mércores, 2 de setembro de 2015

De cando as ninfas lavandeiras carecían de xénero



Os feitos que se van a debullar a continuación sucederon na ribeira do Sil. Desto xa medraron os carballos, claro. Disque Benedito recibira este nome de elixido na  pía bautismal de San Mamede de Forcas, aínda que fora máis coñecido na contorna de Caldelas, con chufa entre os veciños e amigos, polo alcume de “Benita”.                                             
   –E logo de quen era? –preguntou Marta, a miña neta, fitándome cos luceiros de nena inqueda. Coido que era fillo dunha familia de xudeus maragatos, daquela á procura da vida co trasfego do peixe das Rías Baixas a Castela ou coas mulas da serra de San Mamede a Estremadura. Home moi recatado á hora de cumprir os domingos, nos funerais e cabodanos, malia de ter unha fea costume, iso si, de andar ás voltas cos carallos, tirando deles como comodíns, en contrapunto coa voz devota de muller agarimosa que lle saía do caletre de femia, disfrazado de compadre por fóra feito un entroido, un figurante, meco de trapo.  
    Recurso da linguaxe que o habería de sacar de moitos apuros: disque Bendito para enfiar á xeito tres palabras seguidas, cumpríalle unha liña de bosquexo, a cada puntada, unha pausa até articular o seguinte vocábulo, enchendo os ocos mudos da cadea da fala, mentres procesaba, cun ‘carallo’ que lle cubría a espera. Un modo de falar que non casaba co nome de Benedito: de primeiras, parecía que lle pintaba ben, que soa a home santo e pulido de fala; porén, non era así no desenrolo dunha pequena conversa, na que pronto quedaba desvelada a pobreza de léxico nos dicires, incluso de uso diario: home ambiguo, a medio levedar, que fora derivando dende a conflitiva puberdade, acariñando sabas de desvelos de azul turquesa, de Bendito a “Benita”.                                            
   Emporiso, disque unha veciña de Miranda, educada nas monxas clarisas de Monforte, un día de coresma, á saída da misa, recriminou a Bendito no atrio de igrexa de ser un larafuzas na fala, ó pé do cruceiro de pedra, que se ergue á beira da parroquia de Forcas, prédicas que caeron como auga no cu dunha cesta:                                                
   –Ai, Bendito, como botas tantos esgarros por esa boquiña, que aínda o demo vai rubir do inferno a cortarche a lingua! –díxolle dona Emérita.                                     
   –Boto os carallos que me saen da cona, dispensando –replicoulle con voz de gata prosmeira, estoupando de risa os nenos e mailos vellos que estaban ollando a escena ó redor nunha roda de chufa. Entón, o crego de Forcas, tras permanecer un cacho mudo, acochado dentro da sotana da que amosaba o nariz colorada de can gardián, desapareceu nun amén, desexoso o seu corpo, sacrificado, das augas arrefrías da vaira que alimentaba o vello muíño no Mao, voando coma un lóstrego cara á ponte Conceliñas, afastando os ouvidos do corro que arrodeaba a Bendito, aquel mozo que amosaba cara fóra donaires de femia lúbrica dentro dun corpo que, abofé, non lle cadraba: “Ai, che digo vivo sin vivir en mí...,  repetía polo baixiño.                               
    Historias paralelas da natureza, ás veces caprichosa, que anda ó seu, acó e mais acolá, dende os albores: un día, de cando neno, fun coas vacas para o monte e, co gallo de matar os tempo mentres pacían no lameiro de Caborriba, estiven lendo un libro de lendas antigas. Unha delas falaba de Troco, un personaxe mitolóxico; con este nome atendía tamén o can do Tres de Castro, mentres ía tralos pasos dun profesor emérito nos seus andares de soidades polos camiños de ferradura, hoxe abandonados... cumpríame a compaña de Barrabás, que lembraba de cando mestre substituto, non vaia ser o demo de amosaren os lobos por un portelo: de ventaren preto a Barrabás, con sona de ser máis malo cós piollos, fuxirían tres leguas á redonda, pensou para os seus adentros.                             
    E disque o Tres, irmán de Barrabás, que saíra cedo un día sen veda, atopara un cadeliño nun niño de fentos, á beira da fonte das tres ninfas lavandeiras, no río Mao, á altura do vello canle da fábrica da luz, na tarefa de retorceren as sabas de liño á dereita e que alí mesmo o bautizara como “Pitusa”, dado que lle vira a cousa, por debaixo do rabo, mais logo seica a fenda estiñara axiña ó tempo de brotarlle unha minga, como resultas de se trocar o Tres coas ninfas torcendo os lenzos do revés.  
    Por causa do contrasentido en retorceren a roupa da colada das fadas, dende entón o can non coordinaba o siso co sexo: ás veces, tiraba ó monte como un lobicán; outras, pola contra, laiábase coma unha coitada cadela. Así que o Tres decidira quitarlle o meigallo, que o deixara co xénero indefinido, na fonte da ninfa Sálmacis, un lugar inzado de caracois, máis coñecido pola fervenza das Tres Figueiras.                                    
     E disque tres caracois –Troque, Andróxino e mais Hermafrodito– botaran unha carreira rubindo unha póla dunha figueira, que alternaba cada ano as béveras cos figos. E como corolario do enredo da competición, Troque, o caracol con máis gónadas varudas, coas que estarricaba o corpo, deixando un camiño de babas, seica resultara gañador. Polo que se pode deducir que o can do Tres mudara trala metamorfose de Troque, con dous cornos, a Troco con catro patas. Parada de Sil, terra meiga. 

luns, 15 de xuño de 2015

O ronsel do catamarán no canón do Sil


O outro antonte, aproveitando unha escapada á Ribeira Sacra, embarquei no catamarán que percorre o Sil dende a ponte de Paradela deica ao mosteiro de santo Estevo. Ao pé do embarcadoiro, serpea a estrada que xungue a terra de Caldelas coa de Lemos, preguiceira ela, vai gañando altura polos socalcos de Doade. O barco de dous cascos laterais unidos a unha plataforma, o catamarán, comezou a virar cara abaixo, mentres o guía daba a benvida aos turistas, e axiña de espallar polo miúdo a singradura polo canón do Sil, enmudeceu un bocado; entón, cada quen foi ao seu, ollando en fite ás dúas bandas do río, engaiolados polos debuxos dos pataos, valados incribles retendo a terra pobre e lixeira da pendente fan decotío viños ricos nas adegas, godello e tinto de mencía con sona de Amandi: “dignos de ser amados” acó e mais acolá. As paredes de vella cantería, pedra sobre pedra calzadas unhas nas outras, trala procura dun axeitado acomodo: os socalcos, do latín sub calce, fan posible esta viticultura heroica.       
            Sentado nun beiril do barco, a estribor, continuaba ollando a paisaxe humanizada das viñas de Doade que baixan multiplicándose en liñas paralelas a xeito de pentagramas de brancas e negras até bicaren as augas quedas do Sil. Porén, axiña, co ruxerruxe dos motores fun entrando nos meus adentros, e axiña me veu á memoria o accidente do coche da feira aínda afundido por debaixo de nós: cóntase que un home de Lemos, “O Troitas”, salvara a vida agarrándose ao rabo dun porco... Despois dun bocado en branco nos biosbardos, o meu maxín entrou na moviola do percorrido do Sil antes do embalse. (Os que xa peiteamos canas andamos, dálle que dálle, escarvando nos aluvións da memoria de cando nenos naquela Galicia rural de pan centeo).
            Na altura de A Teixeira, o río recibía o nome de Cachón. No albor da primavera, os mozos das dúas bandas do río andaban na cava das viñas, obriga dun dos mandamentos do ribeirao: “andar trala gancha” de dous gaios amontoando a terra en cavañós! Ao remate dunha parede, era o momento de darse un respiro ou, mesmo, berrarlle aos limeses que estaban a furgaren nas viñas da porta doada de Lemos: “A túa nai cando pariu cantos porcos trouxo, hooo...? Ai, hooo…! baixade ao medio do río, de terdes c., que para todos vós abonda un de nós…!” Ademais doutros aturulos de bonhomía e de benquerenza, frecuentes entre a mocidade das dúas abas do río. Outras veces, competían en guindaren coios máis lonxe ou ver quen era o máis destro en capar o río cun cacho de tella que brincaba sucesivas veces nas vairas e pozas dos remansos.
            Na desembocadura do Mao, río humano ou pequeno, o catamarán virou a babor entrando con tento pola raia do medio entre Cristosende e Barxacova. Ao redor: viñas, hortas, soutos, amieiros, carballos, sabugueiros... Tirando cara arriba polo río pequeno, agora hai unha pasarela de madeira á beira do río, a ponte das Mixerelas, onde baixan as augas mexendo rebuldeiras. Máis arriba, á beira da estrada, a Fábrica de Luz, hoxe un albergue. No cumio, a unha carreiriña de can, a parroquia castrexa de San Lourenzo coas tumbas antropomorfas de san Vitor que datan do medievo. No canón do Mao, o rumor de fervenzas e cachóns: disque as augas baixan fuxidías das meigas, que as veñen atizando coas vasoiras na altura da ponte de Conceliñas.
            Recuperada a navegación no Sil, no tramo máis espallado, ai está a aldea de san Fiz da parroquia de Sacardebois: testemuño dos derradeiros que a habitaron; hoxe, un cemiterio de lembranzas. Os ribeiraos de san Fiz, da Barca de Baixo, de Meixide e de A Ponte, en Barxacova, ollaban coa tristura de bágoas porfiadas como as augas famentas do mal, un encoro matinado polo demo, ameazaban con asolagar os eidiños da casa, herdados de pais a fillos no percorrer de longos tempos: “Aí vai o burro cosa noces!”, berraba un vello! Primeiro, a auga foise achegando pouco a pouco cubrindo as viñas e mailos terreos que había por baixo das casas; logo, comezou a entrar nas adegas a auga intrusa e ladroa do tsunami da Fenosa no alpendre, no poleiro, no forno e nas cortes de porcos; mañá, vai vir deslizándose coma serpe pola gateira da porta da casa; en poucos días, irá rubindo polas paredes até as ventás das alcobas e fachinelos dos faios, e así, gañando rango, non parará até cubrir os tellados de fea escuma. Ao lonxe, só queda á vista o viraventos do campanario da capela de san Fiz coa crista dobrada do galo, marcando un destino descoñecido: testemuño do que fora antano este lugar e como sinal de aldea desaparecida en aras da voracidade do nomeado progreso.  
A construción do embalse de santo Estevo, inaugurado por Franco en 1955, cambiou non só a paisaxe da ribeira do Sil, senón tamén os modos de vida de moita xente que sufriu o desarraigo na emigración. Concello de Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra.


luns, 11 de maio de 2015

Tralos votos, penados ó ostracismo



 

 OSTRACISMO. “Desterro político de dez anos de duración, ó que se condenaba en Atenas, no século V a.C. a todo aquel que se considera perigoso para a cidade. Arístides foi un dos personaxes célebres castigados co ostracismo” (RAG).

             


Os avós da contorna falan da existencia dun túnel nas entrañas da terra que vai dende o Sil, por baixo dos balcóns de Madrid, no canón, deica a vertical do mosteiro de Santa Cristina, din que transcorre coma unha gran toupeira no souto de Merilán, quizais sexa un pasadizo abandonado dos freires de cando os mouros de Almanzor enarboraban as cimitarras (a chicha do tema do ostracismo á ver como demoños me apaño para enlazalo como resultas ou corolario deste contiño da Ribeira Sacra: atenda un chisco, ho!). O caso é que unha parella, inqueda, de namorados seica os tragara a terra de cando os maquis acochaban nos montes e que, malia de entraren con fachóns prendidos e con moito ollo na pescuda do percorrido subterráneo, de súpeto un sopro frío de bufido dun monstro deixara desnortados ós intrusos amantes de aventuras; cos fachóns apagados van indo de acó acolá, perdidos, como cacho nun cribo. Aquela noite cantou de mal agoiro a curuxa: “Busca viño, busca pan…”; e disque a Parca coa axenda na man, unha señora de palabra, non tardara en acudir coa gadaña.

          Non entres! que non te vai salvar ningunha Ariadna que tire do fío nos corredoiros entrecruzados do labirinto, que a modo de Dédalo seica proxectara, aproveitando as galerías construídas polos freires, o prestixioso arquitecto Casares de Miranda, despois dunha viaxe de estudo do dédalo soterrado por baixo do pazo de Micenas. Fora este técnico, precursor da vivenda bioclimática para os penados, o gañador do concurso “Apuntes para o inferno do século XX”, dado o orixinal deseño, malia que pecaría para Dante de minimalista, con todo e iso, resultaría eficaz noutros tempos esvaecidos en dar tormento de cumpridas calorías a unha morea de xudeus, e falsos conversos, enriquecidos coas quitas no comercio e cos xuros desorbitados, penados naquela pola Santa Inquisición cun gasto enerxético mínimo, vistos os materiais illantes empregados polo devandito arquitecto, nado na Casa de Viana.(Casa grande con memoria de voluminosos atados de aforamentos na ribeira do Sil, cos seus décimos e primicias, propiedades do mosteiro de Santa María de Montederramo, obrigas que rendían contas no cenobio de San Adrián: os labregos, como consolo da quita, recibían en troques  o merchandising de estampas, rosarios e mais escapularios).

            Algúns políticos, de variada cor, son hoxe os xudeus daquel entón: van ó seu, non dan unha puntada sen nó: tarxetas negras de Bankia, ceibes para gastar no que for; envíos fraudulentos de remesas cara fóra ripadas polas redes púnicas; outros, acochados na gateira, tornan para o seu muíño unha choiva de cartos de cursos de formación; desvíos de “eres” a empresas que non eran; maquía do 3% nos orzamentos, repartidos na mesa dunha honorable familia; mordidas alícuotas trincadas: “Dez mil, once mil, doce mil: dous millóns...” e logo veñen co consabido: “Non me consta”. Mais toda a clase política está tisnada de larafuzas? Non! Hai vides dereitas, desculpe polo símil, que dan bo viño; outras vides, moitas que se din de casta, en troques, teñen mala cara atacadas polo mildio da corrupción, aínda que tampouco se priven da peste os socalcos, emerxentes, de nova labranza. En chegando a vendima, reparten as uvas ó xeito do pícaro Lazarillo de Tormes,“quen parte e reparte pra el a maior parte”, porcións da torta que se comen antes de compartila na sobremesa cos demais, moitos a velas vir nesta crise, empoleirada nun devir incerto. Para os pobres só deixan as vergonzas. 

            Todo acabará como rosario de aurora, que xa non reparamos nas vosas lerias, “puedo prometer y prometo...”, a política convertida en negocio, non xa! Se o ceo consiste en ollar a Deus, o inferno para os corruptos que sexa o illamento eterno dos presebes do Estado! Trala consulta a un pobo cabreado, que carguen co castigo do ostracismo, outros que queden illados en gaiolas a velas vir: eu farei votos para que así sexa.

            Cóntase que na antiga Grecia “un analfabeto, tras entregar o seu ‘óstrakon’ a Arístides, lle pediu que escribise o nome de Arístides. Este asombrado preguntoulle se Arístides lle causara algún dano. ‘En absoluto’, respondeu, ‘nin coñezo ese home, pero moléstame oílo chamar por todas as partes o Justo’. Despois de escoitalo, non replicou, escribiu o seu propio nome e devolveulle o ‘óstrakon”.

            Os novos tempos, con moreas de indignados nas rúas, xa no casan coa praxe da clase política do antigo réxime. Certo.

mércores, 15 de abril de 2015

A memoria dos cemiterios



Na ribeira do Sil, van morrendo os últimos vellos: tampouco hai xente moza de refresco. Memoria de séculos desta fermosa bisbarra que se vai esquecendo pouco a pouco. A natureza, en troques, volve ó seu, borrando as lindes dos eidos e dos camiños da paisaxe humanizada. Pantasmas tralas xanelas de paredes de perpiaño a medio derrubar, ánimas dos antepasados moradores que non se foron de todo: na Galicia rural conviven os vivos cos mortos. Certo. Quedan coma testemuños os nomes e datas gravadas a cicel nas lápidas dos cemiterios.

            De cando en vez, entro no sosego dun camposanto, escapando do remuíño que me abanea do carpe diem. O outro antonte, visitei o cemiterio da parroquia de Sacardebois (Parada de Sil). Axiña, fun lendo as lápidas do sagrado, unha ollada de trazos da intrahistoria local,  até ollar en fite unha pequena capela sepulcral de perpiaño que destaca nun recanto, “Propiedade da Casa de Viana”, reza no frontispicio; no seu interior, unha lápida de mármore branco coa memoria dun home finado: Isidro Prieto Pérez (1905-1991). Invocarei a unha fada para que abrolle no seu canto unha flor de cemiterio –me dixen para os meus adentros.
            Así que fun á procura da memoria deste home, achegándome ó concello. “Foille un home da ribeira con moita sona por eiquí –me dixeron– andaba como un carabullo tocado cun sombreiro de pano; desempeñou naquela o cargo de Xuíz de Paz”. Logo, preto da fonte, tres homes entrados en anos da Residencia Luz do Sil, mentres tomaban o sol nun banco, relatáronme pan por pan as andainas que coñecían de oídas.
            “O señor Isidro medrou rodeado de seis irmás e, como resultas de vivir como galo entre tantas galiñas, coido que derivou nun perfil de arestas asimétricas, non daba unha puntada sen nó, dixo un dos vellos que fora xastre. Viñera de Celeirós a casar coa filla vinculeira da Casa de Viana, mediou outro vello: naquela unha casa grande con moita fachenda e haberes; unha señorita criada de nena entre algodóns e logo de moza nun colexio de monxas de Monforte, a quen, en dez anos, deu a nota na parroquia facéndolle sete fillos: así coma quen di, tiñan na casa toda unha escala musical.
            “Non foi un labrego ó uso de entón. Certo. Seica tivera un cine en Plasencia. Adoitaba cuspir moi alto, gabándose de ter amigos de copete na Audiencia de Ourense, polo que lle cadraba ser conselleiro e avogado de pobres, ós que tiña a ben recibir os domingos deitado na cama antes de erguer do leito para asistir á misa.                                
           “Uns acudían á consulta por causa dunha navallada que recibira nunha festa por facerlle as beiras a unha rapaza comprometida; outros, polos marcos dunha leira que se moveran de noite; por causa dun paso dunha servidume ou polo dereito da auga de rega; por unha colmea de abellas á beira dunha canella que foron tralo corpo dunha moza, deixándoa feita un cristo; que se lle fora a man a un tolo e lle rompera as costas a un veciño, arreándolle cun rastro, co lume nos ollos por causa dunha vaca lambona que saltara a sebe dunha horta; que si un mozo, axiña de arribar da pesca do bacallau, furioso como xato pechado nun cortello, despois de meses ollando o rebulir das gaivotas, deixara preñe a unha moza e disque o coitado non atinaba por onde tirar: se ir de paxaro bobo cara ó altar ou fuxir voando ceibe a Venezuela coma un cuco a pór os ovos en niño alleo...(o paragrafo anterior está baseado nas actas de conciliación tiradas no lixo, recuperadas para a memoria por un profesor xubilado).                                                       
          “De cando mozo, traballado nas andainas coas reatas de mulas por terras de Castela, Isidro, mozo aguerrido montado no seu cabalo alazán, empoleirado nun aparello novo do trinque con reberetes dourados, manta de Zamora cubríndolle as pernas, con arrestos para domear as bestas, e a quen for, todo el feito un cabrito, chulo coma un oito era admirado por mulleres que lucían medias de cristal e tacón fino. Certo como lle digo, pois decotío ía armado de pistolón de nove largo na alforxa da mula mestra da reata, baixando do alto do Piornal cara Monterroso por causa dos salteadores de camiños: neste lugar, disque se namora dunha serrana de la Vera.                      
            “Home inquedo, e de moita parola, levaba a voz cantante nos velorios; na mesa, os días de festa; no coche de liña Barreiros, de mañá cara Ourense; nas destilas, á beira do pote, dono da man nas briscas de seis; menciñeiro da escola de meigas de Celeirós: presumía de curar un pezuño infectado dunha res co sol purificador, diferido a un terrón pisado pola vaca: ó secar a herba do terrón cortado, sandaba o pezuño. Home de longa cultura popular, tralas andainas por terras de lonxe, recibira do alcalde de Parada de Sil a encomenda en dar forma ó informe dos esquecementos da terra de Caldelas.                          
         “No solpor da súa dilatada vida, armado de lapis e papel co gallo de escribir as memorias, sentou na galería que mira ó Sil, perdendo a ollada dos seus ollos chispos por terras de Amandi, mentres se bambeaba na randeeira calado coma un moucho até quedar trasposto, voando nunha nube de sensacións que fai anos levou o vento. Este artigo quere ser unha homenaxe a súa memoria.