Froilanciño, de cando estaba a andar a catro patas, xa gustaba de fozar no bulleiro dos camiños nos días de choiva e de se meter na arca dos farelos os días enxoitos, onde gozaba abondo envorcallándose na fariña coma un bacoriño.
Anos
despois, de seminarista, ascendeu a porco de pé: nos días de solta gustaba de
acudir á beira dos alambiques nas noites de destila coa fin de encher o fol co
viño novo acompañado de figos pasos, e de aparvar a mente chiscando na
augardente que estaban a destilaren os potes coa monotonía que é de seu.
Polo día asistía ós cregos da bisbarra, cantando
algún responso nos enterros e cabodanos, pensando na comedela que había de vir
despois na casa do finado, que deixara a mesa posta antes de morrer, avisado
pola curuxa.
Xa
de crego, coido que en Cristosende, non perdoaba ir de fartadelas ás festas nin
de acudir ás bandulladas nas matanzas das casas con fachenda, onde comía e
bebía ás bocas cheas, colorado e babexando coma un marrao. Na sobremesa, xa
chispa, era dado a falar de mulleres, esquecendo a súa condición de célibe, sacando
a súa lingua de camaleón de cando en vez para relamber os reguiños de graxa que
baixaban, paseniño, esvarando polas meixelas, zumegando o unto deica escorregar
polas engurras que conducían ós buratiños das comisuras dos beizos. De tal
xeito que a manteiga que estaba a destilar entraba outra vez no circuíto do
pote do seu bandullo, volvéndose a repetir o proceso da destila, polo que seica
fora contratado por Normaderm para os
ensaios clínicos dos novos produtos esfoladores de peles graxentas, así que o
seu traballo en adiante consistiu en encher o bandullo unha e mais outra vez,
que os técnicos estaban feitos uns lobos, para logo suar os lípidos e aplicar as
novas cremas de limpeza e comprobar os resultados en táboas estatísticas.
Don Froilán, xa vello, ascendeu na súa carreira de cura porco, dispensando, a arcipreste marrán na nobre vila de Castro Caldelas. (Unha homenaxe a Vicente Risco).
Ningún comentario:
Publicar un comentario