Os avós da contorna falan dun túnel nas entrañas da terra que vai dende o Sil, no canón, deica a vertical do mosteiro de Santa Cristina, din que transcorre por debaixo do souto de Merilán, quizais sexa un pasadizo abandonado dos freires de cando os mouros de Almanzor enarboraban as cimitarras. O caso é que unha parella inqueda de namorados seica os tragara a terra de cando os maquis acochaban nos montes e que, malia de entraren con fachóns prendidos e con moito ollo na pescuda do percorrido subterráneo, de súpeto un sopro frío de bufido dun monstro deixara desnortados ós intrusos amantes de aventuras; cos fachóns apagados, van indo de acó acolá como cacho nun cribo. Aquela noite cantou a curuxa: “Busca viño, busca pan…”; e disque a Parca, unha señora de palabra, non tardara en acudir coa gadaña a cortarlles o fío da vida.
Non entres! que non te vai salvar
ningunha Ariadna que tire do fío nos corredoiros entrecruzados do labirinto,
que a modo de Dédalo seica proxectara aproveitando as galerías construídas
polos freires, o prestixioso arquitecto Casares de Miranda, despois dunha viaxe
de estudo do dédalo soterrado por baixo do pazo de Micenas. Fora este técnico,
precursor da vivenda bioclimática para os penados, o gañador do concurso “Apuntes
para o inferno do século XX”, dado o orixinal deseño, malia que pecaría para
Dante de minimalista, con todo e iso, resultaría eficaz noutros tempos esvaecidos
en dar tormento de cumpridas calorías a unha morea de xudeus, e falsos conversos,
penados naquela pola Santa Inquisición cun gasto enerxético mínimo, vistos os
materiais illantes empregados polo devandito arquitecto, nado na Casa de Viana.
(Casa grande con memoria de voluminosos atados de aforamentos na ribeira do
Sil, cos seus décimos e primicias, propiedades do mosteiro de Santa María de
Montederramo, obrigas que rendían contas cada ano no cenobio de San Adrián: os
labregos, como consolo da quita, recibían en troques o merchandising
das estampas, misas e novenas, rosarios e escapularios coa imaxe da virxe do
Carme, patroa dos mariñeiros afogados).
Algúns políticos, dunha e doutra
banda, son os xudeus de entón: van ó seu, non dan unha puntada sen nó, no
mercado, chamando ós incautos con sons engaiolantes de campás preferentes,
escudándose uns noutros co consabido: “Non me consta”. A clase política, quero
dicir os corruptos os da casta con caspa, que teñen o mango na man continúan
aplicando o dito: “Quen parte e reparte pra el a maior parte”, rabuñando as gabelas
e prebendas; gozando do choio de tarxetas negras; quedándose cos décimos e
primicias: porcións da torta que se comen antes de compartila na sobremesa cos
demais, moitos con fame e a velas vir nesta crise que non ten fin.
Non veñades con rosarios de aurora
nin con máis lerias que velen a arañeira da rapina, non xa! Se o ceo consiste
en ollar a Deus, o inferno para os corruptos que sexa o illamento eterno dos
presebes do Estado!
Que toquen a defuntos as outras
campás, as do mosteiro de Santa Cristina, con sons de compaña ós condenados, os
xudeus de hoxe, gardando as distancias, entrando polas toupeiras do pasadizo do Merilán, que sintan o
frío da vergonza de trincarnos como parvos! que escoiten os bufidos do escrache dos indignados, feríndolles os
ouvidos...!
Ningún comentario:
Publicar un comentario