venres, 30 de maio de 2014

Os catro mandamentos do ribeirao



Longos foron os anos de fatigas por causa dos catro mandamentos que someteron ós ribeiraos nas abas do Sil e mais do Miño: a gancha, a corda, o cesto e mais o saco; días de lusco a fusco trala gancha na cava das viñas; chancas, mordendo os pés nas calcañeiras, apandando cos cestos culeiros nun carreiro de formigas, ateigados de uvas rubindo paseniño os valados da ribeira do Sil: pataos, ou socalcos, pedra sobre pedra, calzadas con mestría en liñas de pentagramas de negras e brancas con sona de viños ricos; chambra a cores, calzóns de pana, remendados nun mapa de autonomías de téxtil; enriba, ó lombo, un feixe de herba, de leña, de toxos atados coa corda de pita, rabuñando o pescozo amolecido: suor de boi na almofada do saco dobrado; canelas de arame polos carriozos mollados de orballo: no carrelo, sacos de castañas para ao canizo ou de millo debullado onte ó carón da lareira que vai hoxe cara o muíño. Abofé que un saco de esparto colgado no alpendre da casa dun labrego facía moito apaño, mesmo, na cabeza de cucurucho, de amosar unha treboada polo canón do Sil.                   
    Disque os ribeiraos cargados de anos, decotío dobrados fochicando nos recunchos da terra, padeceran amnesia colectiva de rango, homo bípede sapiens, confundidos cos equinos cuadrúpedes –burros, machos e mulas– que percorrían os camiños de ferradura da ribeira á montaña cos moios de viño, ou se ollaban no espello dos seus adentros como parella xunguida ó carro, cantando pola corredoira sons esgazados de traballos propios de Hércules, postos ó arado de pao de freixo abrindo regos nunha leira coa caligrafía dun mestre, homes curtidos co peito dun boi: 'dous mozos ben mantidos fanche a xeira de dúas cabezas de gando'; a muller labrega tampouco se quedaba atrás: "Rapaz, ándame coa cabeza espelida como fan os raposos –dicíame un vello mulateiro de Vilar de Forcas– vai facerlle as beiras a unha moza, varuda e mansa, logo casa con ela como Deus manda, abofé que vas aforrar a manxadoira e mailos terróns de azucre dunha mula”.      
      A xente moza, escapando da metamorfose que tende a baixar de grao ós destripadores de terróns, de homo sapiens a brutus, considerou como vía de escape espallarse na emigración… –presta atención, nena, e deixa de xogar co gato, se queres que siga tecendo o conto dos teus devanceiros– os  poucos que quedaron nas aldeas, os máis vellos, acompañaban a súa soidade coas copas de licor café, en Sacardebois no obradoiro do señor Néstor, até quedaren orfos de lembranzas, camiñando mainiños e descarreirados no solpor da súa vida, que en verdade daba mágoa ver tanto vello desmemoriado da súa condición primixenia como se che estiveran deambulando coas velas apagadas nunha procesión de ánimas ó redor da necrópole de San Vitor. Unha bisbarra, antes coa lentura de seu, trocara nun reino hedonista: arreo, manducando febras no espeto e mollando a palleta, emulando ós lotófagos do conto da Odisea, que esqueceron retornar a Ítaca, engaiolados polos aromas embriagadores da  flor de loto.                   
     –Gustei da Odisea de Homero, eu sentíame no rol de Penélope esperando o retorno do seu amado, Ulises: de día, sorría con disimulo tecendo o mando de vodas; porén, de noite, choraba bágoas dos ollos no labor de gancho que destecía.                         
    –O teu inciso cadra axustado, certo, porén non me tornes a auga do rego deica que chegue ó seu cabo. Escoita, nena, mantén a orella tesa e a boca pechada. Como che estaba a dicir, non había forma de recoller información da intrahistoria da bisbarra de Caldelas dos últimos tempos do rural. Houbo un intento coa tese de doutoramento dun universitario da USC, que levaba por título: Os Esquecementos da Ribeira Sacra, malia que tal proxecto non chegara a fraguar por causa da seca da información.                 
     Así que este tramo medio do século XX aparece na Historia da Ribeira do Sil cunha folla en branco. Cumpría, emporiso, empaparme do choio que ando matinando, antes da colleita da memoria dos catro mandamentos do ribeirao nun atado de estampas, coa lectura, a dúas bandas, de dous libros de mesiña de noite: A busca do tempo perdido de Marcel Proust e mais a Xente de aquí e de acolá, conto que tecera de realismo máxico don Álvaro Cunqueiro.

xoves, 15 de maio de 2014

Os carballos arden mal

(Fotografía de Rosa Villar Pumar)  
Hoxe, 15 de maio, vai bo: día de merenda na “pradera”, á beira de Madrid-Río, trala sobremesa de dúas rosquillas “tontas” do Santo, Isidro que foi e labrador como o meu pai (a miña muller, máis aguda cós allos, séntanlle mellor as "listas"), eu gusto máis das rosquiñas parvas porque hai que acompañalas cun chisco de chinchón para darlle un toque de festa, así que mollando a palleta para darme un aire, parvo de min, fun quedando trasposto. Axiña, as ás do maxín voaron comigo até aterrar no berce da Ribeira Sacra, alá onde o río Sil ten parada: escoitei o cuco na carballeira contando os días que van de primavera; escoitei os chíos e rechouchíos de paxariños nos regatos acochados ao abeiro das xestas e piornos; ollei á presumida bubela peiteando a súa coroa empoleirada encima dun penedo; fitei os ollos chispos no bulebule das lavandeiras empinando os picos na fervenza de Maraván; acompañei os chíos do aureolo, coñecido por Caldelas por domingo lirón:“Domingo, liro; domingo, liro, xa revolegan no coturulo!”, anunciando a primicia das cereixas en Barxacova.  
     Acudindo a Galicia o día das letras galegas, que celebra o concello de Para de Sil, este ano a Xosé Elías Ferreiro coa publicación:“Latexos e lembranzas de Parada de Sil”, cobrou realidade o meu soño recorrendo, cos pés na terra, os rueiros tantas veces transitados de cando ía coas vacas para o monte. Cunha caxata, fun de andaina polos vellos camiños da fraga recoñecendo os sitios da nenez, decatando que  medraran os carballos da fraga de Sacardebois: os pasteiros, as searas de varias tegas de sementeira de centeo, as calvas do monte, onde nas primaveras pacían as vacas e mailos rabaños de ovellas dos veciños, amosan inzadas de árbores novos: carballos da altura dun home sementados polos paxaros; acivros, pola pita do monte; castiñeiros, polos xabarís: o bosque de  Ribeira do Sil xa non atopa cancelas para espallar o seu imperio.        
     Unha mañá tocaron as campás a defunto: finou unha veciña, q.e.d., como se fose un familiar para os que conviven día a día na parroquia. O pasamento dos vellos á outra banda é un goteo que vai indo sen présas pero sen pausas, as aldeas van quedando arrecunchadas e silandeiras arrodeadas de árbores e da maleza dos silveiros: polos rueiros xa non roxe case que ninguén. Desapareceron os depredadores, a fouce e a machada: a fraga vai gañando o terreo que deixa ceibe o labor da cava, da roza e da demouca dos carballos, leña que cumpría antano para atizar o lume da lareira ou da cociña económica dos nosos avós: o caldo de grelos fervía devagar toda a santa mañá; e no solpor, cumpría quentar o corpo de parola ao redor do lume.                        
    A praga dos incendios rétanos, desafiante cada verán; a loita co lume e coa auga desaforada ou escasa vaia continuar: o cambio climático vén de resultas do maltrato á natureza. Pechou o inferno que condenaba ás almas dos pecadores no máis alá: o conto do barqueiro de Hades e da lagoa Estigia; contos dos cregos para meter medo, porén apareceu outro inferno, este real como a vida mesma: o tempo atmosférico anda no mapa como cacho nun cribo, bailando tolo coma un tarabelo. 
     A admiración polas árbores disque vén dos tempos dos celtas, cos druídas: aínda hoxe unha árbore no alto dunha casa en construción, que cubriu augas, é a nosa bandeira. De cando neno, unha ventada arrincou de raigaña a un piñeiro singular, o Piñeiro de Viana, 400 anos ao pé da casa dos meus devanceiros. Unha velliña de Montederramo cantoume esta cantiga: “/ Paxariño merendeiro / onde vas facer o niño? / vou ao piñeiro de Viana / no máis alto dun ramalliño/”.  
     Antonte, lin un artigo de Ricardo Lago (La Región, 10/05/2014) falando doutra árbore; entresaco a cantiga: “O Carballo da Merteira / ten a folla rebirada, / que ia rebirou o vento / unha noite de xiada”.
     Na ribeira do Sil, as fragas están inzadas de arbores autóctonas: carballos, acivros, loureiros, nogueiras, amieiros, bidueiros… entre os numerosos castiñeiros que enchen os soutos, hai un moi grande e velliño: do seu toro, xa medio caracocha, contei unha ducia de trabes. Falo do Castiñeiro de Entrambosríos, árbore senlleira do concello de Parada de Sil, con memoria gravada nos centos de aneis concéntricos do seu toro descomunal, da época dos mouros, aínda que asemella o corpo dun xigante dinosauro varado no tempo.
      Árbores da Ribeira Sacra que arden mal como os libros vellos dos mosteiros.

domingo, 27 de abril de 2014

Xa canta o cuco en Requián



O inverno vai quedando atrás en Requián, Parada de Sil: un lugar tranquilo para a introspección nestes tempos que van de présa, “carpe diem” de cada quen, un escenario acorde para escoitar na súa antiga ermida de San Brais o “Requiem” de Mozart no pasamento dun veciño que se foi e, axiña, acompañar ao cuco no canto da primavera de Vivaldi, que amosa cargada de vida no alto do miradoiro de Triguás coa acústica da Ribeira Sacra debuxada en liñas quebradas dun gran auditorio.
    “Requián”, malia de ser un vilariño, coma outros da contorna, ten un non sei que de avoengo. Certo, de atenderes a súa etimoloxía, disque foi antano Vila Reccilani; é dicir, vila de Reccila, fillo do rei xermánico Hermerico que reinou polos anos catrocentos e pico.
      Nesta aldea, de tanto copete, morou antano unha muller que bailaba entre bruxa e meiga. O Ninguén lembra o seu nome de pila: os máis vellos dos vellos do lugar, que por entón eran uns raparigos, falan dela co xenérico de “A Vella de Requián”.
     A madeixa da memoria cómpre desenredala con tento, non se vaia a enmarañar, así que agarra o fío por unha punta e vaia tirando, paseniño, mentres eu vou tecendo unhas liñas: “A vella de Requián percorría a bisbarra de Caldelas camiñando acochada polo fondo das carriozas que serpean entre os eidos da ribeira do Sil; outras veces, gustaba máis dos camiños abertos de carro que xonguen as aldeas da montaña; de cando en vez, tamén se vía como alma en pena, de andaina polos camiños de ferradura rubindo dende Barxacova, San Lourenzo, Senra e Casa do Vento ou baixando dende os Fiós, Espiñas a Rabacallos: parece ser que sentía cóxegas nas orellas ao escoitar a carraca do muíño.
     Tiña sona de muller tarambaina, camiñando sen acougo de acó acolá: facíalle un buraco polo cima e íalle comendo o miolo ao panciño. No setembro, acudía aos Milagres; outras, aparecía osmando na feira de Montederramo, latricando soa, ou alá enriba no cumio de San Mamede cos brazos abertos, cismando ao Altísimo por conseguir non sei que dons e, mesmo, na feira dos bois de Chandrexa de Queixa. Abofé que estaba en tódalas partes, fuxidía e omnipresente coma Deus.
     Disque devecera polos terróns de azucre, de cando moza ía coas ovellas para o monte, e que lle caeran os dentes cos primeiros afogos da menopausa, que se lle presentara prematura, dun mes para outro, sen darlle tempo ao seu home de facerlle un fillo. Así pois, había xa anos que non podía rillar as codelas do pan centeo, porén gustaba moito mollalo en viño con azucre, aínda quente do forno; decotío, tamén a vías chuchando nun chourizo nos días de precepto de Coresma; larpeira, cona de vella!, sermonaba o cura para os seus adentros sen poder facer xeito dela. 


                                                       Escoita o cuco en Requián.

A vella de Requián era unha mullerciña, diría eu, máis anana que pequena, en troques, iso si, lixeira de corpo e viva de mente coma unha carriza. Presumía de levar sempre un pan sen encetar, agarrado no peito coas dúas mans de dedos curtos e medio murchos: nin para escarvar nos buratos das orellas lle servían. Xa vas con outro pan, Carriza?, preguntábanlle os veciños. Ela botáballes a lingua de cadela esfameada. Non levantaba máis dun palmo, mais era toda ela veleno. De tanto camiñar e pouco comer, pola noite acompañada do ruxido do leito de xergón de follas de millo brincábanlle as tapadeiras dos potes por riba da cabeza; outras veces no percorrer ceibe do seu soño confundíase no ar, envurullada nunha nube de la, deixándose levar nunha viaxe polo canón do Sil. A coitada estábache tola de todo. Dende había anos, metéraselle no caletre que o Benigno, o seu home, andaba a facerlle as beiras á Rosa mentres ela desaparecía polos camiños. Era esta muller, a Rosa, unha veciña de Teimende aínda de bo ver, de patas gordas e moi lucida de peitos, que daba gusto vela camiñar contornando as nádegas, exuberante de curvas e contracurvas, os domingos cara a igrexa coa cara lavada e vestida de cores vivos de festa. Por causa desta muller fermosa, como a vaqueira da Finojosa, por envexa, a Carriza deixara embruxado ao Benigno co mal de ollo: quedara castigado, de por vida, a mirar sempre cara arriba, vivindo sen atinar onde poñer os pés; só tentando coa man podía atar os mallós da chancas. Dada a súa condición de mirar ao ceo, aprendera a predicir o tempo os días de sega así como guiarse polas estrelas do camiño de Santiago. Toda a vida cargou o Benigno, o coitado, co alcume de Miraceo.
     Mais unha mañá de novembro, coa caída da folla, a Vella de Requián apagouse por causa dun mal vento  no camiño de carro que baixaba ao mosteiro de Santa Cristina, cuberto o leito dunha alfombra de follas marelas e ocres, arrincadas das pólas dos vellos castiñeiros, algúns xa caracochas con fillas tardías agromadas, trala ventada no amencer do día de defuntos, cun pan afuracado quentándolle o corazón: ao lonxe, escoitábanse as campás da ermida de San Brais de Requián exhalando sons tristes de “requiem”, mentres a rapazada, en troques, alegre e mais rebuldeira, cantaba no recreo da escola: // Ting, tang, ting, tang! / Pola vella de Requián, / as codelas non as quere / o miolo non llelo dan” / Ting, tang, ting, tang! //

domingo, 6 de abril de 2014

San Amaro da Pena do Castelo



Noutra banda do río Sil, na terra de Lemos, en Doade, érguese a nova escultura “O Carreteiro” de Manuel Rial preto do miradoiro de Soutochao, símbolo do esforzo sobrehumano da viticultura heroica de antano, preto da ermida de San Amaro, na Pena do Castelo.
    Aquel día da consagración da nova ermida Engracia, unha freguesa moi devota do lugar, acudira con Pascasia, a burra, apandando con San Amaro ás costas camiño da capela. Un sospeita que o santiño non era da súa devoción, por ser unha burra protestante, refungando cando era obrigada a camiñar, espoliada cunha caxata de vimbio que enarboraba a súa ama. 
    A Pascasia, que levaba media cerimonia con dores de barriga, disque tiña o demo solto no corpo. A coitada dende entón xa non foi tal, dado que, ao quedar por partida tripla endemoñada, toleou de todo, non podendo a Engracia facer xeito dela. Os diaños fuxiron brincando os socalcos da ribeira de Doade cara ó fondo do Sil, temerosos do crego que oficiaba a bendición da capela de San Amaro, avezado exorcista de Mondoñedo, alporizado de socato pola ousadía dos diaños de se presentaren no medio e medio da cerimonia. O cura, coma che estou a contar, foi lixeiro tras deles, armado co hisopo na man dereita, desexoso de esfarelalos alí mesmo co chorro da auga bendita.                       
    Entón, inesperadamente, apareceu unha ventada que viña roulando silandeira pola chaira de lemos, erguendo en voo ó cura mentres corría a todo gas perseguindo ós diaños polos sendeiros abaixo, levado por un refacho de vento oportuno que lle enchía a sotana coma se tratar dun globo aerostático. Os diabros endexamais viran tal cousa en ningures, co rabo entre as pernas e coas mans nos cornos continuaban fuxindo daquel titán que os perseguía polo ceo coma un gabián xigante, regando un orballo de auga bendita que ía calando nos corpos amolecidos das malignas criaturas: brincando coma lixeiros cabritos de patao en patao, remataron coa aloucada carreira no leito do Sil, mais de alí a pouco, amosaron coa barriga revirada, aboiando na superficie queda da auga encorada.
    Non tardou en amosar Caronte coa abarca: subiunos a bordo e, con tento e sixilo, marchou con eles remando, devagar, cara a abaixo ata o canón do Sil, onde Hades seica ten a boca do inferno na altura dos Balcóns dos Mouros. O barqueiro entrou coa barca na misteriosa gruta asolagada de auga, escura coma a boca dun lobo, que se mantén en segredo dende cando os abades do mosteiro de Santa Cristina fuxiran por un dédalo de pasadizos cara ó río, temerosos de que lles cortaran o pescozo as frías cimitarras dos mouros de Almanzor que arrodeaban as muras do mosteiro co gallo de sangrarlles o centeo das tullas (disque só deixaban os porcos, tantos os larengos coma os de ceba), cargar os burros e mulas con moitos canados de viño, cheos os moios de dúas olas, así como baleirar as arcas de castañas pilongas afumadas nos sequeiros do souto de Merilán, deixando a despensa do mosteiro a velas vir. 
    Dende aquela, a contorna da ribeira do Sil, dende Doade até os Balcóns dos Mouros, quedou purificada das diabruras de antano: no cu da noite, disque os diaños chuchaban medio litro de viño de cada cubeto e que, xa bébedos, o bautizaban con auga para deixalos como tal cousa. Polo que, en adiante, cos diaños pechados no cortello do inferno, as adegas da ribeira do Sil abandonaron a tentación milenaria de converteren a auga en viño, emulando en vano o milagre de Xesús de Nazaret nas vodas de Caná (San Xoán 2:1-13).