domingo, 23 de outubro de 2011

A carreiriña dunhas galgas

“Hoxe, oito de xullo de mil novecentos cincuenta e dous, o día alborexou  sen nubes no ceo. O pai co Luís, 'o Petís', o criado, e dous homes de Lemos foron co caldeiro de cobre, que se mercara polos devanceiros  na feira de Sober, dar a cuarta mao de sulfato de cobre ás viñas de Barxacova. Tamén lles zorregarían uns foles de xofre para previren os fungos, que poden amosaren no ceo nubeiros e botarse a chover, que dun tempo a esta parte, o tempo anda tolo coma un tarabelo de pechar as portas. 

"Ó mediodía, mandeille polo Ricardo, uns cachelos con iscos, unha lata grande de sardiñas xoubas, a Rianxeira, e mais metade dun queixo de Zamora, coido que mollando a palleta da bota, xa teñen dabondo…, deste xeito reza o diario da miña mai escrito cunha plumiña de mollar no tinteiro nun caderno de escola atopado dentro dunha arca do faio entre papeis testamentarios xa medio roídos polos ratos, abofé, unha mágoa.

E continúa a miña mai debullando día tras día as trasnadas dos seus fillos: Xin, Xan e mais Pon, que así se facían chamar de pequenos, acompañados de Luís do zapateiro, o 'Milhomes', outra boa peza que engadir á camada 'destes pillos'. 

"Mira que meterse dentro do oco dunha torada podre de castiñeiro!, lamentábase por entón a miña mai: son uns trastes! Non hai xeito de domealos, de que entren ó rego como Deus manda, pero decotío saen airosos das súas falcatruadas como os gatos que teñen sete vidas, pois iso. O pai estame a dicir que me deixe de mexericadas, que así aprenden a vivir, aínda que non sei, se calquera día poida pasarlles unha desgraza. Vouche contar o que matinaron, os pillabáns, días antes da festa do Carme:

"Os catro rapaces coas canelas ó aire achancaban lixeiros camiño arriba, pisando as pedras do camiño real que xungue a ribeira de Parada de Sil coa montaña, lucindo chanquiñas ferradas de cravos novos, guindándolle unha chuvia de coios a unha raposiña que fuxía, espavorecida, cara á fraga do Covelo que se perde por riba da Casa de Viana: en chegando ó alto do lameiro do Cabildo, no cruceiro do Rouso, onde se abre un ramal cara Forcas mais outro cara Vilar, nesta forcada a raposiña desapareceu.

–Olla con tento nun recuncho ou nun burato da parede.

–Levouna o demo, non está, pois entón bótalle unha ollada polo oco da torada podre de castiñeiro, dixo Xin con voz de mico.

"O Luís, que estaba moi esmirrado, o pobre, sen pensalo dúas veces, foi esvarando como unha cobra polo furaco da torada, mentres coas maos ía escachando a madeira desfeita polas termitas e botándoa fóra como fan os coellos coa terra, cando están a arranxaren a súa tobeira.

"A raposiña, que estaba alí dentro agachada no seu lar, ó decatarse do raparigo intruso, entroulle tal medo no corpo que saíu disparada polo outro extremo, varrendo co rabo da vasoira, que é de seu, as pegadas que ía deixando polo camiño. Trala raposa, apareceu o Luís con dúas plumas vermellas e outras tantas negras: son as plumas do galo!, dixo, que desaparecera unha tardiña do mes de xuño antes encerrar as pitas no poleiro.

"Agora –dixo o Xan– imos botar unha carreira de galgas polos eidos abaixo. A lousa que chegue máis lonxe é a que gaña. A primeira pedra que caia ó chan ou a que chegue última perde a carreira. Si, vamos...eh, vai gañar a miña! –sorría ledo o Xan.
"Entón, vai o Xan e díxolle ó ‘Milhomes’: Entra outra vez polo oco da torada que me quero arranxar un sombreiro con follas de castiñeiro cosidas coas agullas que caen ó chan do piñeiro da adega e mais unhas plumas temoneiras do rabo do galo que axiña vou oficiar de indio navalla… o neno do zapateiro, sen encomendarse nin a Deus nin ó diaño, foi entrando pouco a pouco pola boca do furado até que lle desapareceron os pés…  o Xan, de golpe, saltou dado un berro, e coas zocas e coas maos sacou forza dun malvado xigante para remexer o calzo que estaba retendo á torada, a cal ó verse ceibe de atrancos axiña comezou a rodar ganando rango que metía medo lameiros abaixo enfiando o río Sil.

"Cando a torada oca, co Luís dentro, estaba chegando á estrada polos lameiros abaixo, o corpo do neno da señora María do zapateiro estarricou tanto, quizais pola forza centrífuga do movemento, que lle amosaban os pés por un extremo e a cabeza polo outro, a piques de se desconxuntar, o pobriño. Porén, como Deus dá unha a tortas e outra a dereitas, o neno, que baixara fuxidío dentro do tronco-móbil como foguete a reacción ó rebolos polos eidos ladeiros abaixo dentro da torada cara ó Sil, non chegou a se esfarelar, aínda que estivo a piques... ben moído dos golpes si que che quedou.  Parece un milagre, pero nin escachou un óso, porque a torada, que baixaba tola, atinou no seu percorrido coa laga do señor Avelino do Val e nun amén apagáronselle os aires, ficando queda, aboiando na auga. O Luís, medio pampo polo mareo da viaxe como gran na moa dun muiño, foi saíndo do oco da torada e coas maos (tiña medio corpo fóra da tobeira como se fose un verme saíndo da crisálida: cavila un pouquiño, é o verme o que sae ou é unha bolboreta?), mal como puido, foi remando cara a parede da laga. Ós poucos, apareceron os outros nenos, rindo ás gargalladas e, axiña, disque matinaron outra das súas. 


Casa de Viana, parroquia de San Martiño de Sacardebois, ano de mil novecentos cincuenta e dous, sendo de xullo oito días andados.

.

venres, 7 de outubro de 2011

Castañas louras


A lectura das seguintes rimas, ripias, débese acompañar de música celta para diluír a disonancia e desaxustes. Prende os teus altofalantes! Déixate levar cara atrás co  xiro do triskel druída.             
   
Mentres pingan as castañas no souto do Frade,
e renexe as follas o nordés rebuldeiro,
outros andan á procura dos mortos,
en San Vitor, no alto do cumieiro. 
 
                     
                                                                                                                             
Acabáronse as vendimas e veñen as esfolladas
para comer coas mozas  catro castañas asadas (C. pop.)

 Ferve o viño nos cubetos, 
 cerrotes nos cortiñeiros, 
 no luar dun claro de acivros, 
 tres druídas menciñeiros.  
                                                                         
 
                                                                            Foto de Rosa Villar Pumar    


Acabáronse as vendimas e veñen as esfollada 
para comer coas mozas catro castañas asadas.  

Xa regañan os ourizos, 
xiran os triskeis rodeiros; 
a néboa, peneirada, 
dorme encima dos Piteiros
 
 
    
 Acabáronse as vendimas  e veñen as esfolladas 
 para comer coas mozas catro castañas  asadas.  

  Bailan as follas co vento,  
  tapan o sol tres muiñeiros.  
  Nos soutos Xirás e Frade,  
  disque aúla o can cerbeiro. 
                    

Acabáronse as vendimas e veñen as esfolladas 
para comer coas mozas catro castañas asadas. 

Dúas mozas namoradas
de dous mozos brincadeiros
asan castañas louras  
para os xogos no fiadeiro.                        

Acabáronse as vendimas e veñen as esfolladas
para comer coas mozas  catro castañas asadas.


Castañas do souto de Merilán,  
pilongas do sequeiro,  
a  paparen, calados,  
os freires do Mosteiro.     
         
Fotos de Pablo Corrales, de Carlos Fente e de Antón Rodicio. 
                   
 
 
     

luns, 3 de outubro de 2011

A castañeira en Parada de Sil

                                                                 Foto prestada, blog Torbeo
Despois da vendima, vén a castañeira. Os soutos limpos, cos arellos nos lugares ladeiros xa arranxados, están a espera de regañaren os ourizos na ribeira. As primeiras castañas comezan a pingar polo doce de outubro. Apañar castañas é un traballo de paciencia e non tan doado como parece: hai que dobrar carrelo, os ourizos pican todos, que non son pementos de Padrón, hai que apandar cos sacos ata a pista máis próxima, porque as cabalerías fai tempo que desapareceron das carriozas e camiños de ferradura e, por encima, empezan as chuviscadas do outono ó compás da batuta do mestre Vivaldi.

As castañas bótanse ás cestas de madeira producindo un ruxido estrepitoso e seco: compre ter bo tino para encestalas todas. As mulleres usan máis o mandil que se baleira directamente no saco. As primeiras en pingar véndense ben e, ó cabo do día, dúas ou tres persoas, de andaren lixeiras, poden xuntar uns cartiños contantes e chichantes, que veñen como as castañas caídos do ceo; porén, as máis serodias xa non teñen tanta demanda.

Pola noite, é costume asar castañas encima da prancha da cociña económica, acompañadas dalgúns cerrotes atopados nos soutos, sen esquecernos de amosegalas cun coitelo pequeno, porque a maior parte delas estouparían como petardos nunha festa. Despois das castañas, un prato de caldo de nabizas abofé que senta ben para quitar a friaxe do corpo.

A rebusca era a última colleita de castañas (oido que agora quedarán para os xabarís) caía polo san Martiño. Había que procuralas por debaixo das follas e dos ourizos coa axuda dunha forquita pequena. Esta xunta de castañas, máis pequeneiras, quedaban para cebar os porcos ou para secalas no canizo con lume que ía ardendo preguiceiro, alimentado con cozos e mailas raíces dunha caracocha que secara pola filoxera. De cando en vez, os nenos tiñamos que subir ó sequeiro para remexelas cunha roda de pao, mentres xogabamos brincando ás pelexas encima delas.

Despois de quince días, viña a xeira de mallalas, meténdoas en sacos pequenos e golpeándoos repetidas veces encima dun madeiro. E para rematar, íanse botando ós poucos nunha criba en forma de media lúa que se collía coas dúas mans polos extremos. O señor Vitoriano de Mouca de Sacardebois cribaba as castañas con moito xeito, separando as pilongas das belotas e das cascas que saían voando pola ventá do sequeiro.

As castañas, xa limpas, metíanse nunhas arcas grandes de madeira de castiñeiro que había no faiado. Durante todo o ano íanse comendo cocidas, acompañadas de chourizos, morcillas ou con leite.

As castañas foron o alimento básico de animais e persoas durante moitos séculos, xa que a pataca non veu da América ata o século XVI.



 
                                            Debuxo de Eduardo A. Prieto


A unidade de medida das castañas era a tega; noutros lugares, o ferrado. Daquela, era frecuente o troque de produtos da montaña polos da ribeira. Por poñer un caso, unha ola de Gundivós, nova de trinque, para o viño podíase cambiar por dúas olas de castañas de Chandrexa ou de Sacardebois, as parroquias da ribeira de Parada de Sil.


E para rematar, adiviña:

                                          "Alto está, barbas ten,

                                           e, cando lle dá por rir,

                                           perde todo o que ten".

venres, 30 de setembro de 2011

Remexendo na cinsa

Cofradería, confradería ou confraría, da maneira que sexa, é un topónimo da parroquia de Sacardebois, concello de Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra. Recibe este nome, porque neste lugar estaba situada a casa do cura, da que dependía a freguesía de Pradomao.
A miña mai falaba con agrado deste crego o que escoitara dicir a miña avoa:

“Foi un sacerdote moi querido polos veciños, tan santo varón que mesmo dicían que mexaba auga bendita, moi propia para estiña-las feridas polo corte dunha fouciña ou unha ferramenta calquera das que se usaban no traballo das viñas nos días soltos, que de facer xeira en domingo ou festa de gardar, a fonte do crego secaba de contado".

Vivía na Cofradería cunha ama, media curmá, e mais un loro que aprendera a cantar panxoliñas e seica que, ás veces, dáballe por farfallar palabras soltas latín.

Dominus vobiscum! –cantaruxaba o papagaio presumindo vestido de cores, movéndose dun lado a outro na varanda do corredor da casa do crego sen acougo, como se tivese o baile de San Vitor, que seica invitaba a danzar ós mortos, ánimas en pena errantes no medio do cu da noite, confundidos entre as brétemas peneiradas do canón do Mao que baixa á cachón, lambendo as pedras, á beira de San Lourenzo de Barxacova.

Et cum spiritu tuo! –contestaban as mulleres que pasaban cargadas co cesto da roupa para face-la colada no pozo do regato de Maraván.

Carballeira de Maraván (Foto de José Luis Pérez)
Disque tamén repetía tralo crego moitos rezos do breviario, sen embargo, malia vivir moitos anos en compaña do cura, non houbo xeito de que aprendera a cantar responsos e misereres nos enterros, que para iso estaban os corvos, vestidos de negro, de cello engurrado e de pico longo. Non, si?

Nos tempos que corren, son fabas contadas as almas que hai que salvar nestas aldeas. Van quedando pouquiños e todos, de tanto traballa-los minifundios ribeiraos, colgados de patao en patao ata bica-lo río, viticultura heroica que se di, teñen gañado dabondo o ceo.

Pero, ¿que é unha confraría?

Confraría derívase de confrade (del lat. cum, con; frater, irmán). “Irmandade de persoas devotas con fins relixiosos” –reza, nunca mellor dito, no dicionario Cumio da Lingua Galega. A orixe destas irmandades vén da época dos romanos que recibían, naqueles tempos esvaecidos, o nome de collegia funeraticia.

Por tanto, este lugar de Sacardebois recibe este nome de Cofradería, porque os confrades tiñan a súas xuntanzas nesta casa parroquial. Os ribeiraos, noutros tempos pasados, respectaban moito a San Martiño e mais a San Roque; coido, sen embargo, que sería a Confraría da Virxe do Carme, patroa da parroquia, a irmandade que ocupaba este lugar con moitos adeptos dende o século XVI.

Tamén se chamaba a Confraría do Escapulario, que se ofreceu ós confrades como medio de saír do purgatorio: Aquellos que llevaran el escapulario de la Virgen del Carme y cumplieran las condiciones que imponía su uso, serían automaticamente liberados del purgatorio el sábado posterior a su muerte,” indulxencia sabatina confirmada polo Papa, Pablo V (1602-1621).

Os confrades pagaban unha pequena cota en especie: castañas, patacas, viño, augardente… O mordomo levaba as contas e convocaba as xuntas, pero todo baixo a supervisión do cura. A primeira finalidade destas irmandades era socorrer ás familias dos confrades nos enterros: misas concelebradas polas almas dos defuntos, ceras para alumar nos velorios; cabodanos, a caixa mortuoria, o xornal do enterrador e mailas empanadas e media ola de viño ofrecido polo finado como derradeira vontade, fiel ó dito castelán: "el vivo al bollo y el muerto al hoyo".

Nos tempos de laicismo que nos tocou vivir, a estas confrarías de antano chámanselle agora pólizas de decesos, Sta. Lucía… que ofrecen soporte económico nos peores momentos. As cotas periódicas de paga-los mortos veñen a ser como a chamada de atención dos Mércores de cinsa que nos lembran a coincidencia da nosa orixe de ser co noso destino de non ser: "Memento homo quia pulvis eris et in pulvere reverteris".

Abofé que, se vivir non é cousa doada, morrer resulta se-la factura máis cara de pagar coa que liquidamos a vida.

xoves, 22 de setembro de 2011

Ha llegado el otoño

-->
La furia de Helios, dictador del verano, se va apagando poco a poco; mientras, Cronos infatigable, montado en su caballo alado de plata, sigue dando vueltas a la noria del tiempo, soplando las hojas del calendario.

Ha llegado el otoño, autumnus, plenitud del año: pingan las castañas, los árboles se desnudan, los días menguan y las noches crecen.

La aurora, de rosados cabellos, extiende de amarillo, verde y ocre su manto sobre las viñas de Amandi despertando a los mirlos, que se levantan en vuelo, trazando senderos negros entre nubes errantes para perderse, a lo lejos, por el Cañón del Sil.

Las vendimiadoras, a las once, se dan un respiro. Os mozos pousan os cestos culeiros ó carón delas; ó primeiro, as máis atrevidas recordan aquela cantiga que falaba dun crego que se perdera cunha moza polos recunchos das viñas; logo, anímanse todos a cantar seguindo o ritmo da Roda:

"E pousa, pousa, pousa
e non me toques naquela cousa…"(*).

Otras, con un racimo de mencía en la mano, van desgranando las cuentas del año.

(*)Letra

luns, 19 de setembro de 2011

As viñas do Cuco

-->
Hai un lugar da Ribeira do Sil que lle chaman o Cuco, vou para o Cuco, veño das viñas do Cuco, e así. Un lugar que cae preto do cenobio de San Adrián, pola ladeira da parroquia de San Lourenzo cara a aldea de Barxacova, mirando a Cristosende co río Mao no medio das dúas bandas. Coida que escribo Cuco con maiúscula. A orixe desta toponimia vén de moitos anos atrás. Escoita que cha quero contar polo miúdo, e como vén enguedellada, senta un anaco e agarra o fío pola punta e vai tirando de vagar para destece-lo conto.
     O Pepiño, penso que así se chamaría, que non lembro tódolos feitos como aconteceron nin os nomes dos protagonistas, porque a memoria, ás veces, fraquea e outras fai unha escolma das lembranzas, borrando pouco a pouco datos e así un esquece, hoxe, os pormenores que viviu de cerca, antes; mais reteño dentro das entretelas do meu caletre o que ouvira a miña avoa falar do Cuco de Sacardebois que volvera da mili feito outro home: dous anos servindo nos regulares en África fixeran do Pepiño un home recio de pelo en peito, con donaires de facerse respectar entre grandes e pequenos. Xa se sabe que o servizo militar –dicíase daquela– transforma coa disciplina a un mozo tarambaina nun home feito e dereito.(Non te vaias durmir,  tira un pouco más do fío). 
     Se antes montaba nunha burra fariñeira, e ía calado coma un moucho coas orellas gachas, agora de cotío o vías a escarrancha pernas dunha moto, nunha das primeiras Sanglas, espallando os tronos do escape polo funil dos regatos que cortan a estrada, espantando os paxaros das árbores, erguendo en voo as folla da estrada e mailas costas dos ribeiraos que estaban a traballar nas viñas para ollar aquel intruso, rebuldeiro, que viñera rompe-lo silencio, profanado a quietude do lene sentir da natureza que era de seu na Ribeira do Sil, mentres percorría as angostas estradas das dúas bandas do río a todo gas cara as festas de Cadeiras ou cara a Santa Tecla, na Abeleda, na procura de novas bicadas. Seica que o pai do mozo adoitaba presumir na cantina do Carreño das fazañas do seu fillo: “O meu Pepe xa leva percorridas as catro provincias galegas coa Sanglas, e parte de Lugo” –remataba así o comentario, puntualizando coma un mestre.  
 –“Contoume o teu pai que che gustaría entrar no choio da Garda Civil de Tráfico. Por min que no quede, aquí tes a moto…” Así foi como lle regalou esta nova burra alemá o seu tío e padriño, que volvera rico das Américas, disque este indiano de Sacardebois xuntara unha morea de cartos en Venezuela da que podería ir ripando billetes para o resto da súa vida, e que non podería comelos todos, que aínda lle quedarían uns feixes para os fillos e mailos netos. Así que, mentres o vello guiaba unha haiga Pontiac polas estradas da Ribeira sen asfaltar, o sobriño abríalle paso coa moto, presumindo con algunha rapaza que levaba de paquete para que lle busca-las cóxegas, rindo así máis guapo, ou lle resgardase o carrelo da friaxe. Estaría de sobra engadir que nin veciños nin amigos lle volveron a chamar Pepiño ó Xosé, o da moto Sanglas, por causa de ter xa gañado o rango de cabrito e de cara dura. En por iso, había que rebuscar no dicionario novas palabras altisonantes e superlativos dos grandes que os diminutivos rematados en -iño, xa non lle cadraban para debuxalo nun retrato. 
     “Volveu adoecido de tanto que lle ferveron os miolos no pote da cabeza polas calores inmisericordes do ceo servindo en África –dicía á sazón o pai do Felisindo de Mouca, que se gañaba a vida indo polas portas co alambique da destila, co creto de seu, porque de ferve-los potes sabía dabondo. A Belinda da Leiravella, nestes dous anos de ausencia de Xosé, botara corpo de muller. Amosaba ser unha moza lucida de peitos e ben contornada de pernas e nádegas que daba gusto vela repartindo alegría e frescura, cando subía á misa os domingos, coa aquela cariña e ollar doce que seguía a resplandecer coa inocencia dun anxo, cando se puña a rir. Este intre de estar a piques de pasar de nena a muller abofé que aumentaba a súa fermosura. –Co corpo que botaches estes dous anos, estarás a pasar moita fame–estáballe a dici-lo mozo, coa cabeza ó rape, licenciado de servir en filas, malia de estar apuntado a unha longa carreira de licencioso. –Dígoche, se tes fame– ladrou alporizado coma un can rabioso á coitada Belinda– mentres a lambía coa mirada de abaixo arriba, e de arriba cara abaixo, mirándoa de esguello. A moto seguía brincadeira como cacho nun cribo, debuxando eses na estrada, a piques de dar co cabrito de fociños nas pedras do chan, que ben lle cumpría un bo sopapo.  
–Se ti quixer, xa sabes… 
–Queeee..! Non te escoito, ai mi madre! Para, que quero baixar da burra, que se me arreguiza o corpo só con pensar…! Mais axiña, a Belinda, a coitada, deu unha volta ó redor dunha caracocha dun souto que estaba por riba da estrada como querendo xogar ás agachadas e, ós poucos, sorprendeu ó motorista amosando a cariña vermella coma un tomate por un burato da caracocha, estiñado e perfilado a modo de ollo de boi, cores de inocencia e picardía dentro da barriga da caracocha centenaria, díxolle, sen parar mentes: 
–Vén mañá á casa do leitón de Senra, na Prazuela; mellor pola tardiña, no solpor, polo si ou polo non, que sei dun sitio. O mozo, como era de esperar, non faltou á cita co ollo do sol xa acochado tralo Valdocán. E pasou o que pasou, xa que logo ó cabo duns meses empezou a medra-lo froito da semente na barriga da Belinda que non podía disimular por máis tempo que pecara co Xosé, engaiolada polo mesmo diaño sen se decatar do asunto, nin ver goce por ningures coa marcha que levou o motorista nas reviravoltas encima dunha arca mediada de castañas pilongas, que parecía aquela mesa máis a ara dun tormento e sacrificio que un tálamo de primeiras nupcias de bicos con sabor a cereixas e laranxas, de cóxegas nos pés, de percorridos minuciosos, ás veces sorprendentes, tralas andainas polos mapas de anatomía, cos seus picos, montes, salientes e entrantes, axiña coas apertas de corpo enteiro antes do clímax da fusión, coma o terrón de azucre nun café tostado, con perdón. Nada de isto viu a Belinda, tan necesitada de agarimos como miña gata persa. Despois de varios días de falar co mozo de si, pero non, o galán coma está face-lo cuco que pon os ovos en niño alleo, unha mañá ó remate do verán, voou da aldea, así como tal cou, emigrousen dar un chío, o condenado, desaparecendo da parroquia como se o levaran os ratos. Dis que che debe andar xa, quizais noutra banda do mar océano, onde sempre é primavera, na procura doutros niños onde deixa-los ovos. Nos tempos da miña avoa aquel apoucado Pepiño, que se fixera un pillo tralo servizo militar, deixando preñe a Belinda, volvera de América peiteando xa plumas canas, coas ás gachas e co pico enmudecido. Contan que os máis vellos de Sacardebois recibiran ó indiano co alcume de O Cuco, malia de non cucar como antes, volvendo a recobra-lo xeito de ser do Pepiño de sempre. 
     Daquela, contaban unhas vellas, mentres estaban a mata-lo tempo fiando a la co fuso no monte cunha puñada de ovellas, triscando as xestas en Donín de abaixo, que O Cuco de Sacardebois lle mercara, había anos, unhas viñas soleadas a un leitón, viñas que subían de patao en patao cara arriba do camiño que baixaba dende o cenobio de san Adrián a Barxacova. 
       Ó Cuco fai un mangado de anos que o levou Caronte na súa barca para a outra banda, non así as viñas do Cuco que permanecen plantadas como a Porta de Alcalá, miralas, miralas vendo pasa-lo tempo, agora vestidas de negro con colgantes de mencía nas orellas esperando ás mulleres da vendima. Todo cambia e morre; porén, mentres cante o cuco, seguirá habendo poesía.