domingo, 14 de febreiro de 2021

O Tres

Viquipédia

Troco, o can orfo do Tres,
corría como cacho nun cribo, sen acougo, de acó acolá polo dédalo de carreiros e mais canellas que parten de Fondodevila deica ó mosteiro de Santa Cristina á procura de ‘Ítaca’: a compaña agarimosa do Tres. Moi amigo, o Tres de Portela, de quentar o caldo de nabizas no trespés da lareira e de triunfar en copas: en tres copas de viño antes do almorzo para entrar axiña, coa lingua solta, en debates de rango metafísico co ‘Inverno’ dos Fiós na hora do vermut, ó pé da barra da cantina do Pepe, encerellados co tema recorrente das bondades da demouca dos carballos. Desto aínda rebulían os nenos nas escolas e, á tardiña, nos carreiros tralas vacas, roendo unha onza de chocolate Casares de Teimende, dando sentido e futuro ás parroquias de Parada de Sil.

O Tres fora criado con papas de fariña milla, como todo fillo de veciño, nacido nun berce de familia de pouca habenza, logo medrara como o pan a medio cocer, feliz á súa maneira, iso si, malia que todo lle parecía enguedellado ou desenfocado dende aquel día que quedara a media luz, chosco dun ollo, por causa dun esbirro endemoñado que lle viñera do fol de debaixo do peito, mentres andaba a ripar tres mangadiños de herba para as tres ovellas churras, encerradas nun cortello; no alpendre, mentres, tres pitas co cu desplumado, aterecidas de frío, cacarexaban polo baixiño.

Entre as fazañas do Tres, que arreo se contaban nos faladoiros, están a de trincar tres copas de augardente; de prender co chisqueiro tres pitos á vez, dous no nariz, e mais doutro nun recanto da boca;  enlearse en disputas co misterio de Deus uno e trino; que retornara da emigración manco, despois de traballar no restaurante Aux 3 Suisses, con só tres dedos nunha mao; seica gustaba presumir de delfín de Neptuno, co seu tridente, cando acudía en soños como seareiro á ribeira do Manzanares de Madrid; o dedo ‘escachapiollos’ e mais o mainiño, dicía que lle quedaran machicados no perfil da porta da cámara frigorífica do restaurant calvinista, a quen servira tres anos escravizado nos fogóns da cociña, dando mecha á fondue dos ricos.

Tres anos en Genève, compartindo alcoba con tres sicilianos, que tres eran tres porcos de pé –Dago, Fiorello e mais Silvanio– e ningún deles era bo; emporiso, un día marcado no calendario, volteou á terriña co dereito gañado á xubilación, a seguir amontoando cartiños sen traballar, en compaña do can Troco de tres meses, a piques de chegar o Tres á perfección de tal número cabalístico, porén un mal día finou, por un erro de cálculo no xogo de tres en raia coa teimada parca que viñera como cada ano, na rebusca da castañeira, a cobrar a maquía dos vellos da ribeira do Sil. De aí o alcume de o Tres, con perdón, que de certo lle cadraba.

Ningún comentario: