“Es mi deseo que cosas tan señaladas y
por ventura nunca oídas ni vistas vengan a noticias de muchos…”–limiar do Lazarillo de Tormes”(1554).
Barrabás seica nacera nunha aldea de Chandrexa de Queixa: fun coñecedor da súa andaina
por boca dun home, 'o Pecumió', que percorría dúas veces ó ano as aldeas da
ribeira do Sil, pedindo un prato de caldo polas portas das casas con fachenda
na altura de andar eu coas vacas para o monte.
Contárame o
vagabundo que o raparigo do conto entrara tarde no Seminario por causa de axudar
ós pais coa facenda: coa mesma, os compañeiros de 1º de latín, aínda lampos,
deseguida o alcumaran “Barrabás” polas barbas de chibo que seica lle afeaban o queixo
de rapazolo. Mais un día, no silencio do refectorio, mentres cataba o alfabeto
dunha sopa de letras, considerou que non acharía acomodo para oficiar de crego con cara
de Barrabás: dime con quen vas e direiche o que fas; vocación que leva
engadidas as pexas que frean as inclinacións da carne e mais doutras fatigas e
renuncias... só con pensalo, entráballe fatiga no corpo: toda unha vida coa
faciana maquillada de risiña cínica de cara á freguesía... estáche bo o conto,
nin tolo!, dixo para os seus adentros.
Entón, obrando a dereitas, achou como
vía de escape do alcume, que o perseguiría de por vida, non loitar a
contracorrente, mais ben unirse ó inimigo, tirando pola vía máis doada de obrar
como ladro: Barrabás e ladro van de ganchete; imos ver, matinaba, se un tarabelo dos que andan todo o santo día, e noite, de troula e de esmorga tira do refrán e me berra: “Onde vas
Barrabás que cousa boa non farás?” A consonancia das rimas vaime deixar
pampo, sen cantearme do sitio e, mentres estoy estafermo perdido nos biosbardos, entro en razón e me digo: 'Mellor ser un pícaro
que ollarme no retrato de dómine
Cabra, non é?'
A
seguir, considerou a opción de meterse na política co libro aberto de latín declinando dominus -domini na
sala de estudios, mentres perdía os ollos mirando cara arriba, perdido na
arañeira social dos intereses de cadaquén. Na política, cómpre aparentar nas
ágoras donaires e dicires comedidos ligados a unha vida honrada e transparente.
Os políticos empoleirados nos estrados proclaman que viñeron para erguer o país
e para coidar de nós, repartindo as uvas dunha en unha, lonxe da tentación
pícara: quen reparte para el a maior parte; non estamos na política para
facernos ricos, que xa chegamos comidos e bebidos, estamos para servir a
tódolos cidadáns, prometían nos mitins, mais logo da cerimonia dos votos, onde
dixen digo, digo Diego: ala, carallo! a roubar as uvas da viña; aproveita,
parvo, que estás no choio da vendima, deixa as 'vergonzas', que outro virá no teu lugar cunha banastra aínda máis grande.
Tras un
tempo, de si pero non –continuaba Barrabás o monólogo destas filosofas– e como
roubar polo miúdo non che compensa, rubindo de rango de moucho a gabián,
voas invitado a unha xuntanza de golfos, de pándega nunha cacería; co moco
subido, pegas uns cantos tiros de parvo; logo, un retrato de depredador; na
sobremesa vas tirando do fío, que non dás unha puntada sen no, tecendo unha
arañeira de moitos compromisos e débedas: o empresario elefante, armado de cartos, abre cancelas e
arrampla con todo; entón, ti cacarexas como galo nun harén de plumas que seica
cospes moi alto: co teu sitio cotado na trama andas coma un cabrito, mais
amigo, mira por onde pisas e pecha esa boquiña que o cravo que sobresae pronto
recibirá os golpes do martelo. A
xente non é parva nin está cega, non veñas con máis contos, non xa! Non, non te
deixes levar polos ollos de lince, chispos, a piques de saltaren sobre a bolsa
de lixo, que garda a parte alícuota dos orzamentos, a maquía que te quedas por
deixar tornar a auga ó seu muíño, saltando os valados que reparten os eidos dos
veciños; coida, malandrín, que non vistes camisa lavada, que te vexo de compadre
coa mosca trala orella: a UCO anda ó asexo, malo será que un día un fío
da rede rompa e nun chiscar de ollos, estás vestido co pixama de raias na cadea
que te espera: xa verás, xa, mamón!
E disque
farto de tanta leria, o estudante agarrou o Dicionario na procura da palabra
'picaresca': "A Picaresca é un subxénero literario narrativo de ficción en
prosa, xeralmente satírico e que describe, en detalles realistas e moitas veces
humorísticos, as aventuras dun heroe malandrín da clase social baixa (‘de
catadura baixa: ambiciosos e camanduleiros’), que vive da súa intelixencia
nunha sociedade corrupta. Este estilo da novela foi orixinado en España".
Así que,
como resultas do camiño do porvir expelido, Barrabás púxose a estudar as artimañas
dos mestres pícaros que en España foron, e aínda son, que a picaresca é un
xénero de noso: na súa mesiña de noite, no canto da Biblia, descansa un libro
con anotacións que leva como título: Vida
del Buscón, llamado don Pablos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario