sábado, 9 de abril de 2011

Avelino do Val




De cando neno, había un veciño alto e repousado, da familia  dos  Miranda  de  Xunqueira  de Ambía, xente de avoengo con alcaldes e deputados, curmán da miña nai, que viñera da Limia para traballar de carpinteiro na Casa de Viana, deseñador de fermosos bastidores, que aínda hoxe locen na galería do patio a piques de cumpriren os cen anos, loados por artistas e copiados por arquitectos na época 'do Internet  y la rebelión de los cuerpos'.

Anos despois, habería de casar con Felicitas do Val, unha moza alegre e aguda coma un allo que soubo engaiolalo coas artes de seu e retelo ó seu carón toda unha vida como veciño destacado, que foi, da parroquia de san Martiño de Sacardebois. 

Despois da sobremesa,  era habitual ollalo co xornal ó fresco na escaleira de perpiaño da súa casa, grande, da Prazuela. Avelino tiña sona de ser un home ben informado, de pouca parola, iso si, pero respectado por pequenos, grandes, pobres e menos pobres: esta terra ladeira de minifundios cosida de pataos  non é doada para chegar a ricos.   

Cando abría a boca na tenda do Carreño despois de escoitar ó cura na misa, xa na hora do vermú de folganza e parolar toda a parroquia escoitaba as novas do señor Avelino, mesmo os homes de boina que estaban a botar unha brisca, ou un tute, deixaban de cantaren as corenta en espadas, ou do pau que for, para escoitalo con respecto como a un crego no alto do púlpito, da súa estatura, soltando outra entrega da homilía dos domingos, a xeito de informe semanal, do que o demo estaba a cocer nos potes, que levaban moitos días fervendo en terras de lonxe.

Un día que na radio falaran dos rusos e dunhas plataformas de mísiles en Cuba, preguntoulle o señor Benxamín, o tendeiro: Avelino, ti que che gusta ollar a miúdo La Voz de Galicia, coidas que vai vir unha terceira guerra mundial...? O que é ler, leo moito, certo –contestoulle seguro de si mesmo como se fose o prior da granxa de san Adrián– e canto máis leo, máis sei como é en lei dereita; pero mira, en troques, cuanto máis sei máis ignoro... logo, calou un bocado, cavilando...


En cuanto ó da guerra, non hai dúas, sen tres, sentenciou a secas. E xa non quixo perder máis tempo con explicacións destoutro e daqueloutro, achegándose ó mostrador co gallo de pedir a comanda dunha lata grande de sardiñas en aceite de oliva, A Rianxeira, para os homes de Lemos que lle andaban na cava da viña grande dos Piteiros.


2 comentarios:

Anónimo dixo...

Bonita foto da casa de viana.
de pequeno, cando fumos vivir para sacardebois, os meus pais aloxaronse na casa do sr. isidro.
desa galeria embaixo cainme eu con apenas tres anos. animote a seguir escribindo historias que sen a tua axuda caerian no olvido. gracias. Cecé

luisave dixo...

son o neto do Avelino e da Felicitas do Val (tamén tiveron unha neta e desde fai sete anos unha bisneta). de feito non coñecín o meu avó: finou antes de eu nacer. só sei del, da súa personalidade, por referencias de acá e de alá. agradézoche, eduardo, esta entrada. como viña facendo, seguirei de cando en vez a votar unha ollada por aquí. saúdos, luis avelino.