mércores, 27 de novembro de 2013

A terra onde me criei



                                                                Santuario das Cadeiras   

A auga, o aire, o lume e mais a Terra eran os elementos da natureza para Aristóteles. Terra: “Planeta do sistema solar, terceiro en proximidade ao Sol, que xira arredor deste e arredor de si mesmo e sobre o que existe vida” (RAG). O concepto devandito do planeta Terra, abofé, que me deixa indiferente; non é así coa miña terra que me enmeiga: cando me achego a Parada de Sil, o meu lar, despecho os ollos co luceiro que entra polas fendelas da contraventá da alcoba grande da Casa de Viana, onde nacín, e axiña abro as xanelas cara ao val do Sil,  engaiolado coa postal que acende os cinco sentidos. 

    Certo. A Terra, que se define no dicionario, non é “a miña terra, onde me criei”, xa que logo dende terras afastadas, a saudade, de decotío inqueda, formiga nas entrañas do meu ser galego, laiándome na partida como antano glosara Rosalía: / Deixo, en fin, canto ben quero… /Quen puidera non deixar…!    
               
  En Madrid, ninguén se sinte forasteiro: moitas persoas, nadas en provincias pobres cun futuro incerto, de subsistencia, puxemos de cando mozos terra por medio á procura doutra terra de promisión. Porén, non botamos terra enriba do que deixamos atrás. A Madrid quérolle, que é  lei de ben nacidos ser agradecidos, malia que en toda terra espiga o pan; con todo e iso, querida Alejandra, me dirás ti que non somos de onde nacemos, senón da terra na que pacemos, mais eu quero confesarche que non me namoran os rañaceos plantados no Paseo da Castellana: o meu corazón só atopará consolo sosegado ao rentes do chan até que repouse no berce da miña terra nai co epitafio que me confunda con ela: Sit tibi terra levis.                                                            
  
   Non é de recibo escoitar a ninguén que se lamente de que hai que morder a terra, cando se completa o ciclo que dá de si unha vida; o paso á outra banda por estes lares da Ribeira Sacra non che é un drama: o mesmo finado, como memoria de despedida, dispón a merenda para os que quedan no parladoiro de parabéns tralo velorio, sabedor pola curuxa da súa inminente partida: “Busca viño, busca pan, que mañá te enterrarán”.                   

   Un día, vai xa unha morea de anos, abrín os ollos en terra encantada, ao carón Sil, daquela libre do encoro con dornas para pasar a Lemos coas nasas e ‘galaritos’, enxeño para a pesca das troitas. Noutra banda son veciñas: As forcadas, Amandi, o santuario de Cadeiras; subindo o Sil, os socalcos de Doade; ao lonxe, Monforte.      
  
   Eidiños como remendos estampados na aba da señora de Cadeiras de varias formas e cores á medida dos labradores, ribeiráns como gnomos coidando os xardíns das vides; fragas de carballos habitadas por druídas que xiran sen acougo o trisquel do tempo; paredes lindeiras que se comen os minifundios espallados entrambas abas do río: terras que baixan precipitadas de traballo heroico que os escravos romanos calzaron, pedras sobre pedra, en liñas de pentagramas que conforman partituras de pataos (que hai que dicir ‘socalcos’: calzar por debaixo). Terra lixeira e pobre que produce un ronsel de viños ricos de mencía, de godello, de merenzao e de treixadura.
                                                    
  Terra de mosteiros: Santa Cristina no souto de Merilán, o cenobio de San Adrián no cerengo que sube a San Lorenzo que é terra sacra na necrópole medieval de San Vitor; Santo Estevo, San Pedro de Rocas, mosteiro de Montederramo e mais outros; forcadas de camiños con petos de ánimas: terra de freires e de meigas; e tamén terra de artesáns que saíron polo mundo á procura da vida; terra de labor de traballo duro: aos poucos, hai que erguer o carrelo para darse un respiro, dado que a gancha, a fouce de rozar os toxos e mais a gadaña tiran moito de un, traballo de formigas que van polos carreiros unhas tras doutras, mentres chove miudiño por estes lares de canellas por onde camiñan os burros cansos cos sacos de centeo cara ao muíño de Entrambosríos.          
   
  Cestos culeiros ao lombo rubindo as petadas na xeira da vendima; terra inzada de castañas e de cogomelos nos soutos da ribeira do Sil; terra con lentura de berces pobres que deu fillos ilustres e sabios; terra espallada na emigración noutra banda do mar océano, na Europa rica, cos barquillos por Madrid, coas peneiras, coas cestas de froita nas romarías e nas feiras de cerca e trala roda de afiar por eses mundos de Deus.    
                                            
  Terra mimosa dunha Galicia pobre que foi e que xa non é; vidas cargadas de anos que as foi tragando a terra tantas veces dividida, pobreza do agro, para xurdir de novo con aires renovados, como ave Fénix que renace da súa cinsa: longas noites de pedra de casas con fachenda pechas e deshabitadas, testemuños do pasado, que pronto serán Patrimonio da Humanidade. 

    Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra.

Ningún comentario: