domingo, 25 de xullo de 2010

Cousas do ceo e da terra

Pai noso, que estás no ceo, veña a nós o teu reino. Rusos e  americanos compiten en gaña-lo ceo. Os soviéticos levaron un mono por ver se, fóra da gravidade, resolvía integrais co gallo de fabricalos en serie para o ensino das matemáticas nas escolas secundarias, pois disque os rapaces de hoxe non gustan dos números primos por seren estes de natureza autista, nin mesmo doutros por máis naturais, enteiros, e racionais que presuman ser. Aínda nos quedan por cita-los números irracionais, que pecan de imaxinarios e de complexas combinacións algorítmicas. Abofé que non é camiño doado tratar con estes últimos, penso eu, ágrafo nesta e noutras moitas ramas do saber.
       Coas monadas destes mestres, deseñados ad hoc, as autoridades académicas pensan roe-lo óso das matemáticas, sen considera-lo esforzo e mailo traballo diario como método a seguir;   partidarios de ofrecer ao alumnado o pan migado e de  cocer a Pitágoras nunha sopa de números e letras coma un xogo máis para entreter, non sexa o demo de que por tanto cavilar lles suba o estrés ou provoque algún trauma a  cerebelos, fráxiles, con máis carga de sexo que de siso, que adoitan te-los escolares en idade de aprender. 
      Os novos docentes, coñecidos no ámbito estudantil como monadas ou mónadas, programados co principio activo do microcosmos Leibniziano de espreguiza-las neuronas co recurso da ludopraxis, esperan poder meterlles a hipotenusa no caletre aos rapaces con nota deficiente por causa de mestres e de programas pensados por uns e aplicados por outros que veñen a sumar ao cadrado unha panda de catetos.
       Os americanos, por outra banda, respectuosos co cuarto poder dos mas media, decidiron trinta anos despois cambia-lo mono por un periodista de Relixión Dixital, acostumado a se mover pola araña sideral do Internet, un crego experto na doutrina hermenéutica da linguaxe divina, co fin de entrevistar a Deus e difundir pola Rede as primeiras palabras en directo, despois de subir ao ceo, xa vai un mangado de anos, persoa trinitaria tan importante.
Porén, despois de  constata-los datos acaecidos, lamento ter que informar que todo o proxecto e expectativas del levantadas quedou nun chasco, porque a nave espacial, despois de percorre-las estradas interestelares unha e mil veces, en círculos concéntricos cada vez mais próximos ó burato negro, na procura do desexado encontro con Deus, non atopou o seu Reino por ningures. Porén, seica que unha partícula másica divina, o bosón de Higgs, ou partícula de Deus vai amosar pronto no Gran Colisionador de Hadróns (LHC), antes o CERN de Genéve.
 –Certo : “Deus é, pero non está” –díxome un crego, sinalando a noticia no Xornal de Galicia.
–Contesteille humildemente: No catecismo viña que Deus estaba en tódalas partes. En que quedamos? 
 O curiña non soubo que dicir. 
–Mecagoendiola, non hai Deus que vos entenda! –berrei entón, alporizado. 
–Cala, home cala! Ai, meu Deus, ai: estas pequenas criaturas finitas! –rosmou  o crego polo baixiño, sorrindo coa inocencia dun anxo caído do ceo.

Ningún comentario: