sábado, 10 de abril de 2010

Hospiciano, o último maquis de Caldelas

Cova do Mario, turismo Ribeirasacra.org.

Xornal de Galicia | Sábado, 10 Abril, 2010 - 09:44 Memoria histórica dun neno labrego... naquela ían indo tempos tristeiros de centeo, de represión e de morte... dende entón xa medraron os carballos, claro; o percorrer dos anos  van fixando os acontecementos da guerra civil nos libros da historia, mais é na intrahistoria de Caldelas, de cando neno, onde aparece a figura do maquis Hospiciano. Coido que se chamaría así, pero ninguén lle puña cara. Din que viña voando coma un merlo dunha aldea á outra, ulindo a estela do fume das chemineas; onde cheiraba caldo de grelos ou de nabizas no trespés da lareira, alí aparecía. Mellor dito aparecer non aparecía, pero entrar, entraba por unha ventá ou por un fachinelo calquera: comía o caldo e nun amén volvíase fume polo tellado da cociña pobre, sen faiar: "Hospiciano papou o caldo e axiña se esfumou coma quen di sen deixar rastro nin sombra", dicía a señora María do Val; certo, ás veces o testo tintinaba, dando brincos; outras veces, o testo do pote aparecía deitado no chan: era o Hospiciano roubando o caldo deica deixar o pote adoecido coa fame dos moradores.

     Tamén dicían os vellos ao carón da lareira que despois de encher o bandullo tragando o caldo ás présas, entraba na corte a mamar nos tetos da vaca con cría. De xeito que, cando a muller da casa acudía a muxir a ''Rubia" o día seguinte pola mañá cedo, as ubres da vaca aparecían tristes, engurradas e secas: "Foi Hospiciano, vampiro malandrín, que de noite entra polo fachinelo da corte para pegar nos tetos da Rubia" -choraba bágoas polos ollos a coitada muller, ollando o cu da leiteira baleira dunha miguiña de leite.

     De tanto fuxir de acó acolá, seica que lle saíran ás e que había que buscalo máis polo ceo que andando descarreirado polos camiños vellos. De Hospiciano falábase na destila da augardente, nos velorios, no sequeiro das castañas e onde for que debía ser o derradeiro maquis que quedaba na bisbarra de Caldelas, mais había outra lenda de maquis de caldelas: a lenda de Mario de Langullo: con so vinte anos botouse ó monte, unhas veces aparecía pola serra de Manzaneda, na carballeira de san Mamede e outras seica andaba á beira do Sil na altura do mirador de Matacás, acochado como un teimado raposo nunha choza ao pé da auga, na Cova do Mario, porén malia de estaren ámbolos dous vencidos, teimaban coa doutrina comunista: "Venceréis, pero no convenceréis", rezaban as ladaíñas de don Miguel de Unamuno en troques do rezo do santo rosario.

    Hospiciano tamén matinou botarse ó monte, socializando o caldo e mais o leite onde houber, polo que a garda civil de Castro Caldelas andaba con ganas de botarlle o guante. Para os maquis era a cadea, ou mesmo o paredón... mais os que sairon voando coma merlos, fuxidíos no monte, continuaron fieis ás ideas que non son patrimonio de ninguén: as ideas sobreviven ós mártires que deron a vida por defendelas.

     (Maquis: Organización de resistencia formada por guerrilleiros que combatían o réxime franquista tras a guerra civil española).












Ningún comentario: