luns, 3 de outubro de 2011

A castañeira en Parada de Sil

                                                                 Foto prestada, blog Torbeo
Despois da vendima, vén a castañeira. Os soutos limpos, cos arellos nos lugares ladeiros xa arranxados, están a espera de regañaren os ourizos na ribeira. As primeiras castañas comezan a pingar polo doce de outubro. Apañar castañas é un traballo de paciencia e non tan doado como parece: hai que dobrar carrelo, os ourizos pican todos, que non son pementos de Padrón, hai que apandar cos sacos ata a pista máis próxima, porque as cabalerías fai tempo que desapareceron das carriozas e camiños de ferradura e, por encima, empezan as chuviscadas do outono ó compás da batuta do mestre Vivaldi.

As castañas bótanse ás cestas de madeira producindo un ruxido estrepitoso e seco: compre ter bo tino para encestalas todas. As mulleres usan máis o mandil que se baleira directamente no saco. As primeiras en pingar véndense ben e, ó cabo do día, dúas ou tres persoas, de andaren lixeiras, poden xuntar uns cartiños contantes e chichantes, que veñen como as castañas caídos do ceo; porén, as máis serodias xa non teñen tanta demanda.

Pola noite, é costume asar castañas encima da prancha da cociña económica, acompañadas dalgúns cerrotes atopados nos soutos, sen esquecernos de amosegalas cun coitelo pequeno, porque a maior parte delas estouparían como petardos nunha festa. Despois das castañas, un prato de caldo de nabizas abofé que senta ben para quitar a friaxe do corpo.

A rebusca era a última colleita de castañas (oido que agora quedarán para os xabarís) caía polo san Martiño. Había que procuralas por debaixo das follas e dos ourizos coa axuda dunha forquita pequena. Esta xunta de castañas, máis pequeneiras, quedaban para cebar os porcos ou para secalas no canizo con lume que ía ardendo preguiceiro, alimentado con cozos e mailas raíces dunha caracocha que secara pola filoxera. De cando en vez, os nenos tiñamos que subir ó sequeiro para remexelas cunha roda de pao, mentres xogabamos brincando ás pelexas encima delas.

Despois de quince días, viña a xeira de mallalas, meténdoas en sacos pequenos e golpeándoos repetidas veces encima dun madeiro. E para rematar, íanse botando ós poucos nunha criba en forma de media lúa que se collía coas dúas mans polos extremos. O señor Vitoriano de Mouca de Sacardebois cribaba as castañas con moito xeito, separando as pilongas das belotas e das cascas que saían voando pola ventá do sequeiro.

As castañas, xa limpas, metíanse nunhas arcas grandes de madeira de castiñeiro que había no faiado. Durante todo o ano íanse comendo cocidas, acompañadas de chourizos, morcillas ou con leite.

As castañas foron o alimento básico de animais e persoas durante moitos séculos, xa que a pataca non veu da América ata o século XVI.



 
                                            Debuxo de Eduardo A. Prieto


A unidade de medida das castañas era a tega; noutros lugares, o ferrado. Daquela, era frecuente o troque de produtos da montaña polos da ribeira. Por poñer un caso, unha ola de Gundivós, nova de trinque, para o viño podíase cambiar por dúas olas de castañas de Chandrexa ou de Sacardebois, as parroquias da ribeira de Parada de Sil.


E para rematar, adiviña:

                                          "Alto está, barbas ten,

                                           e, cando lle dá por rir,

                                           perde todo o que ten".

1 comentario:

Mel Domuro dixo...

Eduardo, me gusta mucho la entrada de tu blog. Yo tengo recuerdos muy gratos de estas faenas. Sobre todo, me encantaba golpear aquel saquete blanco (con un puñado de castañas en su interior) contra el banco de madera, para desprenderlas de su "casca" y dejarlas limpias. En Cerreda (mi pueblo)como en casi todos, antiguamente se hacia todo en conjunto.Todo el pueblo unido en las faenas de la "malla do pan" como en la "pisa" de las castañas.
Con anterioridad a la "pisa" cuando las castañas se estaban secando los "siqueiros" eran un punto muy importante de relación entre vecinos.En la oscuridad de su interior solo levemente iluminado por las brasas de la hoguera y lleno de humo, nuestros mayores, entre risas y toses nos contaban escalofriantes historias (generalmente inventadas) que nos hacían estremecer de gozo y miedo. Entonces la gente tenia algo muy valioso,,, tenia unos valores muy altos con respecto a la convivencia y unidad.
Me figuro que la respuesta a tu adivinanza es el Erizo o "Carrillon".
Eduardo, gracias por tus aportaciones al grupo de Cerreda. Y que sepas que aunque oficialmente no sigo tus blog, leo tus entradas.
Saludos .