Canso dos traballos de labrego, pataos arriba e pataos abaixo, ó xornal nas viñas da ribeira do Sil, un bo día prendín a TV, fixen 'clack' nun segundo bote de birra arrefría, acomodei os pés encima da mesa e axiña abrín as orellas para escoitar como vai o asunto do paro: “Todo está no Internet, instala o ADSL e navega por eses mundos de Deus sen saíres da túa casa”, díxome un anuncio.
Certo a chiscadela do anuncio prendeu no abano do meus proxectos de cara ó futuro: despois dun tempo de matinar no asunto, un bo día planteime á beira do mar. Mentres baixaba ó peirao no porto de Vigo, a oferta do Internet foi arraigando pouco a pouco no meu caletre como a auga de orballo nas mañás de novembro, calándome até os ósos pequenos do corpo na ría de Vigo. Hai días que madrugo, a botar a rede na barca, unha vella dorna, compañeira de fatigas coas nasas e galaritos que arranxara o meu pai de cando mozo no río Sil, amañada con xeito con táboas de trabes dun vello castiñeiro, hoxe caracocha con fillas novas que tirarán da súa vida outros cen anos: naquela, o avó era o carpinteiro e mais pescatín de San Fiz (Parada de Sil, corazón da Ribeira Sacra, que será, máis cedo que tarde, Patrimonio da Humanidade). Outros días, porén, non ergo da cama até que sinto o rebulir dos rapaces que volven contentos da escola. Tanto aparello, pra catro sardiñas, non che me vale a pena, díxenme un día feo de néboa; por outra banda, o traballo en terra firme leva unha puñada de anos de vacacións, porco goberno, mecagoná... vou mandar todo ó carallo...!, matinei con razón dereita polos meus adentros, de cotío, inquedos.
Así pois, como do dito ó feito non hai longo treito, decidín por agora trocar a vella dorna do meu pai polo 'toshiba easy media' do meu fillo, Xoán, anos atascado en 4º da ESO, pero sen cancelas, eso si, para andar, ceibe coma un raposo, nos eidos do Facebook atrapado nun chat engaiolante na arañeira da rede nunha nube de 'Ni-Nis'. Xa sabes o dito: 'De mestre folgazán, alumno vago e can'. Agora imos cambiar os roles, hai que andar á procura doutras alternativas nas secas longas de pouco traballo, non é?
Este foi o resultado. Van dous días que me plantei na cadeira cara o ordenador: estou a navegar con tento e coidado, seguindo a derrota marcada polo fillo Xoán, e ata degora só che pesquei unha cesta de vermes troianos. O meu fillo, pola contra, como non hai dúas sen tres, o primeiro día que foi botar as redes coa dorna, pescou un arrefriado e, no segundo, regresou quente coma un roxón: apañou unha gripe do demo. E para rematar o conto, a coitada Angustias, a miña muller, fuxiu de nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario