mércores, 6 de novembro de 2013

O magosto de San Martiño de Sacardebois



Magosto, “magus ustus”, festa máxica ao carón dunha fogueira: culto á fecundidade. Celebración celta de honra á mai terra no equinoccio outonal: o mes noveno do calendario romano. Alfa e mais Omega. Disque o nove é o número do home: nove meses cómpren para nacer; nove, para o día dos Santos, festa do “Samhain”, fin do verán, noite de “Halloween”, de pantasmas, de ánimas e de fadas.

A natureza, esgotada tralo estío, vai pegando no sono; en troques, o maxín esperta tecendo lendas entre nubeiros de tempos esvaecidos na altura do ano na que sopran as ventadas, espindo de follas aos castiñeiros do Sagrado. Nas caracochas dos soutos da ribeira, a parca vestida de loito seica anda cravuñando a gadaña para lucila nas danzas da morte, antes de petar nas portas de quen quixer, que ela é moi señora, escribindo na súa axenda as necrolóxicas. Axiña, tocarán a defuntos, folliñas que levará o vento, porén no seu canto na vindeira primavera abrollarán outras novas nas pólas liberadas, así foi e seguirá sendo per sécula seculorum. O crego tomará os hábitos da néboa que está a suar o río Sil para cantar responsos mudos de despedida, mentres os vellos de Caldelas fan cábalas, mentres agardan a vez para embarcaren na dorna de Caronte.   

/Lume con recendo, / fogueira de cozos / de caracochas ardendo, / festa dos druídas / é o  inicio  do inverno: / estoupan os foguetes / nos eidos ermos./ 
                                                     
    O avó, xa entrado en anos, anda queixoso de que xa non quece, pois o sol, peneirado polas nubes do outono, luce morno; porén as castañas louras xa están a estouparen no fogar da luminaria de cozos trala morte silandeira da filosera de vellos castiñeiros e mais a bota de viño novo para quentar as entretelas do corpo anda de mao en mao ao redor do lume: primeiro, lume pobre de frouma e de garabullos; por riba, achas fendidas de carballo e para que o lume aguante, cozos de vellos castiñeiros: leña seca apañada na fraga do Covelo de Sacardebois polos mozos para alimentar a fogueira da festa de veciños e mais forasteiros, de grandes e pequenos nas calendas de San Martiño, día de andaina noutros lares polo monte de troula cos amigos. 

               /“Acabáronse as vendimas/veñen as esfolladas/
               para comer coas mozas/catro castañas asadas”./   
       
  Maos negras tisnadas do lume para deixar larafuzas a cara rosa da mociña pola que ten o mozo o sentido no aire; en troques, o seu o avó repousa o peso dos anos encima da Pena do Lobo, outeando a quietude do eterno fluír do río Mao, lembrando tempos fuxidíos, mentres a fría pedra lle roe o cu, xa fraco de chicha: paseniño, medindo os pasos coa caxata, retorna ao carón da fogueira que está a recender unha queimada que lle ha de purificar as lembranzas retidas dende entón nos debuxos do seu caletre.                         
   
   Mentres, en San Martiño de Sacardebois, no berce da Ribeira Sacra, en compensación e como resultas do que din por Castela, el muerto al hoyo y el vivo al bollo, os ribeiraos, pois, ofrecen unha fogueira de cozos para quentar o campo da festa e poder así quecer, bailando ao corro dunha muiñeira; puñadas de castañas asadas para quentar as maos e adozar a boca; orquestra Atrévete para a verbena: ollar e danzar deixándote levar polos arrolos do mellor tinto da Ribeira do Sil, gratis; chourizos asados ao inferno quentiños cun anaco de pan aderezados polas mulleres da parroquia, mulleres de campaneiros e papeiros, co gallo de reconfortaren as barriguiñas de naturais e foráneos, tamén gratis; e, mesmo, un mangado de apertas a tódalas persoas que veñan a visitarnos á festa do magosto ao abeiro dunha longa carpa, non se vaian a presentar as chuviscadas do outono para afogaren os aires de festa, que as caralladas do ceo veñen sen avisar.     
     
   E para rematar a pándega, o alcalde pedáneo, o señor Amadeo, recoñecido contador dos quefaceres da ribeira do Sil, estará disposto, coido eu, a recitar unhas sinxelas trobas coma resumo do magosto que se celebra na súa parroquia: 
   
    /Lume con recendo, / fogueira de cozos / de caracochas ardendo, / festa dos druídas / é o  inicio  do inverno: / estoupan os foguetes / nos eidos ermos./ Brasas de cepas vellas / chourizos ao inferno / viño novo das Albeanas / fresquiño dos cubetos / apertas cumpridas / deica o ano que vén: / viva san Martiño...!/  
                                               
Magosto de San Martiño de Sacardebois, 9 de novembro de 2013, á tardiña.


Ningún comentario: