Parada de Sil, un concello pequeno pero moi apañado, é terra de meigas, de mouros, de freires e mais de bos viños: mosteiro de Santa Cristina, acochado no souto Merilán; o cenobio de San Adrián, no cerengo de San Lourenzo; enriba, a necrópole de San Vitor; embaixo, Barxacova coa pasarela, serpeando á beira do Mao, onde se fai presente o encanto enmeigado dunha natureza virxe.
Viticultura heroica da Ribeira Sacra nesta altura do río Sil con tres adegas na parroquia de Sacardebois: Valcar en San Adrián, adega Leiravella e mais a adega da Barxa, que elabora os viños de autor “Ronsel do Sil”, ó pé do río, primando a calidade e orixinalidade de caldos de cepas vellas de variedades autóctonas: as reducidas anadas do viño “Ourive” é froito serodio de cepas de máis de oitenta anos de souto de Pedre: coma as galiñas, canto máis vellas, mellor fan o caldo que, se este lle dá vida a unha parturiente, aquel cura o mal de ollo a quen o mira de esguello nesta crise do demo.
Viños
con sona dentro e fóra de Galiza, xurdidos non hai moito co bo facer dos
Yravedra coa dedicación e vocación entusiastas en pór en valor esta pequena
adega integrada na paisaxe da ribeira de Parada de Sil, nun vello lagar de pedra
rehabilitado, e como punto de distinción, disque rexeita o aceiro inoxidable
para cocer o viño.
Como
tódolos días, os catamaráns de Lugo e mais de Ourense pasan por diante da adega
dos Yravedra, río arriba e río abaixo, asucando o Sil, coma un galán presumido que
vai deixando cromadas aromas de sinestesia nun fuxidío ronsel, perante ás
fermosas aldeas, plantadas ó redor dun esvelto ciprés que mira por elas cara ó
ceo –Calvos, Leiravella, Barxacova, a Costrela, o lugar de Viana e mais a Barxa– ollando o barco ateigado
de turistas, que teiman coas estampas destes retrincos únicos da ribeira do Sil.
Ollar de presumidas aldeas, mirada disimulada de elegantes damas que no se
deixan impresionar pola singradura pasadía destes tempos de cantos de sereas, fermosura
que se vai esvaecendo, pouco a pouco, pola boca do canón dos Balcóns dos mouros;
en troques, as abas das señoras de Cadeiras e de Triguás visten cada ano de
verde primavera, no eterno retorno cíclico do devir do tempo: Amandi, terras dignas de seren amadas.
Barxa
é a máis distinguida de todas elas, elegante e aristócrata. Hai uns anos que se
volveu así de guapa, acicalándose como se tódolos días fosen domingos ou festa
do Carme, e disque que ten engaiolados a moitos americanos, que andan á procura
de compartiren mesa e mantel, gustosos dos caldos, dos contos de meigas e dos
socalcos de pedra onde se crían, ladeiras engurradas de pataos, sementadas de lousas
e lascas que quecen de día co ollo de laurén
para quentaren no resío da noite as cepas que compiten para ofrecerlle á virxe
do Carme a primicia dun acio, que de tal niño, tal paxariño.
No
“Alpendre” da adega rehabilitada, obra de deseño de arquitectura de viños de
María José Yravedra, vístese para o baile de bicos coas vides rexionais autóctonas
–merenzao, mencía, godello e treixadura– e tras unha esmerada elaboración
artesanal, reluce transparente, brillante, pulida e alegre coa color granate
dun rubí, nas festas de catas coa frescura dunha moza galega de coloretes, nada
en terra pobre: ronsel de viños ricos criados co agarimo do berce das adegas
pequenas.
Soterrado
nos baixos da adega da Barxa, mora “Ourive”, o artesán de ouro e de prata que
se mira por un pequeno fachinelo de vella cantería no espello do Sil,
envellecido co paso dos anos de crianza en barrigas de carballos americanos. Tempos
de xuntanza co “Arpegio”, que leva a batuta dos acordes harmónicos, que afina
coma ninguén, tanto os matices cromáticos violetas como as notas de arandos e
de cereixa, voces agridoces de mencía debuxadas en liñas paralelas de
pentagramas de socalcos, pedra sobre pedra brincan os pataos de arriba cara abaixo
até bicaren as augas que se espallan da orela nun lene ronsel.
1 comentario:
Qué bello relato!!!
Publicar un comentario