luns, 21 de novembro de 2011

O pozo do lobo de Parada de Sil

Os feitos deste conto narrados polo maxín, impregnado na retranca dos romances populares galaicos, disque tamén sucederon en Azinhaga, o berce do escritor Saramago. A cousa vai dun burriño, que de parvo tiña pouco, como imos ver de contado nun suceso paralelo que aconteceu, vaiche boa! van xa unha morea de anos nesta banda da raia, aquí en Parada de Sil.

"Había unha vez un home fariñeiro, mimético coa néboa matinal da ribeira do Sil, que moraba no muíño de Rabacallos, encargado de cobrar a maquía e mais de picar as moas do enxeño hidráulico, daquela xa medraron os carballos da fraga do Covelo, que adoitaba, os días de feira, subir a Parada no carrelo do burriño, Perico, vello e canso polo peso dos anos, con mancaduras nos cadrís a modo de tatuaxes, testemuño dunha vida escalazada, de moito paos e pouca cebada, o cal lle deixara en prenda un veciño de Miranda, o señor Aniceto, ó muiñeiro de Rabacallos en troque das maquías das moendas de centeo vindeiras que lle cumpría moito o panciño da meda achaparrada, non levantada máis de dúas varas do chan, unha vergoña para a familia en comparanza coa meda da casa dos Paneiros da parroquia de Forcas: disque os mollos de centeo do señor Aniceto foron mallados a paos reiteradas veces, remisos a espallaren o gran cara fora: abofé que aquel ano o centeo medrara con moita 'merda', dispensando.
   Aconteceu, pois, que o malpocado animal, unha mala tarde dun día de feira, namentres andaba triscando nas carqueixas e, con moito tento, nos toxos agromados na última primavera, estando nestas tesituras de comer sen picaduras, como diría o outro, Perico meteu unha man dianteira por onde no debía, e detrás do pezuño veulle o corpo enteiro, indo de fociños pola boca do Foso do Lobo dos Torgás no camiño que enfía cós Balcóns de Madrid. Disque o Bernardo da Rabacallos, o muiñeiro, repetía tódolos días cinco de cada mes a visita ó miradoiro co degoiro de escoitar o silencio do canón do Sil, mais axiña se puña a recitar as ladaíñas de seu implorando á Virxe do Santuario das Cadeiras que lle alongara uns aniños máis de vida que lle cumprían para rematar un asunto dunha rouballeira de peixes das pesqueiras da Barca de Baixo cun veciño de San Fiz, a quen lle tiña ganas de polo a parir ou, mesmo, de medirlle as costas cun pao pelado de freixo, dispensando tal afrenta.
   Mentres o Bernardo andaba matinando nestas trécolas e sécolas de mal agoiro, o seu burriño pedía pronto socorro, orneando a intervalos, cada vez más dilatados, dosificando as poucas forzas que lle ían quedando, case que esgotado, sen luz no fondo do foso nin raio de esperanza de saír con vida por ningures.
   O Bernardo, ó non atinar coa forma de sacar a Perico daquel inferno, acudiu a casa dun veciño de Fondodevila, un tal Casares, parente do médico do concello que casara cunha rapaza herdeira da Casa Grande de Viana, home moi apañado nos arranxos de ferramentas, que tan pronto amañaba un roto coma un descosido, que servira destino militar na Remonta, coidando cabalos, de onde viñera feito un home con pelo en peito, forte de carácter, duro e con vontade para tomar decisións.
   Ámbolos dous achegáronse ó lugar do foso do lobo, para estudar in situ a mellor solución. Daquela, o Pozo do Lobo, máis pequeno que grande, de cabrita de cebo parece ser que era, estaba disimulado cunhas gallas de carballo, e seica había anos que non caera ningún lobo, segundo me contou unha mullerciña que andaba con catro ovellas polo lugar dos Torgás.
   Despois de matinar un bocado, díxolle Casares erguendo, paseniño, as súas mestas cellas, namentres fitaba coa mirada fría de moucho o ollo negro da embocadura que tragara a Perico: A noite vaise botar encima, eu non vexo maneira nin xeito de sacar o burro de aí de embaixo, matinaba con razón o licenciado da Remonta. Na vida haiche que ser prácticos, Bernardo, o burro está vello, non vale un can, o mellor que podemos facer, e dígocho en confianza, de min a ti, como amigos e medio parentes que somos, é enterralo en vida onde está. O foso do lobo que lle sirva de cadaleito, botarlle terra encima e rematar o conto, como di o outro: ‘Dun só tiro, chimpas dous paxaros’. Está ben, asentiu o señor Bernardo, pensando coma un cativo diaño, desagradecido co animal, compañeiro de fatigas. Vai por un picachón e mais unha pa, e non armes ruído nin fales con ninguén...!, díxolle.
   Así foi como estiveron a estimaren sen creto e, logo, resolveron os malos pensamentos nun pecado de obras, feitos moi feos che digo, matinados polo mesmo diaño.

 
Aquela tardiña, xa no solpor, comezaron a furgaren na terra para encher a tumba co burriño dentro: un cavaba e mailo outro ía botando as padas encima do carrelo do pobre animal, mentres lle ían dicindo: "Por burro vas morrer, confesa os teus pecados, tantas fatigas polas corredoiras e carreiros da ribeira á montaña para rematares de fociños neste burato: parvo, máis que parvo; burro, cacho burro...!”, mentres a malpocada criatura recibía con desaires, orneos, couces e brincadeiras, a terra que lle chovía encima, protestando co cruel destino e sacudindo do carrelo as areas que, como aldraxes, ían caendo ó chan, cubríndoo de vergoña.
   Sen embargo, non reparando mentes, os dous homes estaban pechando un portelo e abrindo unha porta: pouco a pouco, a terra foi subindo e, con ela, o burro, que malia de pateala con rabecha, sóuboa aproveitar para medrar e saír a flote: cada vez estaba máis preto dos homes; entón, aceleraron a xeira durante toda a santa noite, botando terra ás mancheas, sen deixar de proferir blasfemias cara o ceo, co gallo de acochar os orneos de socorro e rematar o asunto, que se lle viña complicando sen causa nin razón aparente: canta máis terra lle botaban encima, máis medraba o burro ata amosar triunfante diante dos homes os cales, abraiados, véndolle o cu á curuxa, fuxiron de alí coas orellas gachas, deixando as pas tiradas no medio do camiño, mentres corrían a todo correr batendo os pés no cu cara ós Balcóns de Madrid.
   Corrían cara abaixo, fuxidíos como se os levara o demo, mirando de esguello, a cada pouco ó burriño, que agora amosaba medrado fóra do pozo, seguro de si, rinchando os dentes, mentres abanicaba coas orellas as últimas faragullas de terra que lle estaban a morderen os ollos, plantado coma un xigante, relucindo cores de prata, brincando de alegría coas mans dianteiras e arreando sen acougo couces coas traseiras.
   Co medo no corpo e co sentido alporizado, corrían e corrían as dúas pequenas criaturas como se lle meteran un foguete polo traseiro, con perdón, fuxian ó tolo, sen se decataren  das fauces do Canón do Sil, que os enguliría coma un mostro das augas, debaixo das que, seica, se acocha o inferno nun pasadizo soterrado secreto que seica vai polo souto de Merilán deica o mosteiro de Santa Cristina. Disque empoleirados na varanda do miradoiro, saltaron ó abismo collidos de ganchete como dous anxos benditos, mentres Perico, peludo e suave, veu vindo paseniño cara ós Balcóns de Madrid para ollalos como ían caendo devagar, errantes de acó acolá, como dúas folliñas de castiñeiro levadas polo vento de novembro de por si caprichoso. Ós poucos, os malvados monicreques desapareceron entre as paredes do canón; entón o burro respirou aire fresco para encher o fol e poder ofrecerlles, cun teimoso orneo desafinado, un responso de despedida, rompendo a lene quietude do entorno sacro que respira o canón do Sil neste lugar do corazón da Ribeira Sacra.




Ningún comentario: