"Hai que engadir valor ó patrimonio que é de noso", reitera Paco Magide,
o mellor alcalde que pasou polo concello de Parada de Sil. Antes, foron
os traballos arqueolóxicos da necrópole de San Vitor; axiña veu a vella
fábrica da luz, transformándoa nun restaurante e albergue, mentres se
construía unha pasarela de madeira de varios kilómetros á beira do canón
do Mao. Agora, tocoulle á fábrica de chocolate de Teimende: chocolates
exquisitos que recomendaba como menciña don Guillermo, médico titular
de Parada de Sil. Francisco Casares figura como tallista e mais escultor
no censo de Ensenada de 1756. E disque partira de Cantabria cara Parada
de Sil co encargo de tallar o retablo barroco do mosteiro de Santa
Cristina, tomando casa e lareira en Fondodevila. Casimiro Casares, neto
do escultor, foi concelleiro.
A fábrica parece que xurdiu nos finais do século XIX. Os promotores
foron dous irmáns: Pedro (1865) e mais Antonio Casares, netos de
Casimiro, o concelleiro. Logo, pasou a un herdeiro, Arturo, continuando a
empresa familiar con Ricardo (1922), o fillo maior que se fixo cargo do
negocio, sendo aínda un rapaz, por estar o seu pai afectado por unha
doenza invalidante, sacando adiante non só á fabrica, senón ós pais e
tamén ós irmáns pequenos, podendo afirmar que foi o pai dos seus pais.
Xa casado con Lola Prieto, agora viúva, polos anos cincuenta e pico,
renovou as instalacións, dotándoas coa maquinaria que requirían os
tempos, contando xa coa electricidade da nova fábrica de luz do Mao:
unha das primeiras da provincia. As fillas de Arturo e de Lola, Loli e
mais Rosa, deixaron o fogar para estudar fóra, porén nas vacacións
axudaban nas tarefas da elaboración do chocolate, gardando daquela etapa
unhas doces lembranzas. Logo, veu a competencia das multinacionais coa
incorporación de sucedáneos do cacao, elaborando un chocolate máis ruín,
pero máis barato: entón, nin a maquinaria da fábrica era a idónea para
traballar cos sucedáneos da manteiga de cacao, nin Ricardo, o
Chocolateiro de Teimende, era capaz de ofrecer ós seus clientes gato por
lebre, así que a fábrica de chocolate, de esmerada elaboración con
cacao puro parou nos finais dos oitenta, coincidindo o seu peche coa
xubilación da persoa que máis traballara por ela.
A familia Casares está moi ilusionada coa iniciativa da Alcaldía
de Parada de Sil de transformar a súa vella fábrica na "Casa-Museo de Chocolate", aportando un grao de area á posta en valor do patrimonio do
concello, ademáis de honrar a memoria dos devanceiros que tan duro
traballaron para saíren adiante coa industria artesanal do chocolate.
1 comentario:
Totalmente de acordo o mellor alcalde que pasou polo concello de Parada de Sil. Fixo e sigue facendo un gran traballo, puxo a Parada do Sil no mapa. Noraboa e a seguir traballando.
Publicar un comentario