sábado, 1 de agosto de 2009

OS ÚLTIMOS LOBOS DA RIBEIRA DO SIL

LR /La Región
Sacardebois, 8 de decembro de 1958. Un día de friaxe. A meirande parte da xornada a néboa non escampa dos eidos, ía un tempo coma de defuntos. Onte, á noite, díxolle o pai ó neno: déitate xa, que mañá tes que vir comigo a Parada do Sil no macho, que teño que colle-lo coche de liña. Á mañá cedo, o pai sentou no medio da albarda; o neno, no reberete do aparello: mamá, dóeme o cu do aparello, díxome. O macho camiñaba devagar taca.., taca.. pola estrada de coios e terra prensada.

A quietude da noite de lúa chea espallaba, unha legua á redonda, os ecos solitarios e monótonos das ferraduras, rompendo o silencio desta noite de pedra. Ó pasa-la pontiña do regato de Rabacallos, o meu neno viu relumando como brasas, catro ollos co seu ollar magnético detrás da cortina da néboa, que delongaba a alborada. Outros dous lobos fracos pola fame do inverno, ó ventaren carne de cristián, saltaron fuxidíos por un atallo, trochando en ringleira vertical a todo correr; sorteando os carballos e castiñeiros bravos que poboaban a carballeira por riba da estrada.

A cada pouco, achegábanse os catro galopíns máis preto do macho, soiño no cu da noite, ata darlle co rabo nas canelas. Arrincando a trotar, lixeiro, co medo no corpo, estrada abaixo, tacatá... tacatá..! ollando de esguello ós lobos coa lingua fóra, destilando cuspe entre os caninos afiados coma puntas de navalla. De súbito, amosou sen avisar, o lobishome da bisbarra, facendo estremecer cos ouveos a follaxe da fraga: de pé, espido cunha tupida pelame nas partes pudendas, orellas e boca de lobo que afeaban a cara de home. Entón, subiu á tribuna dun penedo: son o lobishome da Ribeira do Sil, O Licardo, amigo de Romasanta.

Coas primeiras luces da alba, volvo a ser o anacoreta que vive acochado no mosteiro de Santa Cristina, no Canón do Sil, aínda que, nas noites de lúa chea, sufro a metamorfose fuxindo de min, prófugo, camiñando polos sendeiros e camiños vellos da fraga.Deixade pasar pola ponte a este neno, fillos de...loba! só estades a pensar cos dentes, matinando máis en matar que en comer.

Son un lobo cun cerebelo de home: eu mato só para mata-la fame, mais malvivo desgarrado dende neno por un mal de ollo: nin son un lobo nin un home como Deus manda, pois disque, son un híbrido, un lobishome, un lobo da xente, un licántropo’.

Ningún comentario: