martes, 22 de outubro de 2013

Airiños da miña terra

Aire. “Mestura que, constituída por osíxeno, nitróxeno e outros gases amais de vapor de auga, forma a atmosfera da Terra”. Vento. “Aire atmosférico en movemento” (RAG). A auga, a terra, o AIRE e mais o lume, para o filósofo Empédocles, e mais tarde para Aristóteles que denominou elementos, foron os principios básicos que constituían o mundo, teoría que séculos despois quedou desbotada cos avances da ciencia. O mundo sería, pois, unha determinada mestura deses catro elementos, en maior ou menor grao.                
Sen embargo, querida Marta, malia non querer esmiuzar agora tal teoría, con todo e iso, o ar para os filósofos helenos tiña esta simboloxía de hálito creador, de sopro de palabra, o mesmo concepto amosa no Xénese coa creación do home, de luz e mais lixeireza, de mobilidade e mais de liberdade como o voo ceibe das aves.                              
    A fraseoloxía coa palabra “aire” é abundante no galego, mais para non andar co aire nas pólas, pídoche, benquerida Marta, un respiro de atención, que non quero falar para o aire como cando explicaba metafísica no Instituto a rebuldeiros adolescentes: nun airiño de Deus remato o conto e xa quedas libre de planear ao teu aire como unha presumida bubela que se deixa caer ao canón do Sil dende o alto da capela de Triguás.            
    Ao reler o que vou escribindo ando no aire, cazando erros e mais erratas,  mais axiña me enfado, mecagoná! que corto o aire coa fouce! co cello engurrado do mal aire que me dá: como se for o aire de mariñeiro maniático de cando arranxa o camarote colocando cada cousa no seu sitio, aire que respirei cando mudei de aires nun cruceiro a Bos Aires, e perdoa polo bucle redundante, cos cartiños aforrados do ensino, que nos últimos anos non podía respirar o aire de loita polos recortes, ventando co nariz de vello perdigueiro que xa non aguantaría outro ministro Wert coa Lomce de seu, que me cómpre tomar aire fresco que a vida entrada no aire do outono xa non está atada cun barazo a un papaventos, que como di o outro empreñas do aire con ilusión e pares do vento un proxecto frustrado: e que cousa atopaches, aire de arriba?                               
    Vou como unhas castañolas co aire de primavera que abanica as folliñas de castiñeiro nos soutos da ribeira do Sil escoitando o lene sentir da natureza; co aire fresco que alivia as calores de verán na pasarela que serpea ao carón do Mao; co respiro de aires antergos de tumbas abertas en canal na aira da necrópole de San Vitor; vou de compaña cos aires renovadores do concello de Parada de Sil que poñen en valor o rico patrimonio que é de noso: aires de brisa renovada na proa do catamarán que asuca o Sil, airiños de música no concerto do mosteiro de Santa Cristina, aires alegres de vendima na fábrica da Luz, aires de achego de veciños que aventan coa criba de media lúa castañas secas en Purdeus, lecer de meu atando as folliñas do calendario que comeu o tempo ou xuntando as estampas daquela vida da infancia que levou o vento.        
    Que se afogue Eolo que aviva o lume devorando carballos e piñeiros! Suave airiño que seque as bágoas de desconsolada mai por un mal aire que lle deu a un fillo; mal berce de aire nado no océano que trae preñadas as nubes de ruinosa sarabia; non atopo abanico menciñeiro para saírmos airosos desta crise que nos mantén afogados; que leve o demo o mal aire que ventan os adegueiros de cara ao futuro; sopro na corrente de aire para que lles achegue o andazo aos políticos, que rouban con aires mentireiros de “non me consta,” aos que andamos pola vida coa cara lavada e cos petos baleiros.  
     Sopro de alento a persoas desvalidas que viven do aire; fol de aire ventoso que limpe as culpas a un pobre necesitado que rouba a un rico ladro; solta de gas ao aire polo escape de atrás que nos alivie dos recortes o día da festa das urnas, mandando aos políticos, aos que tornan a auga para o seu muíño, a tomaren o aire de Villadiego.    
                                 
Vento oportuno que esfarele a polución do escape da sociedade de consumo para que repartan o pan aos que veñen con cara de fame a petaren na porta da terra de promisión: que se derruben as tupidas cribas, nas fronteiras de alto aramado! Que lle baixen as orellas ao vento de Tarifa que sopra en popa a toda vela nas táboas do surf dos mozos ricos, pero que vira en contra envorcando as dornas de mozos pobres que escapan do sur, en guerra. Parada de Sil,  Ribeira Sacra.  Airiños...
                             




venres, 11 de outubro de 2013

A memoria da auga



A auga do río Leteo lavaba a memoria e, no seu canto, aniñaba o esquecemento, en troques, querida Claudia, a auga doutros ríos, e das fontes das que se alimentan, de certo que a fai medrar, como son as augas doces, e benditas, recollidas na pía bautismal que han de deixar limpos, como cus de anxos, aos miúdos que xa nacen lixados co pecado orixinal herdado dos nosos devanceiros que levaban daquela unha vida regalada no paraíso, perdéndoa, os moi parvos, por fincarlle os dentes a unha mazá, vestida de reineta, historia sagrada que aínda lembro de cando neno. Así e todo, tamén hai augas salgadas, malditas e invasoras, dun tsunami que borran do mapa tanto a cristiáns coma a pagáns. Mais o líquido elemento dá lentura ao noso corpo, somos auga, certo, zumegando a sobrante polos buratiños dos poros e mais por outros aliviadores de máis calado que se abren ou apertan como a billa dun cubeto. 

     A auga e mais o viño sonche bos; pero, mira, en doses comedidas, aínda che son mellores: augas a cachón ou dunha treboada, que nuns sitios arramplan con todo e noutros nada, fronte ás preguiceiras gotas que pingan polos bicos dun tellado ou o orballo miudiño que vai caendo de cedo na horta para lavarlle a cara ás nabizas. Augas benditas, que cuspe o hisopo, e que perdoa as culpas a un finado; augas mornas que fan medrar o pan; augas que lle borra a cara tisnada a un larafuzas; augas de cristal da fonte da ninfa Sálmacis que remedian os quereres andróxinos, indefinidos de xénero; augas de maio, un regalo para as cortiñas sementadas de millo; augas menciñeiras que curan o mal de ollo; augas caídas do ceo, no setembro, que veñen a enmudecer as fauces do lume que alampa coa frouma dos piñeiros; augas da Fontefría de Maraván que apagan a sede dun camiñante solitario, rubindo a petada da ribeira de Sacardebois á montaña de Forcas. A auga, fonte de vida.

      Na mitoloxía helena fálase doutro río, o río Mnemósine, que nestes lares da ribeira do Sil recibe o nome de Mao, río humano, que resucita a memoria esvaecida dos vellos, tras amoleceren na poza dos Recordos unha noite de luar, mergullando cara dentro na introspección do pasado. Augas de cadeiras académicas que reguen os miolos mirrados de palabras patrimoniais, que con 'cousa', 'carallo', e 'logo' xa teñen abondo para aos dixomedíxomes nos faladoiros da telelixo, que deixa no dicionario palabras moucas e silandeiras, que antes camparon nos libros, esperando un certeiro dardo que as esperte, emporiso cómpren augas renovadas que as fagan abrollar nas ágoras da fala.


      A inmersión no río Mnemósine, acá nas fervenzas do canón do Mao, era o remedio para recobrar a memoria. Disque houbo un filósofo na Atenas de Pericles, que mentres cantaba o galo no alpendre, no alborexar dun novo día, coa cunca da man bebía auga de tal río, en compaña do seu can, Orto, de dúas cabezas coas que lapaba o dobro para darlle azos á memoria, e que chegara o cadelo a recordalo todo: seica que recitaba hexámetros en latín, naquela descoñecido, como declamaba versos de Homero: un can enciclopédico que sabía do presente, do pasado e até escudriñaba o futuro, no rango da pitonisa de Delfos: hoxe co seu fociño perdigueiro ventaría a saída da crise e, mesmo, desvelaría o intríngulis do finiquito diferido de Bárcenas. Certo. Máis sabios, o can e mais o mestre, que de tal niño tal paxariño, cós sete sabios de Atenas xuntos, á altura do mesmo peripatético Aristóteles, malia de volverse tolos ao final de cumpridas colleitas na Biblioteca de Alejandría, onde acudiran cunha beca dos seareiros de Dionisio para a pescuda das melloras da memoria no esquecer das sobremesas regadas con viño, simposio que se habería de repetir, despois dunha morea de anos na adega Ronsel do Sil que elabora viños de autor de cepas vellas, que quenta as orellas; vides derreadas cara ó sol nos socalcos da ribeira de Parada de Sil.

      Polo dito máis arriba, querida Claudia, podemos deducir como corolario que unha das virtudes da auga é ir retendo a memoria no seu ciclo eterno, mais cómpre abrir, de cando en vez, o aliviadoiro dos recordos, non sexa o demo que se presente a Parca coa axenda, e que un estoupe por causa do enmaraño das neuronas do hipotálamo, que enchen e quentan o depósito da caletre coa morea de estampas e de datos angazados. Uns vasos de viño tinto de mencía da Ribeira Sacra é a menciña recomendada para unha doada escolma dos recordos tecidos na arañeira da caluga que deben permanecer, desbotando aqueles que só cobran vida fuxidía na noite dos morcegos, así que para desconectar "bien valdrá, commo creo, un vaso de bon vino con el qual suele el pueblo fablar a su vecino", Gonzalo de Berceo dixit.

martes, 17 de setembro de 2013

Os últimos avós da ribeira do Sil




Casa de Viana, xullo do ano 2000 e pico. Por fin, chagamos á casa dos avós. De seguro que escoitaron o runrún do coche e xa estarán agardándonos no patio coas follas do portalón abertas de par en par.     
                  
    


Primeiro, abrazamos a 'Tatá' para comela a bicos. Logo, deixámonos caer no colo do avó. Desta última xeración, poucos vellos quedan xa nos concellos da ribeira do Sil, e da xente nova non falemos, que non se dá por estas terras dende hai anos: en Caldelas, case que non roxe ninguén polos rueiros: só se escoita o lene sentir da natureza que vai ao seu.              
–Ola, avó! Como vai a cousa?                                                                                
–Eh...! Ímola andando, que non é pouco.                                                            
–Que medradas están as nenas, mira que botaron corpo! Que lindas..., as pobriñas!     
–Vén, Claudia, vén onda min.                                                                                  
–Anda, Marta, anda e dáme unha aperta desas tan grandes.                                   
–E ti, Alejandra, con ese sorriso debuxado de anxo…                                                       
–Deixa que vos axude, que viredes cansas. Subide, non vos paredes: tirade cara á   
   galería, que temos que falar...                                                                                                    
–Avó, queromos montar no burro.                                                                                           
–Agora está na corte, triscando unha gavela de toxos; mañá ímolo sacar de paseo polo camiño vello: xa veredes, xa!                                                                                                     
–Díxome un paxariño que as notas de xuño son guapas como unha estampa da virxe Inmaculada, sen ningún borrancho que as afee; e que o piano soa tan virtuoso, acariciado por tan delicados dedos, como se o tocase o mesmo Mozart, de rapaciño.                 
–Ide..., ide co gato!, mais andádevos con tento non vos vaia rabuñar –díxonos Bru, o noso avó de Sacardebois, na galería da casa que mira ó canón do Sil.

xoves, 5 de setembro de 2013

La "rentrée" en las aulas


La furia de Helios, dictador del verano, se va apagando poco a poco: los días menguan y las noches crecen, mientras Eos, la hija de Eolo, de rosados cabellos, extiende de amarillo, verde y ocre su manto sobre los bancales de la Ribera Sagrada, despertando a los mirlos, que se levantan en vuelo, trazando senderos negros entre nubes errantes. Pronto llegará el otoño.
Kevin busca a ciegas el despertador, que espanta los duendes del sueño, abriendo y cerrando como un mecano su pinza tetradáctila. Media hora después, aturdido y desorientado en el patio del Instituto, deambula en medio de la algarabía estudiantil, entre chicos con piercings que perforan la nariz o hieren los labios o las sienes; y entre chicas con tatuajes discretos cruzados por las tiras del sujetador y de camiseta escotada, con vivos luceros, perfilados de azul, lanzando miradas pícaras y abriendo los labios de fresa, exhalando risas desaforadas, propias de la edad del pavo.
Sonrisas de encuentros, captadas con móviles 3Gs, inmortalizando el momento; mochilas cargadas de cuadernos, estuche y libros de texto que soportan curvadas espaldas y delgadas piernas; en los pies, brillantes deportivas con tonos amarillos, a la moda, sin atar, virtuosas con los balones; se gastan bromas, y se ríen por  fáciles ocurrencias.
El sonido de la sirena disgrega los grupos en el patio. Los alumnos van subiendo a sus clases en tropel. Poco a poco, el jolgorio se va apagando en los pasillos del Instituto de la ESO. Los chicos se acomodan por afinidades, mientras algunos suben las persianas para que los tibios rayos de sol vayan calentando el ambiente del aula. Pasados unos instantes, el tutor aparece por el umbral de la puerta con su manoseada carpeta de cursos anteriores bajo el brazo. Con una tímida sonrisa, a modo de bienvenida, y con un contenido golpe metálico, el profesor cierra la puerta del aula. Comienza un nuevo curso escolar.
A cada profesor le cuadra su portafolios: los hay que cargan con el bombo de su  cartera, preñada de libros aún por leer, exámenes de septiembre que contados alumnos han aprobado, suplementos culturales de El País, que prometen ser muy interesantes, pero que pronto descansarán en la papelera; otros llegan al Centro con las manos en los bolsillo, ligeros de equipaje: si es cierto que los recursos de un buen maestro no se miden por el grosor de su portafolios, como tampoco en el bolso de una señorita está escrita la palabra cariñosa o arisca; mísera o espléndida; vaga o ratón de biblioteca, esto no quita poder afirmar que el porte y la indumentaria de una persona, aunque el hábito no haga al  monje, la convierta en personaje de una determinada escena.
"Buenos días y bienvenidos”. Como de costumbre, el profesor pasa lista: los chicos van levantando la mano, unos dicen “yo” con una leve sonrisa; otros dibujan, como respuesta, un gesto desvaído en sus caras, apagadas por el sueño. Todo normal, hasta que nombra a Kevin. Nadie  contesta. Se palpa, en el ambiente, un silencio frío, cortado por miradas maliciosas y cuchicheo entre los alumnos: “Por qué no habla, será mudo, cómo va hablar si es chino, no ves qué ojos tiene, te has fijao que le falta un dedo, parece un extraterrestre, debe ser el hermano pequeño de E.T.”
El profesor, de pobladas cejas canosas, que bien se podría decir un concejal decano o funcionario cejijunto, a punto de jubilarse, no se inmuta ni pierde la compostura. Callado y serio, con arrugas en la cara que ha arañado el tiempo, echa un vistazo a la ficha del alumno que podría padecer mutismo electivo, el tercero de la segunda fila, pero el chico apenas se deja ver, porque se cubre la cabeza con las manos, temeroso de  Jonathan, el del piercing en la nariz y pendiente de aro en la oreja izquierda, que se ha sentado a su lado para acosarle, como perro asilvestrado en la calle a oveja mansa de Arcadia.                                                   

Al viejo profesor por un instante se le va el santo al cielo, recordando los avatares del curso anterior: “Un chico desalmado, sin empatía, menuda pieza, en la edad del pavo, en la que se le sube el moco; con las hormonas a flor de piel y la autoestima por los suelos, sin saber qué hacer con los cuatro pelos de su bigote, ni cómo disimular, con polvos de Celestina, el salpullido del acné que afea su cara bonita; arropado con la indumentaria rapera de su tribu; hijo malcriado en una familia desestructurada; objetor al esfuerzo, a la educación y la disciplina: el típico chico PIL, repetidor, que va promocionando los cursos por imperativo legal, otra vez en mi aula”. Feliz Curso. Un saludo desde mi jubiloso retiro.

sábado, 31 de agosto de 2013

A desmemoria dun pobo



Naquela, os ribeiráns do Sil e mais do Miño, anos que corrían devagar –días negros de pan centeo, de traballo de lusco a fusco trala gancha na cava das viñas espalladas en socalcos; chancas nos pés, calzóns de pana remendada a cadros, o peto baleiro de cartiños: no seu lugar, un pano para limpar o suor e mailos mocos– seica padeceran amnesia colectiva, pois como o di o outro: Mellor esquecerse do negativo que revelalo.                     
   A xente moza comezara emigrar fóra da chaira, así que –presta atención, nena, e deixa de xogar co gato, se queres que siga a debullar o conto que toca hoxe– os  poucos que quedaron nas aldeas, os máis vellos, acompañaban a súa soidade coas copas de licor café, esquecendo, medio chispas, o presente inmediato e máis o esvaecido pasado até quedaren orfos de recordos e de lembranzas, camiñando mainiños no solpor da súa vida, confusos e descarreirados, que en verdade daba mágoa ver tanto vello desmemoriado como se estiveran deambulando coas velas apagadas nunha procesión de ánimas.     
   Unha bisbarra, antes coa lentura de seu, trocara nun reino sen identidade, e falto de vontade, no que primaba máis vivir o instante hedonista, coma naquel país dos lotófagos, do conto da Odisea, que esqueceron retornar a Ítaca, engaiolados polos aromas embriagadores da  flor de loto.    
   –A odisea é un dos libros que máis me gustou dos recomendados polo meu pai: sentíame no rol de Penélope, esperando o regreso de Ulises, tecendo de día e destecendo o manto pola noite, máis se debe perder a esperanza, máis!                                                    
   –O teu inciso cadra axustado, certo, porén non me tornes a auga deste rego deica que chegue ao seu cabo.     
   Escoita, mantén a orella tesa e a boca pechada, como che estaba a dicir: Non había forma de recoller información da intrahistoria da bisbarra de Caldelas dos últimos cincuenta anos. Houbo un intento, certo, coa tese de doutoramento dun universitario da USC, que levaba por título: Os Esquecementos da Ribeira Sacra, aínda que tal proxecto non chegara a fraguar por causa da seca da información.                                                           
    Así que este tramo do século XX aparece na páxina da Historia da Ribeira do Sil cunha folla en branco, panorama tal que xa antano recollera o historiador Tácito no seus Anais, falando doutros lares e doutros momentos: locus et tempus, tanquam tabula rasa in qua nihil est scriptum –deixara escrito fai xa unha morea de anos.                                    
    Cumpría, emporiso, documentarse, enmeigado o meu maxín nas horas previas a pegar no sono, co libro Na busca do tempo perdido de Marcel Proust, xa que logo habería de solicitar audiencia a Hawking co gallo de arranxar, no meu obradoiro de escritor cazapasados, un teletransportador ou máquina voadora, entrerprice, para o honor de ser o primeiro cronoviaxeiro en volver ao territorio trillado do pasado.                          
    –O aroma espirituoso da augardente, tras o repouso co café tostado, non pode causar tanto estrago, borrando páxinas dos quefaceres dun pobo nin que fose o disco duro coas anotacións de Bárcenas, coido que te estás quedando comigo: o que me contas son quimeras ou andrómenas que tecen as musarañas e mailos biosbardos –díxolle a neta, mirándolle aos ollos chispos, mentres lía o título do libro da mesiña de noite do avó, Xente de aquí e de acolá, que tempos atrás tecera de realismo máxico don Álvaro Cunqueiro.