mércores, 25 de novembro de 2009

Pishtacos, Os Sacaúntos de Perú



O outro antonte, un día soleado da semana de San Martiño, saín a dar unha pequena andaina polo Parque do Retiro; agradecido o meu ollo polas cores do outono, sento nun banco de madeira á beira do Estanque e abro o xornal por ver se algunha boa noticia poida facer escampa-los nuboeiros desta crise do demo.

      Na portada, “La llegada de los marineros del Alakrana”, “El futuro de Europa”, “Dos haces estables de partículas ya circulan por el nuevo acelerador de partículas”… mais ó pasar á terceira folla, a entradiña dunha noticia sáltame ós ollos, deixándome o corpo arreguizado:

     “Asesinan a decenas de personas para usar su grasa en cosméticos y venderlos a los países ricos.”

     Non sei ti, mais a min o titular fíxome revivi-los cocos da miña infancia: “vén, neno, que te vai levar o Home Sacamanteigas! Cume neno, que vén o Home do Saco! Non saias ó camiño! que anda por aí o Lobishome; durme, neniño, que te vai comer o Papón!”

     As lendas acostuman xurdir dun feito real, logo serán revividas unha e mil veces e espalladas polas ás do maxín de xeración en xeración, formando parte da memoria e tradición dun pobo. Mais, nesta ocasión, os feitos puros e duros da noticia, una vez máis, superan a fantasía dos contos.

     A Banda dos Pishtacos asasinaron a máis de sesenta labregos nos Andes de Perú, seica que escolleron os corpos mellor cebados para cocelos nun pote de forma artesanal, a cachos coma roxóns; despois de sangralos co coitelo da matanza, veu a desfeita, deixando os ósos ben lambidos; logo, a fogo lento de leña nun caldeiro foron destilando a graxa.

     A organización dispuña dunha rede para a venta dos lípidos a 15.000 dólares o litro. No fondo desta execrable noticia está, pois, o interese económico da comercialización de produtos naturais como base das cremas con efecto lifting. A demanda da xerontocracia económica europea e mais americana, disposta a paga-lo que sexa por mante-la aparencia da eterna xuventude ou por mercar órganos para un transplante, din que, nestes tempos de crise, vai en alza.

     Pero quen son estes endemoñados Pishtacos? O nome da banda dos malfeitores, vén de Pishtaco ou Nakaq, personaxe da tradición andina peruana: un malvado diaño sacaúntos semellante ó Romasanta de Allariz, condenado por licántropía e por elaborar xabóns coa manteiga das vítimas. A palabra é do quechua pishtay (cortar en tiras); a lenda do pishtaco o pishtaku como sicario xurdiu nos Andes peruanos en tempos remotos.

     Antes de remata-la historia, atende un chisco que che hei de dar un consello: “coido que estarás ben mantido, non é? pois ándate con coidado, queima ese unto que te sobra! non sexa o demo que veñan Os Pishtacos fiten en ti, te cozan en cachos como carne ó caldeiro e dentro de pouco te vexamos en crema, lucindo enlatado nos estantes de cosmética”. Demo non digas! Dito queda.
PDF Imprimir E-Mail



Ningún comentario: