Dentro da ermida de San Brais, en Requián, escóitase un ‘réquiem’ polo pasamento do inverno: fóra,
o cuco está a quentar o pico para anunciar a primavera; o pillabán, trala posta
dos ovos no niño dunha pega, vai cantar, e contar, as horas acochado na mesta fraga
da ribeira do Sil: logo, mentres cante o cuco haberá poesía.
Nesta aldea de Parada de Sil, morou antano unha
muller que bailaba entre bruxa e sabia meiga. Ninguén lembra o seu nome de
pila: os máis vellos do lugar, que por entón eran uns raparigos, falan dela co
xenérico de ‘a vella de Requián’.
Esta
muller, máis nómade que sedentaria, percorría sen acougo a bisbarra de Caldelas: ás veces, acochada
polo fondo das canellas que marcan as lindes dos soutos da ribeira; outras veces, gustaba máis dos
camiños abertos de carro que unen as aldeas da montaña ou de andaina polos de
ferradura rubindo dende o muíño de A Ponte, en Barxacova, deica a necrópole de San
Víctor, onde repousada unha miguiña deitada nunha tumba, deixándose levar polos
nubeiros errantes do ceo; logo, camiñaría con tento, ás veces á pata coxa, polo
canal da fábrica da luz deica o monte Tucela, gustosa de escudriñar por detrás
dunhas xestas ás mouras saíndo da súa cova a lavaren as roupas no río Mao que
baixa fuxidío cara o Sil, atizado nas fervenzas polas escobas das meigas.
Co sentido dun tríscele druída dun petróglifo,
seica oficiaba ofrendas telúricas perante á fenda aberta na Pena dos Mouros,
onde antano a Dorinda de Forcas, a muller do ‘O Heleno’, atopara unha folla de espada,
de bronce, un día que lle levara a comida de cachelos con iscos, pan e mais viño,
ao seu home Manolo, que traballaba na obra do canal. A espada, quizais deixada
como ofrenda ao río Mao, axiña pasou da mao do capataz á do enxeñeiro, Conde
Balvís, entusiasta da arqueoloxía. O Boletín de Ourense, maio-xuño de 1905, recolle a súa doazón ao MAPOU: “Donativo de D. Francisco Conde Valvís: Una
hoja de espada prerromana, de bronce, hallada en una cueva descubierta al hacer la exploración del
canal en el salto de agua de Forcas,
ayuntamiento de Parada del Sil".
Despois facía outra pousa no lugar das Cerdeiras, desexosa de saír nos papeis como Condesa Balvís, de atopar outro machado de talón da mesma Idade de Bronce, de cando a xente vivía acubillo de pallozas, servíndose de olas e cuncas campaniformes para os alimentos e da metalurxia tanto para as guerras tribais como para arranxar útiles de labranza.
Pola castañeira, baixaba
polos Fiós a Entrambosríos. Entón, pasmada perante ao vello castiñeiro, mentres
rillaba mal como podía unha castaña, espetoulle na boca da caracocha: “É certo
que xa estabas plantado, cando acordou o dinosauro?” O castiñeiro senlleiro riulle
a indiscreción, espertando a boca de dez ourizos: axiña, como resposta, unhas puñadas
de castañas, porfiadas, foron pingando unhas tralas outras na testa e no cocote
da vella! Xa que logo, coa cabeza pampa, pegou no camiño do muíño á procura do
envurullo dun feixe de palla no alpendre do enxeño hidráulico dos Quintas e
así, arrolada pola carraca do muíño, entrou no sono como unha castaña no
ourizo.
Certo, unha muller
tarambaina, co baile de San Vítor de acó acolá: facíalle un buraco polo cima e
íalle comendo o miolo ao panciño. No setembro, acudía aos Milagres; outras,
aparecía osmando na feira de Montederramo, latricando soa, ou alá enriba no
cumio de San Mamede cos brazos abertos, cismando ao Altísimo por conseguir non
sei que dons e, mesmo, na feira dos bois de Chandrexa de Queixa. Abofé que
estaba en tódalas partes, fuxidía e omnipresente coma Deus.
Disque devecera polos
terróns de azucre, de cando moza ía coas ovellas para o monte, e que lle caeran
os dentes cos primeiros afogos da menopausa, que se lle presentara prematura,
dun mes para outro, sen darlle tempo ao seu home de facerlle un fillo. Así
pois, había xa anos que non podía rillar as codelas do pan centeo, mais gustaba
moito mollalo en viño con azucre, aínda quente do forno; decotío, tamén se
deixaba ollar polos camiños chuchando un chourizo nos días de precepto da
Coresma, entón... ‘larpeira, cona de vella’!, bramaba o cura polo baixiño.
A
vella de Requián, malia de ser lixeira de corpo, era viva de mente coma unha
carriza. Mais, de tanto camiñar e pouco comer, pola noite, acompañada do
ruxido do leito de xergón de follas de millo, brincábanlle as tapadeiras dos
potes por riba da cabeza ou se confundía no ar, envurullada nunha nube de la. A
coitada estáballe tola de todo: metéraselle no caletre que Benigno, o seu home,
andaba a facerlle as beiras á Rosa, unha veciña aínda de bo ver, de patas
gordas e lucida de peitos, que daba gusto vela camiñar contornando as nádegas,
exuberante de curvas, os domingos cara a igrexa coa cara lavada e vestida de primavera,
lucindo vistosos ternos estampados. Por causa desta muller fermosa, como a
vaqueira da Finojosa, a Carriza deixara embruxado ao Benigno co mal de ollo:
quedara castigado, de por vida, a mirar arreo cara arriba: mentres ollaba o
ceo, ia tentando o camiño coas chancas. E logo, Miraceo, vai chover mañá que
teño que segar a herba?, preguntábanlle, pois seica acertaba co tempo mellor có
parte da Radio Nacional.
Unha
mañá de novembro, coa caída da folla, a vella de Requián deulle un mal aire
no camiño de carro que baixaba ao mosteiro de Santa Cristina. Trala ventada no
amencer do día de defuntos, parou cun pan quentándolle o corazón afogado: ao
lonxe, escoitábanse as campás da ermida de San Brais de Requián
exhalando sons tristes dun “réquiem”,
mentres a rapazada, en troques, alegre e rebuldeira, cantaba no recreo da
escola: // Ting, tang...
ting, tang...! / pola vella de
Requián, / as codelas non as quere /
o miolo non llelo dan” / ting, tang...
ting, tang...! //
Ningún comentario:
Publicar un comentario