Lembro de cando neno que baixabamos de Forcas por aquel lugar ou cando subíamos dende Sacardebois de andaina coa merenda; ás veces, mediamos a súa contorna co noso corpo; mentres, estarricados facendo o morto, debuxabamos no maxín o percorrer doutros tempos de lonxe ou, voando cara ó futuro, como nos haberemos de sentir de cómodos dentro dun ataúde.
Neste lugar, rezuma ó redor un halo de misterio que invita ó repouso e a meditación. Pero que demo habería neste lugar solitario? Ninguén o sabe con certeza. A tradición oral rompeu o fío no percorrer dos séculos, aínda que un veciño xa velliño de San Lorenzo dicíame o outro antonte: 'os meus antepasados ouviran falar da Cruz de San Vitor'.
- 'Os mouros, nai que os pariu, cando por aquí viñeran arramplaron con todo, menos coa cruz que quedou durante moito tempo coma testemuño, marcando o lugar sagrado das tumbas'- sentenciou outro veciño coas costas curvadas polo peso dos anos.
-'Tedes boas ganas de quentarvos o caletre con esas andrómenas que ninguén cre, ho! As tumbas seguen aí, porque nese lugar estivo o primeiro cemiterio de San Lorenzo de Barxacova e morra o conto, non hai máis nada' -dixo un mozo con cara de listo, de vacacións no lar dos avós.
Certo. O único testemuño daquela época son esas tres tumbas abertas, semellantes ás do Mosteiro de San Pedro de Rocas, do século VI, cando por entón reinaban os suevos.
Pouca información podemos sacar destes tres enterramentos de adultos, desprovistas das lousas que as cubrían, onde podería haber algún lema, un nome, unha data. Mais, nada de nada. Menos dá unha pedra -me dixen- aínda que non vén ó caso, porque as pedras falan soas. Non se trata, pois, de ningún cemiterio parroquial: só tres tumbas, tódalas tres moi antigas, coido que da mesma época e tumbas de nenos, non hai.
Outro dato a ter en conta é paraxe solitaria do lugar: no alto da fraga ó carón do río Mao, fóra do camiño medieval que xunguía a ribeira coa montaña: Barxacova, Mosteiro de San Adrián, San Lorenzo e Forcas.
Con estes datos, vendo a proximidade do Cenobio de San Adrián -andando os anos, pasaría a depender do Mosteiro de Montederramo, coma Priorato, nomeado tamén como A Granxa de San Adrián- podemos deducir que San Vitor foi un asentamento eremita, quizais dun freire deste mosteiro.
A ermida, co percorrer dos tempos, desapareceu quizais fosen os mouros, no século IX, como di o veciño de San Lorenzo. Ó primeiro ermitán, sucederon outros dous. Logo o lugar quedou abandonado.Era costume enterrar ós eremitas dentro da súa ermida ou no atrio. Isto vén a explica-la proximidade das tres tumbas.
A pescuda vén corroborada pola tradición noutros lugares e mais por un documento medieval que se atopa no Arquivo Diocesano avalando un caso semellante: 'A Serra de San Mamede que se ergue ó sur do Mosteiro de Montederramo, recibiu o seu nome dun monxe deste mosteiro que fixo vida eremítica no cumio do monte ata a súa morte que aconteceu no ano 1160'. San Vitor foi un dos eremitas que alí viviron. Poida ser, pero non hai datos nin a tradición de ser un lugar de peregrinación.
Os ermitáns gustaban de sitios solitarios e das alturas para ergue-las súas capelas onde poder rezar, por estaren máis preto do ceo e máis lonxe das cuítas mundanas.
Unha cousa é segura entre o Cenobio de San Adrián e o lugar de San Vitor houbo unha relación de dependencia. Que foi primeiro a Ermida ou o Cenobio de San Adrián? Poida ser que primeiro for a Ermida de San Vitor, e que desta nacera o Cenobio: a orixe do Mosteiro de San Pedro de Rocas foi deste xeito, así o testifica a pedra fundacional do Mosteiro. Por que non se habería de dar a mesma sucesión dos feitos. Non si?
Naqueles tempos dos reinos suevos e visigodos, na escura Baixa Idade Media, coa bendición do bispo Prisciliano, xurdiron nestas paraxes da Ribeira Sacra unha puñada de eremitas, homes devotos chamados por la voz divina a vivir en soidade, illados do mundanal ruído; penitentes, dedicados á vida contemplativas de 'laúdes e maitines', sen lazos coa familia e lonxe dunha vida doada ó acubillo dunha comunidade monástica.
¿A orixe das tumbas antropomorfas de San Vitor seguirá envolta nun halo de misterio? Cliquea en San Vitor para saber máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario