venres, 22 de outubro de 2010

Percorrido do Sil antes do embalse II


Antes do embalse, a familia dos Ferreiros, a Candela cos fillos Pepe e mailo Rosende, traballaban de barqueiros entre as dúas bandas do río. Serafín, o pai do Vicente, e maila familia dos pais do Eladio e do Pegerto ademais das barcas, tamén tiñan forno, vendendo o pan centeo tanto nas aldeas de Lemos como nas de Caldelas.

Unhas barcas eran pequeniñas, moi lixeiras, para dúas ou tres persoas; outras, medianas, para unha cabalería; a máis grande usábase pouco, porque cumprían dous homes para remar, só cando viña unha xugada de vacas ou varias cabalerías para as feiras de Sober, Pantón, Monforte ou pasaban o río no outro sentido de Lemos a esta banda, ás feiras de gando de Maceda. Tiña moita sona a feira dos bois de Montederramo:polo camiño vello que vai dende Vilariño a Pradomao cara a Ribeira había una paraxe -recorda a nai de Antón Fernández, unha señora de 90 anos aínda cunha memoria prodixiosa- que se chamaba  A Casa nova, onde pasaban a noite os limeses que acostumaban acudir á feira de Montederramo na procura dos bois da montaña.   A máis importante das feiras de gando vacún era a de Castro Caldelas, aínda que acudían máis pola ponte de Abeleda e por San Clodio. Entón, non había outro remedio que empregar estas barcazas e remar, virando a súa proa un pouco cara arriba, a contracorrente, co gallo de chegar á outro lado, dado que, ás veces, nas enchidas do inverno, a forza da auga arrastrábaos río abaixo.

A romaría ó Santuario dos Milagros, acudía daquela moita xente devota da Virxe e das merendas ó pé do Santuario. Coa noite pecha, a mocidade retornaba da esmorga alumando os camiños con fachóns de palla de centeo. Eran días de moita xeira coas barcas. Costume tan arraigada que, aínda hoxe, con outros medios moito máis doados, continuan acudindo á cita coa Virxe a xente devota do agro de Caldelas e de Lemos.

O tránsito entre as dúas bandas era continuo: a mocidade acudía á chamada dos foguetes e mais das campás que repenicaban engaiolantes ás romarías de Amandi e de Cadeiras. Nesta banda do río, viña tamén a mocidade de Lemos ás festas do Carme, en Sacardebois, ás de Trigás e maila festa das cocas de Santa Tegra pola ponte de Abeleda.

Polo medio da tarde, cando subían ó Santuario de Cadeiras e coas primeiras tímidas luces da noite, ó retornaren, as barcas non daban abondo para poder pasar a tanta xente que, por entón, había unha morea de mozos e mozas nestas aldeas que daba gusto velos.Cos bailes, coa bota de viño e coa pándega de cabrito as mozas abríanse ó namorisco e, despois de varios encontros noutras festas, formalizábanse as relacións, sendo frecuentes as parellas entre os mozos e mozas dos dous lados do río.

Os miúdos de casas grandes con haberes pasaban nas barcas montados nas bestas para acudir ós internados dos colexios Escolapios e da Divina Pastora en Monforte. Os ribeiráns tamén se achegaban ás barcas cos cestos de pavías, que vendían nas vilas e feiras da bisbarra de Lemos. Cada cando, se lles facía ó caso, trocaban as pavías, cereixas, uvas e peladillos por un saco centeo da chaira que lles cumpría para enforna-lo pan.

Namentres, o catamarán seguía, pouco a pouco, co seu percorrido, situándose xa no comezo do Canón, asucando o río entre paredes de rochas de máis de 400 metros de altura. Na parte de Caldelas, o miradoiro Balcóns dos Mouros, coñecido tamén polos Balcóns de Madrid, porque disque a xente de entón, entendía que Madrid, coa chegada do ferrocarril a Monforte, quedaba a un tiro de pedra noutra bandado río: éche a carreiriña dun can –dicían os paisanos–. Dende os balcóns de Madrid, seica se despedían as mulleres e noivas dos mozos camiño da emigración.

Contaba o meu pai que escoitara ó seu avó que aumentara moito o trafico coas barcas dende que “Los Caminos de Hierro del Norte de España” chegaran a Monforte. Cousa que aconteceu en 1883 con parada oficial e mais banquete real, coa presencia de Alfonso XII, na cidade do Cabe, daquela con 11.000 habitantes. Coa chegada do ferrocarril, Monforte converteuse nunha vila importante, cunha burguesía liberal emerxente da masonería, vidos dende Francia para a construción das vías férreas. En Castro Caldelas, uns anos antes, por 1840, tamén houbo outro grupo de liberais, tal vez da masonería: o meu bisavó Don Fernando Miranda, avogado, deputado en Cortes e Xuíz de Castro, o boticario Manuel Conde, o avó de don Vicente Risco e mais outros.

As persoas da bisbarra, tanto de Lemos como de Caldelas, agarraban o tren para emigrar a Suíza, Alemaña, Francia, Madrid, As Vascongadas e Barcelona: mulleres mozas pasaban no verán dende Meixide ás Forcadas por Amandi cara a Monforte para ir a traballar no servizo en Barcelona; os mozos da montaña e da ribeira baixaban ó río para colle-la barca en San Fiz para pasar á outra banda do río, ó lugar de A Barca de baixo, en Lemos. Había que subi-lo camiño de cabalerías a pé, ata Amandi e, logo, polo camiño real cara Doade, para chegar a Monforte.


Neste último tramo da viaxe, atracando no embarcadoiro de Santo Estevo, volvín en min, canso o meu caletre de tanto cavilar. Ollei ó meu redor: “garda que é bonito, eh!” –espetei ós que viñan sentados ó meu canto– máis que nada por dicir algo, como me deixei levar polas ás do maxín, esquecín en todo o percorrido da viaxe de face-los consabidos comentarios: “os socalcos das viñas espallados polas engurras das abas en cada banda do río, os pintorescos vilariños, aldeas e casares remarcados na paisaxe coas agullas dos góticos cipreses, lugar de mosteiros, de miradoiros, de fragas de carballos e castiñeiros, de adegas de viño branco de godello e de tinto de mencía desta viticultura heroica, con nomes de antigo con sona coma Amandi, a lenda do Pedome, de paredes de rochas antropomorfas no Canón, as pesqueiras de anguías e troitas” e mais outras belezas nas dúas bandas do río.

Engaiolado polos debuxos da mente, estes amosaban tan reais como as mesmas persoas sentadas ó meu carón. Entretido en destece-las lembranzas en todo o percorrido soábame unha música de cantigas de sereas, cativadoras, como as que namoraron a Ulises, que che digo que en todo o percorrido non me deixaron olla-la paisaxe da Ribeira do Sil.

Ningún comentario: