A lenda da Cabritiña de Ouro vén de lonxe, dos tempos das meigas, nos que se dicía que os animais falaban: unha manada de lobos cos dentes regañados da Fraga do Covelo, de cando os carballos non levantaban máis cós homes, pegaron a correr tras dunha cabretiña que se quedara a repousar, acochada debaixo duns fentos xigantes que medraban a gusto no lugar de Fontefría.
Os temibles lobos, donos da fraga, con todo e iso disque non atoparon día para poder fincarlle os dentes: en canto se achegaban á súa beira, malia de seren astutos coñecedores da mellor estratexia da caza, atacándoa por distintos francos á vez, á desvalida cabritiña íaselle metendo o medo nas entretelas convertendo o seu corpo brincadeiro nunha cabrita de corpo pousado e preguiceiro até quedar paralizada, transformada nunha figura inmóbil: na estatua da Cabritiña de Ouro, que adoita relucir, aínda hoxe, empoleirada nas penas de do alto do Pereiro baixo o arco da vella nos días de sol de outono e de chuvia de agosto, cunha medalla de ouro pendente do seu pescozo coa lenda: “A cabritiña de Ouro”.
E falaban os nosos devanceiros que máis dun lobo habería de perde-los dentes caninos, teimando en comela a dentadas noutros intentos de ataque. Ás veces, a fame no inverno amosaba tan negra que mesmo parecía que unha puñada de ratos estivesen a roer nas tripas dos lobos. Era o momento propicio para cravarlle, primeiro os ollos, luceiros magnéticos, co gallo de hipnotizala e deixala queda e, logo, os dentes para esnaquizala nun amén. Mais di a lenda que a coitada cabrita haberíase de transformar decotío nunha estatua de ouro, mentres houbese de venta-los lobos ao seu redor.
Dende entón, os canis-lupus non lle quitan ollo nin de día nin de noite neste lugar da fraga, coa esperanza de perde-la cabrita o meigallo que lle botara a bruxa de Celeirós por vingarse da súa ama, maleficio que, co andar dos tempos, na terceira xeración, habería de mudar en beneficio de salvavidas para a cabritiña do conto, porque non hai mal que por ben non deveña como reza nos libros dos freires que noutros tempos habitaron os mosteiros da bisbarra.
A cabra Patética, a súa avoa, padecera mal de ollo. O meigallo entráralle no corpo, porque a dona do Paneiro non lle quixera dar aquel ano a bola de unto que lle correspondía a Remixia, a meiga, por mor duns favores prestados por torna-lo andazo do cortello dos porcos de ceba que a Casa do Paneiro presumía ter ben gordos e mantidos.
E di a lenda que un veciño de Sacardebois, que moraba nos eidos que se estenden por debaixo da vía, lugar coñecido por Casa de Viana, ou camiño real que xungue a ribeira coa montaña, coa gallo de incorporar cabras ao rabaño de ovellas merinas traídas de Estremadura, mercara unha cabra preñada a Xosé de Celeirós, O Paneiro. Unha muller vella de pano negro e de mirada torva do lugar, aprendiz de meiga, falaba que a cabra tamén había de vir preñada do meigallo, como así veu suceder.
Tal como vai o conto, a neta da cabra Patética parece que debeu herdar o meigallo, pero ata cando?
Quizais unha noite de lúa chea, se lle poida esgota-lo encantamento. Entón será a noite da festa do chibo –parolaban as feras na boca da Cova dos Lobos, sentados de carto traseiros nun leito de follas da carballeira.
Mentres isto veña a suceder, se ha de acontecer algún día, a lenda da Cabritiña de Ouro continuará revivindo unha e outra vez nas cabezas dos máis vellos que dende tempos de María Castaña se veñen relevando nestes lares da Ribeira Sacra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario