Vén, Martita, onda min, que che quero contar unha cousa que me veu agora á punta da lingua –díxolle o seu avó na galería que mira ó canón do Sil.
luns, 18 de xaneiro de 2021
O furabolos
sábado, 16 de xaneiro de 2021
O caso da burra endemoñada
Noutra banda do río Sil, na terra de Lemos, en Doade, érguese a nova escultura “O Carreteiro” de Manuel Rial preto do miradoiro de Soutochao, símbolo do esforzo sobrehumano da viticultura heroica de antano, preto da ermida de San Amaro, na Pena do Castelo.
Aquel día da consagración da nova ermida, Engracia, unha freguesa moi devota do lugar acudira coa burra co San Amaro ás costas camiño da capela. Un sospeita que o santiño non era da súa devoción, por ser unha burra protestante, refungando cando era obrigada a camiñar, espoliada cunha caxata de vimbio que enarboraba a súa ama.
Disque a Pascasia, que levaba media cerimonia con dores de barriga, tiña o demo solto no corpo. A coitada burra, dende entón, xa non foi tal, dado que, ó quedar por partida tripla endemoñada, toleou de todo, non podendo a Engracia facer xeito dela até que os botou fóra na pena do Caste.
Os diaños fuxiron brincando os socalcos cara ó fondo do Sil, temerosos do crego que oficiaba a bendición da capela de San Amaro, alporizado de socato pola ousadía dos diaños de se presentaren no medio e medio da cerimonia. O crego, coma che estou a contar, correu lixeiro e sen acougo tras deles, armado co hisopo na man dereita, desexoso de esfarelalos alí mesmo co chorro da auga bendita.
Ó amosaren as diabruras coa barriga revirada, aboiando na superficie do encoro, apareceu Caronte coa abarca, para subilos a bordo con tento e sixilo e marchou con eles remando, devagar, cara a abaixo ata o canón do Sil, onde Hades seica ten a boca do inferno na altura dos Balcóns dos Mouros.
O barqueiro de Hades entrou coa barca na misteriosa gruta, negra coma a boca dun lobo, que se mantén en segredo dende cando os abades do mosteiro de Santa Cristina fuxían por un dédalo de pasadizos, se as cimitarras dos mouros arrodeaban as muras do mosteiro co gallo de roubarlles as arcas de castañas do souto de Merilán.
xoves, 14 de xaneiro de 2021
As resultas do feitizo meigo
![]() |
hola.com |
Axiña, a nena parva arremedou detrás da súa mai: “Cando a Remixia cruza os dedos...!” Logo, ollounos de esguello co ollo birollo e maldiciunos por cativos, agarrados e ruíns:
//Meigallo! se me dás poder, póñoche dúas velas negras./ Bechos alados: avésporas, tabáns, moscas e mais abellas/ botade a voar, en exame, das cortizas: fogar de celas./ Picadelas na cara, exame nas entretelas/: Rosalinda, na súa voda, fea!//
Neste intre, co certeiro disparo do cuspe pola cruz dos dedos da meiga –detrás da cruz sempre che está o demo– ó recibir a enerxía negativa do poder que xorde do meigallo, o nó do amalló afrouxou: como resultas do feitizo, o amuleto da vacaloura caeu ó chan, quedando a moza desprotexida.
Ó día seguinte, o mal de ollo da meiga obrou no pequeno atrio da capela de San Ramón: un veciño collera un enxame novo nunha cortiza acomodada no peitoril da ventá da súa palleira, a un tiro de pedra da capela, entón entrando a noiva no atrio co vestido branco, tocada a cabeza con flores marelas e vermellas, as abellas, atraídas polo aroma, viñeron a por ela, meténdoselle na melena de longos cabelos dourados e por baixo das enaguas unha nova raíña atopou o primeiro fogar co seu exame de avésporas. A coitada rapaza entolecida comezou a brincar: berraba e retorcía tanto o seu corpo, sen acougo posible que, o seu pai, sen parar mentes, agarrouna no colo e correu con ela á beira da aira para baldeala, co gallo de escorrentar os temibles insectos coa auga arrefría do pozo artesiano que había nun recanto.
