venres, 9 de xullo de 2010

Libro branco dos esquecementos


Na ribeira do Sil, van morrendo os últimos vellos. A memoria desta bisbarra vai desaparecer en poucas décadas. Co gallo de recuperala nos libros, un estudante de Antropoloxía da Universidade de Santiago, Lucio Miranda, investigando para a tese doutoral Os esquecementos da cultura ribeirá, mandoulle unha misiva ao alcalde do Concello de Parada de Sil –á sazón, a súa excelencia Xosé Ramón Prieto– con fin de que algún veciño, peiteando canas e sabio, lle achegara polo miúdo información de tales esquecementos culturais do berce da Ribeira Sacra.
Isidro de Viana, daquela Xuíz de Paz; de mozo, bregado nas andainas coas reatas de mulas por terras de Castela, home de moita parola e coñecedor dos costumes de acó e de acolá, recibiu a encomenda en dar forma ao informe.
Con tal propósito, ao anoitecer armado de lapis e papel, sentou na galería da Casa de Viana perdendo a ollada por terras de Amandi, mentres se bambeaba na randeeira calado coma un moucho, pensando por ver de cazar algún recordo de tempos esvaecidos. Mailos esquecementos, fieis á esencia do seu ser, non son doados en aboiar á superficie da conciencia.
Magoado por se lle ir o santo ao ceo, abriu a petaca e púxose a liar un pitillo coa cerimonia que é de seu. Prendeu un fósforo, agardou un chisco, meteu aire nos bronquios, soltou unha fumarada e intentou lembrar outra vez, mergullando cara dentro para remexer no fondo do subconsciente. Así che estivo un anaco ata que o lume do pitillo lle lambeu os dedos, mais nada. Tabula rasa. Non recordaba ningún esquecemento!
O novel investigador recibiu o informe Os esquecementos da cultura ribeirá coas follas en branco.O universitario nunca chegou a doutor por causa de non acertar en abrir o título da tese.

Ningún comentario: