
/Lume con recendo/ fogueira de
cozos/de caracochas, ardendo/festa dos druídas/é o inicio do inverno/estoupan
os foguetes/ nos eidos ermos … /
Un vello anda queixoso de que xa non
quece, pois o sol, peneirado polas nubes do outono, vén morno; as castañas
louras estoupan no fogar, bota de viño novo a medio encher, non lle dan acougo; primeiro, o lume pobre de frouma e
de garabullos; por riba, achas fendidas de carballo: leña seca apañada no monte
para alimentar a fogueira; festa familiar, a do magosto, de grandes e pequenos
na data de San Martiño, día de andaina polo monte de troula cos amigos.
“Acabáronse
as vendimas/ veñen as esfolladas/ para comer coas mozas/ catro castañas asadas”/
–di a copla.
Maos negras tisnadas de cinsa para deixar
de loito a cara de rosa da mociña pola que ten o sentido no aire; en troques, o
seu o avó repousa o peso dos anos encima dunha pena, outeando a quietude do
eterno fluír do río, lembrando tempos fuxidíos, mentres a fría pedra teima en
roerlle o cu, fraco de chicha; paseniño, medindo os pasos coa caxata, retorna
de novo ao carón da fogueira que está a recender unha queimada que lle ha de
purificar as lembranzas retidas no seu caletre.
Máis adiante, en San Martiño de Sacardebois, na ribeira de Parada de Sil uno recoñecido contador dos quefaceres da ribeira continúa a recitar unhas sinxelas trobas como resumo da festa rachada do
magosto de san Martiño:
/Brasas de cepas vellas/chourizos
ao inferno/viño novo das Albeanas /fresquiño dos cubetos/trala Andaina da Castaña/polos camiños vellos/no corro, corre máis o viño/cá
auga do rego /axiña soará a música/cos bailes de achego/estamos na ribeira/onde
un se pon cego/comer e beber a eito/como no mosteiro, os cregos/ apertas
cumpridas/a todos de San Martiño/ deica o ano que vén/ ídevos indo... devagariño//