Cando chegaba o tempo da vendima na ribeira do Sil, Sacardebois, había que arranxa-los cestos para face-la carrexa das uvas dende o mesmo pé da auga ata as adegas que, por entón, ocupaban os baixos das casas. | |
Os mozos, cunha saba as costas, cargaban cos eles polos sendeiros e carriozas en fileira india, competindo en aturulos cos mozos de Lemos. Cada casa, segundo os haberes e cavaduras de viñedo, dispuña para este mester de dez, vinte ou máis cestos culeiros de castiñeiro bravo. Había, daquela, un home de sombreiro de pano dunha casa de moita facenda, con moitas viñas esparexidas por toda a ribeira, familia que deviñera rica por mor dos foros do mosteiro de Montederrano noutros tempos de antano. Máis de quince días facendo a carrexa das uvas lle cumprían a esta casa: varias mulleres de Vilouxe que traballaban ao xornal levaban o peso da xeira da vendima. As fillas do rico tamén axudaban, aínda que como estaban estudando para mestras lucían uñas e maus máis brancas ca dun crego, pouco axeitadas, pois, para dobra-las costas e xunta-los vagos do chan. Ciscados polos camiñiños cara adega, os xornaleiros e mozos da casa ían paseniño apandando cos cestos culeiros, rubindo coma formigas polos pataos e sendeiros, pousando de cando en vez nalgunha tapa das paredes das carriozas: momento oportuno para coller aires e botarlle uns aturulos aos mozos de Amandi.Ao fío das once da mañá había que repousar para toma-lo taco de xamón con queixo de ovella de Zamora, regado coa bota de viño que agardaba na fresqueira dunha fonte. O caso foi que o home dos sombreiro era da condición de pensar que non habería de cortarlle a cabeza a tantos castiñeiros novos para arranxar unha morea de cestos para usalos unha vez o ano, que era moita canallada para os soutos e fragas. En troques, outro veciño de boina negra encasquetada na súa caluga vía o asunto dos cestos de maneira contraria: dado que as cavaduras de viñas non eran moitas e uvas que carrexar poucas, veu na opinión de que ollando unha morea de cestos no seu alpendre, a xente do lugar haberíao de ter en mellor consideración, porque tanto tes, tanto vales, dicía. Un día daqueles, polo vinte de setembro, atopáronse os dous homes na tenda do Carreño e falaron deste xeito: -O home do sombreiro de pano: non teño cestos dabondo. Ti, que tes moitos, poderíasme prestar algúns, que me anda moita xente na vendima. -O home da boina replicoulle: carallo, conto con cincuenta e tantos cestos e cómprenme todos. Eu se for ti, habería de arranxar para a vendima douscentos cestos e aínda mais. -Entón, o home de sombreiro sentenciou para rematar a conversa: eu non penso investir todo o meu capital en cestos, como fas ti. Ámbolos dous pecharon a boca e desviaron os ollos cara abaixo, porque cadaquén mira polo seu e ve as cousas a súa maneira. |
domingo, 25 de xullo de 2010
Os cestos culeiros da Ribeira do Sil
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario