mércores, 7 de novembro de 2012

Francisco Magide, alcalde de Parada de Sil



Co repouso que deixa o devir dos días, coido que estamos na altura de poder analizar serenamente os resultados das últimas eleccións autonómicas, nas que o voto da oposición socialista sufriu un gran revés no eido galego, agás en contadas demarcacións.

Se miramos cunha lupa o mapa de Breogán estampado de azul, chispea vermello o lugar do curso do río Sil na altura que se encaixa nun canón: na banda dereita, o Santuario de Cadeiras; á esquerda, os Balcóns dos Mouros, en Parada de Sil, o segundo concello con máis votos relativos do PSdeG, 54,98 %,  un 29,15% para o PP, xa que logo pintan bastos para Feijoo nesta terra de pataos (socalcos) da viticultura heroica, rica en valores paisaxísticos e cun patrimonio histórico-artístico e mais etnográfico, incrible aos ollos dos que nos visitan.

Abofé que o patrimonio do concello, físico e mais o inmaterial, vai gañando valor engadido coas iniciativas da actual corporación que preside don Francisco Magide: home curtido nunha longa andaina no sindicalismo, no eido da educación, con dúas eleccións gañadas por maioría absoluta no seu haber, disque vai deixar unha pegada inesquecible neste concello. Certo.

O alcalde, Paco para os veciños, unha persoa afable e sagaz, firme de principios, Bizarro por parte de mai, é un home que sabe coma ninguén sintonizar co sentir da súa xente, con empatía para escoitar e debater as propostas xurdidas nas xuntas de portas abertas do concello: “A proximidade coa xente na ágora, o debate aberto cos cidadáns é a orixe da política e da democracia –escoiteille dicir nunha entrevista radiofónica. 

Como resultas dos proxectos consolidados en realidades, malia á seca nos orzamentos pola crise, podemos citar no haber da actual corporación municipal, en colaboración coa oposición: A escavación arqueolóxica da necrópole medieval de San Vitor; A transformación da vella fábrica da luz nun albergue; A longa pasarela de madeira que serpe ao carón do río Mao, un recuncho máxico da Ribeira Sacra. 

Hai que subliñar tamén a promoción de actividades lúdicas, deportivas e culturais levadas a cabo polo concello, coma as homenaxes aos veciños destacados no día das letra galegas; sen esquecer, no eido da educación, a nova guía didáctica que o concello ofrece, axeitada aos tres niveis de educación obrigatoria –Infantil, Primaria e mais Secundaria– que xurdiu co gallos  de que os escolares puidesen gozar dunha visita guiada a Parada de Sil, e traballaren os estudantes contidos e competencias globalizadas: un día de lecer no corazón da Ribeira Sacra que, de seguro, lembrarán con agrado a medida que vaian medrando.

Ningún comentario: