luns, 15 de febreiro de 2016

As aureanas, ninfas feiticeiras, na orixe dos ríos Sil e Miño




“Tempus fugit”, dicían os romanos; nun suspiro, pasaron máis de corenta anos. O outro antonte volvín a Roma a pateala de novo coa canseira de can vello. A cidade eterna continúa na quietude do ‘non-tempo’. 




Un dos monumentos mellor conservados é o Panteón de Agripa (un templo para tódolos deuses, ‘pantheon’): de planta circular que vai rubindo cara arriba, coidando a simetría da altura coa anchura, até rematar a inmensa cúpula nunha lanterna, ‘óculo’, aberta ao ceo.        
       A calor reinaba na ‘Prazza della Rotonda’. Destapando o meu odre de turista para beber uns grolos de auga fresca, Eolo soproume na faciana e, como resultas da brincadeira, o meu maxín, inquedo e lixeiro, foi chuchado polo ollo no teito da igrexa, ganando rango cara arriba coma un globo ceibe da man aterecida dun neno: agora debe andar vagando por camiños interestelares asucando o ceo, de acó acolá.
      –“Estás nos biosbardos, esperta, moucho! que estás en Roma” –díxome a muller, mentres apurábamos unhas ‘birras’ acompañadas cunha pizza de fungos–. ‘Quizais sexan os cogomelos alucinóxenos, os que me abanean a mente, non é...? ou serán as alucinacións do síndrome de Stendhal que causa a sobredose da beleza asimilada? 
      Cos fungos rebulindo no corpo e mais o mal de Firenze afuscando a mente, fun  empoleirándome no cumio do monte Olimpo, preto da morada dos deuses; mentres a miña dona, a pobre, como non reparaba nela, foi darse un aire nas tendas dos ‘souvenirs’.
                    Zeus, en Roma Xúpiter, cuspía moi alto, era o rei dos deuses, fillo de Saturno. A súa mai, Rhea, confiouno de neno á garda da cabra Amalthea, porque, Saturno, devoraba os fillos que a muller ía dando a luz, temeroso de ser destronado, como así foi por Xúpiter.       
         Xúpiter, deus da terra e do ceo, aparecía cos atributos da aguia, raio e mais de cetro. Porén, non era todo ourego no monte Olimpo, sobre a súa cabeza lucía unha coroa de dúas bandas: unha de pelo e mais outra de la. Seica devecía tanto polas femias máis fermosas, como Venus, coma polos efebos de corpos moldeados nos xogos olímpicos; tamén mirou, pecando de incestuoso e promiscuo, á súa irmá xemelga, Xuno, adoptando o disfrace de cuco mollado: os aloumiños e mais un copo, elixir dos deuses, deixo lúbrica a Xuno para compracela no tálamo. A mitoloxía di que Xúpiter tiña o don de disfrazarse: de cisne, de vaca, de paxaro... e que non podía ser visto en toda a súa beleza e gloria.
        Ao carón de Xúpiter acudía Xuno, deusa do matrimonio: ‘interduca’, ‘domiduca’, ‘cinxia’ e lucina, a que trae os nenos á luz, eran algúns dos seus títulos, porén Xuno non era feliz, arreo choraba bágoas dos ollos, que andaba coa mosca trala orella polo namorisco de Xúpiter co Gaminades, un príncipe efebo troiano, sen reparar na ousadía de metelo no palacio, para que lle servira en cuncas brancas, con tento e cerimonia, os afamados viños tintos de Amandi, recostado no triclinio con brazos de ouro; logo, refocilábase co amante até quedar trasposto, que así era de regalada a vida de Xúpiter. Xuno tamén odiaba a Paris por escoller a Venus como a máis guapa da casta.                               
        Disque Xuño, coa cabeza pampa, tras unha tormenta estelar, entráralle un ataque de celos, apuntándolle a Xúpiter cos raios do seu mirar magnético co gallo de deixarlle murcho o imperioso falo das partes pudendas, que lle gustaba a Xúpiter tanto o plátano coma a papaia, caendo nos baixos praceres de Príapo, deus da fecundidade, que de cotío andaba co pau teso, pois a función crea o órgano.
           Entón, a Xúpiter entroulle o medo no corpo, matinando ir de picos pardos a terras de lonxe, así que convertido nun raio pegou trala Vía Láctea, aterrando no cabo do mundo, en Fisterra. Namorouse, axiña, da terra de Breogán, achando un lugar, florido e fermoso, para posuíla: unha cama de caraveis, mimosas, flores chorimas, que todo amor ten espinas, e follas de reboiras que se estarricaba este campo entre Lucus e Auria. E disque a pegada deixada afondada no leito de amor sería, co devir do tempo, o curso do río Miño.
           Como en Galicia, de cotío andan a tocar a gaita, Xuño moi anoxada, comida polos ciúmes, para vingarse decidiu atacalo no paraíso das reboiras, que sería despois a Ribeira Sacra, co arrebato doutra fenda, aínda máis profunda, inferida cos raios dos seus ollos: o canón do Sil é a cicatriz da daquela rabecha de femia celosa que se perde, vaiche boa!, nos albores dos pregamentos da terra.
       

                                                    Fotografía de Antón Rodicio

En Parada de Sil, o lugar máis fermoso de Galicia, no canón do Sil afundido entre rochas, miradoiro dos Balcóns de Madrid, Xuño permaneceu acochada, desde tempos inmemoriais, nun pasadizo secreto que vai cara ao mosteiro de Santa Cristina, ata que se arrepentiu, pedíndolle perdón a Xúpiter, consentindo que Xuno lucira a elegancia, curvas e reconcos do río Sil, sen atrancos no leito que se alongaba, reconciliados nunha aperta, intercambiando fluídos, de augas bravas, no lugar dos Peares, de onde partirían fusionados, un no outro, na carreira do Miño cara ao mar océano onde serían recibidos por Neptuno con loas de grandes olas.
          Mais seica que, amainadas as augas durante un tempo, Xúpiter volvera ás andadas de antes, metendo o seu furón, inquedo, ‘contra natura’, nos tobos das criaturas da contorna, valéndose do seu don mimético, deixando as ribeiras do Miño e mais do Sil sementadas de seres raros, cativos ou híbridos: nubeiros, sacaúntos, pintigas, encantos, alicornos, lobishomes, bruxas chuchonas, fadas, demos, trasnos, avenoiteiras, biosbardos, avelaíñas, pupieiriñas, mouras, lavandeiras da noite, ninfas feiticeiras...
             As ninfas feiticeiras, ‘As aureanas do Sil’ (ver poema de Lamas Carvajal) son endémicas no río Sil; malia que agora coa auga queda do encoro non se deixen ver por ningures, habelas hainas. Estas ninfas con corpo de sirena, vestidas de prata, atraían aos mozos que pasaban o río a nado ou baixaban a pescaren coas nasas e galaritos, sendo eles mesmos tamén ‘pescados’ polos doces cantos engaiolantes, tragados nos remuíños de funil que había nas pozas, mais hai quen di que de atoparse con elas nunha forte, brotarían pebidas de ouro brillantes como gotas de auga cristalina. O encantamento, di a lenda, só había unha forma de evitalo: gardar silencio. Estaban na obriga de nadar cun seixo dentro da boca, que non sería para o corrixir o tatexo, pola contra o coio mantiña a boca pechada aos encantos das ninfas Sildouras, entretidas elas en puliren as pebidas de ouro e amontoalas en medorras subterráneas, furadas por niños de serpes: faragullas de ouro que deixaran os deuses, Xúpiter e Xuno, esparexidas no leito do río Sil, río sagrado que leva a auga e o Miño, a fama.

2 comentarios:

paideleo dixo...

Gustoume muito, coma todo o blogo en xeral pero teño que dicir unha cousa. As pupieiriñas son un conto que inventei no 2006 coma se fose una lenda e comprobo que se extendeu coma se fose lenda tradicional.
Un saúdo.

Eduardo PRIETO CASARES dixo...

Grazas polas loas. Gustoume o nome 'as pupieriñas', e como título dun contiño para os nenos, aínda máis. Os meus parabén, mais as 'pupieiriñas' xa non necesitan do autor, mellor velas ceibes: no maxín dos nenos, na boca das mamás, dos papás e dos avós. Unha aperta, esperamos máis 'pupieriñas...'