xoves, 22 de outubro de 2009

Sacardebois

Sucedio en Galicia
Sacardebois
Xornal de Galicia | Jueves, 22 Octubre, 2009 - 07:50


Sacardebois, o berce onde eu nacín e me criei, é a parroquia da Ribeira do Concello de Parado de Sil. Os ribeiráns, dende tempos inmemoriais, elaboran os mellores caldos da comarca de Caldelas.
Sacardebois ocupa un retallo rectangular na faldra da ladeira ourensá que escorrega as augas ó río Sil: por riba, a Casa de Viana e Mouca, apenas separadas polo camiño real dunha mesta fraga de carballos, acivros, piornos e castiñeiros bravos, onde se acochan o gabiáns e mailos xabarís.

Descendendo cara o río: a igrexa do século XVIII, co cemiterio que é de seu, as casas do Val, a estrada, as hortas e tarreos de terra lixeira; xirando á dereita, as casas e lameiros de Caldebaixo, os soutos da cofradía, o souto do frade e lindeiros, Serradores, Pedrechá; á esquerda, o Real., as dúas casas de Gurvela. Baixando un pouco máis: Calvos, Leiravella,O Porto, A Costrela, vilariños ciscados entre os pataos que baixan saltando de présa a bica-las augas quedas do encoro, cada un co cadanseu ciprés, competindo en se-lo primeiro en raña-lo ceo. Teñen sona estas pintorescas aldeíñas de presumiren, mirándose no espello do Sil, sen se decatar, de cotío, de seren retratadas elas polos turistas que asucan o río en catamarán. Xuntos conforman a Parroquia de San Martiño de Sacardebois. Noutra
banda do Sil, as viñas soleadas de Amandi.

Sacardebois é un nome curioso. De cando neno, oía dicir que neste lugar, quizais pola Barca de Baixo, sacaban ou pasaban os bois que viñan de Lugo cara Ourense e viceversa.


Sen embargo, parece ser que Sacardebois non ten nada que ver con "sacar bueyes", como asegura Joaquín Caridad Arias na súa tese, Toponimia Celta de Galicia. "Boisaca" é unha palabra composta: o segundo elemento "Saccarius, Sagar ou Sakar", é un nome de persoade orixe ibérico. O primeiro elemento "bois" debe proceder do celta "boudio", que equivale ó latín "victoriosus". "Sakarboudio" é, coma se dixéramos que un dos nosos devanceiros, un tal Sakar, saíra vitorioso, malia de non sabermos as circunstancias da súa vitoria.


Sacardebois, ademais de curioso, é un topónimo raro. Tanto é así que ata o mesmo Pai Sarmento, no século XVIII, se ocupou del nun libreto. Segundo o freire ilustrado, de Rovoyra Sacrata, coa deformación de uso, pasaría ser Sacra Revoyra, logo a Sacar boira. Rematando a evolución no actual Sacardebois. De maneira que a miña aldea, Sacardebois, vén se-la Ribeira Sacra de antano. Polo que pido, dende este estrado, que a capitalidade da Ribeira Sacra se traslade de Monforte a Sacardebois. Por dicirque non quede.


"Ribeira Sacra", aparece por primeira vez no documento fundacional do mosteiro de Montederramo en Allariz, no ano 1124, no cal, Dona Teresa de Portugal, filla de Afonso VI afirma: "Desde el mar océano hasta el río Bibei, que transcurre entre Trives y Valdeorras, dona a Arnaldo y sus compañeros, presentes y futuros, el lugar denominado "Rovoyra Sacrata", situado en Montederramo, territorio de Caldelas". Este termo Ribeira Sagrada fai alusión á ribeira dos ríos Sil e Miño e ós numerosos asentamentos monásticos nas súas ladeiras.


E, para remata-la pescuda, aí vai outra hipótese: en 1987, Manuel Vidán Torreira, facendo un estudio da evolución da palabra ribeira, "riboira/ reboira/reboiro", deduce que Reboira Sagrada, vén a significar carballo sagrado. Entroncando o orixe da Ribeira Sacra cos druídas celtas. De aí que se diga: "déixate levar pola maxia dos viños de mencía e mais de godello ó reino dos druídas". (Na parroquia de Sacardebois hai unha casa co nome de
A casa da culpa).

Eduardo Prieto Casares

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Excelente artigo, noraboa, xa teño o blog nos meus favoritos. saudos de un veciño de Sacardebois. cdlmos@hotmail.com

Eduardo PRIETO CASARES dixo...

Din as estadísticas do Xornal de Galicia que o artigo "SACARDEBOIS" foi lido durante o mes de outubro por 43.223 persoas, quedando no 5º lugar de 827 artigos que se publicaron.
Moitas gracias a todos,Eduardo.

Unknown dixo...

Hola. Seria un honor para mi poder contactar,seguir apreciando imagenes y conocer mas del lugar donde nacio mi abuelo. Yo vivo en canarias pero sin dudas todo esos paisajes me recuerdan ese abuelo que tanto nos hablo de ellos