martes, 25 de maio de 2010

O Mudo de Bouzas


O Mudo de Bouzas (Sacardebois, Parada de Sil) acudía tódolos domingos a misa, botando uns berros que facían abanear o mundo, mentres camiñaba cara á igrexa coma un toleirán co baile de san vito que era de seu, debuxando eses na estrada de coios e terra, que había daquela... amosando o mudo pola curva de Pedrachá, as campás da igrexa estaban a piques de daren as tres badaladas para o comezo da santa misa.

O crego repartía o pan de Deus a tódolos veciños que se achegaban ao altar; mesmo, á mestra de Barxacova da que se dicía que a súa fermosura, donaire e simpatía, só con ollala, facía pecar ós homes máis devotos da parroquia e, mesmo, a algún cura mozo da contorna que se sentía incómodo, encerrado coma vichelocrego dentro da negra sotana... Porén, para o mudo, non había pan consagrado! Ninguén da parroquia entendía o motivo polo que o señor cura o deixaba a velas vir coa boca aberta, coma un coitado paxariño, esperando a bicada que cada domingo repartía o crego ós fregueses de San Martiño de Sacardebois. O pobre mudo non era coñecedor da doutrina teolóxica que consideraba non ser merecedor de recibir a consagrada forma por falta siso; así e todo, a Igrexa, que ampara ós máis débiles, seica que lle tiña reservado un lugar no limbo dos xustos en liña co barqueiro Caronte que o habería levar na súa barca á outra banda da lagoa Estixia, lonxe das labaradas do inferno.

     Sucedeu no monte, de cando neno –en Bouzas, antano un terreo inculto poboado de mato– e disque o neno non contaba máis dun aniño cando apareceu o lobo polo portelo dunha tapada e, tras loitar a nai coa fera armada cun sacho de dous gaios, o canis lupus houbo de contentarse cun año paticoxo que estaba acochado debaixo dun fento: nun tris habíase de perder na espesura, silandeira, da fraga do Covelo. Hai quen di que o lobo aquela mala tarde lle roubara a fala da xente, e mais o seu nome de pila: en adiante, sería 'o mudo de Bouzas'. A cousa foi mentres o neno estaba ó acubillo dun cesto culeiro de carrexar as uvas, onde acudiu o lobo a meterlle medo, regañando os dentes afiados, mentres babexaba cuspe polo cheiro a carne de cristián. Como resultas desde feito matinado polo demo, dende entón o malpocado neno padeceu de mutismo electivo, aínda que por veces ouveaba coma un lobo en vez de falar coma todo fillo de veciño como é de seu; en troques, no seu canto, andaba na fraga un lobo misterioso polo lugar do alto do pereiro, preto da fonte fría do regato de Maraván, que berraba coma un neno nos intervalos da noite pecha nos que a curuxa calaba un anaco para escoitar o silencio noitébrego das mestas carballeiras que hai por riba das viñas da ribeira do Sil.

     As mulleres da parroquia adoitaban estar a falaren no lavadoiro do asunto que lles viñera en gana. O outro antonte, saíu na conversa o caso da Piedade: 'que si estaba tola... mira que contestarlle ó cura dicíndolle a berros que cabía ben entre os reclinatorios, que non estaba tan gordo, que si isto que si aquelo'... entón, a seguir, preguntaban unhas as outras por que non aprendera a falar o seu irmán, o mudo de Bouzas, chegando, como resultas tras dunha acalorada discusión que era mudo porque nacera xordo: 'para falar, antes tes que escoitar, non é'?, dicía a María do zapateiro; outras mulleres, pola contra, opinaban que non deprendera a articular as palabras por una malformación conxénita: nacera coas cordas vocais atadas nun nó, por dentro da gorxa, ou quizás polo 'síndrome da lingua de becerro' que non podía domeala dentro da boca, con perdón, e mais cousas así matinadas ó tolo e sen razón, dixomedíxomes de falar por falar, palabras baleiras que as leva o vento por causa de non estaren avaliadas con certeza por ningún doutor otorrinolaringólogo. 

     Escoita, de min a ti, abofé que o mutismo do neno foiche por causa da ollada magnética dun lobo. O mudo, cando era neno, perdera a fala de xente por causa dunha fobia que derivou nun afogo cunha palabra de consonantes oclusivas: os ollos magnéticos do lobo trabáronlle a fala nos primeiros anos da súa vida, deixándoo inhabilitado con disfasia para dicir cousa algunha: a orixe do síndrome arraigou tralo encontro co lobo, pois de cando en cando, daba berros como se fose tal. O mudo non chegou a sumar máis de trinta anos. Un día antes do seu pasamento, tras acudir a curuxa cantarlle o mal agoiro: 'busca pan, busca viño que mañá...' o irmán do Samuel perdeu o magnetismo trala ollada en fite do lobo, quedando liberado do meigallo, mais de pouco lle serviu, pois isto foi o único que puido dicir antes de finar mirando o crucifixo da alcoba: "Señor, non me regales panos, que xa non teño mocos".

     Disque que a súa irmá, a Piedade, a cal, en troques, falaba polas orellas, vira saír polo fachinelo da súa alcoba mortuoria unha pomba branca que axiña se perdera arroupada por un nubeiro de algodón voando cara a ermida de Triguás, preto do ceo.

     Nos poucos anos que estivo connosco, o mudo de Bouzas viviu contento, a súa maneira, ó coidado do seu irmán, Samuel, que mataba tres años á saída da misa colgados da caracocha dun castiñeiro, baixando polo souto do campo da festa do señor Avelino, onde acudían as mulleres da parroquia de Sacardebois a procura dun cacho de año para darse un aire, nun día solto. Parada de Sil, terra enmeigada.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

"Eu coñecin o mudo de Bouzas"
Cando nena iva a escola a Bouzase cando saliamos o recreo, escapabamos por un pasadizo que comunicaba a Bouzas de arriba con Bouzas de abaixo,recurdo que aquello esta muy oscuro pero pasabamos desafiando o medo pra ver o Mudo,o peor era cuando salia o hirmau Samuel o que algun dia vimos despellejando o cordeiros e patas pra que te quero. Realmente recordo eso por a miseria en que vivia esa xente/ seguro que estan no ceo porque o inferno so viviron eiqui / Julia-Costrela

Eduardo PRIETO CASARES dixo...

De cando nenos, hai persoas e feitos que non se esquecen: quedan formando parte da nosa biografía e do noso xeito de ser. O Mudo foi unha delas: os seus andares, medio torcido, pola estrada de terra de aquel entón, cando acudía á misa e desexaba comulgar sen conseguilo, cando aparecía os domingos por Viana e pedía o almorzo á miña nai con profusión de berros e acenos.Tamén recordo ó Samuel vendendo cachos de año debaixo dun castiñeiro, preto da igrexa. Pero daquela xa choveu moito e os carballos da fraga medraron de abondo. O pasar do tempo foi borrando aquel mundo primeiro que coñecimos. Quedan os recordos. Nas aldeas da Ribeira xa non roxe ninguén… Unha aperta para ti e para os teus.