La mesa de Dómine Cabra (Redalyc.org) |
Contoume o vagabundo que o raparigo entrara tarde no Seminario de Vista Fermosa de Ourense retido en axudar ós pais coa facenda: coa mesma, os compañeiros de 1º de latín, aínda lampos, deseguida o alcumaran “Barrabás” polas barbas de chibo que lle saíran no queixo de rapazolo. Mais un día, no silencio do refectorio, mentres cataba o alfabeto do latín nunha sopa de letras, considerou que non acharía acomodo para oficiar de crego en compaña do nome de ‘Barrabás’: ‘dime con quen vas e direiche o que fas’; vocación que leva engadidas as pexas que frean as inclinacións da carne; só con pensalo, entráballe fatiga no corpo: toda unha vida coa faciana maquillada de risiña cínica de cara á freguesía, estache bo o conto: eu, un cura...nin tolo! Obrando no caletre, achou como vía de escape do alcume, que o perseguiría de por vida, non loitar a contracorrente, máis ben unirse ó inimigo, tirando pola vía máis doada de obrar como ladro: Barrabás e ladro van de ganchete; imos ver, dicía para os seus adentros, se un tarabelo que anda de esmorga vai e tira do refrán: “Onde vas Barrabás que cousa boa non farás?”
A consonancia das rimas cadran a dereitas: así que, mellor ser un pícaro de novela realista que verse no retrato dun falso dómine Cabra, pensou o seminarista con moita razón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario