luns, 24 de febreiro de 2014

Lembranzas dun neno, enfornar o pan



Cando tocaba cocer o pan, era un día de festa para os nenos. Pola mañá, había que subir á fraga do Covelo á procura duns feixes de xestas para quentar o forno, aínda que,  na miña casa, que se dicía de moita fachenda, arreo había unha morea de leña de carballo, xestas e piornos no alpendre do patio ao acubillo das augas: lembro que se carrexaban uns cantos carros ben cumpridos de leña miúda para o forno cada setembro antes das primeiras chuvias porfiadas que adoitaban presentarse para pechar o verán e, de paso, escarallar a vendima que, por san Miguel, a piques de rematar estaba nas viñas máis serodias da ribeira do Sil.
     Quentar o forno tiña o seu que: a boca con viseira de perfil de granito do país ía tragando as garamatas. As paredes en forma de iglú, recubertas de barro refractario, primeiro suaban a humidade, logo, ían quecendo pouco a pouco ata branquearen coa calor concentrada na bóveda do forno. Mentres o pai atizaba o lume, a mamá preparaban a pota grande da cociña con auga morna para mesturar na artesa coa fariña peneirada de centeo que se moera nos muíños hidráulicos da contorna –Entrambosríos, Rabacallos ou, mesmo, no río pequeno de A Ponte de Barxacova– engadindo unha cunca de lévedo, que se deixara da última enfornada, e máis unha presa de sal lavada do salgueiro. A morea de masa, co debuxo dunha cruz no medio do peito, había que tapala cun cobertor branco co fin de que levedase quentiña ao redor dunha hora. Nun recanto da artesa, a señora María, a Carpinteira, envolvía as bolas dos pans con moito xeito: quince pezas grandes, con dous cortes de coitelo, un a cada lado, para axiña polas a lucir, collendo forma e dureza, tempo que se aproveitaba para varrer o forno cun fachizo mollado de mango longo, achegando a cinsa  ao burato da borralleira.
     Coas pedras xa brancas, o forno estaba a punto para recibir a enfornada do pan: coa pa íanse metendo os pans con moito tento e cerimonia, comezando polo fondo unha roda de pans ao redor da parede, despois unha segunda roda e así. Ao remate, coa mesma debuxábase no ar o sinal da cruz para que todo fose dereito como Deus manda. Bruxas fóra!, coidaban os presentes.
     A espera do pan cocido, unha hora e pico, transcorría de conversas, co corpo quente e satisfeitos do traballo cumprido, ollando de cando en vez como se ían dourando os pans, con ganas de tentalos e mesmo de encetar algún rebándolle a coroa. Para os nenos, as mulleres preparaban a bola, un pan pequeniño, que se sacaba antes para ir tranquilizando a larota dos máis pequenos ou para abrir as ganas de comer dos máis grandes, que cos rapaces nunca se sabe como vai ser a hora do almorzo.
     Aquela noite, para cear, tocaba empanada, a derradeira en enfornar por ser a primeira en saír, que se preparaba con chourizos, touciño, cebola, pementos... todo cortado miúdo e ben sazonado en aceite de oliva: o recendo da empanada quente no medio da mesa de mármore e máis o viño fresco do cubeto do gasto servido na xarra de Gundivós abría as ganiñas de comer a quen for. Logo, viña a sobremesa coas filloas, o licor café e mais unas partidas de brisca de seis.
     O pan, nos primeiros días, despois de encetalo, minguaba deseguida nas merendas de compango co chourizo ou nos tacos para os xornaleiros cavando as viñas; non era así cos últimos pans que duraban máis, amosando na vitrina do comedor duros por fóra e encollidos por dentro. Cando se acababa o pan, de non haber vagar para acudir ao muíño, había que pedir un prestado. O pan non se puña nunca boca arriba, nin se lle deixaba cravado o coitelo; de caer o chan, había que bicalo, nin se podía tirar un cacho ao lixo, pero si ao lume, porque eran xestos de mal agoiro. De non ter forno na casa, había que darlle as grazas a un veciño, deixándolle un pan en prenda como a maquía nos muíños.
     Do proceso de enfornar o pan, a fermentación era un misterio que me marabillaba, porque non podía comprender a metamorfose da masa co lévedo, como unha muller preñe deitada na cama da artesa, a quen lle fose medrando a criatura: nun descoido das mulleres, metendo a man por debaixo o cobertor, xogaba co dedo, furabolos… xogos máxicos dun neno asombrado.

martes, 11 de febreiro de 2014

Parada de Sil, a Casa de Viana




A Casa de Viana está á beira do camiño real que xungue a ribeira do Sil coa montaña, de aí a orixe do seu nome: 'Viana', terreo á beira da vía, con vistas ao Valdocán onde o Sil entra no seu canón; noutra banda, Amandi: terra lixeira cosida en pataos, adega de viños ricos. Un casar, antano con criados, forno, alpendre e palleiras; cortes para a facenda; adega e mais forxa. Nos atados de antigos documentos manuscritos desta familia de fidalguía rural, hai un que fala da súa fundación atopado no faio da casa, entre o armazón de trabes e pontóns, que soportan un tellado a catro augas, dentro dunha arca de castiñeiro, en compaña doutros testemuños en papeis de barba que falan doutra época de certo avoengo.    
      
     –Neste documento, querida Claudia, ten que haber gato pechado –comentoulle o seu avó, así como non quere a cousa– polo que cómpre andar con tento, non sexa o demo que dende aquela acoche o meigallo: 'fareille un estudo lexicográfico e mais outro semiótico'! –rematou o vello profesor cunha arrogancia que, abofé, non lle cadraba.  
                  
     Sello quarto, dez maravedís. Año 1677. O mosteiro de Montederramo afora o lugar e casa de Viana a don Francisco Vázquez de Páramo y a sus herederos y sucesores por las bidas (sic) e espacio de tres señores Reyes Católicos de España (...) que dichos Francisco Vázquez de Páramos y sucesores dé la Renta cada año por San Martín, cuatro gallinas, pagaderas en el Priorato de San Adrián. Atentos le hazemos (sic) dicho fuero por la menor renta de lo que merecería pagar. Sello quarto, dez maravedís. Año 1677.    
            
     Xa que logo, sermonaba, mentres escribía nun cacho de papel, aplicándolle o sistema pitagórico temos: ‘sello quatro’, 4; ‘Dez maravedís’, descompoñendo o número 10: 1+0= 1; Año 1677= 1+6+7+7=21=2+1= 3. Polo que, 4+1+3 resulta 8. 
          
    O mestre en letras clásicas, agora na cátedra de esperto semiólogo, decatouse deseguida que as pezas do manuscrito ían encaixando coma un crebacabezas, mentres matinaba na simboloxía do número 8, o poder de realizar feitos extraordinarios. “Catro galiñas, tres reis e máis un santo tamén fan 8, (oito)” –repetiu satisfeito: Oito!   
            
   –O oito é o número clave! –remarcou polo baixiño, mirando en fite a Claudia.     
   –Para retornar ao pasado, ademais do cacho, hai que procurar unhas palabras máxicas axeitadas ao texto que movan a vontade de Chronos.  

   –Certo, como me gustan os teus xogos –dixo a nena–  a ver estas, que acabo de glosar, engadiu, máis lista cós allos, engaiolada polo día no obradoiro meigo e pola noite desvelada cos ollos abertos como pratos no conto de “El nombre de la rosa”. 

   /“Unha vaca, catro patas / oito patas de negras gatas /‘vade retro, Chronos’ a ceacú! / soltando os anos pasados polo escape do cu…!”/ 

    Despois dunha breve espera, Claudia exclamou de novo, decepcionada cos enredos do avó: Avó, isto non vai…! Escapa, nena! déixame a min, dixo, erguéndose da cadeira:

  “Oh, Chronos, que vas movendo a terra ao dereito, fai agora que a roda do tempo vaia cara atrás! Oh, prudente Penélope, destece o teu manto outro tanto! Oh, linda Ariadna, tira do fío de Teseo, atrapado no dédalo! Polo poder de oito meigallos, polo cheirume retrógrado de oito allos, que se esfume o presente e que volva o pasado de repente, bruxas fóraaa…!”           
       
Neste intre, queimáronse os fusibles do contador da luz; o televisor, parado na mira de axuste, estoupou en cen cachos espallados nun abano de chispas; á cociña económica, artellada no Malingre do Couto, esfumouse pola cheminea; no seu lugar, apareceu a lareira de antano con escano e mais un pote colgado da gramalleira; a billa da auga do vertedoiro secou de contado. Fóra, no camiño, unha reata de burros cargados con moios de viño van gañando a petada das adegas da ribeira ás casas dos gandeiros da chaira de Forcas. Na fraga do Covelo, ouvea o lobo; ao lonxe, cantan os carros queixosos, cargados de estrume. Nunha leira de Senra, o arado de pau de freixo vai abrindo a terra de vagar e con tento, ó son de “vaca, vén…! top!, ei ah...”! Os tellados das casas quedaron estragados tras un pedrazo, porfiado: as paredes quedaron núas, mais no outono abrigáronas con mangados de palla de centeo: volveron as pallozas; os pés, calzados con zocas; os leitos, con xergóns de follas de millo; noites longas de invernía, na mesa de noite un cristo chora á beira dun pobre candil, no queixón de abaixo espera o ouriñal ó cu da noite; tralas badaladas, tristes, polo pasamento dun vello, tras deixar a mesa posta con pan e viño, veu a tirapuxa dos herdeiros dividindo os eidos: nacen os minifundios na ribeira do Sil. No balbordo da moviola ó pasado, as follas do calendario da parede afumada voaron,  fuxidías, polo fachinelo da cociña, quedando no cravo unha folla con esta data: “11 de novembro de 1677”, festa de San Martiño, viño novo e magosto en Sacardebois,  solta de catro galiñas aforadas do poleiro da Casa de Viana: hoxe serán recibidas aínda cacarexando no Priorado San Adrián e mañá, no xantar, serán bendicidas no refectorio polo abade prior, servidas en pepitoria. Parada de Sil, terra meiga.
  

luns, 3 de febreiro de 2014

O Troitas do Sil



Se mal non recordo, o nariz da desgraza amosou co seu cheirume aquel  18 de febreiro de 1964 nas curvas de Abeleda, á beira do Sil, na estrada de terra que xunguía Castro Caldelas con Monforte de Lemos; o accidente debeu suceder á noitiña. Os veciños de Doade e mailos tendeiros de Monforte retornaban da feira de Castro apousentados adiante na viaxe de retorno coa parola de cómo lles fora na feira; en troques, na traseira do coche misto, estrada de palla, dúas cabezas de gando, catro ovellas e media ducia de porcos laregos, recadados nun cortello de táboas, competían en laiarse alternando os berros na súa fala de babel, xorda aos ouvidos dos labregos, entretidos na conversa.  
     Disque fixeran boa feira en Castro Caldelas, aínda que o Regalado de Gullade, que lucía sombreiro e calzóns de pana, retornaba calado coma un moucho, porque non estivera fino no trato da merca dos bois. Levara consigo, acochados no peto da chambra, unha morea de cartos aforrados; home máis mexericas que varudo –a que mandaba con arroutos sobrados era a muller, naquela derreada no xergón de follas de millo co andazo metido no corpo– quedara canso dos porfiados regateos e de non probar bocado, así que a larota roíalle as tripas coma se foran ratos, avivada co recendo dos caldeiros das pulpeiras, dende cedo plantadas nas portas das cantinas.                                                                                                          
   –Canto queres? e logo canto me dás? ti toleas ou estás de broma…? De súpeto, escoitouse unha voz solemne, semellante á do rei Salomón, no medio da tirapuxa: “Pola metade, e morra o conto!”, mais nin por esas afrouxou a carteira o Regalado de Gullade.          
    “O Troitas” de Val do Bolo, pola contra, estivera na feira comendo a eito o ‘pulpo’ con cachelos, pan, viño da Teixeira e mais a bica mollada nunha copa de licor café na cantina do Grilo. Polo que volteaba alegre presumindo de aixada nova do trinque para a derrega dos lameiros a máis dun fouciño para achicar os silveiros dos beirís das leiras.         
     Mais, ai carallo! Na curva da serpe da Abeleda, tras un repentino balbordo de berros e de vidros escachados, todo quedou patas arriba. Os tendeiros desapareceron nas augas quedas do encoro. Moito despois, na Barxa amosou unha parella envurullada nunha saba que lle servía de mortalla, recibindo sepultura no atrio da igrexa de Sacardebois, pois o cura mantiña que finaran con pecados de avaricia no trato do comercio.                      
      E como non hai dúas sen tres, un dos fillos do Petolo, o da empresa do coche da feira, un día de tormenta matouno unha chispa. Tampouco lle sorrira a fortuna ao Regalado que se foi cos cartiños aforrados á outra banda, mentres patexaba contra o destino coa auga entrándolle polos buratos das orellas sen decatarse dos bicos dos peixes rebulindo ao redor, teimando en espilo da chambra e dos calzóns de franela e chucharlle as peladuras do corpo, dispensando: Pena dos cartos, ho!
      O destino do “Troitas”, poida que non deprendera a nadar decando neno, de aí a ironía do alcume ou quizais fose ao revés: nadaba coma as troitas? O caso é enfiar o conto, non é!, non foi outro que ser a bicada da Troita Vella do Sil. Disque cando os mozos baixaban ao río á procura da Troita Vella do Cachón da Teixeira, que de cando en cando se deixaba ver, este rapaz mataba o tempo capando o río, con moito xeito iso si, guindándolle lascas de pedra que rebotan sucesivamente na auga queda do encoro, ignorando o dito dos vellos pescadores: Non se collen troitas coas bragas enxoitas!
       Nesta última andaina no coche misto, seica estivera a piques de salvar a vida, agarrado ao rabo dun porco larego que nadaba amodo cara á orela de Lemos, no lugar que chaman porta Doada, despois de que o espelido animal brincase á parede dun socalco que quedara ó nivel da auga, o  Troitas minguado de corpo coa auga fría do Sil, estirou as mans para abrazar unha lasa que o tentaba, mais a pedra, de corazón duro e moi súa, fuxiu das mans do Troitas ao fondo do embalse non fose o demo que a guindase a un valado para asentala de por vida como tapa dunha parede. 
       Disque o Troitas arreara na súa procura ao fondo do río. Xa que logo, a Troita Vella, medrada tralos anos nun peixe abisal, que se enseñoraba dende a ponte de Paradela deica á desembocadura do río Mao, antes de acochar no río pequeno de Barxacova, rápida coma un raio polas augas coa boca aberta dunha quenlla, tragaría ao Troitas de Val do Bolo?, pois como di a filosofa dun amigo castelán que presume de sindicalista: “Los peces grandes se comen a los chicos (y así hacen, con los pobres, los hombres ricos)”.

Para saber, de certo, como foi o accidente do bus, pica no seguinte reportaxe do xornal El Pais: "Esqueletos debajo de las aguas del Sil".


        

domingo, 19 de xaneiro de 2014

Unha estampa esvaecida, os serenos


Naquela, os serenos tiñan a encomenda de espantaren aos malfeitores nocturnos. Xente sen leito nin teito, pillabáns de navalla e de malas artes, que saían despois do solpor a rapinaren ao transeúnte, amparados polo manto da noite que ía caendo encima das cidades, xa silandeiras: o Moucho de Aguil mantiña a rúa da Cruz pulida de ladros; anxo da garda e pechacancelas dos veciños que veñen de troula a cambio dunha puñada de pesos, decotío camiñaba de acó acolá, ademais de lle medir as costas co chuzo a máis dun malandrín, canso de soprar no agudo asubío de latón que lle deran no Concello, e que  non acudise a policía: 'que lle facían menos caso cós pitos dun sereno'.
   A media noite, procurei pola rúa da Cruz; peguei unhas palmadas, namentres chamaba ao sereno: Sereeenooo…! Axiña, ao lonxe escoitei a consabida resposta: Yaaa…vaaa…! O Moucho, nado na Ribeira Sacra, de cando mozo, en Aguil, tres vellas e mais un candil, percorría os rueiros da súa aldea co candil de carburo afuracando a negrura da noite co fin de desbaratar o meigallo dos cortellos de ceba, de aí o alcume de 'O Moucho'.
   Nun tris, apareceu pola embocadura dunha rúa, picando co chuzo no chan de pedra co gabán atado co cinto de coiro, e tocado de viseira, viña camiñando coma sombra sinuosa de zombi, metendo medo, que nin diola! matinando en galego a súa filosofa ou rosmándoa para os seus adentros. 'O Moucho' disque se convertera en ventrílocuo: enseñorado nas horas serenas da noite, entre sombras fuxidías, rebuscaba a parola como canle para desentumecer o corazón dos 'guiris' e afrouxarlle a carteira. Camiñaba, rascando co pico do chuzo as reixas das ventás dos negocios e dos cuartos dos baixos, ía indo devagar, tintinando o colgallo de chaves dos portais pendendo do seu cinto, apertado coma cincha de aparello de pouco bandulloc, ao tempo de falar sen trabucarse no babel de procesar en galego e falar en castelán ou, mesmo, picando noutras falas de máis lonxe.                
   –'Yaaa…vaaa..! onde vés con esas présas, carallo que te fixo, que teño toda a noite por diante, non ollarei esas ganiñas en sacares os cartos do peto; money…! money…! non, iso non, que che han de picar as maos, yaaa…vaaa...! cando agarres un peso, coido que lle botarás un responso de despedida, a que che doe coma se che quitaran un ril, a estas horas… yaaa…vaaa...! o leito na Flora baila entre vinte e trinta pesetas; e logo, que carallo procuras nos Madriles... vés de fulanas, non é...? ah, non, cona que me pariu! se es o Modesto de Miranda, o barquilleiro de Parada de Sil'. 
   O sereno de Aguil rosmaba unha ristra de lerias, mentres escollía unha das chaves de ferro das máis grandes para abrir o portón de madeira, preguiceiro e laión, da pensión Flora da rúa da Cruz, a unha carreiriña de can da Porta do Sol, coa carraspeira crónica da ferruxe que van deixando os invernos de Madrid tanto nas bisagras das portas coma nos remos dos que chegan a vellos, sumando anos de moitos calendarios. Como tódalas mañás, á alba, se recollía o sereno de Castro Caldelas cos petos cheíños de cartos, que daba gusto ver tantos 'cans, cadelas, rubias e pesos' e todo, así que, con razón dereita, ríase do mundo. Despois de trinta anos acomodando aos trasnoitadores de Madrid, xa co corpo curvado polo peso dos anos e, mesmo, polas chaves de ferro dos portalóns das pensións, fondas e das casas de particulares que lle estiveron a tirar do corpo cara abaixo durante longas noites colgadas do seu corpo, o decano dos serenos da vila de Madrid, o señor Severiano de Aguil, volteou o rego agora cara á terriña, xa xubilado, a gozar dos airiños do lar que o vira nacer, coa filla, a Aurora, filla tamén de María, moi amiga de misas e de novenas, que quedara para vestir santos, a pobre, engurrada de tanto incenso e de “ora pro nobis”, que máis se vira lúbrica, pois ningún mozo lle asubiara ou se achegara a ella a facerlle as beiras.                
   –“Pasei a flor da miña vida sen mácula, purísima como a virxe das Neves –laiábase a coitada pola celosía do confesionario– xa que logo, coido que finarei co desexo de probalo, mesmo que for cun mozo, acabado de arribar de Terranova de pescar bacallau, que seica saben mellor os cariños dun mozo mariñeiro, famento de aloumiños, que comer unha laranxa..., señor abade, non me poña penitencia, que ya a levo comigo dende hai moitos anos", confesoulle ao crego na intimidade do confesionario. 
    Particulares que esqueceran as chaves; viaxantes de provincias que acudían ás pensións; os amigos de museos, dos touros nas Ventas, de verbenas en Pasapoga; solteiróns ceibes, que boi solto ben se lambe; artistas de teatros e cabarés, pupilas de Venus e demais ralea, que se recollían cos primeiros luceiros, teimaban en chamar polo sereno: Sereenoo…! Seeereeenoo…! Malia que o Moucho, canso de patear a rúa da Cruz, había días que se erguera en voo de retorno da diáspora. Dende entón, as noites na rúa da Cruz xa non foron as mesmas: noites perigosas, escuras, desamparadas, silandeiras, tristes. E así, pouco a pouco, a voz, tantas veces repetida, 'yaaa…vaaaa…!',  foi enmudecendo en tódalas rúas da améndoa dos Austrias de Madrid.         
   Pronto habería de amosar, nos predios, o enxeño do porteiro automático, borrando das noites madrileñas a figura entrañable do sereno, picando co seu chuzo no chan empedrado, tintinando o mangado de chaves, mentres acudía ás chamadas que pedían a súa presenza. Sons e voces que arrolaron aos veciños de Madrid centos de anos, pero a roda do tempo, que xira sen acougo, foi cambiando os costumes: dos primitivos e vulgares berros, a pleno fol: 'Yaaa…vaaaaa...!', mudou nestas verbas relambidas de lene murmurio: “Dígame, ¿a qué piso llama, por favor?”

sábado, 21 de decembro de 2013

Crónica desde Asunción




Hace poco que volamos a tierras americanas para asistir a la boda de nuestro hijo que se celebró  en un entorno lleno de belleza: un templete de madera sobre las aguas del lago Iparacay, con el sol escondiéndose detrás de las villas ribereñas, mientras las tímidas lenguas de fuego de las velas, que franqueaban la pasarela, cobraban vida para iluminar el vestido blanco y radiante de la novia (todos los invitados vestíamos de blando), momento en el que un cantautor local, al son de su guitarra, entonaba la melodía de Mireille Mathieu, “Recuerdos de Iparacay”, que hace años versionó Julio Iglesias: / Una noche tibia nos conocimos / Junto al lago azul de Ipacaray / Tú cantabas triste por el camino / Bellas melodías en guarananí /.
    A un europeo recién llegado, le sorprende de esta naturaleza exuberante, el caudal de los ríos  Paraná y Paraguay, éste navegable hasta Asunción; las cataratas en el parque natural de Iguazú en los límites de Brasil y Argentina; los bosques impenetrables de flora y fauna autóctona; las calvas de la selva deforestada al servicio de la ganadería extensiva con pastos abundantes y verdes todo el año; el problema sin resolver de los indígenas que, privados de sus tierras y destruido su hábitat, malviven en torno a las ciudades pidiendo limosna y ofertando su pobre artesanía como única forma de vida con los niños tirados en las calles sin escolarizar, fuera del sistema en un bucle de difícil solución; las colonias de los menonitas, pacifistas, rubios y de habla germana, unos refugiados de las guerras mundiales, otros originarios de Rusia, que viven aislados con costumbres ancestrales afines al patriarcado, dedicados a la exportación de carne de vacuno. 
      Llama la atención, y me alegro por ello, que el idioma guaraní lo utilice el 80% de la población: Paraguay es un país bilingüe; Ecuador y Perú también hablan el quechua; en Venezuela, a parte del castellano, se hablan más de 20 lenguas indígenas, aunque son minoría.   
     Por estas latitudes, el Estado protector y de bienestar no existe: el país quedó diezmado tras la Guerra de la Triple Alianza por cuestiones fronterizas con Uruguay, Argentina y Brasil; luego vinieron 35 años de abusos y de corrupción de la Dictadura del general Alfredo Stroessner; ahora, los progresos con la democracia van despacio.
    La población se concentra en el Este del país; el Chaco boreal, al Oeste, está prácticamente deshabitado. En este país campa el laissez-fair, laissez-passer del liberalismo en muchos de los aspectos de la vida: unos pocos cada vez son más ricos, mientras que los pobres tiene pocas oportunidades para prosperar; por las calles se mezclan los coches caros de alta gama con los viejos cacharros, los colectivos de los años 50, y los coches de particulares reciclados del Japón rodeados de un enjambre de motocicletas, en una ciudad donde predominan las viviendas unifamiliares que creció a lo largo y ancho del llano de la ribera del río Paraguay; no se ven los peatones caminando por las aceras, porque no están adecuadamente urbanizadas; la gente se entretiene sorbiendo el mate que les aliviará de bochorno, lo toman a todas horas y en todas partes; no hay apenas pasos de cebra, el automóvil invade el espacio urbano; ni alcantarillas, que traguen los aguaceros. Los paraguayos no llegan a disfrutar de una tercera edad: las medicinas son caras y la sanidad preventiva está en ciernes. Aun así, la esperanza de vida ronda los 70 años; el crecimiento vegetativo es alto.      
       Los “Shoppings” son como oasis para la clase pudiente. La gente sencilla está pegada a viejas creencias y costumbres. La carne en las churrasquerías y rodicios es un plato delicioso, sin embargo, hay cosas que chocan con la mentalidad europea: "la sopa", es un bollo sólido de harina de maíz, aceite, huevos y leche; cuando se habla del tratamiento de quimio o de radioterapia se utiliza el eufemismo "la vacuna para curar la infección".  Pero lo dicho arriba contrasta con los datos económicos más recientes: Paraguay, integrado en Mercosur, es el primer exportador mundial de electricidad, el sexto productor de soja y uno de los primeros exportadores de carne de vacuno. Este bello país, a pesar de la lacra endémica de la corrupción que ahora castigan las leyes democráticas, está saliendo adelante.

mércores, 27 de novembro de 2013

A terra onde me criei



                                                                Santuario das Cadeiras   

A auga, o aire, o lume e mais a Terra eran os elementos da natureza para Aristóteles. Terra: “Planeta do sistema solar, terceiro en proximidade ao Sol, que xira arredor deste e arredor de si mesmo e sobre o que existe vida” (RAG). O concepto devandito do planeta Terra, abofé, que me deixa indiferente; non é así coa miña terra que me enmeiga: cando me achego a Parada de Sil, o meu lar, despecho os ollos co luceiro que entra polas fendelas da contraventá da alcoba grande da Casa de Viana, onde nacín, e axiña abro as xanelas cara ao val do Sil,  engaiolado coa postal que acende os cinco sentidos. 

    Certo. A Terra, que se define no dicionario, non é “a miña terra, onde me criei”, xa que logo dende terras afastadas, a saudade, de decotío inqueda, formiga nas entrañas do meu ser galego, laiándome na partida como antano glosara Rosalía: / Deixo, en fin, canto ben quero… /Quen puidera non deixar…!    
               
  En Madrid, ninguén se sinte forasteiro: moitas persoas, nadas en provincias pobres cun futuro incerto, de subsistencia, puxemos de cando mozos terra por medio á procura doutra terra de promisión. Porén, non botamos terra enriba do que deixamos atrás. A Madrid quérolle, que é  lei de ben nacidos ser agradecidos, malia que en toda terra espiga o pan; con todo e iso, querida Alejandra, me dirás ti que non somos de onde nacemos, senón da terra na que pacemos, mais eu quero confesarche que non me namoran os rañaceos plantados no Paseo da Castellana: o meu corazón só atopará consolo sosegado ao rentes do chan até que repouse no berce da miña terra nai co epitafio que me confunda con ela: Sit tibi terra levis.                                                            
  
   Non é de recibo escoitar a ninguén que se lamente de que hai que morder a terra, cando se completa o ciclo que dá de si unha vida; o paso á outra banda por estes lares da Ribeira Sacra non che é un drama: o mesmo finado, como memoria de despedida, dispón a merenda para os que quedan no parladoiro de parabéns tralo velorio, sabedor pola curuxa da súa inminente partida: “Busca viño, busca pan, que mañá te enterrarán”.                   

   Un día, vai xa unha morea de anos, abrín os ollos en terra encantada, ao carón Sil, daquela libre do encoro con dornas para pasar a Lemos coas nasas e ‘galaritos’, enxeño para a pesca das troitas. Noutra banda son veciñas: As forcadas, Amandi, o santuario de Cadeiras; subindo o Sil, os socalcos de Doade; ao lonxe, Monforte.      
  
   Eidiños como remendos estampados na aba da señora de Cadeiras de varias formas e cores á medida dos labradores, ribeiráns como gnomos coidando os xardíns das vides; fragas de carballos habitadas por druídas que xiran sen acougo o trisquel do tempo; paredes lindeiras que se comen os minifundios espallados entrambas abas do río: terras que baixan precipitadas de traballo heroico que os escravos romanos calzaron, pedras sobre pedra, en liñas de pentagramas que conforman partituras de pataos (que hai que dicir ‘socalcos’: calzar por debaixo). Terra lixeira e pobre que produce un ronsel de viños ricos de mencía, de godello, de merenzao e de treixadura.
                                                    
  Terra de mosteiros: Santa Cristina no souto de Merilán, o cenobio de San Adrián no cerengo que sube a San Lorenzo que é terra sacra na necrópole medieval de San Vitor; Santo Estevo, San Pedro de Rocas, mosteiro de Montederramo e mais outros; forcadas de camiños con petos de ánimas: terra de freires e de meigas; e tamén terra de artesáns que saíron polo mundo á procura da vida; terra de labor de traballo duro: aos poucos, hai que erguer o carrelo para darse un respiro, dado que a gancha, a fouce de rozar os toxos e mais a gadaña tiran moito de un, traballo de formigas que van polos carreiros unhas tras doutras, mentres chove miudiño por estes lares de canellas por onde camiñan os burros cansos cos sacos de centeo cara ao muíño de Entrambosríos.          
   
  Cestos culeiros ao lombo rubindo as petadas na xeira da vendima; terra inzada de castañas e de cogomelos nos soutos da ribeira do Sil; terra con lentura de berces pobres que deu fillos ilustres e sabios; terra espallada na emigración noutra banda do mar océano, na Europa rica, cos barquillos por Madrid, coas peneiras, coas cestas de froita nas romarías e nas feiras de cerca e trala roda de afiar por eses mundos de Deus.    
                                            
  Terra mimosa dunha Galicia pobre que foi e que xa non é; vidas cargadas de anos que as foi tragando a terra tantas veces dividida, pobreza do agro, para xurdir de novo con aires renovados, como ave Fénix que renace da súa cinsa: longas noites de pedra de casas con fachenda pechas e deshabitadas, testemuños do pasado, que pronto serán Patrimonio da Humanidade. 

    Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra.