venres, 14 de xuño de 2013

O ronsel do Sil




Parada de Sil, un concello pequeno pero moi apañado, é terra de meigas, de mouros, de freires e mais de bos viños: mosteiro de Santa Cristina, acochado no souto Merilán; o cenobio de San Adrián, no cerengo de San Lourenzo; enriba, a necrópole de San Vitor; embaixo, Barxacova coa pasarela, serpeando á beira do Mao, onde se fai presente o encanto enmeigado dunha natureza virxe. 


Viticultura heroica da Ribeira Sacra nesta altura do río Sil con tres adegas na parroquia de Sacardebois: Valcar en San Adrián, adega Leiravella e mais a adega da Barxa, que elabora os viños de autor “Ronsel do Sil”, ó pé do río, primando a calidade e orixinalidade de caldos de cepas vellas de variedades autóctonas: as reducidas anadas do viño “Ourive” é froito serodio de cepas de máis de oitenta anos de souto de Pedre: coma as galiñas, canto máis vellas, mellor fan o caldo que, se este lle dá vida a unha parturiente, aquel cura o mal de ollo a quen o mira de esguello nesta crise do demo.
Viños con sona dentro e fóra de Galiza, xurdidos non hai moito co bo facer dos Yravedra coa dedicación e vocación entusiastas en pór en valor esta pequena adega integrada na paisaxe da ribeira de Parada de Sil, nun vello lagar de pedra rehabilitado, e como punto de distinción, disque rexeita o aceiro inoxidable para cocer o viño.       
Como tódolos días, os catamaráns de Lugo e mais de Ourense pasan por diante da adega dos Yravedra, río arriba e río abaixo, asucando o Sil, coma un galán presumido que vai deixando cromadas aromas de sinestesia nun fuxidío ronsel, perante ás fermosas aldeas, plantadas ó redor dun esvelto ciprés que mira por elas cara ó ceo –Calvos, Leiravella, Barxacova, a Costrela, o lugar de Viana e mais a Barxa– ollando o barco ateigado de turistas, que teiman coas estampas destes retrincos únicos da ribeira do Sil. Ollar de presumidas aldeas, mirada disimulada de elegantes damas que no se deixan impresionar pola singradura pasadía destes tempos de cantos de sereas, fermosura que se vai esvaecendo, pouco a pouco, pola boca do canón dos Balcóns dos mouros; en troques, as abas das señoras de Cadeiras e de Triguás visten cada ano de verde primavera, no eterno retorno cíclico do devir do tempo: Amandi, terras dignas de seren amadas.
Barxa é a máis distinguida de todas elas, elegante e aristócrata. Hai uns anos que se volveu así de guapa, acicalándose como se tódolos días fosen domingos ou festa do Carme, e disque que ten engaiolados a moitos americanos, que andan á procura de compartiren mesa e mantel, gustosos dos caldos, dos contos de meigas e dos socalcos de pedra onde se crían, ladeiras engurradas de pataos, sementadas de lousas e lascas que quecen de día co ollo de laurén para quentaren no resío da noite as cepas que compiten para ofrecerlle á virxe do Carme a primicia dun acio, que de tal niño, tal paxariño.
No “Alpendre” da adega rehabilitada, obra de deseño de arquitectura de viños de María José Yravedra, vístese para o baile de bicos coas vides rexionais autóctonas –merenzao, mencía, godello e treixadura– e tras unha esmerada elaboración artesanal, reluce transparente, brillante, pulida e alegre coa color granate dun rubí, nas festas de catas coa frescura dunha moza galega de coloretes, nada en terra pobre: ronsel de viños ricos criados co agarimo do berce das adegas pequenas.
Soterrado nos baixos da adega da Barxa, mora “Ourive”, o artesán de ouro e de prata que se mira por un pequeno fachinelo de vella cantería no espello do Sil, envellecido co paso dos anos de crianza en barrigas de carballos americanos. Tempos de xuntanza co “Arpegio”, que leva a batuta dos acordes harmónicos, que afina coma ninguén, tanto os matices cromáticos violetas como as notas de arandos e de cereixa, voces agridoces de mencía debuxadas en liñas paralelas de pentagramas de socalcos, pedra sobre pedra brincan os pataos de arriba cara abaixo até bicaren as augas que se espallan da orela nun lene ronsel.


1 comentario:

Anónimo dixo...

Qué bello relato!!!