sábado, 30 de marzo de 2019


As fillas da caracocha: A biblioteca nacional. Relato 15.

  

                                       ________________________________________________                                            
                                   
                                               15

                                Faragullas de ourego



“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 


A Biblioteca Nacional


Onte deume por entrar a investigar na Biblioteca Nacional: xa de mozo tiña curiosidade polo topónimo da miña parroquia ‘Sacardebois’, onde nacín e brinquei de neno polos pataos abaixo a bañarme no Sil, sen reparar nas chanquiñas máncandome nas calcañeiras. Porén, aquela vida da infancia en comuñón coa natureza foi a menos a medida que eu fun a máis noutros lares, mais aínda gardo a memoria daqueles anos rebulindo na miña terra, meiga, e malo será que algún día esqueza a ‘Sacardebois’ antes de desvelar o misterio da súa orixe.
        Na porta do Paseo de Recoletos parei un anaco, engaiolado co edificio da Biblioteca de costas ó Museo Arqueolóxico, dúas institucións depositarias da cultura que é de noso. Os agostinos recoletos antes da desamortización seica estiveron por aquí, parece que aínda se sinte a súa aura dentro destas paredes: os clérigos, no medievo eran os letrados, depositarios de atados de documentos, copistas, restauradores e ilustradores de libros. O 26 de xullo de 1716, Felipe V impuxo a obriga de dar unha copia de “todas las impresiones nuevas que se hicieran en mis dominios” á Biblioteca Real de Madrid.
       Logo, entrei na Sala Cervantes a cumprimentar unha folla de consulta. Autor: Sarmiento, Martín (1695-1771). Título: “Obras del P. F. Martín Sarmiento de la orden de San Benito". Xa acomodado nunha mesa, deixando fóra as lerias de meu, abro o manuscrito do Pai Sarmiento: “Etimología de Sacar de Boys”. (Continuará).







Ningún comentario: