martes, 17 de novembro de 2009

A última bruxa de Celeirós











 
Celeirós, concello da Teixeira, é unha aldea soleada de montaña, con hortas fértiles na beira baixa do vilariño, con leiras chás de secaño, espalladas ó redor, onde se alterna o centeo coa sementeira das patacas. Embaixo, no río dos Vaos, soutos húmidos e lameiros de rega; ó lonxe, as devesas.Na cima do vilariño, a capela de San Ramón Nonato de canteira de perpiaño está a vixiar e protexer á tódolos veciños e, dun xeito especial, ós nenos, por naceren prematuros ou con cancelas para saír adiante. Un lugar, abofé, lindo. Aínda que, antano, sen estradas e sen luz eléctrica, estivo durante séculos recollida en si mesma e illada. Nesta aldea, e en tantas outras, o medievo alongouse ata a década dos sesenta do século pasado.


Un sitio, pois, axeitado para as bruxas, "porque habelas hainas" e son moi cativas, por teren feito un pauto co demo.

Velaí algúns indicios: ferraduras cravadas nas portas das cortes das vacas; axiña de enforna-lo pan, face-la sinal da cruz coa pa, rega-las portas e xanelas das cortes das vacas e dos cochos con auga de ruda ou con auga da pía bendita; o rito máxico de cura-las vacas con infeccións nos pezuños: a pegada do pezuño enfermo, marcada no terrón do lameiro, recortábase cunha aixada e púñase ó sol encima dunha parede; ó seca-la herba do terrón, a res deixaría de coxear... "voulle enrosca-lo rosario nos cornos, que a Gallarda está a piques de parir, non vaia se-lo demo que..." -rezaba o Queridiño a súa maneira, despois de comera-las vacas.

Corrían, devagar, os anos de mil oitocentos oitenta e pico -contoume, un día, o meu pai, o que oíra do seu avó e que llo dixera coma certo- ...chamábase Remixia, solteira ela por ser, ademais de pobre, derreada dos cadrís e birolla. Vivía en compaña da Teodora, a filla, unha nena con cariña de monicreque, tan chuchada que non atopaba onde se persignar, que lle viñera parva, valéndose das artes de menciñeira co mesmo demo. Á coitadiña non se coñecía pai. Quen sería o desgraciado que lle fixera esta cabronada a Remixia? Ninguén. Nin o Calcaterras da Rosinda, mozo de ruín catadura, amosaba interese por semellante cangallo. Disque, de cando moza acariñaba a un macho cabrío.

O caso foi que, ó non atoparlle pai en ningures, habíalle que engadi-lo alcume de a Mona, que non quere dicir que for unha simia ou unha nena linda, non! O alcume de Mona víñalle da abreviatura de monaparental por ser, daquela, o primeiro caso coñecido da bioloxía humana, na que unha muller, meiga ela, valéndose das artimañas de seu, logra concibir unha filla.

Abofé, hai que deixar ben sentado, que fora a falla de práctica nestes novos obradoiros de autoxenesia, bondade exclusiva de Deus Creador, o motivo polo que a concepción da nena, sen ter fornicio cun home, non acadase un produto ben rematado.

De picariño, con seis anos, so sabía contar ata 14 que eran, por entón, as cabezas de gando que presumía te-lo meu pai, mais aínda lembro as rimas que recordaban os feitizos desta última meiga de Celeirós, como tamén ouvira falar da última meiga de Torbeo.

"A meiga de Celeirós. Contan os vellos/a carón da lareira/que houbo en Celeirós/ unha bruxa meiga/ Contan as vellas/ a torna-la auga na gateira/ que, cando viña do monte/tapada coa faldriqueira/finxía portar unha filla/ que parira aquela xeira/Contan as mozas/ á noite, na fiadeira/que foran coñece-la nena/da meiga parideira/cando viña coas ovellas/un verán, á tardeira/ Contan ó brincaren na rueira/que lle descubriran a cabeciña/ preto dunha eira/ non era unha neniña/ érache unha aña lueira/Contan todos/no Castro, o día da feira/ que a María do Benigno/dixera desta maneira: "é cuspidiño o seu pai/ tal pao, tal madeira"/Contao señor Sidro que/ un día, ó subir pola barreira/ ollara á lúbrica meiga/ a cabalo do demo/ na súa palleira.../ Contan que o crego/ esconxurou:"teu cativo/ meigallo, mal cheira! bruxa de ollo birollo/ no inferno, serás poeira!/"

1 comentario:

Anónimo dixo...

Bruxas en Celeirós? mi madriña! Cal é a fonte da historia? é túa?
Miña avoa é de Celeirós, estou por preguntarlle... haha

Saúdos! moi boas historias!