venres, 15 de novembro de 2013

As bondades do lume



O home antecesor, o noso tataravó, querida Marta, que lle tocou vivir nos albores dos tempos, foi aprendendo a dispor dos recursos que lle brindaba a natureza, daquela inhóspita para un indefenso e desvalido homínido. Mais o Homo Erectus, que foi gañando a verticalidade até plantarse como bípede coas maos ceibes para afiar un óso contra unha pedra ou, mesmo, artellar un coitelo cun cacho de sílex, disque coa avantaxe dun cerebro máis desenrolado, foi descubrindo novas tecnoloxías, daquela revolucionarias, destacando dous achados decisivos para o porvir da humanidade: o invento da roda e mais o segredo do lume.     Logo, co devir do tempo, naquela preguiceiro, habería de presentarse un fillo da súa nai, co caletre amoblado de home sapiens, a botarlle auga á festa do fachos. Tal é o home dual de hoxe:  pirómano e mais bombeiro, contraditorio de si pero non, sensato e mais tolo, humano e mais lobo: ás veces, un lobishome, un licántropo endemoñado. Un día de verao, á noitiña, deulle por prender lume...   
   –Lume, lume na fraga; o monte, que arde o monte…! –berra o alcalde pedáneo de Santiago de Medorra, espertando aos veciños do sagrado. O monte do Burgo cheira a morte: tantos anos de gloria, entre lusco e fusco, quedaron arrasados: só unhas  gallas retorcidas e esgazadas continúan con fume. Axiña, virán as chuvias do outono lavarlle os pés para o enterro: o monte quedará lambido, só unha fea calva de pedras desolada; primeiro, veu o lume e logo choveu auga porfiada: que mal lle pinta a auga despois do lume aos montes ladeiros da ribeira de Caldelas! 
    Se antonte amosaba espléndido, hoxe está triste e silandeiro: antes presumía de esveltos carballos, acivros de follas espiñosas, frondosos castiñeiros; collage de follas de humus con lentura; falcóns peregrinos e gabiáns; raposos nos tobos debaixo das penas; sinfonía de chíos e rechouchíos de cotovías e de papuxas paporrubias; divertidos esquíos; merlos e perdices voadoras; campaíñas de estalotes, frescos morotes; perfume de ourego, loureiro e caraveis; porén, onte veu a Parca co lanzachamas e daquelo tan fermoso xa non che queda nada: calvo, negro e feo, monte queimado, que mal te vexo!     
     O LUME, a auga, o aire e mais a terra conforman a natureza. Abofé que a listaxe das bondades do lume, así e todo, querida Marta, éche longa coma unha devota ladaíña: lume cego de cozos que secan castañas no canizo; fol de zafra que alimenta o lume que ha de debuxar santos de ferro a golpes de martelo; fumeira que cura os chourizos colgados dos fungueiros; labaradas de xestas que quenta a barriga do forno de pan centeo; lume morno que destila augardente de bullo; lume afogado das tuleiras; lume de candil de carburo que perfuma e alumea o cu da noite; lume de incenso de botafumeiro que purifica aos peregrinos; lume de fachón que espanta aos lobos que de noite queiman cos ollos; lume purificador de meiga queimada por falar de máis ou por non dicir nada; lume do purgatorio, lume do inferno, divina comedia dos cregos; lume que impera a Nerón a prender fogo a Roma; lume no monte baixo de Venus que apaga a vontade de varudo bombeiro; lume do Vesubio que cuspiu morte noitebra, deixando estafermos a pompeianos fixados no seu quefacer dun intre da súa intrahistoria. Chispa dun raio que queima a palleira dun aldeán pobre; árdelle o eixe, carallo! a un carro cantareiro polo fondo da corredoira; fogueira de San Xoán que borra tanto erros coma os pesares do calendario; lume eterno de virxes vestais que non poden procurar mozo con quen apagalo; lume do xamán Maui que baixou do ceo para mostrar aos homes o arte do fogo; lume rexenerador que escintila bolboretas en parella de namorados: disque o home é fogo e a muller estopa e ven o diaño e que sopra; lume de volcáns, morada dos deuses, para os que pedían os meigos sacrificios humanos; roda ao carón do lume de lareira que achega aos veciños nun trisquel parladoiro de contos lobeiros; fogar de familia romanés en acampada; lume purificador de bacilos nun sanatorio; lume frío de cirios no velorio dun ateo; vagalumes no camiño dun descarreirado...  

Foguetes de cores que debuxan o ceo de festa rachada: lume do Magosto de San Martiño de Sacardebois, Parada de Sil.


Ningún comentario: