domingo, 23 de xuño de 2013

Festas bacanais na ribeira do Sil


Os socalcos da ribeira do Sil. Socalco, do latín: sub calce; que está debajo de lo que se pisa, se calca o se cultiva, di o pai Sarmiento, que de cepas sabía abondo; os socalcos do alto Douro, viños do Porto, son Patrimonio da Humanidade; na ribeira do Sil, reciben o nome de pataos, valados de pedra que se ergueron, os máis antigos na época dos romanos, para conteren a terra pendente das viñas nas dúas bandas do Sil e mais do Miño: viticultura heroica que se di.  
      As augas do Sil, rebuldeiras, foron afondando o seu leito nun canón, mentres as abas ladeiras ían medrando cara arriba; terras deitadas en bancais, acariñadas cun clima oceánico benigno, engaiolaron ós celtas: nas partes altas das ribeiras, medraban os carballos, venerados polos druídas; nas máis temperadas, os terreos para o cultivo.                  

(Foto Caserío da Castiñeira)   


    As estampas dos socalcos é un regalo para os ollos, como antes alegraban os viños Amandi o triclinium dos patricios romanos. As vistas dende o Soutochao, en Doade, abofé que deixan a un pampo: un engúrrase ante tanta beleza; natureza quebrada e retorcida, que os nosos devanceiros ribeiraos foron moldeando para a viticultura, coséndoa con socalcos, pedra sobre pedra, ó redor da cintura para non perder as enaguas no asiduo escorregar de augas, nubeiros que veñen preñados do océano. 
                                       
    Ó pé do miradoiro, brota unha fonde de ninfas lavandeiras; no picouto, érguese a o carreteiro cunha saba suada debaixo dun cesto para carrexar as uvas: intrahistoria de homes pequenos apandando con cestos grandes culeiros; formiguiñas que, pouco a pouco, achegaban o froito ós seus lares: terra pobre, adegas ricas de xente nobre.  

   Hai unha adega na ribeira do Sil, na Barxa, que elabora un viño cos matices dun harmonioso acorde, o Arpexo, que madurou colgado nos pentagramas, que son os pataos da ribeira de Parada de Sil. Onte, presidiu a mesa ó redor dunha puñada de amigos.  

      Un dos convidados, violín da Orquestra Nacional, de vacacións en Augas Santas, contaba na sobremesa que un mediodía, que baixaba a coller o catamarán no embarcadoiro da  ponte de Paradela, vira saír a San Amaro da capela de Soutochao, cantaruxando unhas lerias polifónicas, mentres movía unha póla delgadiña de castiñeiro, que lle servía de batuta. Subido encima dunha pena, despois dun toque de atención, conta de arrincarlle unha marabillosa melodía ás viñas de Doade: nas gradas do escenario aberto exhalaban sons de cores brancos e negros; nas liñas de socalcos, coa partitura espallada, pendían as notas negras de mencía e mailas brancas de godello; ademais das finas e pasadías corcheas de treixadura, aparecían salpicados os silencios de escaleiriñas que rubían cortando os pentagramas. As folliñas verdes e ocres movían os ventos allegro, adagio, allegro da batuta do santo: contrapunto da mencía solista, acompañada do baixo godello, fronte o resto da orquestra, enmudecida en sons xordos de eco imitador. Deleite de contrastes barrocos, sonada partitura do prete rosso, Vivaldi, que seica gustaba mollar a palleta, mentres debuxaba notas de primavera.

Ningún comentario: