sábado, 20 de marzo de 2021

As vacas non son verdes

Neoteo.com
Acabo de regresar de Galicia. Quince días de vacacións no concello de Parada de Sil. No solpor, pola fresca, pasaba o tempo de parola cos meus veciños.
                                  

        -O Bailarín: Malia que Manuel Rivas fale dun millón de vacas, xa non se ven pacendo nos lameiros, nin se escoitan as chocas nin as campaíñas, repenicando tilín, tolón, nas corgas nin nos pasteiros á beira dos regatos.                                                                      

        -Isidro do Val: Pois, habelas hainas; estanche nas granxas quietas como enlatadas: clasificadas cun código de barras, inseminadas polo veterinario e medicadas, emporiso seica que se está a rumiar unha rebelión de vacas.                                                      

       -Vaca Mu: Muueno, non botamos tantos eructos nin estamos a sopraren tantas flatulencias, como din os de Greenpeace. Non se viu tal cousa en moitos anos, certo levamos un tempo rumiando unha protesta, e temos cornos pra defendernos, ademais imos ver de abrazarmos ó hinduísmo: os peidos na India disque son recibidos nas rúas como aromas de candea.                                                                      

         -O señor Xoán: Galiza non a recoñece nin a nai que a pariu. A miña casa presumía de ter máis dunha ducia de vacas: a Gallarda, a Cachorra, a Marela, a Pulida... A burra atendía por Pelusiña; o can, por Troski; as pitas, por a poliña, a cacarexa, o cu pelado, a pita coxa...                                                                    

        -O Xosé de Coira: Os animais da casa éranche como da familia. O meu pai acostumaba facerlle cóxegas ás vacas no pescozo, mentres lles cantaba coplas cargadas de benquerenza: 'Ponte, Morita, ó carriño, con tento, de vagariño; anda, Xenerosa, abre as patas e dame o leite para as papas dos nenos;  ás veces, as vacas gustaban tanto dos aloumiños do meu pai que, só ventalo na porta da corte, lles pingaba o leite dos tetos, aínda que eu non sei se tal conto foi certo.

Ningún comentario: