venres, 11 de outubro de 2013

A memoria da auga



A auga do río Leteo lavaba a memoria e, no seu canto, aniñaba o esquecemento, en troques, querida Claudia, a auga doutros ríos, e das fontes das que se alimentan, de certo que a fai medrar, como son as augas doces, e benditas, recollidas na pía bautismal que han de deixar limpos, como cus de anxos, aos miúdos que xa nacen lixados co pecado orixinal herdado dos nosos devanceiros que levaban daquela unha vida regalada no paraíso, perdéndoa, os moi parvos, por fincarlle os dentes a unha mazá, vestida de reineta, historia sagrada que aínda lembro de cando neno. Así e todo, tamén hai augas salgadas, malditas e invasoras, dun tsunami que borran do mapa tanto a cristiáns coma a pagáns. Mais o líquido elemento dá lentura ao noso corpo, somos auga, certo, zumegando a sobrante polos buratiños dos poros e mais por outros aliviadores de máis calado que se abren ou apertan como a billa dun cubeto. 

     A auga e mais o viño sonche bos; pero, mira, en doses comedidas, aínda che son mellores: augas a cachón ou dunha treboada, que nuns sitios arramplan con todo e noutros nada, fronte ás preguiceiras gotas que pingan polos bicos dun tellado ou o orballo miudiño que vai caendo de cedo na horta para lavarlle a cara ás nabizas. Augas benditas, que cuspe o hisopo, e que perdoa as culpas a un finado; augas mornas que fan medrar o pan; augas que lle borra a cara tisnada a un larafuzas; augas de cristal da fonte da ninfa Sálmacis que remedian os quereres andróxinos, indefinidos de xénero; augas de maio, un regalo para as cortiñas sementadas de millo; augas menciñeiras que curan o mal de ollo; augas caídas do ceo, no setembro, que veñen a enmudecer as fauces do lume que alampa coa frouma dos piñeiros; augas da Fontefría de Maraván que apagan a sede dun camiñante solitario, rubindo a petada da ribeira de Sacardebois á montaña de Forcas. A auga, fonte de vida.

      Na mitoloxía helena fálase doutro río, o río Mnemósine, que nestes lares da ribeira do Sil recibe o nome de Mao, río humano, que resucita a memoria esvaecida dos vellos, tras amoleceren na poza dos Recordos unha noite de luar, mergullando cara dentro na introspección do pasado. Augas de cadeiras académicas que reguen os miolos mirrados de palabras patrimoniais, que con 'cousa', 'carallo', e 'logo' xa teñen abondo para aos dixomedíxomes nos faladoiros da telelixo, que deixa no dicionario palabras moucas e silandeiras, que antes camparon nos libros, esperando un certeiro dardo que as esperte, emporiso cómpren augas renovadas que as fagan abrollar nas ágoras da fala.


      A inmersión no río Mnemósine, acá nas fervenzas do canón do Mao, era o remedio para recobrar a memoria. Disque houbo un filósofo na Atenas de Pericles, que mentres cantaba o galo no alpendre, no alborexar dun novo día, coa cunca da man bebía auga de tal río, en compaña do seu can, Orto, de dúas cabezas coas que lapaba o dobro para darlle azos á memoria, e que chegara o cadelo a recordalo todo: seica que recitaba hexámetros en latín, naquela descoñecido, como declamaba versos de Homero: un can enciclopédico que sabía do presente, do pasado e até escudriñaba o futuro, no rango da pitonisa de Delfos: hoxe co seu fociño perdigueiro ventaría a saída da crise e, mesmo, desvelaría o intríngulis do finiquito diferido de Bárcenas. Certo. Máis sabios, o can e mais o mestre, que de tal niño tal paxariño, cós sete sabios de Atenas xuntos, á altura do mesmo peripatético Aristóteles, malia de volverse tolos ao final de cumpridas colleitas na Biblioteca de Alejandría, onde acudiran cunha beca dos seareiros de Dionisio para a pescuda das melloras da memoria no esquecer das sobremesas regadas con viño, simposio que se habería de repetir, despois dunha morea de anos na adega Ronsel do Sil que elabora viños de autor de cepas vellas, que quenta as orellas; vides derreadas cara ó sol nos socalcos da ribeira de Parada de Sil.

      Polo dito máis arriba, querida Claudia, podemos deducir como corolario que unha das virtudes da auga é ir retendo a memoria no seu ciclo eterno, mais cómpre abrir, de cando en vez, o aliviadoiro dos recordos, non sexa o demo que se presente a Parca coa axenda, e que un estoupe por causa do enmaraño das neuronas do hipotálamo, que enchen e quentan o depósito da caletre coa morea de estampas e de datos angazados. Uns vasos de viño tinto de mencía da Ribeira Sacra é a menciña recomendada para unha doada escolma dos recordos tecidos na arañeira da caluga que deben permanecer, desbotando aqueles que só cobran vida fuxidía na noite dos morcegos, así que para desconectar "bien valdrá, commo creo, un vaso de bon vino con el qual suele el pueblo fablar a su vecino", Gonzalo de Berceo dixit.

Ningún comentario: