mércores, 13 de febreiro de 2013

Que veñen os lobos!



Os lobos retornan ás fragas de Caldelas. Un home de Parada de Sil, na  Ribeira Sacra, coroándolle a cabeza a neve dos anos, seica se encontrou no camiño que vai cara Forcas con tres lobos, e que un deles era bípede, lobishome, licántropo, lobo de xente ou como demo se diga.
Ovellas xa non hai; pitas, tampouco; coellos, non sei, pero vellos si que se dan nestes lares da ribeira do Sil, xa que logo os canis lupus, chegados de fóra, andan a vagar polas tapadas, fuxindo dos dentes dos xabarís.

Unha tardiña, tropezaron con este home de Espiñas que ía indo paseniño, mentres sumaba unha puñada de euros aforrados da paga, multiplicándoos en pesetas, recendendo ao seu redor carne de cristián para os lobos.

–Imos ver –dixo o lobishome– aí tedes manduca e comedela, eu prefiro morderlle os cartiños que garda o vello na faldriqueira.

–Os lobos que viñan cara min –comentaba o vello no faladoiro do atrio– cos dentes regañados axiña fuxiron co rabo entre as pernas, ao probaren a menciña dun estadullo que agarrei dun carro, mais o outro lobo, listo coma un allo, por arte de birlibirloque, falándome en cristián, ripoume nun tris os cartiños do peto da faldriqueira que gardaba para comer o polbo na feira do Castro.

O vello dos Fiós quedou no medio do camiño a velas vir coa faciana debuxada de momia asombrada, como se lle arrearan, así polas boas, un sopapo no queixo, ollando ao lonxe a capela de Triguás, que remedia as dores de moas.

–Os lobos vanse arrimando a ti, como tal cousa, en nun descoido danche unha trabada –explicáballe o vello aos pantasmas na escuridade da alcoba, coa lingua enredada nun bucle de nunca acabar antes de pegar no sono.

Daquela, seica perdera a fala de cristián, un mes despois vendo os ollos magnéticos doutro lobicán acochado, ao asexo, na carballeira de Maraván.

O psicólogo doutor bailaba dubidoso co diagnóstico: agorafobia, afasia, mutismo electivo?, porén, en troques, a soas ou para os seus adentros, falaba coma un descosido: “Que xa non hai lobos? Habelos, hainos, aínda que os de agora amosen disfrazados de compadres. Abofé, que había que engaiolalos no Foso do lobo nos Torgás, ao coidado dos mouros dos Balcóns”. 

E, como resultas, o señor dos Fiós, que se enseñoraba co inverno,disque invernara antes de tempo, enmudecendo illado dentro dun pucho de la, tal como as pedras das paredes dos soutos se tapan da friaxe cunha perruca de musgo.

Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra.

martes, 29 de xaneiro de 2013

Bendito de Forcas

Os feitos que se narran sucederon no concello de Parada de Sil, na Ribeira Sacra. Desto xa medraron os carballos, claro está. Bendito era un home da montaña, que recibira este nome de elixido de Deus na  pía bautismal de san Mamede de Forcas, aínda que era máis coñecido, con chufa entre os veciños da contorna, polo alcume de “Benita”.

     Fillo dunha familia de xudeus, orixinarios da terra dos Maragatos, daquela dedicados á facer tratos co trasfego do peixe das Rías Baixas á Meseta, coas mulas da serra de san Mamede a Estremadura e, mesmo, coa venta de panos de Bejar. Home moi recatado á hora de cumprir os domingos, nos funerais e cabodanos, malia de ter unha fea costume, iso si, de andar ás voltas cos carallos, usándoos como comodíns, en contrapunto coa voz devota, de muller agarimosa da que estaba dotado: abofé que lle quedaban os carallos saíndo da súa boca, como a Cristo, empuñando dúas pistolas.

        Recurso da linguaxe que o habería de sacar de moitos apuros, as cousas como son: disque o Bendito para enfiar á xeito tres palabras seguidas, cumpríalle unha liña de bosquexo, a cada puntada, unha pausa até articular a seguinte palabra, enchendo os ocos mudos da cadea da fala, botando un carallo que lle cubría a espera. Un modo de falar que non casaba co nome de 'Bendito': de primeiras, abofé que lle cadraba ben, que soa a home santo e pulido de fala; porén, non era así no desenrolo dunha pequena conversa, na que pronto quedaba desvelada a pobreza de léxico nos dicires de uso diario deste home ambiguo, a medio levedar, que fora derivando dende mozo de 'Bendito' a 'Benita'.

           Emporiso, disque unha veciña, educada nas monxas clarisas de Monforte, un día de coresma, á saída da misa, recriminou a Bendito no atrio de igrexa de larafuzas, ao pé do cruceiro de pedra. Prédicas que caeron como chuviscadas nunha cesta. Escoita tal como foi:

           –Ai, Bendito, como botas tantos esgarros por esa boquiña, que aínda o demo vai rubir do inferno a cortarche a lingua? –díxolle a Rosa de Senra.

            –Boto os carallos que me saen da cona –replicoulle con voz de gata prosmeira, estoupando de risa os nenos, os pais e mailos vellos que estaban ollando a escena ao seu redor.

            Entón, o crego de Forcas, colorado coma un tomate, tras permanecer mudo escoitando a Bendito, acochado dentro da sotana da que amosaba o nariz de can gardián, disque nun amén desaparecera voando, fuxidío coma un lóstrego cara á ponte de Canceliñas, tras unha inesperada ventada que o erguera en voo coa sotana inchada como globo aerostático, lonxe do corro que arrodeaba a Bendito, máis coñecido como “Benita”.

xoves, 24 de xaneiro de 2013

O Troco do Tres


'Troco', o can orfo do 'Tres', corría como cacho nun cribo, sen acougo, de acó acolá polo dédalo de carreiros e canellas que parten de Fondodevila deica ao mosteiro de santa Cristina á procura de Ítaca: a compaña agarimosa do Tres. Moi amigo o Tres de triunfar co tres de copas, tres de copas de viño antes do almorzo, para entrar, xa chispa, en debates de rango metafísico cun paisano dos Fiós, onde o Inverno, con perdón, se escribe con maiúscula, na hora do vermut, ao pé da barra da cantina do Pepe, encerellados co tema recorrente das bondades da demouca dos carballos.
          E disque o Inverno, que xa ía velliño rematando o ano case que derradeiro, se vira sorprendido por tres lobos famentos de nova bicada, cos dentes regañados de serra revolucionada, destilando o noxento cuspe pavloviano: os lobos vanse arrimando a ti, como tal cousa, en nun descoido danche unha trabada. Daquela, seica lle roubaran a fala de cristián, quedando mudo, aínda que, en troques, seica falaba para os seus adentros, teimando en repetir: “Que non hai lobos? Habelos, hainos”. Así que o señor Inverno invernou antes de tempo, enmudecendo coa cabeza dentro dun pucho, como a pedra mouca se tapa cunha perruca de musgo.
Por outra banda, tamén din que o Tres fora malcriado con lixeiras papas de fariña de millo, nacido nun berce de xergón de follas nunha familia de pouca habenza, xa que logo medrara sen levedar, máis parvo que listo; feliz á súa maneira, iso si, malia que todo lle parecía enguedellado, desenfocado e mais escuro dende aquel día que quedara chosco dun ollo ao saltarlle fóra da conca por causa dun esbirro endemoñado que lle viñera do fol de debaixo do peito, mentres andaba a ripar tres mangados de herba para tres cabezas de gando no pobre haber do seu curral.
Era o Tres amigo de trincar tres copas de augardente nun amén ou de prender co chisqueiro tres pitos á vez, dous no nariz, e mais doutro nun recanto da boca, mentres se enleaba co misterio de Deus: uno e trino, e que retornara da emigración manco, despois de traballar no restaurante, Aux 3 Suisses, con só tres dedos nunha mao, que os outros dous quedaran machicados no perfil da porta da cámara frigorífica do patrón calvinista, onde traballara como garçon de cociña tres anos escravizado nos fogóns, dando mecha para la fondue dos ricos. Tres anos en Genève, compartindo alcoba con tres sicilianos, que tres eran tres, Dago, Fiorello e mais Silvanio, e ningún era bo; emporiso, un día fixado no calendario, volteou á terriña co dereito gañado á xubilación, a seguir amontoando cartiños sen traballar, en compaña do can Troco de tres meses, a piques de chegar o Tres á perfección de tal número cabalístico. De aí o alcume de “o Tres”, que de certo lle viña axeitado. Parada de Sil, terra con lentura.

domingo, 6 de xaneiro de 2013

Unha homenaxe a unha xeración


Daquela corrían devagar os anos cincuenta e pico, tempos de centeo, de touciño e de 'ponte teso'...! Época que xa dorme esvaecida no caixón do pasado. Moitos dos profesores que se xubilan nesta andaina, por entón eran uns raparigos, que saíron do medio rural ós seminarios diocesanos á procura dun sorriso da deusa fortuna para un mellor porvir: internados de rezo, meditación e mais estudo dos clásicos, sen esquecer a práctica do deporte, moito fútbol, que cumpría disipar as tentacións da carne, fieis ao principio de mens sana in corpore sano. Anos despois, na Primavera do 68, recibidos os aires frescos de París, as vocacións mal arraigadas de seminaristas e de moitos cregos murcharon, así que os seminarios quedaron ermos e, como resultas ós poucos, moitas parroquias sen curas. Toda unha xeración de profesores de letras ocuparon as cátedras do ensino. Este colectivo, que deixou pegada nas escolas e nas mentes dos estudantes, coido que merece estas letras de homenaxe.


O rapaz andaba coas vacas no monte calzado con calcetíns de la, zurcidos por unha tía birolla, que quedara na casa para vestir santos, e mais unhas chancas con cravos que lle mercara o pai na feira do Castro, con mallós de coiro que se recollían nun atado de lazada: en verdade, daba gusto velo correr polo patio empedrado, batendo as chanquiñas nas pedras. Un xersei tecido pola tía do neno, que lle pingaba dun lado, e mais uns pantalóns curtos de pana, completaban a súa  vestimenta e decoro.
     –E quen é vostede, que o sabe todo?
     –Sonlle o anxo da garda e non me corte o fío do conto. Escoite:
    Unha mañá de xaneiro, atopeino na parada do coche de liña, ao pé do camiño real, arreguizado pola xeada que callara no amencer, fraco de canelas e medroso coma un vimbio. Entón, ao verme, ergueu a cabeza cun lene sorriso para saudarme en galego de afalarlle ás vacas.
     –Vostede tamén vai cara Ourense?
    –Vou, vou, que teño que mercar unhas menciñas para a Gallarda, que me anda fodida coa febre aftosa que lle come a vida –contesteille, disimulando a miña condición de anxo.
     Os pais do neno decidiran que fora estudar ao seminario, pois de seguir tralas vacas, non habería de ir máis lonxe cá carreiriña dun can. Malia de non sentir o rapaz vocación, o pai, teimudo coa idea de presumir dun fillo cura, alentábao dicíndolle: “Aguanta, mexericas, que a vocación xa virá".
    Anos da xuventude coa cabeza quente por dentro, e frieiras por fóra nos dedos e nas orellas, remexida coas declinacións do latín e siloxismos. Disque na quietude da noite deixábase levar polos devaneos do maxín, ceibe nos soños nocturnos, entrecruzándose camiños libidinosos co desenrolo da Summa Theologiae: Primeiro viña a prima como é de lei; logo, a prima secundae; despois, a secunda secundae e así: como Penélope, o que tecía de día desbaratábao de noite.
    E como moitos son os chamados e poucos os elixidos, en vez de casar coa Igrexa, decidiu entregarse en corpo e mais alma, coa fervenza dunha vocación clara e viva, a unha fermosa cacereña que o estaba esperando cos brazos abertos: un só camiño que percorrer de ganchete para dous namorados.
     Hoxe, xa no outono da súa vida, tras un longo periplo de aquí acolá, co seu deber xa cumprido, repousa ao carón da súa muller, rodeado de 4 netas, volvendo de cando en vez a vista cara atrás, mentres polo baixiño vai recitando versos dun poeta filósofo: /“Caminante, son tus huellas/el camino y nada más;/ caminante, no hay camino,/se hace camino al andar”./

xoves, 6 de decembro de 2012

O furabolos



 

Venres, vai friaxe. Polo camiño real, un carro cantareiro cargado de toxos. De súpeto, uns berros de morte irrompen na ribeira do Sil. O resío da Casa Grande píntao de negro unha fumeira. Os rapaces, na matanza dos porcos, desaparecen, acochadiños nunha caracocha do souto do Sagrado.
          




Día da desfeita. Un picariño do caseiro, guiado polo demo, deulle por meter os dedos polos buracos de máquina de picar a carne e, coa outra man, nun tris, tras! o furabolos quedou arrebanado.
           
Unha noite, na que sopraba o vento polas físgoas da xanelas da alcoba do caseiro, deitou dun altarciño o frasco de alcohol coa reliquia dactilar, espertando o gato, que se puxo xogar co furabolos como fai cos ratos antes de fincarlle os dentes. 

Aos poucos, o índice xirou indicándolle a gateira da porta. 

O caseiro, alporizado, púxose afiar o gume da fouciña. O gato amosou de novo pola gateira. O home ollouno en fite, coma un moucho, mentres tentaba o fío da fouce, buscando coa mirada asasina o pescozo de Micifú, mais neste intre, arreguizado polo medo metido no corpo, antes do degolo, espertei esvaecéndose a arañeira que maquinaba  de cando neno.