caza ratos nin cousa ningunha, abofé que non: o ano pasado no inverno con tanto frío, meteuse no forno da cociña económica e, parvo de min, sen reparar mentes, pecheille a porta (de min a vostede, gústalle o cabrito asado?). Emporiso, lle digo que xa non me caza, porque o cacei eu a el antes coa porta do forno, o malpocado, gato tan friorento máis vin eu en ningures! Ao final, quixo quecer tanto, que morreu enfornado, con perdón.

Este ano, nos primeiros días de novembro, atopei un reloxo de cuco nunha arca do faio; deixeille as teas de araña como recordo do paso do tempo, sabedor eu dos feitizos que se narran nas lendas das arañas, como o mito de Ariadna, en Micenas, a mai de todas elas, que vai tecendo o tempo até esgotar o desenrolo do nobelo: fío da vida que salvara a Teseo dos corno do Minotauro.

No alpendre teño a gadaña de segar colgada da mao da santa compaña: unha alma en pena, perdida da procesión por apagárselle a vela, encontrada pola parca nun camiño vello, que viu a ben darlle a encomenda de presentarse no meu aniversario dos 70 anos, e disque quedou na miña casa este inverno acubillo das xeadas, esperando a chegada do andazo, co reloxo de cuco que lle colguei noutra man, cantando ela as horas e mais os misereres de seu.

A noite faise longa, certo, escoitando a curuxa: ‘busca viño, busca pan que mañá… teimando en berrar na galla dunha caracocha no souto do Sagrado, así que me poño a rezar ‘as vésperas’ cos ollos abertos e os ouvidos pechos, para non escoitar os cánticos tristes, de mal agoiro, da santa compaña, botando moito de menos os aloumiños da miña muller, que me quentaba os pés e me acariñaba o queixo coméndome a bicos: este inverno, que se presentou moi frío sen a Xenerosa, o meu corazón está coma entumecido, malo será que se cale antes de agromar a vindeira primavera.

De maneira que, determinei darlle corda cumprida e colguei o reloxo outra vez da mao mouca da pantasma que teño no alpendre, así que, dende entón, estou a ver pasar os días contando eu tamén as horas ao compás do cuco até que se lle esgote o fío do resorte da corda e o cuco deixe de cucar na ribeira do Sil.

Namentres isto veña a suceder, aos vellos, que nos queixamos baixiño do noso, o que nos cómpre agora é calor para non quedarmos tesos antes da hora marcada na axenda da desalmada parca que leva o control das saídas e das entradas no teatro do mundo.