|
Unha das vacas da cow parade que, aínda non hai moito, pastaron nos eidos de Gallardón, lucía o nome Milk on the rocks, vaca deseñada para dar leite frío, moi propio para os veráns asfixiantes de Madrid. Agora, na Mesa do Leite, estanse a falar de prezos mínimos, de prezos garantidos, mais pouco se debate en subliña-lo valor engadido do leite nas mans do consumidor. |
|
|
O leite barato, excedente da UE, malia de estar a arruinar ós gandeiros galegos con prezos por baixo do custo, no súper, sen embargo, vai cara arriba. É o valor engadido, que aporta a industria láctea, elaborando leites ó gusto e necesidades dun consumidor máis esixente coa dieta. Agarda un chisco, que cho quero explicar, a xeito de conto
Daquela, xa van moitos anos, de cando neno, á mañá cedo, baixaba á corte a muxi-la vaca Cachorra. Puña o leite a ferver na cociña económica, logo retiráballe a tona que lle medrara por encima coa culler, co gallo de arranxar unhas rebandas de pan centeo, que me gustaban cun chisco de azucre, despois do leite e antes de saír coas vacas para o monte. Agora, que xa estou a peitear canas, xa non estou na obriga de muxi-la vaca, se quero almorzar unha cunca de leite: os tempos modernos cambiaron moito. No súper, ó pé da casa, téñoo todo á man.
O outro antonte -un día que non acudira a traballar, porque andaba tristeiro, coa cabeza gacha polo o asunto da crise, que me trincou, ben trincado na compra dun piso, parvo de min!- berroume a muller dende a cociña: "acabouse o leite, anda, vai mercar un cartonciño, que mañá xa baixarei eu co carro a face-la compra"! E fun. Entrei no súper, achegueime ós estantes dos lácteos e boteille unha ollada; logo, comecei a mirar e remira-los letreiros dos cartóns, ficando ós poucos canso, por non atinar co meu leite. A moza, que atendía aquela sección, acudiu na miña axuda: presentouse cun sorriso, lucindo espléndido escote, todo natural, palabra de honor do leite que ofrecía nos estantes, camiñando lixeira, vestida de branco, con cofea e todo, coma unha enfermeira nunha botica.
Qué leite quere? De vaca -díxenlle, sen a querer insultar- de vaca son todas -murmurou entre dentes-. Todas..? Quero un cartón de leite de vaca, e que vostede saiba que tamén hai leite de ovella, de cabra, de búfula, de camela, de soia, leite materna, leite de burra...o cartón quéreo desnatado, leite enteiro, semidesnatado, homoxeneizado, con calcio, con factor omega oleico, uperizado, con proteínas, con alto valor enerxético, con hidratos de carbono?
Perdoe, miña señorita, vostede presume de saber moito de leites... son esperta en nutrición e mais en dietética. Ah! Que ten carreira. Eu non puiden estudar, primeiro eran as vacas; logo, herdei do meu pai a roda de afiar para anda-los camiños na procura da vida, esa foi a miña carreira e por iso lle digo eu que non atopo a comprender isto que pon aquí "con alto valor nutricional e enerxético, alimenta pero non engorda", no meu humilde entender debe ser cousa de bruxas, porque, como di o outro, todo o que non mata engorda e, tratándose do leite, como o caldo de galiña para as mulleres parturientes, non só engorda, que tamén fortalece e cura os catarros e mailas gripes, non me veña con esas tréculas de que o leite non engorda; agarde un anaquiño, cando cheguei a Madrid polos anos sesenta e pico compraba medio litro na leitería A' Paca da rúa Labrador, que lucía como reclamo no escaparate "leche de una sola vaca para niños y enfermos" e por iso lle digo eu que.Non siga vostede co conto, que nos van da-las uvas, que estou a ver que ten vostede moita parola e poucas ganas de comprar. Xa, pero, e todos estes leites? Estoutros veñen preparados do laboratorio para mante-la liña das rapazas en idade de namorar e dos mozos metrosexuais e narcisos, amigos dos spás e ximnasios.
Leite que se ofrece cos novos envases reciclabeis, tetra briks asépticos, en doses individuais -rematou a moza con estas palabras, repetidas coma un papagaio, mentres me ofrecía un vasiño deste leite de deseño, preparado na fábrica á carta.
Eu, como sigo chapado á antiga, ó final da tanta xiringa de leites, que che parecen mesmo medicinas, agarrei unha botella de leite fresco e achegueime á caixa, namentres ía falando polo baixo, recordando a miña infancia coas vacas e como cambiaran os tempos.
Ó remate deste conto, coido, que o asunto do leite quedou a medio remexer, mentres sigo mazando nel por ver se lle saco toda a crema, consuma vostede leite galego do xeito que for: é bo para o corpo e non é malo para ir indo nesta crise do demo.
Por: EDUARDO PRIETO CASARES |
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario