martes, 29 de marzo de 2011

Un riberao de mandarín en China


Coido que foi na década dos 70, dende entón xa medraron os carballos nas fragas da ribeira do Sil, aneis de anos que foron engadindo cada primavera as trabes dos castiñeiros, un feixe de vivencias e de lembranzas, que vén ser o resumo dunha vida regalada del dolce far niente. Naquela fora veranear a Noia (A Coruña), andaría polos vinte anos e pico; malia a miña corta idade, gustaba fumar en pipa gozando dunha vida se preocupación nin ocupación algunha que me puidese desturbar: dende os trece anos, vestín traxe con chaleco e gravata, así pois a pipa non era máis que un complemento da miña indumentaria de señorito, fillo de papá o cal presumía de ser Director da empresa Barreiros, na factoría de coches en Villaverde, Madrid, que me facilitaba a entrada nas conversas, o meu quefacer diario nos cafés con ambiente ‘chic’, de moda en Azca. No verao, mentres os demais da familia untaban o corpo de aceites e tomaban o sol estarricados nas toallas como lagartos encima das tapas das paredes, eu de gravata de flores, entretido no rito de cargar a pipa de caoba,  acubillo dun parasol na cafetería máis próxima, pensando: 'por min que chova e que morran os feos'. Pois resulta que un día daqueles de repouso na praia de Noia, de súpeto amosou un home á miña beira, sentando ao meu carón no velador, un home entrado en anos con barba enguedellada e aspecto descoidado a cada pouco exhalaba pola boca aneis de fume, que axiña seguía cos seus ollos chispos o ascenso a modo de pompas fuxidías de xabón que remataban, disipadas, no anverso do parasol; ollos abeirados de engurras, que moito deberon ollar por eses mundos de Deus, fitando nos retallos dunha vida que está a escapar cara ao ceo, da que só vai quedar, ao final, un mangado de lembranzas; un lobo de mar, The old man and the sea, o protagonista do conto de  Hemingway aquí, a miña beira, matinando eu na procura de tirarlle da lingua a un home pecho e resabido polos duros andares dunha vida amarrado en galeras. 

  –A súa pipa exhala un recendo da terra das especias, un aroma que diría eu digno do mesmo Fu Manchú, y perdoe vostede a miña indiscreción, pero de que marca é o tabaco  que  gasta vostede?

  –Do que encontre– contestoume, lacónico, con cara de poucos amigos. Así e todo, a conversa seguiu por distintos rumbos: o rito e forma das mellores pipas, a variedade de tabacos até quedarmos calados como pedras... mais axiña nos veu ó caletre de ámbolos dous  o recurso de utilizar o comodín do tempo, mentres pensaba para os meus adentros como petar na porta da súa vida paseniño e con tento, polo si ou polo non, non tería aquel home reparos en destecer algún retrinco da súa vida, que se prometía azarosa en comparanza coa folganza de meu.

  –A que se dedica vostede, de que vive?

  –Agora, vivo das lembranzas, díxome cun sorriso contido e, despois dun bocado, engadiu: antes fun mariñeiro…, un mariñeiro curtido nos mares de Ceilán e de China, habería de gardar no súa cachola un feixe de historias e de anécdotas engaiolantes como as Mil e unha noites contadas como se for a mesma Xerezade que debullaba contos de nunca acabar, pensei para os meus adentros. Okey, lle dixen interesado na conversa.

  –Pois, escoite a este vello mariñeiro que terá novas para sete netos até que retornen da ‘mili’, abofé que si: a min botáronme ó mundo nunha aldea de Parada de Sil, en san Fiz, parroquia de Sacardebois alí foi onde ollei o mundo por primeira vez…, así polas boas comezou a parolar o vello mariñeiro coma un descosido, que fale até quedar seco, pensei, limitándome en acompañalo con acenos de aprobación ou de sorpresa, segundo conviñese, non se fose engurrar deixándome a velas vir no medio do conto coa boca aberta coma un parviño... aínda lle era un rapaz co queixo lampo, ó solpor botaba as nasas e ‘galaritos’ que amañaba eu como podía nos remansos do río e, coa dorna arranxada co toro dunha caracocha de castiñeiro, apañaba unha puñada de troitas e mais outra de anguías que vendía nas casas con haberes da contorna, para as mesas das xuntas de cregos e para outra xente señorita de maos brancas, algún médico e así. Porén, un bo día determinei deixar as pobres pesqueiras de augas doces, onde antano os freires de San Adrián seica ripaban un peixe por cada 10 que pescabas, a xente estaba farta de décimos, primicias e de gavelas, a riqueza ceibe está no mar das Rías Baixas, me dixen. E claro como non hai dúas sen tres, un bo día brindáronme a posibilidade de me enrolar nun barco conxelador, a bordo do cal percorrería medio mundo: Islandia, Terra Nova, Extremo Oriente. Unha viaxe ao mares de China, ida e volta, duraba oito meses ou máis, pois de cando en vez, había que loitar coas galernas e tormentas de ventos e treboadas dos monzóns, buscando lugares de abrigo, repousando días ou semanas, varados nun porto dunha illa perdida no medio do mar océano até que Neptuno e mais Eolo, deus do mar e Eolo do vento, unha parella que van ganchete  dando vida ó océano, recuperaren a calma cos sacrificios de mariñeiros cobrados no fondo do mar, como viñera sucedendo nos últimos miles de anos dende antes dos comerciantes fenicios percorreran o Mediterráneo.

   O vello mariñeiro parecía un rapsoda consumado coa fala fluída, rebobinando a moviola da súa vida a ceacú, mentres estaba a recordar tempos pasados da xuventude; nunha pausa, fíxome un aceno coa mao para que fose ó seu carón. Sentado a súa mesa, intentei preguntarlle por algúns pormenores do que estaba a narrar, pero paroume en seco, dicíndome: Non me cortes, mamón! que perdo o fío do conto, queres ouvir o que estou a contar de punta a cabo? Pois, entón escoita e cala. Axiña de prender outra pipa e de beber uns grolos do segundo cuba libre, continuo debullando outras lembranzas: Nunha desas viaxes a China, amenceu un día caloroso e apracible, pero pasadas unhas horas, de súpeto o ceo empezou a escurecer, e deseguida, a temperatura baixou de golpe. Aos poucos, comezou a soprar una ventada do demo, acompañada de abundante auga: eran os síntomas claros de se aveciñar unha galerna. Sen tempo que perder, puxemos rumbo a toda máquina ao porto de abrigo máis próximo para nos resgardar do temporal, recalando nunha das moitas illas habitadas que hai ciscadas nestes mares da China continental, non lonxe de Taiwan. Amarrado o barco no peirao, lavamos a cara, mudamos de camisa e de pantalón para baixar á terra decentes e limpos como Deus manda: pasaran tres meses sen atracar en porto algún, tres meses loitando coa pesca e co mar que non se deixa roubar pola boas, no maxín dun home mozo, mentres un baila ó vaivén de Eolo, o debuxo duna rapaza que sorrí agarimosa que aparece e desaparece na branca escuma das olas: eran moitos os días e mailas noites, illados no medio do mar océano... como resultas do que estou a contar, despois da sobremesa da cea, fomos na procura dos establecementos 'sociais', non de geishas educadas en falar como princesas e servirnos o té con moita cerimonia. Non! Os lobos do mar, famentos de cariños e desafogos, tanto tempo contidos, non buscamos modais prosmeiros.  A rúa aparecía abeirada de moitos lucecús de neón, cos ollos abertos, mirando en fite ás mozas  chinesas, máis ben aparvados por non estaren afeitos a tales enredos, mozas todas branquiñas, engaiolados con elas no maxín de corpo enteiro, que o mar é cativo como a quina, ruín e traidor: hai que esquecer os momentos a bordo que agora toca cargar as pilas para outras singraduras vindeiras –pensei con razón dereita; mentres, a puñada de mariñeiros camiñaba de troula polo barrio chino, onde se vendía o amor por catro cadelas, mais non se trafica co amor: o amor regálase, pensei en lei dereita. Nesta rúa atopamos un home vestido co traxe típico de mandarín, tocado de bonete, cun prominente mostacho e unhas poboadas cellas negras, que non paraba de facer flexións, dobrando o corpo cara arriba e cara abaixo, coas palmas das maos xuntas coma un bendito; vendo ao tal home daquela guisa, botámonos a rir orneando coma burros, soltando as consabidas paridas en galego: “a cona que te pariu que tranquila debeu quedar! Carallo de mandarín, que ben me viñas para sacar o esterco e sementar as patacas…!" e mais outros dicires de noso.  Pero cal non sería a nosa sorpresa, ao decatarnos de que o mandarín viña cara nós cos brazos abertos, chorando, mentres berraba coma un cabrito que el tamén era galego, cousa nunca vista en ningures un chino galego, por dentro do disfrace, un galego ben cuspidiño, que medrara como mozo e como mariñeiro no mar de Rianxo, mais che digo que o pasmo foi maiúsculo tamén para o intruso mandarín que non paraba de preguntar de onde carallo vimos sendo, como chegáramos alí, mentres nos empurraba coas maos para dentro dun local de alterne; cando se empezaron a amainar primeiros momentos de euforia, algúns dos mariñeiros déronlle as explicacións da nosa inesperada arribada, aínda que a maior parte dos mariñeiros desapareceron polos recunchos do local, abrazados ás mozas de ollos resgados, servidoras de Venus. Logo, o mariñeiro galego, convertido en mandarín, colleu un cartel dun armario e, axiña, saíu á rúa: “Aforo completo, reservado o dereito de admisión”, coido que rezaría o cartel colgado da porta, porque daquela, nin agora, estou a comprender chino, sen embargo abofé que non che debe ser tan diferente do galego, escoita: “Énchame esta botella de esencia de lagarto, díxenlle o outro antonte na tenda china; axiña volvo, que teño que facer un recado. Un bocado despois, pregunteille ó tendeiro: Enchíchela?... 'Enchina', contestoume o chino, en chino”. O mariñeiro de Rianxo falaba o mandarín coma un papagaio, intercalando, iso si, os carallos que lle cumpriran a modo de comodíns, resultando tal xeito de mestura motivo de mofa e divertimento: canto máis se enfadaba, botando carallos, me cago en... e me cago na..., máis rían os chinos, non habendo forma nin maneira de arranxar aquela zarangallada. “Sentado na barra con outros mariñeiros, convidados a unhas copas, comentaba: veño de Rianxo, mariñeiro de toda a vida. "Un día de galerna quedei aquí, en dique seco. A tormenta pasou en poucos días, o barco de pesca esperou unhas horas no peirao coa sirena chamando por min, pero eu, mentres, estaba a durmir, coa cabeza no aire, ó carón da filla do patrón. O barco terminou por botarse ó mar aberto sen o mariñeiro de Rianxo e, agora, aquí me vedes, feito un home de negocios, casado e con tres fillos medio chinos e medio rianxeiros. Dende hai catro anos, o local é meu, as mulleres son libres: veñen á tardiña, falan cos clientes, fanse convidar, de cando en vez agarran a chave da alcoba, aparecen e desaparecen da sala e así un día e outro tamén. Aquí son un home moi respectado. A Galicia, se é que algún día me dá por retornar, só será para que os nenos saiban das miñas raíces.

   E disque os mariñeiros galegos non saíron do local ata despois dunha semana. Comidas e ceas a base de chourizos e lacón de Lalín, patacas da Limia, viños tintos de mencía de Amandi, brancos de albariño, mariscos, pulpo á feira, queimadas oficiadas de conxuro dos mares océanos de santas compañas. Viandas e bebidas traídas da despensa do barco, fondeado no peirao. Días de lecer, de enchedelas, de fanfarras e de repouso en compaña de fermosas ninfas de Venus coas que cada noite intimaban: primeiro, tentando o mapa de releves e, logo, mergullando baixo as cartas mariñas de fondeo, esta era a derrota a seguir encomendada polo capitán, home experimentado nestas loitas. 

Esta foi a historia contada polo vello mariñeiro de Rianxo a don Eduardo Castro del Prado, por entón un mozo. Dous homes con pipa, cadaquén nun extremo do bambán da vida, pero ámbolos dous amigos dos contos xurdidos dos fumes de cachimbas do sol nacente. 



Ningún comentario: