domingo, 2 de maio de 2021

As tumbas de San Vítor

breoganarqueoloxía.com

Por riba da aldea de San Lourenzo, no concello de Parada de Sil, atópanse unhas tumbas antropomorfas escavadas nas laxas duna explanada. Todo o mundo fala delas, mais ninguén coñece a súa orixe. De  cando neno baixabamos dende Forcas por este lugar ou cando subiamos dende Sacardebois de andaina coa merenda, ás veces, mediamos a contorna das tumbas co noso corpo mentres, estarricados facendo o morto, debuxabamos co maxín o percorrer doutros tempos e como se sentiría un de cómodo deitado nun leito de pedra para o repouso eterno.

San Vitor, parroquia de San Lourenzo de Barxacova, está no corazón da Ribeira Sacra. Un lugar máxico ó pé do canón do Mao: sons e imaxes, sentires dunha natureza virxe; rumor de auga cantareira do río Mao que baixa ceibe, golpeando as rochas ou lambéndoas con agarimo; auga cristalina, fuxidía das meigas que a atizan coas escobas por baixo da ponte de Conceliñas; hábitat de troitas, brincando entre as brancas escumas; por riba dos carballos e castiñeiros bravos, a silueta ameazante do gabián enmudece os chíos e rechouchíos de xílgaros, a danza da presumida bubela e mailos pitorreis petando nas trabes; ó lonxe, de cando en vez, a voz do cuco conta as horas do día; os ollos do camiñante miran en fite a Pena dos Mouros; alá, no cumio do monte, a vila castrexa de Cristosende: miradoiro do val do Sil; terra lixeira espallada na aba de Cadeiras, retida en socalcos, sub calce, pedras calzadas para formar paredes, que debuxan liñas de cepas en pataos nesta banda da viticultura heroica da subzona de ‘Amandi’: terra digna de ser amada; ó fondo, a boca do canón do Sil.

     Pero, que demo habería antano neste lugar solitario? Ninguén o sabe con certeza. A tradición oral rompeu o fío no percorrer dos séculos.

    O caso é que o único testemuño daquela época son esas dúas tumbas abertas, semellantes ás do Mosteiro de San Pedro de Rocas, do século VI, cando por entón reinaban os suevos.

     Pouca información podemos sacar dos dous enterramentos de adultos sen tapas con algún lema, un nome, unha data.  Menos dá unha pedra –me  dixen– aínda que non vén ó caso, porque hai pedras que falan soas, porén estas tumbas baleiras aparecen mudas ós ollos de entendidos e de profanos.

     Mais noutros tempos xa esvaecidos, os arquivos falan da existencia doutros mosteiros no lugar: o de San Miguel un pouco máis arriba de San Vitor e mais outro, San Salvador, un pouco más abaixo de san Lourenzo.

   Con estes datos, vendo a proximidade do cenobio de San Adrián –andando os anos, pasaría a depender do Mosteiro de Montederramo, coma un priorado, nomeado tamén como granxa de San Adrián– podemos deducir que San Vítor foi un asentamento eremita, quizais dun freire de calquera destes mosteiros, ou quizais o camposanto das aldeas do redor: os traballos actuais do xacemento arqueolóxico da necrópole darán luz a algúns destes interrogantes

     A tradición recollida polos vellos de San Lorenzo fala do traslado da imaxe da capela de San Vitor á casa dos Quintas de Chandrexa e disque alí estivo lucindo durante anos na capela da casa fidalga, co gallo de mirar pola la facenda destes veciños, por entón máis ricos que pobres. 

    A pescuda vén corroborada pola tradición noutros lugares e mais por un documento medieval do Arquivo Diocesano avalando un caso semellante: “A Serra de San Mamede, que se ergue ó sur do mosteiro de Montederramo, recibiu o seu nome dun monxe deste mosteiro que fixo vida eremítica no cumio do monte ata a súa morte que aconteceu no ano 1160”.

     Os eremitas gustaban de sitios solitarios e das alturas para ergueren as súas capelas, máis preto do ceo e máis lonxe das cuítas mundanas.

     Unha cousa é segura entre o cenobio de San Adrián e o lugar de San Vitor houbo unha relación de dependencia. Que foi primeiro a ermida ou o cenobio de San Adrián? Poida ser que primeiro fose a ermida de San Vitor, e que desta nacera o cenobio: a orixe do mosteiro de San Pedro de Rocas foi deste xeito, así o testifica a pedra fundacional do mosteiro. Por que non se habería de dar a mesma sucesión dos feitos, non, si?

     Naqueles tempos dos reinos suevos e visigodos, na escura baixa Idade Media, coa bendición do bispo Prisciliano, xurdiron nestas paraxes da Ribeira Sacra unha puñada de eremitas, homes devotos chamados por la voz divina a vivir en soidade, illados  do  mundanal  ruído, dedicados  á  vida contemplativas de laúdes e maitines illados dos lazos da familia ó carón da lareira e afastados dunha vida doada ó abeiro dunha comunidade monástica.

     Resumindo o conto, non me queda máis que engadir que a explicación das tumbas antropomorfas de San Vitor seguirá envolta nun halo de misterio, mais quizais sexa este o seu principal encanto.

(Nota. Este conto, que fala da orixe das tumbas de San Vitor, foi matinado antes das escavacións que se están levando a acabo por don Eduardo Breogán da Uvigo, a instancias do señor alcalde do concello de Para de Sil: don Francisco Magide Bizarro).

1 comentario:

Anónimo dixo...

Eduardo,sempre Dixen que a Francisco Magide había que poñerlle mínimo o nombre en Unha calle ,meréceo ,