domingo, 7 de xullo de 2013

O alpendre



Os cestos culeiros para a vendima, que seica naceron maquinados pola mente resentida dun cesteiro coxo, co gallo de derrearen os cadrís dos mozos ribeiraos no carrexo das uvas rubindo as escaleiriñas dos pataos da Ribeira Sacra, permanecen o resto do ano encasquetados, os cus duns nas bocas dos outros, no baixo teito do alpendre da casa con fachenda, acubillo das augas. De repasares os cestos cunha ollada, de un en un, podes adiviñar as cavaduras de viño que presume ter un fulano, que tanto tes, tanto vales: o que darías ti naquela, de contares con cen cestos para a vendima!
          
Alpendre: "Pequena construción de pedra e de madeira, normalmente pegada á casa labrega, aberta cara ó patio ou resío da casa, con tellado a unha auga auga, que servía de almacén para gardar o estrume para a cama dos animais; as xestas, uces e piornos para quentaren o forno; a leña demoucada dos carballos tanto para a lareira como, logo, para a cociña económica. No alpendre tamén se gardaba  o carro e mailos outros apeiros da labranza".
Co gallo de alimentar a lareira e de afumar os chourizos da matanza, repousa amontoada no alpendre unha morea de cepas vellas, retorcidas polo castigo de sucesivas podas, disque que as cargaran nun carro turrado por dous bois dende as viñas de Barxacova deica a Casa de Viana, con sona de casaren os cozos das cepas centenarias co cabrito trincado nun espeto para festexar o día do Carme, a patroa da parroquia de Sacardebois, a quen se lle ofrecerá a mediados de xulio  a primicia dun acio de mencía da Barxa: terra garimosa, bicada polo vaivén das augas do Sil.
Cepas centenarias de merenzao, que se esgotaran despois de sucesivas vendimas de ateigagos de cestos culeiros de acios dourados no percorrer dos anos, da familia Trousseau, nada no lar da Borgoña francesa, de onde viñeran de peregrinos noutros tempos esvaecidos polo Camiño de Santiago, con fillos bastardos en Portugal e netos na Ribeira Sacra, os máis guapos deles, os nomeados “Alpendres do ronsel do Sil”, criados devagar na Barxa, co agarimo de seu, en barricas de carballo francés, amosan no setembro brillantes á luz dos ollos, de trato suave e de color rubí, amigos de apañaren as maduras grosellas, e disque naquela etapa dourada presidiran as mesas dos freires nos días de liturxia grande: herdeiros, pois, dunha liñaxe de avoengo e de loas de incenso aristócrata.
Os merenzaos, con comedida carga tanina e de pouca coloración confrontados coa luz,  hai anos que caeran en desgraza pola omnipresente mencía, polas gabanzas do mouratón xigante en encheren as tinallas e mais pola tinta garnacha que daba corpo ós caldos, deixando impregnadas de negro as cuncas brancas de porcelana. Así e todo, esta familia pouco a pouco vai gañando rango no terreo perdido dos socalcos, agora de novo labrados, para a recuperación da sutileza dun viño distinto e distinguido que emula nas catas o prestixio dun pinot noir.
No alpendre, descansa o carro, cos seus complementos: os ladrais, a temoncela,  os estadullos, os xugos co temoeiro, sogas e mulidas, o sedeño para atar a herba en cruz e mailas gavelas de toxos; o arado de vertedera para romper e voltear a terra repousada dos barbeitos, e mais o outro, o arado romano de pau de freixo, enxeño de 'avanzada técnica' agrícola: o temón cos furados para a chavella que gradúa a fondura do rego; a rabela co dental e bico de rella que fere as entrañas da terra, as orelleiras de abeacas para abrila e aireala: terra con lentura, que repasan as lavandeiras á procura das miocas, para a sementeira dos nabos, do millo e das patacas.
O alpendre, ou pendello, tamén é o sitio das ferramentas: o banco de carpinteiro para arranxar os mangos das aixadas; o ‘burro’ para tronzar as gallas e paus; a corza para arrastrar as pedras que han de calzaren os mestres canteiros en paredes lindeiras e valados; a machada que fende dun golpe certeiro os troncos serrados de carballo en hachas e pitelas que devora o lume no frío inverno; a macheta que afía as estacas para o sostén das cepas, xa derreadas coa canseira dos anos, cargadas de acios miúdos, pero que fan viños de cata sonada.
Nun recanto do alpendre, preto da borralleira do forno, dormen os gatos, quentiños, co corpo estarricado encima dun saco.

domingo, 23 de xuño de 2013

Festas bacanais na ribeira do Sil


Os socalcos da ribeira do Sil. Socalco, do latín: sub calce; que está debajo de lo que se pisa, se calca o se cultiva, di o pai Sarmiento, que de cepas sabía abondo; os socalcos do alto Douro, viños do Porto, son Patrimonio da Humanidade; na ribeira do Sil, reciben o nome de pataos, valados de pedra que se ergueron, os máis antigos na época dos romanos, para conteren a terra pendente das viñas nas dúas bandas do Sil e mais do Miño: viticultura heroica que se di.  
      As augas do Sil, rebuldeiras, foron afondando o seu leito nun canón, mentres as abas ladeiras ían medrando cara arriba; terras deitadas en bancais, acariñadas cun clima oceánico benigno, engaiolaron ós celtas: nas partes altas das ribeiras, medraban os carballos, venerados polos druídas; nas máis temperadas, os terreos para o cultivo.                  

(Foto Caserío da Castiñeira)   


    As estampas dos socalcos é un regalo para os ollos, como antes alegraban os viños Amandi o triclinium dos patricios romanos. As vistas dende o Soutochao, en Doade, abofé que deixan a un pampo: un engúrrase ante tanta beleza; natureza quebrada e retorcida, que os nosos devanceiros ribeiraos foron moldeando para a viticultura, coséndoa con socalcos, pedra sobre pedra, ó redor da cintura para non perder as enaguas no asiduo escorregar de augas, nubeiros que veñen preñados do océano. 
                                       
    Ó pé do miradoiro, brota unha fonde de ninfas lavandeiras; no picouto, érguese a o carreteiro cunha saba suada debaixo dun cesto para carrexar as uvas: intrahistoria de homes pequenos apandando con cestos grandes culeiros; formiguiñas que, pouco a pouco, achegaban o froito ós seus lares: terra pobre, adegas ricas de xente nobre.  

   Hai unha adega na ribeira do Sil, na Barxa, que elabora un viño cos matices dun harmonioso acorde, o Arpexo, que madurou colgado nos pentagramas, que son os pataos da ribeira de Parada de Sil. Onte, presidiu a mesa ó redor dunha puñada de amigos.  

      Un dos convidados, violín da Orquestra Nacional, de vacacións en Augas Santas, contaba na sobremesa que un mediodía, que baixaba a coller o catamarán no embarcadoiro da  ponte de Paradela, vira saír a San Amaro da capela de Soutochao, cantaruxando unhas lerias polifónicas, mentres movía unha póla delgadiña de castiñeiro, que lle servía de batuta. Subido encima dunha pena, despois dun toque de atención, conta de arrincarlle unha marabillosa melodía ás viñas de Doade: nas gradas do escenario aberto exhalaban sons de cores brancos e negros; nas liñas de socalcos, coa partitura espallada, pendían as notas negras de mencía e mailas brancas de godello; ademais das finas e pasadías corcheas de treixadura, aparecían salpicados os silencios de escaleiriñas que rubían cortando os pentagramas. As folliñas verdes e ocres movían os ventos allegro, adagio, allegro da batuta do santo: contrapunto da mencía solista, acompañada do baixo godello, fronte o resto da orquestra, enmudecida en sons xordos de eco imitador. Deleite de contrastes barrocos, sonada partitura do prete rosso, Vivaldi, que seica gustaba mollar a palleta, mentres debuxaba notas de primavera.

venres, 14 de xuño de 2013

O ronsel do Sil




Parada de Sil, un concello pequeno pero moi apañado, é terra de meigas, de mouros, de freires e mais de bos viños: mosteiro de Santa Cristina, acochado no souto Merilán; o cenobio de San Adrián, no cerengo de San Lourenzo; enriba, a necrópole de San Vitor; embaixo, Barxacova coa pasarela, serpeando á beira do Mao, onde se fai presente o encanto enmeigado dunha natureza virxe. 


Viticultura heroica da Ribeira Sacra nesta altura do río Sil con tres adegas na parroquia de Sacardebois: Valcar en San Adrián, adega Leiravella e mais a adega da Barxa, que elabora os viños de autor “Ronsel do Sil”, ó pé do río, primando a calidade e orixinalidade de caldos de cepas vellas de variedades autóctonas: as reducidas anadas do viño “Ourive” é froito serodio de cepas de máis de oitenta anos de souto de Pedre: coma as galiñas, canto máis vellas, mellor fan o caldo que, se este lle dá vida a unha parturiente, aquel cura o mal de ollo a quen o mira de esguello nesta crise do demo.
Viños con sona dentro e fóra de Galiza, xurdidos non hai moito co bo facer dos Yravedra coa dedicación e vocación entusiastas en pór en valor esta pequena adega integrada na paisaxe da ribeira de Parada de Sil, nun vello lagar de pedra rehabilitado, e como punto de distinción, disque rexeita o aceiro inoxidable para cocer o viño.       
Como tódolos días, os catamaráns de Lugo e mais de Ourense pasan por diante da adega dos Yravedra, río arriba e río abaixo, asucando o Sil, coma un galán presumido que vai deixando cromadas aromas de sinestesia nun fuxidío ronsel, perante ás fermosas aldeas, plantadas ó redor dun esvelto ciprés que mira por elas cara ó ceo –Calvos, Leiravella, Barxacova, a Costrela, o lugar de Viana e mais a Barxa– ollando o barco ateigado de turistas, que teiman coas estampas destes retrincos únicos da ribeira do Sil. Ollar de presumidas aldeas, mirada disimulada de elegantes damas que no se deixan impresionar pola singradura pasadía destes tempos de cantos de sereas, fermosura que se vai esvaecendo, pouco a pouco, pola boca do canón dos Balcóns dos mouros; en troques, as abas das señoras de Cadeiras e de Triguás visten cada ano de verde primavera, no eterno retorno cíclico do devir do tempo: Amandi, terras dignas de seren amadas.
Barxa é a máis distinguida de todas elas, elegante e aristócrata. Hai uns anos que se volveu así de guapa, acicalándose como se tódolos días fosen domingos ou festa do Carme, e disque que ten engaiolados a moitos americanos, que andan á procura de compartiren mesa e mantel, gustosos dos caldos, dos contos de meigas e dos socalcos de pedra onde se crían, ladeiras engurradas de pataos, sementadas de lousas e lascas que quecen de día co ollo de laurén para quentaren no resío da noite as cepas que compiten para ofrecerlle á virxe do Carme a primicia dun acio, que de tal niño, tal paxariño.
No “Alpendre” da adega rehabilitada, obra de deseño de arquitectura de viños de María José Yravedra, vístese para o baile de bicos coas vides rexionais autóctonas –merenzao, mencía, godello e treixadura– e tras unha esmerada elaboración artesanal, reluce transparente, brillante, pulida e alegre coa color granate dun rubí, nas festas de catas coa frescura dunha moza galega de coloretes, nada en terra pobre: ronsel de viños ricos criados co agarimo do berce das adegas pequenas.
Soterrado nos baixos da adega da Barxa, mora “Ourive”, o artesán de ouro e de prata que se mira por un pequeno fachinelo de vella cantería no espello do Sil, envellecido co paso dos anos de crianza en barrigas de carballos americanos. Tempos de xuntanza co “Arpegio”, que leva a batuta dos acordes harmónicos, que afina coma ninguén, tanto os matices cromáticos violetas como as notas de arandos e de cereixa, voces agridoces de mencía debuxadas en liñas paralelas de pentagramas de socalcos, pedra sobre pedra brincan os pataos de arriba cara abaixo até bicaren as augas que se espallan da orela nun lene ronsel.


luns, 3 de xuño de 2013

O carallo do teléfono


 


Cando remates a lectura do conto, non me vaias mandar al carajo...!






No lugar que chaman o berce da Ribeira Sacra, en Parada de Sil, un recuncho onde a natureza se viste de encanto e de maxia, moraba un vello, o 'Tranca', que presumía do 'dominio do carallo', dispensando.             

        De cando neno, primeiro eran as vacas, que había que botalas para o monte un día e mais outro tamén e, se quedaba tempo, a escola, así que este vello, de rapaz, só deprendera o galego de afalarlle á Castaña e mais á Rubia, de maneira que ás veces non atinaba como casar os conceptos coas palabras, véndose na obriga de encher os ocos da cadea da fala, á modo de comodín, coas reviravoltas do 'carallo', como imos ver axiña na conversa co seu neto, o 'Pispilete', que maquinaba, illado coma un neno autista, cos dedos nerviosos picando no Whatsapp do teléfono novo do trinque, naquela un LG L3 E400, 3G, nada que ver co neno que se criara na casa dos 'Trancas' compartindo os xogos cos outros rapaces na habilidade co manexo do pau da billarda, co dominio do aro, apuntando con tento para meter as bolas de vidro de cores no cu dunha buraca, ou mesmo agatuñando polos toros dos carballos na procura de niños de paxaros. 

–Ese chisme tamén sirve para chamar? –preguntoulle o vello.  

–Pois claro, é un móbil 3G Android! –contestoulle o neto de Madrid sen erguer os ollos do enxeño multimedia.  

–Róncalle o carallo! –exclamou o vello coa retranca de seu.  
  
–Fino e lindo coma un espello: pantalla táctil, cámara 3Mpx, Wifi… –tratou de explicarlle os avances das novas tecnoloxías, sen deixar de picar no teclado do Whatsapp.   
                                                   
–Dálle, carallo, dálle…! –animouno o vello.  

–As aplicacións non deixan a un pampo, porén por agora ímola andando: SmartWorld,  Google Talk, Imagenio…     

–Pois, se é aplicado  e con xenio, débeche ser un chintófanno de moito carallo, non é?  

–Certo como dis, avó, malia á súa memoria ram: co Skype aberto, non podes entra no Play Store; de navegar pola rede de Tuenti, coa galería full, non te deixa abrir o link doutro portelo.   

–Ten carallo a cousa, estás a estrear a máquina e xa dis que ten a memoria rancia, que non pode navegar con máis de vinte e que non se pode abrir no sei que portelo, e logo entón...?    

–Avó, que Tuenti é unha rede social –díxolle o neto con agarimo compasivo.   

–Déixate de caralladas, neno, unha rede é unha rede, de fíos de cáñamo ou de fibra sintética para pescar os peixes, eiquí e mais en Pekín.    
                                                                                              
–O Bluetooth, para as conexións sen fíos, vén acochado nas ferramentas…   

 –Para, non sigas! Cala xa co demo do blutu ese!, que estou hasta o mesmo carallo de escoitar tanta leria, agora mesmo pega no sacho do sitio das ferramentas de debaixo da escaleira e vaime tornar a auga ó lameiro do Roxodoiro: veña, move ese cu, manda carallo co Pispilete madrileño...!  E repara que, ó tornares a auga, tes que afuracar a gateira co mango da roda, que haberá follas e touperias... e presta atención, carallo!, que me andas perdido nos biosbardos... e brinca a parede do lameiro! non me vaias esborrallar o portelo! 
                                                                      
–Pero, avó…!      
                       
–Nin avó, nin carallo, nin gaitas... nin nada!    
                                                                                                             
E como di o outro, o neno de Madrid, malia de ser listo coma un allo... ó topar con 'Tranca', tocouse o carallo: pois co 'Tranca' non se xoga, mecagoental...!