Vaia coa Remixia, que medo me dá!, dixome co seus ollos chispos, mentres me miraba inquedo, o meu pai. Aquela noite, o noivo en compaña do pai da Rosalinda arrecuncharon detrás dunha caracocha, calados como mouchos, á espera. Ó solpor, retornou Remixia ó seu lar. Entón, os homes vingativos agardaron un bocado polo luar e mais polas luces frías dos vagalumes que alumean os camiños; mais, logo, con sixilo, retiraron a tranca, empuxaron a porta con tento non fose renxer, agarraron dúas vasoiras, postas ó revés como é de seu nas moradas das meigas, romperon os mangos cos xeonllos e, encomendándose o diaño, quentáronlle as costas á coitada Remixia: malo será que mañá non erga do leito, que arreo presume a vella de ter a correa de San Agustín.
Un trobador vagabundo da contorna, atendía por Parromao, recolleu nun romance algúns dos feitizos da meiga Remixia: de cando en vez, este homiño a medio levedar aparecía pedindo polas portas; coa barriga chea, antes de acochar na palleira, cantaruxaba unha riola de coplas, devalando pouco a pouco nun son apagado até pegar no sono, farto da pándega de caldo de nabizas e de castañas asadas nas casas con haberes, onde comía e bebía a eito ó carón do lume, acompañado ó compás da súa caxata da que colgaba un zurrón con dous cachos de pan:
//Contan os vellos /a carón da lareira,/que houbo en Celeiró /unha bruxa meiga./Contan as vellas /a tornar a auga na gateira,/ que, cando viña do monte,/ tapada coa faldriqueira,/ finxía portar unha filla,/ que parira aquela xeira./ Contan as mozas,/ de noite, na fiadeira,/ que coñeceran á nena/ da meiga parideira,/ cando viña coas ovellas/ un verán, á tardeira./ Contan os nenos/ ó brincare na rueira/ que lle descubriran a cabeciña /preto dunha dunha eira/: non era unha neniña! érache unha aña lueira./Contan todos na cantina,/no Castro, o día da feira,/que a María do Benigno/dixera desta maneira/: “É cuspidiño ó seu pai;/tal pau, tal madeira”./ Conta o señor Sidro que,/ un día, ao subir pola barreira,/ollara á lúbrica meiga/dacabalo do demo/na súa palleira.//
luns, 11 de xaneiro de 2021
A liturxia do conxuro
Boceto de Máximo Rodríguez Un día que se escondía o sol detrás da capela de San Ramón Nonato, naquela aínda non había médicos no rural: pouco a pouco irían ocupando os postos das meigas menciñeiras e dos compoñedores de ósos, os pais da Rosalinda, que lle prometeran a filla en vodas a Bernaldino, fillo vinculeiro dos Ferreiros que contaban cunha ducia de cabezas de gado, acudiron no solpor polo camiño que baixa cara ós cabaleiros á choza da Remixia, a meiga de Celeirós, para que lle botara a boaventura, o porvir de casada e para que lle colgase á noiva un amuleto conxurado, así que… presta atención, neno, que te estás perdendo nos biosbardos! entón, a meiga dispúxose a cociñar o cacho con herbas aromáticas: cinco follas de loureiro, un dente de allo, ademais dunha cullerada de graxa de cocho, aderezada a mestura con pos de óso dun morto... de que morto?, corteille polo baixiño, hai tantos ósos no cemiterio! vai ti saber de que morto, sermonou o pai fitando en min, mentres matinaba como pescar as lembranzas de cando neno, aínda que... as bruxas só che andan na procura dos ósos dun malandrín que finase en pecado mortal; de ser un asasino, casaría á xeito co meigallo, dado que un corpo, de recibir os derradeiros óleos sagrados non habería de obrar ningún maleficio, como reza no Regulamento do Obradoiro Meigo.
A seguir, a meiga abriu a
tapa dunha caixiña de madeira, que fora de puros habanos –un agasallo do teu
bisavó, de cando viñera das Américas, aclarou o meu pai que me estaba a debullar
o conto– agarrou cos garfos da mao unha vacaloura viva, de tres que apañara antonte a nena Teodora no
Outeiro e..., zas! arrincoulle un corno para metelo na apócema e, logo, unha
vez cociñado, tirou do amalló dunha chanca para atarllo pendurando do pescozo da moza
casadeira, que habería de espantar tódolos males que o demo lle tería
predestinados: un mal aire, un descoido cunha fouce, un mal couce de mula falsa: insatisfeita
pola súa condición de femia híbrida, picadelas de abellas enrabiadas, frixidez monacal no tálamo de vodas, un parto enguedellado, un empacho de papas de
fariña milla e mais outras moitas doenzas. Meu Deus, líbranos dunha longa
doenza, dun mal de ollo ou dunha maldición: Liberanos,
Domine! Logo, salpicoulle o corpo cunhas pingas do pote menciñeiro e,
impondo as maos por riba da cabeza da noiva, conxurou:
Rosalinda, que non te mire un cego! Rosalinda, que non te mexe un sapo! Rosalinda, que non te bique un vello! Rosalinda, que non te rosme un gato!
Rematado
o conxuro, os pais da moza, no canto media ducia de chourizos ou unha libra de
chocolate Casares para a nena, como é de seu, despois dun traballo meticuloso de
probada menciñeira, daquela só competía os feitizos coa meiga de Torbeo, ameazárona
con darlle unha malleira de non resultar a cerimonia da voda como Deus manda.
Esta advertencia foi a gota de agravio que colmou a paciencia da meiga. A
coitada Remixia, cabreada por traballar e non cobrar, ó partiren da súa casopa,
cruzou os dedos da mao esquerda, estirou o queixo para adiante, arranxou a
munición coa lingua, apuntou a Rosalinda e, semellante a un camaleón, disparou
a bola de cuspe polo centro do ángulo dixital da apócema que lle colgaba do
pescozo.
–Ai,
Rosalinda, coitada, vas ter a negra de agora en adiante: cando a Remixia cruza
os dedos...! –díxolle a meiga, cuspindo moi alto.
domingo, 10 de xaneiro de 2021
A tía Remixia, a meiga
![]() |
Alberto y David, slideshare.net |
–Cala, mala pécora! non acabas de escoitar a don Elías no sermón ou estás mouca como un penedo! iso, que matinas, vai contra natura! –reprendeuna Felisa dos Ferreiros, con ascendentes xudeus, dispensando, con libros antigos no alzadeiro, muller con creto nos falares do lavadoiro do regato dos Cabaleiros, remexendo na colada duns e mais doutros: disque o que saía da súa boca ía a misa, sen volta de folla. Certo.
xoves, 7 de xaneiro de 2021
Celeirós, o berce do meu pai
![]() |
Capela de San Ramón |
Sendo eu aínda un
mocosiño, os meus pais resolveron pola súa conta mandarme coas vacas para Celeirós,
concello de A Teixeira: a transhumancia do ganado, vacas, bois, becerro e mais
unha mula, falsa, dende Sacardebois ás terras altas de Celeirós, terra do meu
pai, de onde viñera casar coa miña nai, por entón herdeira da Casa Viana, tocaba
cada primavera cós lameiros da ribeira reservados para a herba de sega.
Celeirós é unha aldea soleada de montaña, con hortas fértiles na beira
baixa do vilariño, con leiras chás de secaño espalladas ó redor, onde se
alterna o centeo coa sementeira das patacas. Embaixo, no río Vaos, soutos
húmidos e lameiros de rega; ó lonxe, as devesas. Na cima do vilariño, a capela
de San Ramón Nonato de cantería de perpiaño está a vixiar e protexer a tódolos
veciños e, dun xeito especial, ó nenos, de naceren prematuros ou con cancelas
para saíren adiante.
Un lugar lindo, aínda que, antano, carecendo de estrada e pegados de
noite ó candil de carburo, permaneceu durante séculos recollida en si mesma.
Nesta aldea, e mais noutras da Galicia do interior, o medievo alongouse ata a
década dos sesenta do século pasado, e como di o outro: “de tal niño, tal
paxariño, un lugar, pois, onde seica xurdían veciñas meigas con poderes, e
tamén algunha bruxa, de mal agoiro o seu meigallo, chuchonas elas: moi cativas por teren feito
un pauto co demo", díxome o meu pai de boca
á orella, unha tardiña de verao que baixamos ó Reconco a pescar trotas na vaira
do Conde.
Velaquí algúns indicios de falsas crenzas: ferraduras cravadas nas portas das cortes; axiña de enfornar o pan, facer coa pa o sinal da cruz; salpicar as portas e fachinelos dos cortellos dos porcos de ceba con auga de ruda ou da pía bendita; o rito máxico de curar as vacas con infeccións nos pezuños, deixando secar ó sol o terrón pisado pola res enferma: ó secar a herba do terrón, a vaca deixaría de coxear...“enróscalle o rosario nos cornos, que a Gallarda está a piques de parir, non vaia ser o demo que...” –díxolle un día a meiga de Celeirós ó Queridiño da María.
Demo, non digas! meigas en Celeirós...? non creo nas meigas, mais como di o outro: 'habelas hainas...!'
domingo, 3 de xaneiro de 2021
Un escapulario nos cornos
![]() |
Foto -torbeo.com |
Un día de feira no Castro, o 'Queridiño' de Celeirós, concello de A Teixeira, quíxose convidar e darse un aire na vila de Castro Caldelas, así que emparellou o burro e marchou contento e lixeiro polo camiño que baixa ós Vaos cara á aldea de Boazo: na feira do tres de febreiro, estivo cavilando, de si pero non, remexe que remexe nos postos das mercadorías, ollando estoutro e mais aqueloutro, tomando no rueiro o consolo do recendo do “pulpo” dos caldeiros ó pé das cantinas, mentres agarraba os cartiños do peto do pantalón de pana, así de agarrado sen soltar un can arribou ó solpor sen mercar ren, entón decidiu voltear ó seu fogar, aguantando o rebulir dos ratos da fame, inquedos na barriga, mentres se daba azos e parabéns de home listo e con vontade para rexeitar as tentacións de tirar os cartos como facía aquela xentiña, con menos haberes, porén que rían e bebían, de troula, como se fosen cregos. (Os que non faltaban a comer o pulpo eran os indianos que retornaban das américas cheos de cartos, montaban 'carros' que chamaban 'haigas' grandes como eran as carteiras que lucían invitando os paisanos: estaban como Deus en tódalos sitios onde se celebraban romerías, feiras ou festas: os Milagros, a festa do pulpo de Carballiño...).
–Guapo, queres que che bote a boaventura? –tratou de engaiolalo unha cíngara. –“De dúas, pódenche vir outras dúas ou poida ser que perdas unha, dúas, tres e, mesmo, as catro” –díxolle aquela muller meiga.
–Xerardo de Celeirós, rebautizado como 'Queridiño' polos veciños por prosmeiro e agarimoso, ó escoitar aquelas palabras misteriosas de mal agoiro, quedou medio pampo, matinando nas vacas que deixara na corte cos meses cumpridos de pariren dous lindos becerriños que alegrarían os cortellos unha puñada de meses.
–Cómproche tódolos escapularios, colares de abelorios e mailos rosarios que che colgan do pescozo –díxolle, mentres tentaba coa mao o peto da chambra de pana. A seguir, sacou a relucir dez pesos da carteira que non malgastara en comer, e non chorou en darllos á xitana, polo si ou polo non. Entón, a moza romanesa, agradecida, regaloulle un sorriso de dous dentes de ouro. Á noitiña arribou ó seu lar. Sen pararse a desemparellar o burro, achegouse á beira das vacas preñadas: rascoulles o pescozo, afaloulles con agarimo e colgoulles dos cornos os escapularios da virxe dos Remedios. E axiña, rezou deste xeito:
“Ánimas do purgatorio, haberedes de tornar o mal destas vaquiñas preñadas: ora pro nobis! Fuxide desta corte, cativos meigallos! Fuxide de eiquí demos e trasgos! Mal carallo rebente bruxa acochada en mosca raxada que acoche nesta corte!”
Logo, agarrou o caldeiro vello de cinc que colgaba dunha estaca e coa frouma dun fachizo salpicou a porta e mailos fachinelos da corte con auga da vida das ninfas lavandeiras da vaira do Conde, no lugar secreto de Reconco e, para rematar o esconxuro, foi á procura dunha ferradura con ferruxe que cravou, con tres golpes de martelo de orellas, tres cravos medianos de pontón, por fóra no corazón da porta. Axiña desta liturxia purificadora, con paso lento subiu os chanzos da escaleira de pedra, enfiou o pasillo da alcoba: entornou a porta, persignouse e, axiña, pegou no sono coma anxo bendito.