luns, 30 de xuño de 2014

Achega o teu voto ós Balcóns de Madrid



Onte, 29/06/2014, un artigo de La Región facía referencia ó acto institucional de apoio ó canón do Sil (no lugar de Os Torgas, Parada de Sil) como “El Mejor Rincón de Galicia”. No transcurso do brinde cun godello dunha adega de Sacardebois en apoio á candidatura xunto a outras autoridades, o Presidente da Deputación de Ourense, don Manuel Baltar, declarou: “Los Balcones de Madrid son la postal de referencia" y la "imagen característica" de la Ribeira Sacra para que este mirador sea declarado como “Mejor rincón de España”.
No concello de Parada do Sil, no corazón da Ribeira Sacra, atópanse “Os Balcóns de Madrid”, o miradoiro do canón do Sil. Os turistas, moitos de Madrid, están a preguntar no corro da cantina da fonte pola orixe deste nome, un tanto estraño dada a distancia da capital de España; ou, mesmo, pola anterior denominación: os Balcóns dos nosos bisavós eran dos Mouros e non de Madrid. Uns din que o nome ven de lonxe de cando as mulleres do concello se despedían dos seus homes que emigraban cara Madrid trala roda de afiar ou coa barquilleira ao lombo. A cousa dos mouros, coido eu que non encerra tanto misterio: en Galicia, os mouros decote viven no alto das penas; as meigas, nos canles dos muíños. Se vas de vagar, pódocho explicar nun contiño que xa saíu publicado neste xornal o 25 maio de 2009.
Houbo unha vez, nos anos da fame, un barquilleiro, o Nicanor de Rabacallos, que un día de feira no concello, á tardiña, xuntara media puñada de cartos todos eles miúdos, unha morea de cadelas, rubias, cans, pezas de dous reais e medio: aquelas que tiñan un buratiño. Co gallo de contar o solto e poder repousar, cavilando un anaco, pois era dado a pensar coma un filósofo de antano nos porqués que van xurdindo no desenrolo da vida, voando na nube do maxín, na procura de respostas, encamiñouse ata o lugar que hoxe coñecemos como “Balcóns de Madrid”. Pousou a barquilleira, con tento, encima dunha pedra, asomou a testa polos balcóns do miradoiro e ollou, compracido, o canón do Sil: beleza paisaxística incrible para un forasteiro; logo, erguendo a mirada noutra banda do río, a chaira de Lemos co horizonte aberto; neste intre, puido escoitar os bufidos dunha bucina sedutora e, aguzando o oído coa orella pegada a un penedo, sentiu o troupeleo do tren expreso noutra banda do río, que o podería transplantar á Estación Norte de Madrid, cidade onde –estaban a dicir– circulaban os billetes, mesmo, aqueles verdes de 1.000 pesetas: “Eu nunca os vin, porén habelos hainos” –comentaba a xente nos parladoiros. O barquilleiro albiscaba Madrid dende o alto de aqueles penedos que coroan as paredes de rochas de máis de 400 metros, encerrando o curso do río Sil nun canón. Disque matinaba o Nicanor: “Que fago eu en Rabacallos, a velas vir? Pola mañá, fitando nos burros cargados cos sacos de centeo, como veñen arribando, a cada pouco ó muíño; pola tarde, adurmiñado co rosmar da moa parsimoniosa, monótona ó compás da trécola dosificadora do gran. Coma di o outro para os que queremos saber e non aprendemos a ler, só nos queda andar e ver: a barquilleira e mais andar os camiños é a herdanza que me deixou o meu pai. Nestas terras de socalcos e minifundios, a roda do tempo está a piques de se deter, porque o futuro continúa a cabalgar no carrelo dun burro, xa vello e escalazado. Non se albisca porvir por ningures –díxose, atando cabos para tomar unha decisión– cos ollos cravados no galo da torre de Cadeiras, que lle estaba a marcar un destino sen cancelas, aínda coa música engaiolante do tren, repenicándolle no oído, como se for Ulises atraído polo doce cántico das sereas fabuladoras doutras terras de lonxe.
 A Guía Repsol declarará, o 16 de setembro, en qué lugar queda “El Mejor Rincón de Galicia”;  mentres, fai algo pola terriña, achegando o teu voto aos "Balcóns dos Mouros"; aquí che deixo o enlace: elmejorrincon.guiarepsol.com.

Ningún comentario: